Val dos libros, club de lectura do IES de Ponte Caldelas: percorrendo camiños

No curso 2013/14, o equipo da biblioteca do IES de Ponte Caldelas (Pontevedra) decidiu poñer en marcha a creación dun club de lectura, dando un paso máis na necesidade de fomentar o hábito lector no noso instituto e coa convicción de que esta fórmula que xa tiña éxito en moitos centros escolares proxectaría no alumnado unha nova perspectiva sobre o acto da lectura ao ter un carácter voluntario e contribuír a fomentar a socialización e a pluralidade de opinións. No seguinte artigo intentaremos facer un repaso sobre as circunstancias que motivaron esta iniciativa e unha descrición do seu funcionamento ata o presente.

Pilar Rubio Sabugueiro
Profesora de Latín e coordinadora da biblioteca escolar do IES de Ponte Caldelas (Pontevedra)
rubiosabugueiro@edu.xunta.es

 

Intentando manter vivo o espírito dos arrieiros polos camiños, un dos sinais do patrimonio etnográfico da nosa contorna, e que fora obxecto de traballo interdiciplinar no noso IES, nós, arrieiros de cultura, imos facendo camiño desde hai uns cantos cursos. As nosas mercadorías son os libros e a súa esencia, as lecturas; prosas, versos, banda deseñada, textos informativos, todo estaba xa na biblioteca, pero botabamos en falta a realización dunha “feira” desas importantes que atraen moitos curiosos e compradores. Esa oportunidade chegou no curso 2009/10, grazas á inclusión da biblioteca no Plan de mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). A partir dese momento ímonos decatando de que a implicación da comunidade escolar na dinamización da biblioteca vai medrando e as rutas trazadas a modo de obxectivos, aínda que, paseniño, se van percorrendo.

O comezo do percorrido

O IES de Ponte Caldelas é un centro de ámbito rural na comarca de Pontevedra que conta na actualidade con preto de trescentos alumnos procedentes das parroquias dos concellos de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos de Montes.

Para o noso alumnado, nunha boa maioría afastado de núcleos importantes de poboación, o propio centro e a biblioteca constitúen espazos de encontro persoal e no caso da biblioteca, ademais, un lugar onde poden atopar, dunha banda, recursos informativos en diversos soportes para a súa aprendizaxe e inquedanzas culturais e, doutra, lecturas máis próximas ao seu gusto para consumir no seu tempo de lecer.

Antes de que a normativa nos esixise redactar un plan lector, o Claustro do IES de Ponte Caldelas xa tiña a preocupación pola actitude pasiva cara á lectura e aos libros que percibía nunha boa parte do alumnado e que se traducía directamente nos resultados académicos. Este feito implicou a necesidade de procurar unha intervención innovadora e operativa, que fomentase o interese pola lectura, rachando coa imaxe que xa teñen os adolescentes dela como unha obriga. Así xurdiu, desde o curso 2007/08, a posta en marcha da actividade Hora de Ler: benvidos a viaxar, que lles permitía a alumnos e alumnas de todos os niveis da ESO empregar vinte minutos da súa xornada lectiva na lectura persoal na aula de títulos escollidos libremente por eles, coa finalidade de adaptar o proceso de lectura ao ritmo lector de cada un. O equipo da biblioteca e profesorado de distintos departamentos, procurando información na rede e a colaboración de distintos axentes (responsables doutras bibliotecas e mesmo o propio alumnado), traballaron entón nunha selección de títulos sobre un amplo abano —tratábase de ofrecer unha gran variedade que espertase e fomentase o interese na lectura—, algúns dos cales xa formaban parte dos fondos da biblioteca e outros foron mercados para organizar esta actividade co orzamento que o centro lle ofrecía.

A posta en marcha desta fórmula —Hora de Ler—, que ten continuidade ata o presente, sen dúbida marcou o inicio do camiño cara á promoción da actividade lectora e o contacto máis estreito cos libros.

Chegamos ao val

A inclusión da nosa biblioteca no PLAMBE 2009/10, como xa mencionamos, supuxo un feito decisivo para seguir adiante con máis folgos nas tarefas de dinamización e proposta de actividades que potenciasen a alfabetización informacional e a animación á lectura, pero tamén nos permitiu, a través das xuntanzas anuais, coñecer de primeira man ideas levadas xa á práctica por bibliotecas de centros de ensino que formaban parte desa gran rede. Unha destas experiencias era o club de lectura, fórmula promovida desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, que comezaba a funcionar con éxito.

Neste contexto foi como xurdiu a idea hai catro cursos de crear un club de lectura no noso IES. Na mente deses “arrieiros” que formaban o equipo da biblioteca xa bulían todos os elementos —obxectivos, organización e produtos— para construír o seu “posto de venda” coa vista posta na posible clientela.

Entón decidimos nomear o acabado de proxectar club Val dos Libros, aproveitando o nome do lugar da vila onde se atopa o centro —a Valdarrosa—, en plena natureza, escenario privilexiado para o contacto coa experiencia lectora.

