Entrevista a Amparo Barbolla Granda

Subdirectora xeral de Documentación e Publicacións do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte (MECD), entidade onde radica Redined.

Carmen Baña Rial
Asesoría de programas educativos
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

Actualmente, unha das competencias que debe desenvolver o profesorado é a relacionada coa alfabetización mediática e informacional (ALFIN), de maneira que o docente debe ser capaz de buscar e obter información relevante, analizala con espírito crítico e utilizala con ética e responsabilidade. Con este propósito, a Consellería de Cultura, Educación e Orientación Universitaria, a través do seu Plan de formación do profesorado, convocará no primeiro trimestre do curso 2017/18 unhas xornadas de Xestión en Documentación para a Investigación Educativa que incluirán un módulo destinado a dar a coñecer á comunidade docente galega as potencialidades de Redined como un instrumento útil e de gran valor para investigadores, alumnos e administradores da educación.

Para ir familiarizando os docentes co coñecemento desta base de datos, entrevistamos a Amparo Barbolla Granda, subdirectora xeral de Documentación e Publicacións do MECD, que nos achega unha primeira aproximación a este recurso co obxectivo de espertar nos docentes o interese por el e fomentar a súa utilización. Esta visibilización complementarase, nas xornadas citadas, cunha formación teórica e práctica que capacitará os asistentes para o seu aproveitamento.

Eduga: En primeiro lugar, queremos agradecerche, Amparo, a túa colaboración para achegar Redined á comunidade galega e as facilidades que nos brindaches para levar a cabo esta entrevista. Para empezar, poderías resumir nun breve parágrafo que é Redined e cal é o seu obxectivo?

Amparo Barbolla: Redined é unha rede de información educativa que recolle investigacións, innovacións, artigos de revistas e recursos educativos producidos no territorio do Estado español. O seu obxectivo fundamental é recompilar a documentación educativa do noso país para facilitar a súa conservación, difusión e uso.

Eduga: A través de que medios técnicos desenvolve as súas funcións?

A.B.: Ata 2012 contouse co software libre ISIS (WINISIS), desenvolvido e mantido pola UNESCO, que foi adaptado ás necesidades de Redined ao longo do tempo. Os avances tecnolóxicos expoñen retos aos que se ha de responder con novos servizos, por iso, en 2012 se migra Redined a Dspace, software de código aberto desenvolvido polo Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT). Dspace é unha boa ferramenta para a administración de coleccións dixitais; ofrece a posibilidade de traballar en colaboración, deseñando un work flow á medida. A elección deste software estivo motivada por ser moi intuitivo e estar moi implantado na comunidade científica internacional; outras vantaxes para destacar, entre outras, son a súa capacidade de recoller doutros sitios, de estar máis aberto, de contar con autoarquivo para os autores. Esta última vantaxe, polo momento, só está implantada na Comunidade de Estremadura.

Eduga: Xeralmente, os proxectos nacen para cubrir necesidades detectadas nun determinado campo de traballo. No caso de Redined, que necesidades se detectaron que aconsellaron a súa creación, é dicir, cal foi o xerme do proxecto?

A.B.: Redined creouse en 1985 (Real decreto 504/1985, BOE 17-04-85) como un instrumento de recollida, análise, intercambio e difusión de referencias sobre as investigacións educativas que se fosen producindo en cada comunidade autónoma, así como as patrocinadas polo extinto Centro de Investigación e Documentación Educativa (CIDE) —organismo dependente do entón Ministerio de Educación e Ciencia, hoxe Centro Nacional de Innovación e Investigación Educativa (CNIIE) do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte—. Así, nun principio, só se recollían investigacións e a base de datos chamábase Redinet.

En 1992 aprobouse a ampliación da rede coa incorporación das Innovacións que son, fundamentalmente, as experiencias educativas desenvolvidas na aula; en 1995 incorpóranse os Recursos didácticos que inclúen os cadernos de traballo, guías, manuais, unidades didácticas etc.; finalmente, en 1998 aprobouse a ampliación de Redined coa incorporación de Analíticas: artigos de revistas, relatorios e capítulos de monografías; tamén en 1998 se modificou a denominación de Redinet, que pasou a chamarse Redined.

Eduga: E cando se iniciou o proceso? Que institución ou departamento tomou as rendas desta iniciativa?

A.B.: Comezou a xestarse en 1984 e, como comentaba na pregunta anterior, créase en 1985 por instancia do CIDE. Nese momento a Biblioteca de Educación do Ministerio de Educación e Ciencia dependía organicamente do CIDE, o que facilitaba a localización dos documentos referenciados.

Actualmente Redined coordínase desde a Subdirección Xeral de Documentación e Publicacións do MECD, quen ademais exerce a Secretaría da Rede; por outra banda, a Subdirección Xeral de Tecnoloxías da Información e Comunicacións do Ministerio dá o soporte técnico; e o Instituto Nacional de Tecnoloxías Educativas e de Formación do Profesorado (INTEF) faise cargo do custo do mantemento. O Ministerio e as comunidades autónomas inclúen no repositorio os materiais que se xeran nas diferentes institucións relacionadas coa área de educación, o ministerio, universidades, centros de profesores e recursos, consellerías, fundacións etc.; aínda que actualmente non todas as comunidades autónomas  participan activamente en Redined, só a “alimentan” aquelas que dispoñen de persoal técnico para realizar o traballo.

Eduga: Transcorreron xa 32 anos desde aquel momento... Descríbenos brevemente a evolución de Redined desde entón ata a situación actual, para formarnos unha idea aproximada dos avances logrados e as perspectivas de futuro.

A.B.: En 1985 empezáronse incluíndo só referencias de investigacións. Posteriormente engádense, paulatinamente, ligazóns e arquivos co texto completo, sempre respectando os dereitos de propiedade intelectual e os tempos de embargo de cada publicación. Actualmente en Redined hai máis de 96 000 documentos, dos cales máis da metade teñen acceso ao documento; en 2016 incluímos 2257 novas ligazóns (ben ligazón externa, arquivo ou ambos) a documentos que só estaban referenciados en Redined. O obxectivo é proporcionar, sempre que se poida, os documentos completos desde o repositorio.

Cada ano, no Consello Xestor, apróbase un plan de traballo no que se inclúen melloras. Por exemplo, este ano, entre outras accións, acordouse redeseñar a páxina de inicio, ampliar a exportación de resultados de procura para usuarios xerais, implantar a conexión con antivirus dos ficheiros enviados a Redined ou realizar os traballos técnicos requiridos para ser recollidos por RECOLECTA, plataforma que agrupa todos os repositorios científicos nacionais e que prové de servizos os xestores de repositorios, os investigadores e os axentes implicados na elaboración de políticas. En resumo, trátase de seguir mellorando para ser útil á comunidade educativa e ofrecer ferramentas e contidos acordes cos avances tecnolóxicos actuais.

Eduga: Redined defínese como proxecto colaborativo. Que significa isto e que implicación ten?

A.B.: Redined é un exemplo de cooperación entre as comunidades autónomas e o Ministerio desde hai máis de tres décadas. Desde os seus inicios ten uns obxectivos claros, marcados pola necesidade de coordinar esforzos para recompilar e facilitar o acceso aos materiais educativos que se produzan en todo o territorio nacional. Para permitir esta cooperación, en 1993, elaborouse un convenio de colaboración que regulou o proxecto. Este convenio foi asinado polo Ministerio de Educación e Ciencia e as comunidades autónomas que decidiron participar no proxecto a través das súas consellerías ou departamentos de educación; outras fano a través das súas universidades ou de convenios con distintas fundacións. En suma, unha diversidade de modelos que lle dan flexibilidade e liberdade a cada comunidade para traballar en Redined.

A Presidencia de Redined é rotativa, cada dous anos ocúpaa unha comunidade autónoma e o MECD asume a secretaría e a coordinación. En Redined todos os seus colaboradores concorren en igualdade de condicións. As comunidades teñen unha responsabilidade e un papel importante no seu desenvolvemento.

Eduga: En canto aos materiais que recompila Redined, podes comentarnos a que ámbitos pertencen?  Que tipo de materiais son?

A.B.: Pertencen ao ámbito educativo, entendido de maneira ampla e incluíndo as materias transversais. Cobren todos os niveis educativos, desde o infantil ao superior, a educación de adultos e os réximes especiais. A documentación organízase en cinco colecciones: Investigacións, Innovacións, Recursos, Analíticas e Revistas indizadas.

  • Investigacións: recolle investigacións posteriores a 1975 (teses de doutoramento, teses de licenciatura, informes, traballos de fin de mestrado e traballos de fin de grao).
  • Innovacións: inclúe documentos que poden ser identificados de forma ampla. Son materiais subvencionados polas comunidades autónomas ou outro organismo da Administración pública, mediante convocatoria pública. Exemplos de Innovacións son proxectos de innovación convocados polas comunidades autónomas, premios de boas prácticas, memorias de licenzas por estudos etc.
  • Recursos: en xeral trátase de materiais publicados por organismos da Administración xeral do Estado e das comunidades autónomas, así como organismos da Administración local, fundacións, ONG, organismos internacionais etc. Son congresos, guías, manuais, material didáctico, obras de referencia etc.
  • Analíticas: artigos de revistas, capítulos de libros, relatorios.
  • Revistas indizadas: reúne as revistas que se baleiran ou que nalgún momento foron baleiradas en Redined.

Eduga: Que criterios rexen á hora de seleccionar os documentos que se incorporan?

A.B.: Con carácter xeral, cada comunidade autónoma selecciona a súa documentación. O MECD incorpora a Redined as publicacións libres de dereitos, que encaixen na tipoloxía das coleccións da rede, editadas polo Centro de Publicacións do Ministerio. Tanto o Ministerio como as comunidades autónomas que participan activamente incorporan documentos a texto completo de institucións de carácter público ou privado: UE, UNESCO, CEAPA, de fundacións etc. Cada comunidade autónoma encárgase de subir a Redined as investigacións, traballos de fin de mestrado e de fin de grao publicados nos repositorios das universidades públicas do seu territorio. En canto ás revistas, hai fixados uns criterios de selección atendendo á área de publicación, ao contido e á súa estrutura formal. Hai que destacar que se teñen en conta os criterios de calidade Latindex.

Gustaríame sinalar que todos os anos recibimos solicitudes de responsables de revistas educativas, tanto nacionais como estranxeiras, para estar presentes en Redined. Lamentablemente, en moitos casos, non podemos facernos cargo do seu baleirado por falta de recursos humanos, pero este interese anímanos a continuar co labor da rede.

Eduga: Quen estea formado en Documentación, aínda que só sexa a nivel de usuario, é consciente do traballo que supón seleccionar e catalogar cada documento. No caso de Redined, quen se ocupa desa tarefa: persoal propio, colaboradores externos... Acláranos un pouco esta cuestión.

A.B.: Neste sentido a estrutura de Redined é débil e susténtase demasiado na achega do MECD. É evidente que o Ministerio debe achegar sempre máis ca o resto de participantes (tarefas de coordinación, secretaría, administrador xeral do repositorio e soporte técnico), pero contando con que as comunidades autónomas deben ter unha base de apoio estable, sobre todo de persoal fixo dedicado ao control, case en exclusiva, da documentación educativa.

En Redined hai comunidades autónomas que si teñen documentalistas profesionais que ademais son os administradores das súas propias coleccións e que, polo tanto, teñen autonomía para facer envíos, como é o caso de Asturias, Madrid, Estremadura e País Vasco. Outras comunidades como Aragón, Cantabria, Canarias, Cataluña, Baleares ou Galicia teñen persoal técnico, nuns casos documentalistas e noutros non, dedicado a tempo parcial a esta tarefa; os seus envíos son revisados e aprobados polo MECD. Outras comunidades non contan con persoal dedicado ás tarefas de documentación e non poden realizar envíos á rede. É o caso de Andalucía, Castela-A Mancha, Castela e León, Navarra, A Rioxa, Murcia e Valencia.

O ideal sería que entre todos se potenciase a estrutura desexable para o bo desenvolvemento e produtividade de Redined, incorporando a figura do documentalista profesional con vinculación máis ou menos estable coa organización. O documentalista axudaría a cumprir cun dos obxectivos de rede: recompilar a documentación educativa producida no territorio do Estado español para poñela ao servizo de investigadores, docentes e familias.

Eduga: Agora que xa coñecemos un pouco máis as orixes, a evolución e a estrutura de Redined, imos centrarnos no que lle  ofrece ao profesorado para levar a cabo a súa tarefa investigadora ou didáctica. A primeira cuestión que poderiamos expornos sería que lles achega Redined aos docentes, cal é o seu valor diferenciador fronte a outros repositorios como as bibliotecas das universidades, buscadores especializados...

A.B.: Coa excepción mencionada anteriormente, refírome a que non todas as comunidades participan ao mesmo nivel, nin coa mesma intensidade, si podemos afirmar que permite facer un retrato completo do sistema educativo, polo menos o máis completo que existe, xa que somos o maior repositorio educativo en español. A panorámica que ofrece é excelente en canto á información que achega á hora de expor que se move en educación e cales son os intereses do profesorado en España. A vantaxe de Redined é que a toda esta información, ben organizada, se pode acceder desde un punto único e dunha maneira amigable e intuitiva.

Recentemente implantouse o servizo de autoarquivo, que permite a investigadores e profesores enviar os seus propios traballos directamente a Redined. Este servizo facilita a localización da información producida e esperamos que sexa un incentivo para os autores. Está implantado de maneira experimental só en Estremadura e irase estendendo ao resto de comunidades, coa condición de que o demanden e dispoñan de documentalistas que poidan atendelo.

Eduga: En ocasións pénsase que os repositorios se dirixen, fundamentalmente, ao profesorado centrado na súa tarefa investigadora, pero consultando Redined podemos comprobar que isto non é así, que existe multitude de material destinado á práctica docente en calquera nivel educativo. Existe un perfil de usuario idóneo?

A.B.: Realmente, a información contida nas distintas coleccións de Redined vai dirixida tanto a investigadores como a docentes das diferentes etapas educativas, estudantes e/ou familias, así que calquera usuario pode localizar en Redined material de interese, só se trataría de realizar unha procura o máis axustada posible ás súas necesidades.

Eduga: O seguinte paso, unha vez informados das vantaxes que nos ofrece Redined, sería coñecer como se manexa, se a súa utilización resulta cómoda e intuitiva para o usuario sobre todo nunha sociedade como a actual na que se demanda cada vez máis a inmediatez, a obtención rápida e acertada de información relevante. Cumpre Redined con este requisito?

A.B.: Na decisión de migrar Redined desde Winisis a Dspace tivo moito peso o facilitarlle a recuperación da información ao usuario final. Dspace é un programa moi intuitivo, de fácil manexo, que busca a texto completo e que, ademais, é moi coñecido no ámbito universitario. Neste momento estamos en proceso de cambiar o deseño da páxina de inicio para facela máis amigable, simplificándoa para axilizar as tarefas de recuperación de información. Por exemplo, co novo deseño o usuario poderá seleccionar desde un principio documentos “só a texto completo”. Na web de Redined inclúese tamén un vídeo titorial en castelán sobre como buscar en Redined; está previsto traducilo ou subtitulalo ás diferentes linguas oficiais do Estado.

Eduga: Unha das competencias desexables no profesorado é a alfabetización mediática e informacional. O docente ten que estar permanentemente actualizado e formado para emprender a súa tarefa educativa e/ou investigadora con garantía de éxito. En que medida contribúe Redined a esta formación permanente?

A.B.: Se se aposta por un modelo de formación continua a través dos recursos dixitais e en liña, Redined é unha ferramenta fundamental, por iso se está ligando cada vez máis coa formación do profesorado, xa sexa na formación inicial ou na formación permanente, a través dos centros do profesorado nas súas diversas denominacións.

Eduga: En que contornas consideras que sería máis beneficioso a introdución de formación en Redined para favorecer o seu coñecemento e expansión: facultades de educación, institutos de secundaria, bibliotecas...?

A.B.: Non se pode desdeñar ningún ámbito. Onde mellor se coñece Redined é no universitario, quizais porque é unha ferramenta interesante para o investigador e para realizar os traballos de fin de mestrado e de fin de grao. Levamos tempo insistindo na necesidade de incrementar a súa difusión; o MECD e algunha comunidade autónoma fano, pero é tarefa de cada comunidade fomentar o uso no seu propio ámbito, utilizando, por exemplo, os portais educativos dos centros de formación do profesorado. Alí onde a comunidade fixo ese esforzo divulgativo, Redined é máis coñecida e, polo tanto, máis utilizada. Por exemplo, Asturias inclúea na formación inicial do profesorado, e trabállase con Redined na materia de Xestión da Información no Grao de Mestres da Universidade de Oviedo. Tamén se presentou nas Xornadas do Mestrado de Secundaria e como recurso nas Xornadas do Mestrado de Innovación e Investigación en educación infantil e primaria realizadas a finais de 2016.

Eduga: Todos os proxectos, de calquera índole, requiren dispoñer duns recursos que o sosteñan e o fagan avanzar e, polo tanto, unha valoración de resultados que avalen ese investimento de recursos. No caso de Redined, disponse dalgún mecanismo de avaliación que constate o seu impacto como ferramenta valiosa para a práctica pedagóxica?

A.B.: Aválannos as estatísticas de uso. Por dar só un dato, en 2016 producíronse máis dun millón de visualizacións de ítems e superouse o medio millón de descargas de ficheiros. E iso tendo en conta que, debido á migración á última versión de Dspace (6.0), as estatísticas estiveron inhabilitadas durante dous meses, polo tanto, eses datos fan referencia a un período de 10 meses.

Eduga: Xa para finalizar, que lle dirías a un docente que, despois de ler esta entrevista, teña interese por coñecer máis sobre Redined? E como convencerías a quen se mostre escéptico ante as súas potencialidades?

A.B.: Que se achegue a Redined, que faga unha procura de maneira aleatoria e sorprenderase da información que lle ofrece. Coas excepcións mencionadas, permite facer un retrato completo do sistema educativo. En Redined están todos os materiais para preparar clases de diferentes materias e, sobre todo, para as prácticas e para os traballos de grao e de fin de mestrado. É importante non esquecer o impacto que alcanza Redined na difusión dos traballos realizados polos docentes. Nesta rede os docentes poden ver a evolución da educación en España e o que están a facer outros docentes noutras comunidades.

Eduga: Moitas grazas Amparo pola túa amabilidade. Confiamos en que esta oportunidade que nos ofreciches contribúa a visibilizar e difundir Redined entre a comunidade educativa galega.

 

Palabras clave: 
Sección: