A natureza como recurso na atención á diversidade

Insectos pau na aula de Pedagoxía Terapéutica

Mónica Cores Vázquez
Diplomada en Educación Primaria e Licenciada en Psicopedagoxía
Mestra de PT no IES Alfredo Brañas (Carballo)
monicacores@edu.xunta.es

 

Introdución

Numerosos autores e publicacións educativas coinciden na influencia positiva que o contacto co medio natural consegue nos nenos e nenas. Esta influencia, moi importante nos anos iniciais da vida, segue a ser algo crucial no desenvolvemento tanto na adolescencia coma na idade adulta. Non podemos esquecer que somos animais, mamíferos máis concretamente, e formamos parte dun medio natural que ás veces, e de xeito errado, nos resulta alleo.
Por outra banda, a curiosidade é o elemento máis imprescindible en calquera aprendizaxe do ser humano, podemos imaxinala como o motor do proceso educativo, onde un alumno sente a necesidade de buscarlle explicacións á vida que o rodea e diso xorde a aprendizaxe.
Esta experiencia que presento pretende unir eses dous temas centrais: a curiosidade e o contacto coa natureza.
Maria Montessori consideraba imprescindible no desenvolvemento humano vivir coa natureza a través de diferentes actividades, tendo en conta as etapas de desenvolvemento. Así, integraba o mundo natural dentro do proceso de ensino e inculcaba no alumnado o respecto por el en todas as etapas educativas, incluída a educación especial.
O doutor Boris M. Levison (1953) incluíu animais nas súas terapias con nenos con bos resultados, converténdose na base do que agora coñecemos como terapia asistida con animais.
De todo isto, sacamos preguntas ás que pretendo responder ao longo deste artigo. Podemos empregar a técnica da introdución de animais na aula, tan usada en infantil e primaria, na etapa da ESO con éxito? Conseguiremos unha implicación total do alumnado no coidado dun animal? Axudaranos o medio natural na atención á diversidade?

Contexto do centro e do alumnado

En calquera proxecto ou actividade é vital a análise e identificación do contexto no que imos traballar para un axeitado proceso de ensinanza-aprendizaxe. Debemos partir das características do centro, do alumnado e dos recursos dispoñibles.
Esta experiencia levouse a cabo nun instituto público da localidade de Carballo, cuns setecentos alumnos e alumnas e un total de 51 membros do claustro, concretamente na aula de Pedagoxía Terapéutica á que acudían uns quince alumnos que tiñan en común a pertenza a un grupo social pouco favorecido e atraso académico xeneralizado.
Á miña chegada, unha vez analizados os informes e logo de reunións tanto co DO ao completo coma coa CCP, identifiquei o gran cabalo de batalla: o desinterese pola escola e todo o que dela deriva. Estes rapaces e rapazas, entre 12 e 16 anos, non se sentían parte do centro nin consideraban útiles nin importantes as ensinanzas que nel se levaban a cabo.
A curiosidade, ese punto clave do que falei na introdución, aquí non existía. Estaba claro que a metodoloxía de traballo que se empregase debía ser moi flexible e servirnos de proxectos, centros de interese e actividades construtivas para buscar esa reconexión entre eles e o ambiente académico.
Ainscown refire que para a buscada inclusión (Lei 8/2013-LOMCE), obxectivo básico na atención á diversidade, debe ser a escola a que adapte os seus mecanismos para atender o alumnado e non este quen se teña que adaptar á escola.
Outro punto importante que hai que ter en conta era o contorno rural no que vivían os meus alumnos e no que se movían a diario. Polo tanto, estaban máis familiarizados coa natureza, animais etc. ca o resto dos rapaces que residían no núcleo máis urbano da vila.
Xuntando todo iso, e coa colaboración do equipo directivo, claustro e especialmente o Departamento de Orientación, comecei a xestar un proxecto onde se integrase a natureza na aula.

Obxectivos e desenvolvemento da experiencia cos insectos pau na aula de PT

Como punto de partida foi preciso analizar de que forma quería integrar o medio natural na aula e con que obxectivos. Tiña claro que debía ser un traballo diario e constante que implicase a interconexión con contidos dados na súa aula e que requirise a súa participación activa.
Deste xeito, decidín que contariamos con animais dentro da aula. Esta decisión esixiu tamén unha análise exhaustiva dos proles e contras de diversos animais, así como consideracións sanitarias e tamén éticas. Logo dunha busca e contacto con diversos centros onde tiñan distintos animais dentro da aula, considerei como a mellor opción os bichos pau. Esta elección baseouse en tres motivos de peso:
1. Non implicaban problemas sanitarios nin de limpeza, así como evitaban posibles alerxias e picaduras, pois son animais inofensivos.
2. Estes insectos requiren certos coidados (limpeza do terrario, pulverización de auga unha vez ao día e alimentación semanal) que favorecían que os rapaces asumisen certas responsabilidades que, ademais, eran factibles para a súa idade.
3. Os insectos son un contido presente tanto no currículo de primeiro coma de segundo da ESO, co cal sería máis doado aplicar os coñecementos dunha materia a outra.
Desde o centro conseguimos o terrario, o pulverizador, o substrato (pois é perigoso para os insectos telos en terra común debido aos microbios existentes) e, por suposto, os grandes protagonistas: cinco insectos pau que nos foron doados por un particular.