Os obxectivos que perseguiamos e aínda mantemos ían executar os formulados na actividade Hora de Ler, posto que con esta nova proposta de dinamización lectora estabamos seguros de que lograriamos acadar:

  • Unha participación completamente voluntaria. Esa é parte da esencia dun club de lectura que non estaba prevista na Hora de Ler, posto que a totalidade do alumnado da aula participaba nela.
  • A inclusión no club de lectura de alumnado dos niveis aos que non se ofertaba a actividade de Hora de Ler. No curso 2013/14 esta fórmula xa non se lles ofrecía aos alumnos e alumnas que por entón cursaban os niveis correspondentes ao segundo ciclo da ESO (terceiro e cuarto) nin ao alumnado de bacharelato. A posibilidade de participación nun club de lectura ía permitirlles achegarse a unha nova dimensión do acto da lectura.
  • O fomento da socialización entre o alumnado participante e o afianzamento de relacións de amizade, tolerancia e respecto. Compartir unha afección como a lectura pode unir nun grupo a compañeiros diferentes dos habituais e crea entre eles lazos que traspasan o puramente académico.
  • A posibilidade de fomentar o debate entre lectores activos en prol dunha educación pluricultural. A relectura compartida ten a capacidade de mesturar as diferentes experiencias lectoras a través do intercambio de ideas e opinións.
  • O afianzamento na competencia lectora en galego, desbotando prexuízos lingüísticos aínda moi frecuentes nalgúns adolescentes e buscando unha interacción plurilingüe.
  • A difusión a través de diversas canles de produtos creados a partir da súa experiencia literaria como grupo: participación en actividades conmemorativas no centro e contribucións no blog do club de lectura.

Ao longo destes cursos, o funcionamento da actividade club de lectura, malia a  diversidade de grupos formados ou pequenos clubs dos que máis adiante falaremos, responde a unha organización similar. A comezos de curso, coincidindo con finais do mes de setembro, presentamos a actividade mediante carteis nos que convidamos o alumnado á participación. Xa desde o inicio anunciamos tamén as liñas temáticas que van presidir os diversos grupos.

Logo da inscrición do alumnado marcamos unhas datas para a primeira xuntanza de cada grupo e facemos pública esta mediante carteis. O día da presentación, o profesor ou profesora que vai facerse cargo do club e a responsable da biblioteca, coordinadora desta actividade, organízanlles unha pequena benvida aos participantes na que se comparten doces e deseguido pásase a enumerar as lecturas elixidas, explicarlles o funcionamento do club de lectura, o calendario de xuntanzas e, finalmente, facerlles entrega dun caderniño que contén información sobre as lecturas previstas e espazo para apuntar a súas suxestións e opinións sobre estas.

As xuntanzas do club sempre teñen lugar nos recreos, cunha periodización quincenal desde outubro a finais do mes de maio, aínda que ao longo do curso, por circunstancias excepcionais, poder ter que ser alterada algunha data. Nun centro como o noso, cunha dispersión xeográfica evidente e os problemas de desprazamento que isto comporta, resultaría complexo planificar reunións fóra do horario escolar. Nestas xuntanzas os participantes comparten doces e, co responsable do club como moderador, van xurdindo opinións, valoracións sobre a lectura marcada e mesmo, ás veces, lectura en voz alta de pasaxes escollidas por eles. Estes momentos son, en realidade, o enriquecedor e construtivo deste tipo de actividade.

Facendo rutas

Variadas temáticas en diversas linguas, xéneros literarios diferentes tamén na selección das lecturas —prosa, poesía, banda deseñada...—, estas, en fin, son as andainas levadas a cabo polo alumnado que forma parte dos grupos que integran o club de lectura Val dos Libros. Unha das características que preside o noso proxecto ata o presente é a variedade, grazas á implicación do profesorado que colabora neste e que contribúe coas súas ideas e a súa formación lectora. A novela negra, a ciencia ficción, as guerras mundiais e a nosa Guerra Civil —episodios estes da historia contemporánea— tamén, como non, o amor e os estereotipos de xénero, que emerxen en poesía e en prosa. Pero non só variedade temática, lese en galego fundamentalmente, pero tamén en castelán e mesmo en portugués, na procura de achegar o alumnado á riqueza cultural do país veciño.

Nestas andainas literarias, ás veces, mestúranse as opinións persoais con composicións creadas por eles mesmos: poemas, comentarios que serán publicados no blog e mesmo algún deles chegou a facer versións musicais en rap dalgúns dos poemas lidos. Por suposto, a participación deste alumnado en certas datas conmemorativas organizadas polo IES é xa habitual e inestimable; así toma parte en recitacións, en lecturas públicas e nas actuacións musicais celebrando o Día da Lingua.

Nalgunha ocasión durante o traxecto anual, ademais da actividade lectora, o alumnado goza doutro tipo de experiencias que gardan estreita relación con esta, como o encontro co autor ou autora do libro que está a ler ou a proxección dun filme que versiona a lectura.

E o camiño prosegue...

Hai que facer avaliación do que vai sendo andado, porque non se pode avanzar cara ao futuro nunha dirección axeitada sen valorar os éxitos e as eivas. Ao remate de cada curso, pois, cómpre avaliarse e facémolo todos os axentes implicados no proceso por diversos medios: enquisas, reunións, reflexións...

Sempre cómpre mellorar, sempre cómpre rectificar nalgunhas actuacións e acondicionalas, pero a conclusión repetida ao longo destes cursos é que a experiencia desta actividade resulta gratificante e enormemente positiva. Os obxectivos propostos vanse cumprindo na medida do posible no fomento do hábito lector e na axuda ao logro ou a mellora das competencias en lectura e escritura, pero tamén o club se percibe como espazo para a convivencia.

Adiante, arrieiros !

 

Bibliografía: 

 

Webgrafía

O blog do club de lectura: http://valdoslibros2.blogspot.com.es/

Sección: