A biblioteca escolar nun centro integrado de formación profesional

A experiencia da integración da biblioteca no ciclo superior de Educación Infantil
A planificación anual da biblioteca nun centro integrado de formación profesional require adaptacións específicas polo proxecto funcional que rexe o seu funcionamento e as ensinanzas que nel se imparten. En particular, na formación do alumnado que cursa o ciclo superior de Educación Infantil debe facilitar a adquisición de competencias profesionais, persoais e sociais para as que se precisan moitos dos recursos que ofrece a biblioteca. Trátase de incorporar a propia biblioteca no proceso de ensino e aprendizaxe, facilitando recursos, estratexias e oportunidades, que respondan ás demandas inmediatas do alumnado e profesorado. Aínda que nas etapas anteriores do sistema educativo a alfabetización informacional ten especial importancia, no caso das persoas que se van incorporar ao mundo laboral para traballar coa infancia e as súas familias resulta imprescindible.

Gisela Velo García
Coordinadora da biblioteca do CIFP Portovello (Ourense)

 

A experiencia que se achega presenta algunhas das actividades nas que se integra a biblioteca do CIFP Portovello para contribuír á adquisición das competencias profesionais, persoais e sociais recollidas no currículo do ciclo superior de Educación Infantil e apoiar os proxectos e programas que leva a cabo o centro, favorecendo a adquisición e desenvolvemento de hábitos de lectura e facilitando a alfabetización múltiple do alumnado.

A adaptación da biblioteca escolar ás necesidades e demandas da comunidade educativa require dun proceso de avaliación permanente. No caso da biblioteca do CIFP Portovello, a relativamente recente transformación de IES a CIFP no ano 2011 obriga a sumarse ao desenvolvemento dun proxecto funcional no que se tratará de integrar unha biblioteca para persoas adultas que se van incorporar ao mundo do traballo ou que xa están inseridas nel, e que precisan acadar competencias que garantan unha aprendizaxe autónoma e a competencia informacional necesaria para desenvolver a súa profesión e participar de forma activa na sociedade.

Comprender as propostas levadas a cabo e valoralas de forma crítica require coñecer os condicionantes que veñen dados pola tipoloxía de centro e polo proxecto funcional deste centro en particular.

Punto de partida

O Real decreto 1558/2005, do 23 de decembro, polo que se regulan os requisitos básicos dos centros integrados de formación profesional, no seu preámbulo, concibe os centros integrados como unha institución ao servizo da cidadanía e do sector produtivo, que debe contribuír á cualificación e á recualificación das persoas, acomodándose ás súas distintas expectativas profesionais. O centro integrado pretende, así mesmo, atender ás necesidades de cualificación inmediatas e emerxentes do sistema produtivo, ser un referente orientador para o sector produtivo e formativo do seu contorno, facilitar a integración das ofertas de formación profesional e rendibilizar os recursos humanos e materiais dispoñibles.

O CIFP Portovello forma parte da rede de centros integrados de formación profesional de Galicia, polo que todo o seu funcionamento segue os procedementos do sistema de xestión da calidade implantado.

O centro, situado no barrio das Lagoas, está dividido en dous edificios en recintos diferentes, separados entre si por 250 metros, o edificio A e o edificio B. No edificio A impártese a oferta formativa das familias profesionais de Administración e Xestión, e de Comercio e Márketing. No edificio B desenvólvese a oferta formativa da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade entre a que se atopa o ciclo superior de Educación Infantil.

O horario de funcionamento do centro no edificio A é de 8:30 a 15:00 e de 16:00 a 22:30, agás os venres que remata ás 20:30. No edificio B o horario da mañá é idéntico e o da tarde vai de luns a xoves das 16:00 ás 21:30. Hai un recreo pola mañá de 11:30 a 12:00 e outro pola tarde de 19:00 a 19:30. Independentemente da modalidade na que o alumnado estea matriculado (réxime ordinario ou de persoas adultas), acode ou ben na quenda da mañá ou na quenda da tarde e, polo tanto, unha vez rematada a xornada lectiva regresa ao seu domicilio. Unha parte importante do alumnado achégase a diario desde outros concellos da provincia porque non reside ou traballa na cidade. A diferenza doutros centros de ensino nos que se conta con xornada partida, comedor… que facilita a participación en actividades da biblioteca fóra do horario lectivo, no CIFP Portovello é moi complicado que o alumnado considere alongar a permanencia no centro, máis comprensible aínda se temos en conta que son persoas adultas que precisan conciliar a vida familiar, persoal e profesional.

A biblioteca

A biblioteca está no edificio B e desde o ano 2015, unha vez desenvolvido o proxecto de humanización dos espazos, é nomeada como Biblioteca Eduardo Blanco Amor. Neste proxecto de humanización dos espazos, promovido polo Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade, o centro pasa a denominar con nomes de persoas relevantes, movementos sociais e/ou entidades de referencia nas titulacións impartidas todos os seus espazos. O edificio pasa a ser concibido como unha “cidade” no que os corredores son “rúas” e os espazos amplos “prazas”.

O equipo da biblioteca conta no edificio B con sete persoas da mesma familia profesional (Servizos Socioculturais e á Comunidade) e no edificio A cunha persoa dunha das familias profesionais que se imparten alí (Comercio e Márketing) con tres horas semanais. A dispoñibilidade horaria do equipo permite cubrir todos os recreos da quenda da mañá e dous da tarde, e catorce horas de atención semanal na franxa da mañá, incluídas as horas da coordinadora da biblioteca.

Posibilidades de intervención

A partir desta pequena descrición do contexto pódese comprender que a intervención fóra do horario lectivo está limitada polo desprazamento diario dunha parte importante do alumnado e pola concentración do horario lectivo nunha única quenda moi longa, ao que se ten que engadir que non hai cafetería en ningún dos edificios que facilite os tempos de descanso. A análise das posibilidades de intervención fóra do horario lectivo leva á planificación de accións de non máis de dez minutos nos recreos, a un aproveitamento dos espazos compartidos (“prazas” e “rúas”) fóra da biblioteca para exposicións e a ampliación do espazo fóra da biblioteca colaborando co Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Nesta última liña cómpre salientar que se crearon dous espazos de lectura relaxada no edificio B e que se está a finalizar a obra de adecuación dun espazo de traballo colaborativo no edificio A.

Entre as limitacións na intervención no horario lectivo está a esixencia na concreción das programacións didácticas achegadas ao inicio do curso, as sesións que imparte o profesorado cunha duración de 60 minutos en módulos de diferentes ciclos esixe unha actualización profesional en dúas, tres e ata catro titulacións diferentes e, por último, o propio sistema de xestión da calidade que require, ademais dun modelo de programación e seguimento desta, unha carga de traballo engadido para o profesorado a maiores das tarefas estreitamente relacionadas coa función docente.

Así pois, as posibilidades para intervencións durante as sesións lectivas requiren incorporar as actividades apoiadas ou promovidas pola biblioteca dentro da programación de cada módulo formativo ao inicio do curso e/ou apoiar o profesorado no desenvolvemento das actividades planificadas, indagar que están a facer e facilitar recursos que permitan dar respostas inmediatas ás necesidades do alumnado e profesorado, acompañando o proceso de ensino-aprendizaxe sen provocar modificacións que lle dificulten ao profesorado o desenvolvemento das súas programacións.

A experiencia da integración da biblioteca no ciclo superior de Educación Infantil

O equipo docente do ciclo superior de Educación Infantil caracterízase polo seu compromiso e implicación coa biblioteca escolar, e logra incorporar na súa práctica diaria a biblioteca como un recurso. Así mesmo, o alumnado do ciclo presenta, como consecuencia en parte do esforzo do profesorado, un alto grao de motivación cara á participación nas actividades que a biblioteca poida ofrecerlle á comunidade educativa.

Na presentación das actividades comezarase pola formación das persoas usuarias, continuarase por aquelas nas que se incorporan os recursos da biblioteca como apoio ao desenvolvemento do currículo formativo e alfabetización informacional, algunhas que serven para a conmemoración de datas sinaladas e, para finalizar, aquelas que favorecen a adquisición de hábitos de lectura.

Formación de persoas usuarias

A observación das persoas usuarias desde a creación do CIFP permitiu constatar a necesidade de seguir formando o alumnado, ou iniciar a dita formación porque, a pesar dos grandes esforzos desenvolvidos polas persoas responsables e os equipos das bibliotecas escolares de Galicia e o apoio a estes desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares, o alumnado que accede ao CIFP Portovello cun hábito lector, coñecemento da clasificación decimal universal… non é a maioría.

Neste curso 2016/17 incorporouse dentro do Plan de convivencia do centro, no Programa de habilidades sociais, unha actividade ao inicio do curso na que visita a biblioteca todo o alumnado das modalidades presenciais. Nesta visita, cada grupo é acollido pola coordinadora da biblioteca, agás naqueles casos nos que van acompañados por algunha persoa do equipo, e reciben información sobre o funcionamento da biblioteca. Así mesmo, identificouse tamén a necesidade de sensibilizar a comunidade educativa sobre o bo uso dos recursos, coa intención de evitar as retiradas de fondos sen rexistralos ou a non devolución dos fondos prestados. A campaña de sensibilización fíxose coincidir no mes de novembro e consistiu na publicación nun taboleiro na praza Preescolar na Casa das “necrolóxicas” referidas aos RIP (retirada ilegal particular) e DEP (desaparecido en préstamo) dos nosos fondos.

Apoio ao desenvolvemento do currículo formativo: adquisición de competencias profesionais, persoais e sociais

O equipo docente do ciclo de Educación Infantil desenvolve unha gran parte dos contidos do currículo dos diferentes módulos formativos a partir dos fondos bibliográficos da biblioteca na súa práctica diaria pero, asemade, desenvolve actividades apoiadas pola biblioteca que se difunden entre toda a comunidade educativa como, por exemplo, Grandes para pequenas e pequenos ou Kamishibai, coordinadas pola profesora do módulo de Expresión e Comunicación.

Grandes para pequenas e pequenos: iníciase o Día do Libro do curso 2014/15 co obxectivo principal de achegar e difundir a obra dos escritores e escritoras máis relevantes da literatura infantil. O resultado final é unha serie de exposicións semanais da colección de fondos de cada autor ou autora acompañada dunha ficha biográfica e bibliográfica. O deseño da propia actividade tamén permite contribuír á alfabetización múltiple do alumnado porque, para a elaboración de cada unha das fichas que acompañan as exposicións das coleccións, o alumnado ten que acceder, revisar e avaliar criticamente diferentes fontes de información. A incorporación de novos autores no curso pasado e neste mesmo curso requiriu unha modificación da actividade e, en lugar de facerse as exposicións semanais, desenvolvéronse todas as exposicións ao mesmo tempo na Semana do Libro, ocupando todas as prazas do edificio B e posibilitando unha Ruta do libro infantil.

No mesmo módulo formativo, a profesora presenta o Kamishibai da biblioteca e pídelle ao alumnado a adaptación dalgún álbum ilustrado dos nosos fondos. O traballo incorpórase aos seus fondos coa finalidade de que poida ser utilizado polo alumnado no período de formación en centros de traballo (FCT). Para o deseño, que se fai de forma colaborativa, o alumnado precisa analizar as posibilidades que ofrecen diferentes álbums, aplicar as técnicas plásticas aprendidas no módulo e desenvolver a súas competencias lingüísticas porque o texto do álbum achegarase en dúas linguas.

Nestas dúas actividades, o papel da biblioteca é de apoio á profesora, facilitando os recursos necesarios e colaborando na difusión dos produtos finais entre a comunidade educativa para que o alumnado observe e goce da transcendencia do seu traballo fóra da aula.

Grandes para pequenos e pequenas

 

 Kamishibai

 

Apoio a proxectos do CIFP: centro de interpretación do xogo popular e tradicional

Este proxecto xorde no curso 2013/14 no Departamento de Servizos Socioculturais e á Comunidade, coa colaboración do Departamento de Formación e Innovación do Profesorado, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a Biblioteca e logra implicar o alumnado de todos os ciclos formativos da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade entre os que está o ciclo superior de Educación Infantil e o ciclo medio Atención a Persoas en Situación de Dependencia, o ciclo superior Animación Sociocultural e Turística e o ciclo superior Integración Social.

Parte da consideración do xogo como nexo de unión coa comunidade, para facilitar a interacción do alumnado coas persoas destinatarias coas que vai traballar. Por outra banda, asume un compromiso coa comunidade na transmisión do patrimonio material e inmaterial e permite a metodoloxía de aprendizaxe por proxectos e aprendizaxe servizo.

Ao abeiro deste proxecto fóronse desenvolvendo nos diferentes cursos académicos experiencias como Vellos xogos novos (2013/14), un achegamento ao xogo popular e tradicional; Eu xogo coma antes (2014/15), a creación dun banco audiovisual de recursos para as educadoras infantís co que se acadou un dos premios do Concurso de traballos por proxectos; Xogoteca (2015/16), a creación da nosa propia xogoteca; e Xogando (2016/17), que se centra na difusión da xogoteca entre a comunidade e que comezou cunha xornada de portas abertas a que seguiu a colaboración na dinamización do Magosto Interxeracional da Cruz Vermella (11 novembro), a presentación da xogoteca na xornada A educación desde o compromiso co territorio. Achegamento á experiencia de Óbidos (30 marzo) e o convite ás persoas do programa de maiores de Cruz Vermella (26 abril). Nestes momentos o equipo da biblioteca está no proceso de catalogación dos xogos para facilitar o préstamo a entidades da comunidade.

A implicación na conmemoración de datas do calendario do libro e da lectura

  • Día da Ilustración

No curso pasado, coa colaboración da profesora e do alumnado do módulo de Expresión e Comunicación, convocouse a toda a comunidade educativa a participar nun concurso no que se convidaba a colorear unha lámina de Leandro Lamas. O alumnado encargouse do deseño das bases, da difusión do concurso, da organización da exposición que acompañaría a mostra da colección de fondos ilustrados por Leandro Lamas, da supervisión da votación e da entrega dos tres premios.

Neste ano, considerouse que sería importante contribuír á correcta alfabetización múltiple, para o que, ademais da mostra de fondos de Carapuchiña Vermella, se fixo unha exposición de ilustracións da Carapuchiña Vermella ao longo da historia. Posteriormente, na convocatoria do concurso aberto a toda a comunidade educativa, solicitouse a creación da súa propia Carapuchiña. O alumnado repetiu as funcións asumidas na anterior edición.

Día da Ilustración

 

  • Día da Lingua Materna

A diversidade lingüística conmemorouse cun programa de actividades coordinadas pola biblioteca en colaboración co profesorado e alumnado de Educación Infantil na que se desenvolveu unha sesión de arrolos nas que o alumnado participaba cantando os arrolos recollidos na súa familia e coa presentación e proxección da recollida de arrolos cantados polos seus maiores nun traballo dirixido pola profesora do módulo de Xogo Infantil e a súa Metodoloxía. Esta proxección difundiuse nos recreos de toda a semana na biblioteca e na entrada do centro, permitindo achegar a toda a comunidade educativa o noso patrimonio inmaterial.

  • Día do Libro

No curso pasado acordouse conmemorar esta data cun Recital baixo a sobreira centenaria que está a medio camiño entre o edificio A e o edificio B. No recital deuse lectura a obra de Manuel María e o alumnado do ciclo de Educación Infantil participou cunha escolma dirixida á infancia. Neste ano desenvolveuse a segunda edición do Recital baixo a sobreira, pero acompañada de música en directo e cunha selección libre de lecturas que lle permitía ao alumnado de Educación Infantil escoller entre as súas obras favoritas.

Recital baixo a sobreira

 

Outra das actividades desenvolvidas co gallo do Día do Libro consistiu en solicitar as marionetas de rato que elaborou o alumnado no módulo de Expresión e Comunicación, sesenta marionetas en total, para deseñar unha actividade na que, a través dunha nota informativa difundida entre a comunidade educativa, se pedía colaboración para “erradicar a praga de ratos da biblioteca”. As persoas participantes achegábanse á biblioteca, escollían o seu rato favorito e cubrían unha ficha na que axudaban a recuperar a identidade perdida polos ratos coa troula da celebración do Día do Libro (“tanta lectura confundiu os ratos”). Na ficha recollíase o nome e o libro favorito do rato. Entre todos os participantes sorteouse un libro.

Ratos na biblioteca

 

Guías de lectura

En relación coas guías de lectura estanse a desenvolver dúas liñas de traballo. Na primeira, o profesorado de cada módulo formativo do ciclo facilítalle á biblioteca a selección de fondos recomendables para o seu alumnado por materias e, a partir desta, o equipo da biblioteca vai elaborando unha base de datos que permite a actualización das materias no Meiga, prestarlle un mellor asesoramento ao alumnado e apoiar o profesorado de nova incorporación.

Na segunda liña, o equipo da biblioteca procura dar resposta ás preferencias e necesidades específicas do alumnado e profesorado do ciclo de Educación Infantil incorporando lecturas do seu interese nas guías dirixidas a toda a comunidade educativa dos períodos de vacacións como, por exemplo, nas guías Hai para todos ou Unha semana de dez.

Hai para todos

 

Club de lectura

Desde a incorporación desta biblioteca ao Plan de mellora das Bibliotecas Escolares, o profesor de Didáctica da Educación Infantil inclúe na programación didáctica do módulo formativo un club de lectura ao longo de todo o ano, que entre varios obxectivos promove o tratamento crítico da información. A evolución e avaliación do club de lectura permitiu que neste curso académico se sumase a el o profesor do módulo de Desenvolvemento Cognitivo e Motor, de tal forma que se está a desenvolver un club de lectura transversal no que dous profesores (de módulos formativos diferentes) coordinan as lecturas do mesmo grupo.

O noso percorrido amosa que se logrará unha biblioteca integrada nun centro integrado de formación profesional se o equipo da biblioteca acompaña o profesorado e alumnado identificando as súas necesidades e respondendo con rapidez a estas. A integración iníciase cando o equipo docente se atopa cunha colección actualizada que pode difundir entre o alumnado e require dun espazo flexible que permita desenvolver diferentes actividades e desenvolverse en diferentes espazos. A creación de espazos para compartir, intercambiar e difundir aprendizaxes vólvese imprescindible e a visibilización destes tamén. Todo isto parece ser a explicación de que a biblioteca sexa reservada polo profesorado para desenvolver sesións de diferentes módulos formativos, se solicite a compra dun gran volume de fondos bibliográficos, os préstamos vaian en aumento, se conte con máis persoas coordinadoras de clubs de lectura, que a comunidade educativa participe de forma voluntaria en actividades promovidas pola biblioteca ou que o alumnado conte co equipo para resolver as dúbidas na elaboración dos seus proxectos de atención á infancia. Paga a pena seguir acompañando!