 

Os insectos pau no proceso de muda

 

Obxectivos xerais

  • Fomentar o interese pola escola e a aprendizaxe a través de contidos construtivos e lúdicos.
  • Favorecer a integración de rapaces e rapazas con dificultades.

Obxectivos específicos

  • Favorecer a aprendizaxe nas ciencias naturais a través da experiencia práctica.
  • Coñecer os insectos pau, características e coidados.
  • Fomentar unha actitude de responsabilidade e autonomía no alumnado.
  • Espertar a curiosidade por aprender.
  • Incluír todo o centro nesta experiencia para achegalos a atención á diversidade.

 

Desenvolvemento do proxecto por trimestres

PRIMEIRO TRIMESTRE

Desde o inicio de curso, antes incluso de levar os insectos pau á aula, o alumnado foi informado do proxecto e instado a buscar información sobre estes animais e o seu coidado, empregando os medios tanto bibliográficos como técnicos do centro. Con toda a información que recolleron os rapaces, elaborouse un informe dunhas dez páxinas onde se especificaban primeiro as características destes insectos e despois as necesidades que presentaban e as normas que cumpría seguir. O informe, que elaboraron a través de Iibros e publicacións facilitados polo Departamento de Ciencias e de Internet, ofrecía información sobre as características destes animais, a súa alimentación, reprodución, ambiente que precisaban e coidados que debían darlle.
Os nosos insectos pau eran femias, que se reproducían por partenoxénese e criaban exclusivamente femias. A alimentación debía ser a mesma desde un principio e, entre todos, eliximos as follas de roseiras silvestres (que eran traídas cada semana por un alumno).
Os coidados eran doados: pulverizarlle auga cada día, manterlle sempre follas verdes para que se puidesen alimentar e ramallos dos que colgarse para realizar o proceso de muda.
Este informe foille entregado a cada un dos alumnos e posto na biblioteca do centro á disposición de quen quixese lelo.
O segundo paso foi facer actividades sobre ese informe: completar preguntas, relacionar etc. Debían saber todo o posible sobre os animais que ían estar nas súas mans.
O día que chegaron os insectos pau, non medía ningún máis de catro centímetros. Os propios nenos e nenas estableceron por escrito as quendas para pulverizar auga, traer e colocar o alimento e limpar o terrario. Aquí eu só actuei coma unha especie de árbitro, pois quería lograr que fosen capaces de chegar a un consenso.
Ao principio foi máis duro todo o proceso de coidado, que precisaba ser demasiado supervisado, pero pouco a pouco foron máis conscientes do que tiñan que facer e cheguei a ser unha simple espectadora. Si custou algo máis concienciarnos do prexudicial que podía ser para os insectos pau collelos excesivamente. Aí a curiosidade, que sempre é unha grande aliada, xogábanos malas pasadas.

 

O alumnado cambiando a comida

 

Cada mes mediámolos e observabámolos con lupa para ver as transformacións (na cor, desenvolvemento das ás, mudas etc.) e reflectíase nun caderno de rexistro. Chegaron a medir uns dez centímetros.
Ao finalizar o primeiro trimestre, en colaboración con todos os membros do claustro, os alumnos levaron por todas as clases (desde primeiro da ESO a segundo de bacharelato) o terrario para ensinarlle ao resto de compañeiros os insectos pau e todo o que estaban a realizar.
Considero que esta actividade supuxo un punto de inflexión. Ante o interese suscitado, os alumnos sentíronse importantes, eran valorados, pero esta vez por algo bo que non tiña que ver co seu ambiente nin con castigos; ademais tiñan unha gran responsabilidade, iso significaba que se confiaba neles. A partir dese día, houbo un gran cambio. Os alumnos de PT buscaban cada vez máis información, propoñían máis actividades e decoraron o recuncho de natureza (a aula de PT estaba organizada en recunchos de actividades: apoio individual, pequeno grupo, TIC, artístico e da natureza).

SEGUNDO TRIMESTRE

No segundo trimestre, e coincidindo con que nas súas respectivas aulas ordinarias estaban a dar os insectos, preparamos unha exposición na que empregamos os insectos pau como exemplo. Foi o propio alumnado o que lles deu unha parte da clase aos seus compañeiros e, dalgunha maneira, iso tamén mudou a idea que o resto de compañeiros tiña deles.
Tiveron que vencer medos e practicamos moito na aula de PT a exposición oral. Ademais eles encargáronse de elaborar os seus propios guións cos temas que querían tocar. Nos ensaios, corrixiámonos uns aos outros ou ofreciamos novas ideas, tamén faciamos preguntas simulando o que podía pasar na aula ordinaria.
Salvo erros comprensibles cando tes que expor diante dun público sen experiencia previa, as clases resultaron moi amenas. Cómpre dicir que se contou coa colaboración do profesorado de ciencias nesta ocasión para dirixir un pouco a clase.

TERCEIRO TRIMESTRE

Finalmente, no terceiro trimestre a exposición foi para os colexios visitantes, os futuros alumnos e alumnas do IES, e tivo o mesmo éxito. Isto traía unha vantaxe engadida, os rapaces e rapazas que serían novos alumnos para o ano xa tiñan unha visión positiva do alumnado con NEAE, xa sabían que existían e as cousas que facían. Era como estar creando un novo círculo.
Ademais, neste trimestre (previamente informadas e consultadas as familias) permitín que as fins de semana puidesen levar eles os insectos ás súas casas, e os resultados foron moi positivos.

Conclusións

Alumnado:

  • Ningún dos insectos sufriu ningún contratempo e, a pesar de que son insectos relativamente sensibles, os cinco chegaron sans e salvos ao final de curso.
  • Son animais que adoitan ter moitas crías, pero por algunha razón non identificada os nosos non criaron. Foi o único contra desta experiencia.
  • Dos quince alumnos de PT, participaron activamente no proxecto durante toda a súa duración 12 alumnos, co que se demostra a grande implicación no proxecto pola súa parte.
  • Os alumnos de atención á diversidade amosaron grandes avances nas linguas, especialmente na expresión oral e nas ciencias.
  • O ambiente da aula de PT mellorou moito e os rapaces estaban máis dispostos a traballar e colaborar.

Centro:

  • Os insectos pau convertéronse nun sinal de identidade da aula de PT, que se abriu moito máis ao centro, pois con frecuencia recibiamos visitas de xente (tanto adolescentes coma maiores) que querían observar máis de cerca os insectos.
  • O resto do profesorado pouco a pouco foise implicando e valorando o traballo feito polo alumnado. Tanto foi así que, noutros proxectos que se levaron a cabo no instituto desde outros departamentos, solicitaron a axuda dos nenos da aula de PT.
  • A atención á diversidade no noso centro foi máis tida en conta e, sobre todo, máis entendida e valorada.

Familia:

  • As familias foron informadas desde o primeiro momento do proxecto e as primeiras reaccións foron un pouco “frías”. Logo, cando souberon das exposicións aos compañeiros e dos comentarios positivos en todo o centro, fóronse interesando cada vez máis.
  • Moitos pais viñeron ver os insectos contaxiados polo entusiasmo dos nenos.
  • Todos necesitamos oír que os nosos rapaces o están a facer ben; se tivese que definir cunha palabra o que me transmitiron os pais ao rematar o curso, sería “orgullo”.
  • As familias participaron activamente no proxecto levando as fins de semana os insectos para a casa, acompañados do informe explicativo.

Finalmente, para dar unhas breves pinceladas do meu parecer como docente, debo dicir que foi unha das experiencias máis enriquecedoras da miña vida profesional. Houbo momentos de dúbida e estancamento pero, cando establecía os obxectivos que quería conseguir e a maneira en que analizaría as conclusións futuras, nunca esperei, e mais dun proxecto tan simple, obter eses resultados. Quédome especialmente coa sensación de que o alumnado se sentiu parte de algo que para el nese momento era importante.

Todos somos diversos, polo tanto, sempre temos algo que aprender e algo que ensinar.



 

Bibliografía: 

 

 

STAINBACK, S. e STAINBACK W. (1999): Aulas inclusivas. Madrid: Narcea.

POZO, J. J. e GÓMEZ CRESPO, M. A. (1998): Aprender a enseñar ciencia. Morata.

MONTESSORI, M. (1947): Educar para un mundo nuevo. Errespar.

Aulas de la naturaleza para conocer nuestro medio”. Murcia, En Clave Ambiental, núm. 5, 26-31.

HUDDART, S. e NAHERNIAK, C.: “Animales en el salón de clases”.

Sección: