A Escola de Mediación Xesús R. Jares na senda da convivencia

Carlos Ferreiro González
Ovidio Villar Marcos
Luis Felipe Crende Foubelo
Susana Fernández Vázquez
IES Carlos Casares (Viana do Bolo-Ourense)

 

O IES Carlos Casares de Viana do Bolo leva xa uns quince anos traballando na resolución dialogada de conflitos a través da constitución dun equipo de mediación escolar. O noso vieiro, polo que máis adiante decidimos denominar “Senda da convivencia” comeza no curso académico 2001/02. Nese momento, e durante os tres cursos seguintes, constituímos grupos de traballo integrados por profesorado dos dous centros educativos —de primaria e secundaria— da nosa localidade.

Procurabamos investigar as bases teóricas da conflitividade en xeral e da escolar en particular, coñecer diferentes estratexias comunicativas e o seu papel en relación con esta temática. Persuadidos da insuficiencia dos regulamentos de réxime interno (hoxe NOF) existentes nos centros, desexabamos dotarnos de ferramentas eficaces para abordala. Intuíamos que sen profundarmos nos sentimentos e emocións que subxacen nos conflitos non poderíamos logralo. Neste marco, o apoio e a colaboración de Xesús R. Jares foron decisivos.

Nacido na nosa vila en 1955, destacou xa Suso Jares desde a súa xuventude, cando impulsaba unha asociación cultural denominada Os Nemetanos; e cada ano seguía acudindo coa súa familia durante algúns días nas vacacións escolares. Ademais da amizade persoal, uníanos a el unha profunda admiración profesional.

 



Xesús R. Jares é, sen ningunha dúbida, un dos máximos expoñentes da educación para a paz. Catedrático de Didáctica e Organización Escolar na Universidade da Coruña, presidente da Asociación Española de Investigación para a Paz, autor de numerosas publicacións, foi pioneiro nos movementos de renovación pedagóxica e fundou en 1983 o colectivo Educadores pola Paz dentro da corrente Nova Escola Galega.

Naqueles intres, Jares estaba a traballar en colaboración co Concello de Vigo nun proxecto denominado Aprender a Convivir, que buscaba introducir a mediación entre iguais nos centros educativos. Foi grazas a el como soubemos da posibilidade de implantar esta estratexia de resolución de conflitos no ámbito escolar. Contamos con docencia impartida polo grupo do Servizo Municipal de Educación do Concello de Vigo que naquel momento el estaba a asesorar. Con posterioridade, un pequeno grupo de alumnado e profesorado do noso instituto tivemos a oportunidade de asistir ao curso de formación de mediadores que impartía o IES Ramiro II de La Robla (León), tras o cal decidimos constituír o noso primeiro equipo de mediación.

A partir de aí pensamos que debiamos afrontar a tarefa de formación dos integrantes do noso grupo por nós mesmos e como apoio neste labor decidimos elaborar o noso Caderno para a formación de mediadores e mediadoras. A nosa intención era contar cun instrumento con información teórico-práctica básica que nos axudase a capacitar as persoas mediadoras e a que estas puidesen acudir cando fosen requiridas para intervir nun conflito. De novo tivemos o reforzo de Jares, que se ofreceu a prologalo, animándonos a proseguir o noso desafío e transmitíndonos a súa convicción de que o traballo de colaboración e solidariedade que supón a mediación sería unha fonte de satisfacción e felicidade para a nosa comunidade educativa.

En setembro do ano 2008, Jares falece despois dunha dura loita contra a enfermidade. Na primavera dese mesmo ano, poucos meses antes do pasamento, puidemos acudir a unha das conferencias que impartía nun congreso sobre convivencia en Madrid. Visiblemente marcado pola doenza, foi unha emotiva despedida na que deixou constancia das súas grandes calidades como orador e na que un público entregado aplaudiu durante varios minutos a súa intervención.

O 31 de xaneiro de 2009, co gallo da Conmemoración do Día Escolar pola Paz, as comunidades educativas de Viana do Bolo e as veciñas de Vilariño de Conso e A Veiga organizamos unha homenaxe á súa figura, na que tivemos a honra de contar coa participación da súa viúva, Paz Raña, e da súa filla Sira. Desde entón, a aula magna do noso instituto leva o seu nome.

O noso traballo como un dos centros pioneiros en resolución pacífica de conflitos prolóngase neses anos con múltiples sesións de formación que impartimos nos CFR de Galicia e Castela-León. A partir de 2013, coa presenza como reitor no Centro Cultural e Educativo Español Reyes Católicos de Bogotá (Colombia) do profesor Luis Fernández López, antigo director do noso instituto, esta faceta cobrou unha dimensión internacional, en concreto en América Latina, coa creación da Escola de Mediación Xesús R. Jares. Forman parte deste grupo investigador, formador e divulgador o IES Carlos Casares, o CCEE Reyes Católicos colombiano, a Universidade Católica de Colombia, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), na súa sede de Cartaxena de Indias (Colombia), a UNESCO e a Fundación Área Andina.

A función deste organismo, que permite pasear o nome de Viana na outra beira do Atlántico, consiste en favorecer a formación e difusión das estratexias de resolución pacífica de conflitos no ámbito escolar, pero tamén, e atendendo ás difíciles dinámicas sociais latinoamericanas, en espazos máis ambiciosos, como sucede coa situación do posconflito colombiano, no que se nos pediu igualmente esa ferramenta para apoiar ese complexo tránsito cara a unha convivencia o máis harmónica posible.

Nos tres anos de vida do grupo, docentes deste centro e da rede xa impartiron relatorios e cursos de formación en Colombia, México, Ecuador e Costa Rica. Ademais, tres profesores vianeses participaron en visitas a Colombia para impartir conferencias, cursos e obradoiros de mediación. Así, en maio de 2014, Susana Fernández, do Departamento de Filosofía e secretaria do centro acudiu as I Xornadas de Mediación Escola Xesús R. Jares en Bogotá; en setembro de 2015, Carlos Ferreiro, director, representou o centro na segunda edición das devanditas xornadas e ademais, como fixera a súa compañeira, formou a profesorado de Cartaxena de Indias. Tivemos a oportunidade de impartir un obradoiro na Fundación Amiguitos Royal, que acolle e acompaña con proxectos de integración e reforzo a nenos e adolescentes de zonas desfavorecidas do norte de Bogotá en risco de exclusión social. Por último, en setembro de 2016, o vicedirector Ovidio Villar participou nas terceiras xornadas e impartiu obradoiros nunha escola, a Ofelia Uribe, de Usme, no sur de Bogotá, que dá unha mostra das áreas máis deprimidas da capital. Tanto Ovidio coma Carlos, ademais, impartiron sesións nun mestrado de Ciencias Políticas da Universidade Católica de Colombia, no que a mediación está a ser un espazo de atención prioritario nesta etapa de acordos de paz no país andino. É, polo tanto, un privilexio para nós ser actores nesa etapa e levar o nome de Viana polo exterior.

 



O IES Carlos Casares de Viana do Bolo é un centro ao que lle gusta afrontar retos e desafíos continuos, obsesionado con harmonizar calidade na aprendizaxe e elemento humano esencial no desenvolvemento de alumnado crítico e autónomo. Os nosos 160 estudantes e 29 docentes enfróntase todos os anos, co apoio constante da xefatura territorial, ás dificultades de soster unha oferta múltiple e digna na vida académica e cultural da contorna. Nos últimos tempos insistimos na temática da convivencia, a mediación e, en xeral, a resolución dialogada de conflitos para crear escolas humanizadas e espazos de benestar. Nesa liña, este instituto de Viana do Bolo asumiu un compromiso fermoso e complexo albergando os V Encontros de Centros para unha Convivencia Positiva, que reúne varias escolas de toda Galicia unha vez ao ano para intercambiar experiencias de bos ensaios na aula. É a primeira vez que esas xornadas abandonan a costa e o eixe atlántico e viaxan ao oriente galego, e foron un éxito rotundo de asistencia, a pesar do momento do curso e a dificultade do desprazamento. Contaron cos mellores expertos en convivencia de toda España e mesmo coa asistencia de dous compañeiros de Colombia, o Dr. Víctor Fiorino da Universidade Católica de Colombia e o alumno Sergio González, experto mediador do CCEE Reyes Católicos, instituto de titularidade española en Bogotá. Nesa liña a rede de centros en Galicia queda moi afianzada cos IES Xulian Magariños de Negreira, Sánchez Cantón de Pontevedra, Johán Carballeira de Bueu, Castro Alobre de Vilagarcía e o propio IES Carlos Casares de Viana. A mellor noticia é, sen dúbida, a continuidade e xa podemos anticipar que haberá na primavera próxima uns sextos encontros…

Desde un punto de vista metodolóxico, a formación de mediadores  planifícase coma un curso dunhas 15 horas de duración, sempre que sexa posible dispor dese tempo, e establécese unha dinámica absolutamente activo-participativa, máis aínda na medida en  que a idade do alumnado sexa menor. É preciso ter en conta que as pautas de formación para a resolución pacífica de conflitos, que seguen habitualmente a dous teóricos españois, María del Carmen Boquet e Juan Carlos Torrego, están pensadas para un alumnado adolescente, aproximadamente nun rango de idade de 10-12 anos ata os 18-20. A demanda social que se nos deu en Colombia, México ou Ecuador fixo que se impartisen actividades a alumnado máis novo (primaria, 6-10 anos) ou universitarios, polo que os modelos deben ser flexibles en tempo, espazo e metodoloxía.

Como pauta estándar, a formación comeza cunha dinámica de presentación, con grupos de 20-30 discentes, coordinados por dous formadores e, de xeito inmediato, tratamos de consensuar unha definición de conflito para, unha vez acordada, valorar e resaltar a súa visión positiva, ou dito doutro xeito, o enfoque dos problemas como oportunidade de superación mediante o coñecemento do outro. Tras esta primeira actividade, pasamos a explicar os cinco modos básicos de resolución de conflitos (xuízo, conciliación, arbitraxe, negociación e mediación) e, a través dun exemplo único coas cinco solucións diferentes, buscamos que os asistentes as identifiquen e valoren.

Na seguinte xornada, afrontamos xa a mediación desde a súa disección teórica e os mecanismos de aplicación nun centro educativo ou en calquera outra institución comunitaria; como introducila e harmonizala cos regulamentos internos, que estratexias comunicativas son precisas nun bo mediador (escoita activa, empatía, imparcialidade), que documentación escrita se recolle nun proceso de mediación, como se elixen os mediadores polas partes en conflito (dereitos de veto etc.). Remata a xornada do primeiro día cunha dramatización dos estilos comunicativos, previamente explicados no plano teórico. O obxectivo é lograr identificar e traballar cos tres roles básicos que exercemos á hora de enfocar a interacción cos demais (agresivo, pasivo, asertivo).

A xornada do segundo día comeza xa coa preparación, simulación e representación de diferentes conflitos por parte do alumnado asistente, dividido en pequenos grupos de 4-6 persoas. Asumen os roles fundamentais nun proceso de mediación (partes en disputa e mediadores) e tamén exerce o resto dos grupos o labor de observadores, cunha posta en común pública sobre os acertos e erros observados en cada exemplo.

Normalmente na xornada de tarde do segundo e último día, o curso remata coa tarefa “A mediación no cine” na que, a través dalgún filme representativo, se analizan os diferentes conflitos que xorden na narración fílmica e os distintos roles, estilos comunicativos etc. Foron varios os títulos utilizados neste apartado, destacando como de máis éxito entre os asistentes Rebelión en las aulas, Mentes peligrosas, Los chicos del coro, Héctor ou Cadena de favores.

Nas conclusións finais do curso habitualmente insistimos nun punto importante: non todo conflito é mediable. Cando se dá unha situación de desequilibrio de forzas, violencia física ou psicolóxica repetida no tempo, ou anulación dunha parte, atopámonos ante un caso de acoso e, nese momento, só cabe a aplicación estrita da normativa e o protocolo, coas actuacións e sancións, de demostrarse os feitos, claras e contundentes. Con todo, as estratexias aprendidas no curso van servir para afianzar a autoestima, fomentar a comunicación e son, sen dúbida, un mecanismo ideal de prevención de feitos máis graves na convivencia.

A última ata agora, e non será por suposto a derradeira andaina da Escola Xesús R. Jares de Mediación, acaba de ter lugar en Colombia. Co apoio constante da Consellería de Educación, de mans da nosa xefa territorial Luz Fernández Quintas e do noso inspector Roberto Cid Galante, facilitáronnos os permisos para que Carlos Ferreiro e Ovidio Villar, director e vicedirector respectivamente do IES Carlos Casares, puidésemos asistir do 25 de agosto ao 10 de setembro a unha serie de actividades moi intensas na rede no país andino, que consistiron nunha formación para universitarios de varias institucións superiores en Bogotá, que tivo lugar no CCEE Reyes Católicos, avalada pola Embaixada de España. Tamén cursos de formación para alumnado de secundaria en Belén de Bajirá (Chocó), unha das áreas máis empobrecidas do país, ou na illa de San Andrés, marcada  pola poboación crioula  e un multilingüismo desequilibrado. Por último, e como experiencia máis enriquecedora no ámbito humano, e con gran repercusión mediática en Colombia e España, destacou a formación como mediadores que impartimos a ex-combatentes do conflito colombiano en Popayán (Cauca), no marco dos procesos de paz posconflito, impulsados polo goberno e entidades privadas. Moitos deses adolescentes e adultos, obrigados a participar na guerra desde nenos e en bandos distintos e enfrontados, conviven agora xuntos en procura dunha saída laboral, económica e vital, e foi para nós un inmenso honor e unha realización profesional e persoal máxima poder engadir un mínimo grao de area nesa tarefa longa e complexa.

 




  

 

Bibliografía: 

 

 

BOQUÉ, María del Carmen (2002): Guía de mediación escolar. Programa comprensivo de actividades de 6 a 16 años. Octaedro.

JARES, Xesús (2006): Pedagogía de la  convivencia. Grao.

TORREGO, Juan Carlos (2001): Mediación de conflictos en instituciones educativas. Narcea.

TORREGO, Juan Carlos (2012): La ayuda entre iguales para mejorar la convivencia escolar: manual para la formación de alumnos ayudantes. Narcea.

VV. AA. (2010): Caderno de formación de mediadores do IES Carlos Casares, IES Carlos Casares (edicións en galego e castelán). Dispoñible en: http://www.edu.xunta.gal/centros/iescarloscasaresviana/?q=taxonomy/term/75

Sección: