A omnipresencia dos wasaps nas nosas vidas

Suxestións para aprender a comportarse e a vivir en rede

José Raposeiras Correa
Profesor Asociado Doutor da Universidade de Vigo
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte de Pontevedra
joseraposeiras@uvigo.es

Anotacións en clave de introdución

Case sen decatármonos, a evolución dos teléfonos móbiles intelixentes cambiou a nosa forma de comunicarnos contribuíndo a multiplicar os seus efectos. A comunicación no espazo virtual dá a volta ao mundo en poucos segundos, deixando rastros imborrables. Sen dúbida, podemos afirmar que a comunicación a través da rede achega os que están lonxe, pero tamén pode afastar os que están cerca, chegando a producir unha especie de brecha dixital inter/intraxeracional.

Se no ano 2014 (xuño/decembro) publicabamos nesta mesma revista Eduga o artigo sobre a comunicación do alumnado a través dos wasaps como un novo reto da pedagoxía, tendo en conta a preocupación deste autor pola citada temática dentro dos centros educativos, hoxe non é menos inquietante —ao noso modo de ver— o wasapeo, talvez esaxerado, que se está levando a cabo entre os diversos colectivos de persoas adultas, nas súas diferentes situacións da vida ordinaria. De aí o desenvolvemento deste estudo, coa intención de incidir na mellora dunha educación para un axeitado comportamento ante a utilización deste recurso tecnolóxico. Aseméllasenos que, no medio da partida de xogo en liña a través da aplicación de mensaxería multiplataforma, existen tamén persoas adultas como voraces consumidoras dos citados e populares wasaps e que ás veces fan saltar as alarmas, sobre as posibles vítimas de delitos telemáticos, riscos de ameazas, ciberacoso, envío de contidos eróticos ou pornográficos, falsos perfís na rede, vidas virtuais, estrés, usuarios compulsivos coas correspondentes perdas de tempo ou ter “amizades” sen coñecelas presencialmente.

O vivir de costas á realidade que hoxe se nos está presentando non favorece para nada os novos procesos educomunicativos e sociais xa que, neste caso, estariamos abocados a un analfabetismo tecnolóxico ou a un sen/convivir no mundo actual. Cada vez somos máis os adultos que case nos sentimos incapaces de entender a nosa vida sen o uso das TIC dentro dunha sociedade na que a experiencia virtual entra xa a formar parte da nosa existencia, estendendo as súas características e consecuencias a diversos aspectos da vida real.

Unha incorrecta utilización deste medio pode resultar moi problemática na vida en xeral e nos contornos educativos en particular. Non obstante —tal e como nos consta nun estudo da profesora Ingrid Mosquera Gende ao cal facemos alusión máis adiante, citando o seu blog—, non debemos obviar que WhatsApp no último ano 2016 contaba con máis dun billón de usuarios ao mes, 42 billóns de mensaxes diarias, 250 millóns de vídeos compartidos diariamente, 1,6 billóns de fotos compartidas a diario e máis dun billón de grupos, e estaba dispoñible en 53 linguas.

Continuamos, pois, coa tesitura de que estas tecnoloxías expanden as posibilidades de comunicación, posibilitan o desenvolvemento doutras habilidades e formas de construción do coñecemento e xeran novas culturas. Todo isto fainos pensar nun repensamento continuo, coa finalidade de favorecer a construción dunha verdadeira cultura dixital. Este novo invento comunicativo do ano 2009, cando o ucraniano Jan Koum e o estadounidense Brian Acton creaban esta mensaxería instantánea en California, deu paso a unha das operacións preferidas pola meirande parte dos usuarios dos smartphones. Así, a nosa proposta de partida consiste en non estar en contra das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Porén, si estamos a favor de educar —aos adolescentes, xuventude e adultos en xeral— para un axeitado comportamento ante a utilización e o emprego desas tecnoloxías, dado que están evolucionando a un ritmo case vertixinoso, sen pararnos case a pensar nos seus proles e nas súas contras.

A rede é un medio novo que esixe coñecer se queremos facer un uso libre e responsable dela. É preciso entender correctamente as particularidades deste medio e as implicacións que se puidesen derivar do seu mal uso. Si, ás veces temos que aprender dos erros, anticiparnos a algúns deles e concienciarnos das vantaxes e desvantaxes que podemos atopar dentro dese camiño da comunicación virtual. Que nos dá Internet e as redes sociais en xeral para reflexionar sobre o mundo que nos tocou vivir, o que virá no futuro e as súas implicacións nas nosas vidas?

As relacións interpersoais a través dos wasaps permítennos ter a todos os contactos, independentemente da súa situación física, nunha pantalla e saber —case en tempo real— onde está unha persoa, facer comentarios, compartir novas, fotos, xogos, intereses e inquietudes persoais ou profesionais. Ademais de enviar/recibir mensaxes de texto básicas, aprovéitase tamén para enviar/recibir cadeas graciosas, chistes, imaxes, animacións gifs, emoticonas, vídeos e mensaxes de audio a través da rede en calquera lugar, comunicándose ao momento.

Punto de partida

Unha vez máis, o noso interese por esta temática, que nos permite continuar coa investigación/acción ao respecto, débese á preocupación que nos indican certas noticias aparecidas en diversos medios de comunicación, así como outras que xorden a través de reunións/entrevistas/escolas de familias con diversos colectivos da xuventude e persoas adultas con actividade laboral, en desemprego ou con responsabilidades familiares e de tipo sociocultural. Os wasaps fixeron posibles outras formas de comunicarse, incluídas as de faltarse ao respecto ou no relativo aos valores e á dignidade das persoas. De aí a necesidade de buscar e achegar solucións, con aprendizaxe prospectiva e innovadora, de informarse cientificamente sobre esas situacións problemáticas coa finalidade de establecer, con carácter preventivo, pautas de actuación comúns. En relación co tema que nos ocupa, para concienciarnos e situarnos ante un dos novos retos da pedagoxía actual dentro dos ámbitos socioeducativo e familiar, consideremos oportuno facer un breve resumo e unha análise dalgúns destes contidos, entre os que citamos:

  • WhatsApp, prohibido en los colegios; ¿y en la oficina? [1]. El 32 % de los trabajadores consulta su terminal un mínimo de cuatro veces por hora en su horario laboral. En Estados Unidos se ha prohibido su uso a determinados colectivos como los transportistas o controladores aéreos.”

Este artigo fíxonos pensar na importancia da presente temática obxecto de estudo, motivándonos e situándonos de inicio nas primeiras indagacións e inquietudes ao respecto. Nel desenvólvense, entre outros, os seguintes aspectos: a Xunta quere prohibir por decreto o uso dos móbiles na clase, pero que pasa nos centros de traballo? Interromper a xornada laboral momentaneamente para consultar o WhatsApp de maneira compulsiva xa é un “deporte nacional” en España, afirma Francisco Canals, consultor especializado en Internet.

Segundo unha enquisa de The Phone House, o 42 % dos usuarios españois non pasa nin unha soa hora sen consultar as mensaxes no seu móbil e un 32 % deles non pode evitar consultar o seu terminal como mínimo cada quince minutos. Segundo este estudo, os máis adictos a consultar o seu móbil son os rioxanos (92 %), seguidos dos castelán-manchegos, os valencianos, cataláns e madrileños. Moi por debaixo sitúanse os habitantes de Canarias e Galicia.

Outro informe, realizado por Microsoft, revela que un traballador é interrompido ata catro veces de media cada 60 minutos por mensaxes que chegan ao seu smartphone, a maioría de WhatsApp. As pausas e interrupcións constantes para atender a aplicación máis famosa do momento ocasionan perdas considerables e actúan como desaceleradores do rendemento laboral. “Convertémonos en seres multitarefa —afirma Canals— trátase dun fenómeno emerxente e de difícil solución debido á omnipresencia que estas aplicacións teñen na nosa vida diaria”. O seu uso aumenta o estrés, reduce a produtividade e dispara a adición. O fenómeno das adicións xa deu lugar á proliferación de distintos termos como a apnea do WhatsApp (ansiedade por consultar mensaxes de maneira compulsiva) ou a infobesidade (obsesión por consultar mensaxes electrónicas de maneira repetitiva).

Un estudo desenvolvido por Adecco sinala que os traballadores perden ata dez horas ao mes en distraccións relacionadas co uso de redes sociais e apps, o cal se traduce na perda dun total de 13 días laborais ao ano. Xa no escenario internacional, a Universidade de California afirma que o 68 % das empresas norteamericanas implantou medidas drásticas para minimizar o efecto que ocasionan estas aplicacións. Nalgúns colectivos restrínxese o uso de WhatsApp, como o caso de pilotos de aerolíneas, o sector do transporte ou os controladores aéreos, debido ao potencial de risco que o seu uso pode xerar.

En España o problema agudízase pola importante penetración que teñen os teléfonos intelixentes e as redes sociais entre a poboación. Polo que nos indica a última enquisa do CIS, os sistemas de mensaxería instantánea como os de WhatsApp e as redes sociais son as tecnoloxías de comunicación máis utilizadas polos españois. A raíña indiscutible é o WhatsApp, empregada polo 96,4 % dos cidadáns, mentres que outras como Telegram, Line, Snapchat, Skype ou o chat de Facebook non chegan nin a un 1 % cada un. Nun día normal, sete de cada dez usuarios emprégaas para falar con familiares ou amigos sen un obxectivo específico e case a metade (46,7 %) faino “continuamente”, mentres que outra importante porcentaxe (41,9%) o consulta “varias veces” diarias.

Finaliza esta reportaxe afirmando que WhatsApp, ademais dunha distracción, pode ser tamén unha ferramenta de traballo. Por exemplo, a cadea británica BBC puxo en marcha un servizo de información de saúde pública sobre o ébola mediante o envío de mensaxes a través deste sistema de mensaxería. O servizo proporciona audio, alertas de mensaxes de texto e imaxes para lles facilitar aos usuarios en África Occidental as últimas informacións que permitan combater a propagación do ébola con tres artigos ao día en inglés e francés. Nas eleccións xerais do Uruguai, o candidato á Presidencia, Luis Lacalle Pou, utilizou o WhatsApp para lle enviar mensaxes políticas á poboación. É unha pescantina galega, Rosi, en Arousa, emprega a aplicación para lles enviar ás súas clientas imaxes e información co máis fresco do día.

  • “Ojo a las redes sociales, pueden causar despidos. [2]

Con máis de 22 millóns de contas activas en redes sociais en España, cada vez son máis frecuentes os conflitos laborais motivados por comentarios, fotos ou vídeos colgados nestas. Xa son moitos os exemplos de traballadores despedidos despois de publicar algo que gardaba conexión coas súas relacións laborais. Así o puxo de relevo o avogado Lois Rodríguez Ares, asociado sénior do departamento laboral de Baker & McKenzie, durante a súa conferencia na Escola de Finanzas Business School na súa sede de Oleiros, na que advertiu do potencial dano que un mal uso das redes sociais pode causar e alertou de que o marco legal actual “corresponde a unha época pasada”.

  • “Négome a ser a axenda da miña filla”. Unha nai revoluciona Internet cun post sobre os grupos de WhatsApp e os deberes. [3]

Nesta redacción do xornal recóllese a seguinte información: Noelia López-Cheda é enxeñeira industrial, coach e educadora. Farta dos grupos de WhatsApp que angustian día si e día tamén os proxenitores coas tarefas do colexio dos seus fillos e que se converteron nunha auténtica presión para os pais, decidiu que xa estaba ben de tanto control e de tanta autoesixencia e asumiu non resolverlle máis á súa filla os deberes de clase. “Négome a ser a axenda da miña filla polo grupo de WhatsApp de nais, négome a ser tan sobreprotectora que asuma a súa responsabilidade”, escribiu nun post que se converteu en viral pola rede.

O engano, tal e como explica López Cheda, chegou esa primeira vez na que a tecnoloxía lle pareceu ser a solución máxica a todos os problemas, pero que en xeral acaba por agoniar os pais coma se fosen eles os que están de novo estudando. “Recordo a primeira ocasión en que recibín por WhatsApp os deberes que esquecera a miña filla: ´Que marabilla isto’ —pensei, inocente de min, sen saber entón que se ía converter nun monstro que me enguliría nun montón de mensaxes a partir das seis da tarde, con listaxe de tarefas unida a mil fotos dos libros, exercicios… que me saturaban o espazo do teléfono e que, cando tiña que facer unha foto, me dicía ´memoria chea`”, conta no seu blog López-Cheda. Ata que un día, segundo explica, viu a luz e decidiu deixar de ser esa nai amantísima e servizal cando a súa filla lle soltou nada máis entrar pola porta da casa: “Mamá, esquecéronme os exercicios de Matemáticas, disllo ao grupo para que mos manden?” Con moi boas maneiras explicoulle á súa filla que non levaría feitos os deberes e que tería que asumir a responsabilidade de dicirlle á profesora que lle esqueceron e que eses grupos de nais e pais son só unha plataforma de axuda para cuestións moito máis urxentes do colexio. Cómpre sacar deste texto as correspondentes achegas pedagóxicas para non converter os rapaces en adultos inmaduros e para que saiban asumir as súas responsabilidades. Consideramos que é necesario falar e moito dos grupos de wasapeo de nais e pais do alumnado nos centros educativos, para coidar unha boa interacción familia/escola dentro do proceso educativo.

  • “WhatsApp: ¿por qué no puedo evitar leer un mensaje? Fomo es el miedo a perderse algo en las redes sociales – Puede desembocar en angustia y depresión. [4] Axencia Atlas.

Soa o aviso e inmediatamente xorde o impulso de comprobar a nova mensaxe. Pero comprobar constantemente as novidades nas redes sociais pode ser síntoma de que algo non vai ben. É o fomo ou medo a perder o que ocorre no mundo dixital. É a nova versión dun vello coñecido, o medo á exclusión amplificado polas novas tecnoloxías. Nos casos máis extremos, aparece a angustia e a depresión. O perigo é maior entre os adolescentes, porque para eles non hai un límite claro entre a vida dixital e a analóxica. Pero apartalos das redes sociais non é unha solución. Os adultos tampouco están libres deste trastorno, que ocasiona a sensación de que fóra das redes sociais non ocorre nada relevante. A terapia pasa por comprender, por exemplo, que o evento ao que non fomos invitados quizais non foi tan divertido. Aprender a gozar de aspectos da vida que non necesariamente hai que compartir.

  • “Los profesores piden a los padres que no usen el WhatsApp para airear quejas. Apuntan que cualquier asunto sobre la educación ha de resolverse en el centro antes de publicarlo en un grupo porque puede provocar un problema mayor.” [5]

Unha queixa puntual ou un comentario lanzado en quente nun grupo de WhatsApp pode crear un auténtico terremoto na convivencia dun centro escolar. Os profesores pídenlles aos pais e nais cautela á hora de comentar nesa praza pública virtual un conflito ou unha pequena queixa relacionada coa actividade docente. Sobre todo reclaman prudencia aínda que a conversa sexa entre adultos xa que se está falando de temas relacionados cun menor.

A brecha entre familia e escola non se pode arranxar cun parche dixital, os problemas débense solucionar nos espazos que corresponden, non deixalos ao albur de Internet”, apuntan desde ANPE. Os datos que manexa a agrupación de profesores mostran que unha de cada catro queixas que chegan ao Defensor do Profesor proceden de grupos de WhatsApp. Moitas veces os pais non fan un uso correcto dunha ferramenta de suma utilidade para cuestións como mandar avisos ou estar comunicados en caso dun evento, ás veces poden lanzar algo que non é veraz; por iso, os profesores piden o uso das canles habituais para xestionar un conflito. A portavoz de Confapa, Helena Gómez, pide tamén cautela porque “moitas veces hai pais que están dados de alta no mesmo grupo, pero non se coñecen entre eles. Non podes saber quen son os pais de todos os nenos da clase do fillo, entón estás comentando cousas de educación dos nenos con xente que non coñeces de nada”.

Tamén nesta páxina, o investigador Miguel Ángel Prat comenta que os pais deben saber xestionar as emocións. Estes non saben como xestionar os problemas derivados da popularización dos grupos de WhatsApp e entón pídenlle axuda. Comenta que cada vez son máis os centros escolares de Cataluña que buscan a súa colaboración e analiza que hai que facer cando xorde un conflito: “As peticións de axuda que nos chegan dos centros aumentaron nos últimos tempos porque o uso da tecnoloxía está máis estendido. Iso fai que cada vez haxa máis erros”. Así mesmo, o catedrático de Orientación Educativa, Hipólito Puente opina que o problema cos grupos de pais de WhatsApp non é a tecnoloxía, que é neutra, senón que se faga un mal uso dela por parte das persoas, estes grupos son positivos cando se usan ben. Outra cousa é que se utilicen para criticar o profesor.

Dentro deste mesmo apartado do xornal, relacionado cos novos hábitos sociais —xa na páxina seguinte—, séguese facendo alusión aos grupos de “wasapeo” e afírmase que “serven tanto para organizar unha festa de aniversario como para pasar patróns e previr contaxios”. Non son a panacea nin son o demo. A tecnoloxía é neutra. O que pode chegar a crear conflitos é o uso que se faga dela. Niso coinciden os expertos e actuacións como críticas e ata insultos a docentes contrastan con grupos nos que os pais colaboran, por exemplo, pasando os patróns para un disfrace de clase ou avisando de que algún neno ten a varicela para que o resto estea atento ante posibles contaxios… para organizar festas de aniversario, facer agasallos conxuntos, para coordinarse nas actividades extraescolares, para facer viaxes ou excursións… Os educadores tamén afirman que, ben usados, son unha ferramenta que permite compartir proxectos e comunicar incidencias con rapidez. O perigo é se eses grupos se converten en corro virtual no que criticar o colexio, os profesores ou a outros pais e nais. O mellor é limitar as intervencións ao motivo polo que se creou o grupo e os temas persoais tratalos noutro foro á parte, non se deben comentar ou divulgar rumores de calquera tipo. Hai que aplicar a regra de que o que un non diría á cara, que non o escriba.

  • Dispositivos móbiles. Riscos de programas maliciosos (malware), roubos etc. [6]

A maioría dos dispositivos móbiles é moito máis potente ca un computador de sobremesa de hai poucos anos. Dispoñen de todo tipo de aplicacións, manteñen conexións permanentes a Internet mediante 4G, wifi ou bluetooth, e contan con cámaras, micrófonos moi sensibles e GPS. Estas prestacións, unidas á mobilidade e ao fácil manexo, fai que se utilicen para labores que estaban anteriormente ligadas aos equipos de sobremesa e que conteñan todo tipo de información, como imaxes, contrasinais, correos, contactos, conversacións en redes sociais etc. Lamentablemente, a seguridade non avanzou ao mesmo ritmo, polo que é necesario tomar algunhas precaucións ao usalos. Coidado co teléfono móbil! Non o esquezas xa que sabe moito de ti (moitos datos, contactos, mensaxes, imaxes, datos persoais...). A Amtega transmitiunos unha serie de consellos aos que facemos alusión ao final deste estudo, no apartado de consideracións e propostas.

  • “Agobiado a ´whatsapps`? Una guía rápida para recuperar la libertad. Cómo mantener a raya el bombardeo de mensajes en esta aplicación. [7]

Un son acompañado dunha vibración e así varias veces ao día, tantas que xa case nin nos molestamos en mirar. Ben, en realidade si porque non podemos evitalo: a dependencia do móbil é tal que non seremos capaces de facer nada máis ata que non nos tranquilicemos e vexamos a que correspondía ese aviso. WhatsApp, pola súa popularidade e a alta taxa de uso, é xa unha categoría á parte. Os avisos son tantos que moitos se dan por derrotados e marcan como lidas as mensaxes que en realidade nin sequera miraron. Pero por fortuna hai formas de recuperar esa liberdade que un día tivemos para domar a aplicación ao noso antollo...

É inevitable que nos metan sen que o desexemos nos clásicos grupos de pais do colexio, ex-compañeiros da universidade etc., nos que sempre hai varios membros locuaces que non dubidan en dar os bos días e deitarnos polas noites e, salvo que un se dedicase en corpo e alma á pantalla do móbil, o máis prudente é silenciar eses grupos nos que a información non adoita ter relevancia. Abonda con facer clic no nome do grupo e despois en "Silenciar" durante o tempo que consideremos prudencial. Outro tanto pode facerse cos contactos que pasen todo o día enviando chistes ou material que non nos interesa. Nese caso, basta con facer clic sobre o nome do contacto no propio chat e despois en "Silenciar". A maxia do asunto é que o móbil deixará de pitar, pero a mágoa e que a burbulla cos mensaxes sen ler seguirá aí.

Hai que partir da base de que o móbil é algo íntimo para un usuario: lévao a todas horas encima e, polo tanto, pode interrompelo en momentos de descanso ou nos que está traballando en algo importante. Con todo, é certo que a maioría dos contactos fai un uso razoable do WhatsApp.

  • A más grupos de WhatsApp, más opciones de divorcio. El ´ningufoneo’ provoca cada vez más peleas de pareja. Por fortuna hemos dado con el contrato que puede evitarlas.” [8]

Noticia na que se expón o seguinte comentario: A escena seguro que lle vai soar. Pode incluso que a vivise en primeira persoa. Unha parella comparte velada nun restaurante ou está sentada cóbado con cóbado no sofá da casa. Unha das partes afánase en conversar, intenta manter o contacto visual, pero no outro lado prodúcese o silencio, os balbucidos, a mirada baixa... O motivo? Que o seu interlocutor está —para desesperación e cabreo do acompañante— absorto na pantalla do móbil. Estamos ante un claro caso de phubbing (acrónimo de phone snubbing, ou ‘ningunear co móbil’), un fenómeno que vai en aumento e que describe á perfección un dos grandes males dos nosos días: cando alguén que está ao noso lado nos ignora porque lle está prestando máis atención ao que ocorre nunha pantalla de móbil. Este vocábulo ten xa o seu equivalente en castelán: "ningufoneo" e os que o practican serían os ningufoneadores.

Un estudo conducido polo profesor James A. Roberts, da Universidade Baylor, nos Estados Unidos, atopou que o 46,3 % dos 453 adultos entrevistados fora ningufoneado pola súa parella e un 22,6 % declarou que esa práctica era fonte de conflito. Hai dous motivos fundamentais, concluíu o experto, polos que o phubbing tiña un impacto negativo nas relacións de parella. Primeiro, porque o tempo que pasamos conectados aos nosos terminais non o estamos empregando en facer algo significativo que de verdade nos una á parella. E segundo, porque o malestar que crea ese hábito conduce, irremediablemente, á pelexa e a unha deterioración da relación. Ademais, as persoas que dicían que sufriran ningufoneo por parte da súa parella eran máis propensas a sentirse deprimidas (en concreto, un 36,6 % experimentara esa sensación cando menos nalgunha ocasión).

O escritor e doutor en filosofía, Enric Puig Punyet aborda este asunto no seu libro La gran adicción. ¿Cómo sobrevivir a internet y no aislarse del mundo?, apunta outro factor que contribúe a crear malentendidos: o feito de que a conexión ao mundo virtual se faga case sempre desde terminais individuais e non é unha experiencia compartida. “Queiras ou non, que nos centremos cada un nos nosos smartphones ou tabletas produce unha sensación de secretismo que non axuda. Ao contrario, esperta suspicacias”, explica Puig. “Esa separación non sería tan drástica se, por exemplo, todos os membros da familia utilizase só un ordenador común”.

  • “Móviles bajo “custodia” en el colegio.” [9]

En relación cos pais, o xuíz de Menores de Granada, Emilio Calatayud, defende que os adultos “deben coidar, educar e protexer os seus fillos moito máis alá das necesidades básicas e iso inclúe a obriga de vixiar como usan as tecnoloxías”. Nesta mesma páxina do xornal, aparece unha Guía del buen uso tecnológico para padres do pediatra Venancio Martínez, na que nos fai once recomendacións entre as que citamos: síntase responsable da vida do seu fillo e asuma o seu papel de primeiro educador, esfórcese por coñecer o medio dixital; poña límites establecendo regras de convivencia e do uso das cousas; sirva de modelo e reforce positivamente o cumprimento das normas; sinale os recorde os riscos para a súa integridade física, psicolóxica e moral: non facilitar claves persoais, posibilidade de “amigos” con falsas identidades, preguntarlles aos pais dos seus amigos sobre a súa percepción, sobre as normas que lles dan aos seus fillos e reclamar a súa colaboración na identificación de calquera uso anómalo.

  • “Por mi adicción a las redes sociales lo perdí todo, hasta evitaba relacionarme. Un joven que fue a terapia por su dependencia de internet relata cómo su personaje virtual anuló su vida real. [10]

Neste artigo expóñense as experiencias dunha persoa de mediana idade, que nos fala dunha conduta incorrecta tras a interrupción das novas tecnoloxías. Esa persoa non se daba de conta de que tiña un problema. Parecíalle que o estar todo o día pensando nas redes era normal, pero —segue comentando— as redes sociais estábanlle roubando a vida. Estivo dez meses con terapia no Proxecto Home e outros seis de reinserción. Agora está recuperada. Foi adicta ao teléfono, pero o smartphone só era un instrumento como pode ser o ordenador ou unha tableta. O problema non era o teléfono porque de non telo usaría outro medio para estar permanentemente conectado. O adictivo era navegar por unha rede social xa que era un medio de illarse dos problemas reais que se lle presentaban día a día na súa vida. Evadíase cando estaba conectado á rede, falando con xente que non sabía quen era no chat. Con esas persoas anónimas podes ser quen queiras ser, buscaba conectarse constantemente; no traballo tamén comezou a ter problemas porque —segundo afirma— comezas a non render o que che corresponde. Así mesmo, preocúpalle que algúns pais lle dean a tableta aos seus fillos para telos entretidos cando nin sequera teñen idade para vestirse sos. Haberá rapaces que saiban manexalos ben pero outros non. Finaliza afirmando que a tecnoloxía non é mala, pero hai que usala ben.

  • Enganchados al Whatsapp: aprovéchalo como herramienta educativa. [11]

A profesora adxunta da Facultade de Educación na Universidade Internacional da Rioxa —Ingrid Mosquera Gende— desenvolve nesta publicación varios contidos interesantes, relacionados coa temática do noso traballo. Así comeza afirmando o seguinte: WhatsApp pode ser moi problemático, na vida en xeral e nos contornos educativos en particular. Pero hai certas cifras que non se poden obviar, por exemplo que WhatsApp no último ano 2016 contaba con máis dun billón de usuarios mensuais, 42 billóns de mensaxes diarias, 250 millóns de vídeos compartidos diariamente; 1,6 billóns de fotos compartidas a diario, máis dun billón de grupos e estaba dispoñible en 53 linguas. A estes números, débenselle engadir os relacionados coa tecnoloxía móbil que vai sumando adeptos, ano tras ano, dun xeito espectacular.

Esta profesora continúa analizando e fálanos doutros aspectos como que: considera conveniente introducir WhatsApp como un recurso educativo máis na metodoloxía docente e que habería que ver como, a que idades, en que condicións, con que regras e con que finalidade. Logo fai alusión ás vantaxes de utilizar WhatsApp (recordatorios de entregas, responder a dúbidas ou facer titorías en liña, ofrecer unha rápida retroalimentación, formar grupos e traballar con eles, motivar o alumnado ao usar un recurso que o atrae, coordinarse con outros profesores; anexar gravacións sonoras, vídeos, enlaces, fotos etc., comunicarse co centro e entre pais…).

Deseguido enumera posibles inconvenientes que hai que ter en conta (a inmediatez como vantaxe pero tamén como inconveniente xa que a xente pode escribir sen pensar ou reflexionar demasiado, a accesibilidade pode ser un problema cando os participantes deshumanizan as persoas ao non telas diante, a falta de privacidade que poida levar a situacións extremas de ciberacoso, a posibilidade de procesos aditivos, o horario de envío …). Os inconvenientes atópanse en gran medida ligados á madurez, o que debería implicar que canto maiores sexan os usuarios máis grande será o seu grao de responsabilidade. Así sacaríanse máis beneficios e habería menos problemas derivados dunha mala utilización do WhatsApp.

A doutora Ingrid Mosquera ao longo deste artigo comenta tamén que as desvantaxes son salvables e que servirán para desenvolver unha boa relación dos estudantes con Internet e as novas tecnoloxías: non se debe educar evitando, senón experimentando, dado que WhatsApp está nas súas vidas, usémolo nós nas nosas aulas ou non, podemos axudarlles a facer un uso adecuado e responsable, facéndoos conscientes dos seus perigos, das súas posibilidades e das súas consecuencias. Cómpre ter coidado co exceso de mensaxes, pero a creación de grupos de WhatsApp pode resultar positiva, ben levados e ben moderados supón un apoio fundamental. Un inconveniente importante pode ser o número de mensaxes recibidas, o seu contido... Ao respecto coincido e aproveito para reclamar xa, con aprendizaxe prospectiva e innovadora, unha pedagoxía para que todas as persoas —adolescencia, xuventude e adultos— saiban comportarse usando adecuadamente as novas tecnoloxías e aprendendo a vivir en rede, de maneira individual e grupal.

  • “Los móviles distraen más a quienes menos los utilizan.” [12]

Nesta páxina de Tecnoloxía Estudo en Xapón, fai alusión a unha investigación sobre a presenza dun smartphone que afecta ao rendemento cognitivo. Así o comeza describindo Rebeca Yanke: “Soaralles a escena e, seguramente, se repetiría nos xantares e ceas do pasado Nadal: unha mesa, varios comensais e os seus correspondentes teléfonos móbiles interrompendo o fluxo natural da conversación. Hai tempo que se sabe que a presenza dun teléfono móbil intelixente pode prexudicar as relacións sociais e que pode distraer a atención necesaria para manter conversacións íntimas. Demostrárono no 2012, dous expertos en respostas emocionais á tecnoloxía, Andrew K. Przybykski e Netta Weinstein da Universidade de Oxford. Catro anos despois, dous especialistas en psicoloxía e desenvolvemento cognitivo da Universidade de Hokkaido, en Xapón, foron máis alá noutra investigación sobre como a mera presenza dun teléfono intelixente afecta ao rendemento cognitivo” das persoas coas que comparte contorno. Sorprendeunos que os que se distraen pola presenza do teléfono son os que menos empregan estes aparatos habitualmente, a mera presenza dun teléfono pode reducir a atención só por querer omitir que está onde está.” Kawahara é prudente e cre que “non pode concluír aínda”. Neste mesmo artigo, Montserrat Mera Fernández —profesora da Universidade Complutense de Madrid— en relación cos estudantes universitarios comenta que: “O 100 % posúe un teléfono móbil e o 97 % un smartphone, son conscientes de que fan un uso abusivo del e saben que os distrae pero non prescinden del na clase nin no seu tempo de estudo, algúns din que deixan o móbil noutro cuarto para evitar tentacións. Fóra das posibilidades pedagóxicas, que son moitas, o móbil é un elemento de distracción”. Segundo a investigación desta doutora, “as distraccións máis frecuentes, en orde de intensidade, son mirar o reloxo e consultar WhatsApp, Facebook e Instagram”.

  • Enfermos digitales. Medidas drásticas contra la creciente dependencia del móvil, que cada día tiene menos de teléfono y más de ordenador.” [13]

Aquí, o autor fai alusión a interesantes reflexións sobre a temática que nos ocupa, entre outras: a adicción aos teléfonos intelixentes chegou ata tal punto que xa se están instalando semáforos no chan. É dicir, luces vermellas, verdes e ámbar para que os peóns saiban cando poden cruzar sen levantar a cabeza. Víase vir. O número de accidentes por culpa dos teléfonos está medrando e non só por usalos mentres se conduce, senón por estar pendentes deles cando un simplemente pasea.

Segundo un informe de Apple, desbloqueamos o móbil entre 80 e 110 veces ao día. Imaxínanse canto tempo se nos vai só niso? Non me estraña que se fale da ansiedade dixital como unha preocupante enfermidade do noso tempo.

A BBC publicaba a pasada semana un interesante informe sobre a dependencia das redes sociais, que recolle, entre outras opinións, a de Christina Crook, autora do suxestivo libro The Joy of Missing out (La alegría de perderse). Cando os adictos dixitais se desconectan, segundo a experta, “teñen medo a perder invitacións, murmuracións das amizades, incluso a ver prexudicada a súa relación social”. Crook sostén que é bo desengancharse das redes sociais completamente de vez en cando, aínda que sexa por un período breve de tempo. Estas vacacións dixitais “pódenlle axudar a construír novos hábitos e a controlar os seus impulsos. Chámanlle desintoxicación.

No recente Mobile World Congress, Nokia volvía presentar con grande esaxeración o seu vello 3310 —un clásico din os que saben— sen conexión a Internet, un teléfono que é só un teléfono ao que os expertos lle auguran un tremendo éxito porque permitirá descansar do traballo e das enfastiosas redes sociais. En suma, un enxeño ideal para estar desconectado, aínda, iso si, estando sempre localizado. Cada un ten a súa propia pantalla. E o malo é que estamos hipnotizados e non somos capaces de deixar de mirala.

Algúns datos de interese, opinións e observacións recollidas nos cuestionarios, así como nas entrevistas individuais ou en reunións de grupos presenciais

  • Existen empresas privadas nas que —expresamente— non se permite usar o WhatsApp, agás no período de descanso que teñen establecido como norma xeral, pensando no ben de todas e de todos os traballadores.
  • O móbil levámolo sempre con nós, pódenos interromper nos momentos de descanso ou cando estamos traballando. Pouco tempo podemos estar sen el. Parece o noso mellor amigo. Espértanos. Probablemente sexa o primeiro obxecto que collemos cando nos levantamos.
  • Somos dalgún xeito escravos del, enganchámonos ás súas vantaxes e desvantaxes, pódenos facer perder a concentración no traballo, crear angustia, motivar… Os últimos estudos parece ser que nos consideran usuarios do WhatsApp entre 8 e 10 horas diarias.
  • Cómpre atender primeiro á familia, antes ca ao móbil.
  • O “wasapeo” debería ser suficiente cun máximo de catro veces ao día, agás por motivos debidamente xustificados (traballo, familia, enfermidades …).
  • Inevitable. Hai que aprender a vivir con el: resignación. Este obxecto que ten cabida nun bolso dalgunha maneira estanos cambiando a nosa forma de vida.
  • Realmente analizamos ou estamos pensando ben o que facemos co móbil?
  • Esta rede de comunicación virtual ten moitas posibilidades pedagóxicas, pero se se consulta moito pódenos levar a diminuír a capacidade de atención e de concentración.
  • Sempre temos alguén con quen contactar ao longo das 24 horas.
  • Cando se utiliza como unha ferramenta máis de traballo, non é unha perda de tempo nin afecta a produtividade nin o rendemento laboral. Así mesmo, cónstanos que nalgún contrato de traballo se especifica a obrigatoriedade de estar pendentes do móbil as 24 horas do día.
  • Algún dos participantes fai constar que utiliza o WhatsApp como un medio excelente para comunicarse cos seus clientes e para promover a empresa. Tamén pode servir para buscar emprego no mundo laboral.
  • Os wasaps son unha moda que adopta a sociedade cando lle interesa e que a destruirá cando apareza outra. Parece que nos dá prestixio.
  • Hai persoas que manifestan que están pendentes do móbil —no traballo— por situacións familiares diversas relacionadas cos fillos, netos, pais maiores, citas médicas etc.
  • Non é raro ver algunha parella de persoas en espazos públicos, cada un ao seu, un lendo o xornal ou vendo a televisión e o outro “wasapeando” continuamente durante bastante tempo, pechados en si mesmos sen compartir intereses.
  • Diversos colectivos de profesionais séntense preocupados pola intromisión de certos membros —pertencentes a grupos de “wasapeo”— en temas que non lles incumben. Consideran que este non debe ser o foro para buscar solucións aos problemas.
  • Existen participantes deste estudo que afirman que tiveron que darse de baixa nalgún grupo de WhastApp por sentírense agoniados, molestos, insatisfeitos, por teren que dedicarlle moito tempo ao chateo coa correspondente perda de tempo. Tamén din que hai contactos que pasan moitas horas enviando chistes ou materiais que non interesan.
  • Non todos os grupos de “wasapeo” son iguais nin serven para a finalidade pola que foron creados. De aí que sexa necesario educar, preparar para utilizalos con aproveitamento adecuado. No caso contrario sería preciso tomar as oportunas precaucións: reeducación.

E xa finalizando este apartado —a título persoal— imos describir algunha experiencia propia ao respecto, o máis aproximada posible á realidade. Neste caso faise a través dunha autoavaliación individual sobre a utilización do WhatsApp e sobre o control de grupos aos que pertenzo, ao longo da primeira quincena do mes de febreiro de 2017. Obviamente deixamos pasar as festas do Nadal dado que —nestas datas— o número de mensaxes enviadas e recibidas, con todo o que supón de vídeos e mensaxes de audio, chistes, fotos, emoticonas, gifs etc., sería unha cantidade moitísimo maior. Cabe dicir que os oito grupos de WhatsApp dos que formo parte son variados, en función das actividades profesionais, de tipo familiar ou de pertenza/relación con institucións socioeducativas e culturais. Expoñemos, pois, a continuación, algúns dos resultados e opinións que nos parecen máis significativos:

  • Desbloqueo o móbil aproximadamente entre 25/50 veces ao día. Loxicamente, isto implica un tempo de dedicación, por mínimo que sexa. Case sempre cerca del. Sérveme de espertador. De vez en cando necesito consultalo e estou bastante pendente del. Aínda así, considero que son capaz de autocontrolarme xa que —no traballo— o teño en modo avión ou sen son. A maioría dos grupos téñoos silenciados. Busco só os momentos de lecer para consultar certas novas, selecciono o que me importa e respondo ao que de verdade me interesa. Esfórzome por darlle prioridade ás obrigas familiares e profesionais, polo que non accedo aos múltiples contidos diarios dalgún grupo ou incluso de contactos individuais. Non obstante, en ocasións teño a sensación de sentirme preocupado pola cantidade de comunicacións con todo o que as acompaña; unha especie de ansiedade, insatisfacción por non ler e responder a todo o que chega. Medo a perder información relevante…
  • Análise dun deses oito grupos de WhatsApp. Non todos os seus membros teñen a mesma actividade de comunicación, nin en tempo nin en cantidade. Así, un dos integrantes chegou a mandar 54 fotos e 18 vídeos (chistes, humor, política… case nada que ver coa finalidade de partida do grupo: información). Iso si, limitándose só a enviar sen responder. Hai aproximadamente dous anos que ten smartphone. Paréceme significativa a maneira que ten de facer chegar tantas mensaxes dese estilo e a facilidade de expandilas a través da rede, a calquera momento do día. Outro membro limítase a responder a todos os chats, é dicir, leos todos xa que sabe de que van (moito tempo). Somos poucos os que o utilizamos só cando é necesario e polo que foi estritamente creado. Nesta citada quincena de febreiro de 2017 circularon no grupo un total de 95 fotos e 34 vídeos. Ao respecto, cómpre ter en conta a cuantificación levada a cabo, en relación co tempo que nos levou escoitar eses vídeos recibidos ou ver fotos e ler as cadeas graciosas ao longo da mencionada quincena: vídeos de duración variable, entre dous e cinco minutos; chistes, críticas, fotos, PowerPoint, entre 30 segundos e un minuto. Isto lévanos a falar dunha media de 150 minutos neste período de tempo. É dicir, ao mes estariámoslle dedicando unhas 5 horas aproximadamente.
  • Teño a impresión de que algúns dos outros grupos están en fase de reflexión, de autocontrol, utilizándose estritamente para o que foron creados.
  • Saín de varios grupos de “wasapeo” por sentirme incapaz de soportar a cantidade de información variada que recibía. Recoñezo que me creaba unha presión considerable, ansiedade, insatisfacción. Parecíame que tiña que empregar moito tempo en prexuízo doutras actividades máis importantes. Ao meu modo de ver, na meirande parte das veces sería máis eficaz e produtiva a comunicación vía telefónica pero ao estilo tradicional, por suposto sen excluír os outros sistemas das novas tecnoloxías actuais.

Todas estas novas, entre outras das moitas aparecidas e recollidas en diversos artigos e medios de comunicación, así como as opinións de diferentes membros de grupos de “wasapeo”, asociacións de pais e nais de alumnado, amizades, familiares etc., permitíronnos profundar un pouco máis no estado da cuestión do problema e no seu estudo, tendo en conta a análise do seu contido. De aí o noso empeño pola busca de posibles solucións ou achegas en relación coa temática que nos ocupa.

Obxectivos do estudo

Tendo en conta o exposto con anterioridade, propuxemos para a presente investigación/acción dous obxectivos de carácter global:

1. Analizar o comportamento das persoas adultas —con desempeño de actividade profesional pública ou privada— en relación co uso/abuso deste sistema de comunicación a través do teléfono móbil intelixente.

2. Coñecer e comprender o emprego, aproveitamento e manexo que fan dos wasaps. Como, cando, por que e para que os utilizan, con que frecuencia o fan e o que significan nas súas vidas, así como a influencia que exercen no ámbito de relacións interpersoais.

Estes dous obxectivos xerais levaríannos a outros máis específicos:

  • Ter un coñecemento das prácticas de uso cotián da poboación adulta sobre os teléfonos intelixentes.
  • Describir a nova cultura dos wasaps neste sector da poboación, así como as súas repercusións comunicativas.
  • Expoñer a necesidade dun cambio de tendencia en canto ao uso abusivo do teléfono celular intelixente no contexto socioeducativo e familiar.
  • Propoñer accións preventivas e de sensibilización —educación do comportamento— ante posibles situacións problemáticas que se poidan producir coa utilización comunicativa dos wasaps.

Luís Davila / O bichero

Metodoloxía aplicada

Neste apartado aproveitáronse todas as oportunidades nos ámbitos da intervención profesional e en diversos contextos de amizades ou familiares en relación co mundo socioeducativo e laboral. Para facer a intervención nas diversas institucións de carácter público e privado, así como noutros ámbitos externos como son as familias, servímonos de distintos paradigmas e dun pluralismo metodolóxico. O estudo inclúe dúas partes básicas que, non obstante, se interrelacionan entre si: unha parte teórica e unha parte empírica, admitindo o principio de complementariedade entre a investigación cuantitativa e a cualitativa. Así, unha parte do traballo inclúe aspectos relativos ao marco teórico conceptual partindo da reflexión sobre a práctica profesional e dunha breve análise do contido de artigos xornalísticos. A outra parte responde á análise de investigación cuantitativa de datos e as súas correspondentes apreciacións cualitativas, optando polo método descritivo e un estudo de enquisa. Da mesma maneira, aproveitáronse as consideracións obtidas a través de varias entrevistas e reunións con familiares usuarios do móbil, co profesorado e compañeiros de traballo, escolas de familias, asociacións de nais e pais do alumnado ou de tipo sociocultural, empregados públicos e con directivos e traballadores de empresas privadas ou en situación de desemprego.

O campo de intervención na orientación psicopedagóxica e profesional, desde o Equipo de Orientación Específico de Pontevedra, permitiunos estar en relación con diversos colectivos de persoas ou institucións (persoal laboral e estatutario do Servizo Galego da Saúde, funcionarios, profesorado, inspección educativa, centros de formación e de recursos, equipos de orientación específicos, familias, axentes sociais, veciñas e veciños, amizades, escolas de familias, traballadores e empresarios en xeral, entre outros). Deste xeito, á hora de elaborar o deseño do estudo empírico para obter datos cuantitativos, tomouse como referencia a poboación de usuarios do teléfono móbil intelixente formada por persoas adultas da provincia de Pontevedra, seleccionando a mostra a través dos datos estatísticos destas persoas adultas situadas xa fóra do sistema educativo. Cómpre subliñar que as persoas colaboradoras nesta investigación/acción, cubriron o cuestionario ou participaron na correspondente entrevista individual/colectiva, aproveitando os momentos dispoñibles despois do desenvolvemento das nosas actividades profesionais ou incluso en tempo de lecer (relación con familias, profesorado, asociacións de veciños, institucións públicas e privadas de carácter social, laboral e sanitario), desde o mes de marzo de 2015 ata o mes de xuño de 2016.

En todo momento se intentou evitar molestias aos participantes, buscando sempre facilidades, puntos de encontro e de motivación para que ofrecesen as súas valiosas opinións. Unha vez máis, aproveitamos para agradecer a súa anónima participación e colaboración desinteresada.

Resumo da ficha técnica

  • Para este traballo partimos, pois, dos parámetros dunha poboación baseada en persoas usuarias da comunicación vía WhatsApp na provincia de Pontevedra que —nesas datas— desempeñaban unha actividade laboral e que non estaban cursando ensinanzas oficiais regradas.
  • Tipo de enquisa: enquisa persoal con cuestionario estruturado, anónimo e confidencial.
  • Tamaño da mostra das citadas persoas adultas: 507 cuestionarios (314 mulleres, 181 homes e 12 sen identificación). Distribución en dúas submostras de 234 cuestionarios para os usuarios de WhatsApp menores de 45 anos e 265 para os de 45 ou máis anos. O 68 % destas persoas son traballadores ou empregados públicos (funcionarios, persoal laboral ou estatuario) e o 32 % restante pertence a empresas do ámbito privado ou a profesionais autónomos.

 

CUESTIONARIOS

EMPREGADOS PÚBLICOS

EMPRESAS PRIVADAS

TOTAL

Persoas menores de 45 anos

133

101

234

Persoas con 45 ou máis anos

207

 58

265

Non contestan sobre a súa idade

 5

 3

 8

TOTAL

345

162

 507 = n

 

  • Datas de aplicación e recollida de datos, coincidindo cos días de intervención nas diferentes institucións ou colectivos profesionais citados con anterioridade, ao longo dos meses de marzo, abril, maio, xuño, setembro, outubro, novembro e decembro do ano 2015 e xaneiro, febreiro, marzo abril, maio e xuño de 2016.

En relación co traballo de campo —realización de entrevistas e aplicación de cuestionarios— para a recollida de datos, fíxose unha intervención e seguimento personalizado segundo o momento e situación na que nos atopabamos. Ao respecto contamos coa colaboración dos que voluntariamente e dun xeito desinteresado quixeron participar, en función das súas dispoñibilidades. Case sempre procuramos aproveitar os períodos de descanso —dentro do horario laboral— ou nas visitas/relatorios/reunións con asociacións socioeducativas, culturais e familiares, así como noutras actividades de tempo libre e de lecer. Partíase dunha motivación, presentación e explicación do que se pretendía conseguir sobre a temática proposta da omnipresencia dos wasaps nas nosas vidas, aproveitando, así mesmo, para recibir as súas achegas e opinións. A nosa pretensión non consistía en seleccionar empresas ou institucións concretas. Estas xurdían en función das necesidades de orientación/asesoramento/formación/colaboración do EOE, coincidindo coa intervención directa nelas ou en actividades derivadas. Así, cando procedía entregábanselle os cuestionarios e recollíanse ao acabar de responder aos ítems propostos. O tempo que necesitaban para poder cubrilos situábase aproximadamente entre os 4 e os 7 minutos

 

SEXO/IDADES

Mulleres <  45 anos

Mulleres >  45 anos

Homes <  45 anos

Homes >  45 anos

TOTAL

Núm. de participantes

152

162

80

101

495

Sen identificar

-

-

-

-

 12

TOTAL

-

-

-

-

507

 

As variables obxecto do estudo son a utilidade da comunicación vía WhatsApp a través do teléfono móbil intelixente, a cantidade/consumo/tempo, a dependencia/necesidade/ansiedade, as adicións e as consecuencias por interrupcións. Coa cuantificación final resultante intentaremos facer a correspondente análise cualitativa, contrastando as opinións, así como as observacións pertinentes sobre as inquietudes expresadas polas persoas participantes.

Conclusións do traballo sobre a omnipresencia dos wasaps nas nosas vidas

O traballo desenvolvido nos apartados precedentes permitiunos extraer varias conclusións en función dos resultados obtidos. Deste xeito e a continuación, facemos fincapé nas que consideramos como máis significativas e interesantes:

  • Tal e como nos consta no cadro anterior, das 507 persoas que cubriron o cuestionario, 310 son mulleres, 179 homes e as 8 restantes non se identificaron. A meirande parte de todas elas (o 91 %) considera que a comunicación vía WhatsApp constitúe un axeitado procedemento para dar e recibir información/axuda entre si. Da mesma maneira, o 83 % opina que este sistema de comunicación tamén se pode empregar, como unha ferramenta máis de traballo.

 

Os grupos de “wasapeo” sabéndoos utilizar adecuadamente poden ser de grande aproveitamento, así no lo indican as diversas entrevistas mantidas ao respecto, así como pola gran maioría das respostas facilitadas a través dos cuestionarios individuais.

  • A incursión nos grupos de “wasapeo” pode incidir na creación de adicións, malos hábitos e aumento de tempo de dedicación a esta tecnoloxía da comunicación en detrimento doutras actividades de tipo persoal, familiar ou social. Unha vez analizadas as respostas emitidas polas persoas participantes, podemos constatar como 406 delas (o 80 %) responden afirmativamente a esta posibilidade mentres que 93 opinan que non (o 18 %) e as 8 restantes non saben ou non contestan a esta formulación.

  • A comunicación a través dos wasaps fainos pensar no consumo deste produto asociado ao teléfono móbil de última xeración, na dedicación a este e na distribución e aproveitamento do tempo, así como na súa utilidade, uso ou abuso. Unha vez analizadas as respostas emitidas polos participantes, podemos comprobar como existen 169 destas persoas adultas (33 %) que din establecer menos de cinco comunicacións (chats vía WhatsApp) por día, o cal nos parece que se sitúa dentro da normalidade. Logo hai 237 (47 %) que manifestan  que wasapean entre 5 e 20 veces ao día, o que nos indica unha porcentaxe aceptable. Non obstante, non podemos dicir o mesmo das demais porcentaxes de usuarios do WhapsApp xa que 71 das persoas que cubriron o cuestionario (o 14 %) chatean entre 20 e 40 veces ao día; 18 (o 4 %) fano entre 40 e 60 ocasións diarias e os 9 restantes (2 %) wasapean máis de 60 veces por día, unha cantidade insignificante pero suficiente para preocuparnos e facer xurdir as alarmas ante a “apnea do WhatsApp”. Estes datos reflicten unha esaxeración no consumo abusivo da comunicación a través do teléfono móbil intelixente, polo que convén telo en conta para corrixir aos potenciais usuarios adictos a el.

  • Segundo as respostas facilitadas polas persoas participantes no estudo, o tempo diario dedicado á comunicación por medio de WhatsApp, resumímolo da seguinte maneira: menos dunha hora ao día (o 77,12 %), entre 1 e 3 horas (o 18,34 %), de 3 a 6 (o 1 %), entre 6 e 10 horas (o 2 %), de 10 a 15 (o 0,60%) e máis de 15 horas diarias (ningún). De seren certos os datos anteriores, preocúpanos a utilización que fan con este utensilio tecnolóxico sempre que o seu uso supere as seis horas diarias, o que parece acontecer, como podemos observar, no 2,60 % das casuísticas que cubriron o cuestionario. Esta porcentaxe, a pesar de ser pequena, parécenos altamente significativa debido ás posibles consecuencias que pode ocasionar. Neste caso estámonos referindo a 13 hipotéticas persoas enganchadas que se aproximan aos estilos de vida virtual. De aí que consideremos necesaria unha información/formación adecuada dentro dos ámbitos familiares, socioeducativos e laborais, coa finalidade de evitar patoloxías derivadas do mal uso e abuso deste recurso tecnolóxico. Dedicándolle tanto tempo a esta tecnoloxía, que nos pode quedar para os demais quefaceres ou actividades da vida diaria? Levamos o mesmo camiño os adultos ca a xuventude? Ao respecto parécenos que é preciso incidir nisto con criterios pedagóxicos de carácter preventivo coa finalidade de evitar usuarios compulsivos.

  • En relación coa recepción de vídeos, PowerPoints, imaxes, fotos, chistes, cadeas graciosas e comentarios ou críticas de diversas índoles, gifs, emoticonas, mensaxes de audio a través de WhastApp, 420 dos colaboradores que contribuíron na investigación declararon que si os recibían con frecuencia mentres que o resto (85) opinaba o contrario. Non obstante, non toda a xente participa na mesma proporción do feito anterior, reenviando eses contidos a outras persoas e pola mesma canle xa que —dos 420 casos citados que contestaron afirmativamente— 197 manifestaron que non os reenviaban a ninguén.

O grao de dependencia das persoas que contestaron aos cuestionarios en relación con este utensilio multiúsos é tal que un 7 % delas asegura que está sempre pendente del, o 42 % está pendente durante o día —incluído no traballo— o 33 % só cando remata a xornada laboral ou en períodos de lecer e tan só un 17 % manifesta que nunca está a expensas do teléfono móbil. Ante estes datos, preocúpannos e chámannos a atención os 36 casos que están sempre pendentes do móbil xa que, aínda que poucos, resulta ser unha porcentaxe significativa pensando nas correspondentes adicións e as súas consecuencias. Ao noso modo de ver, son cantidades como para comezar a acender xa as luces de alarmas. Así mesmo, parécenos que os que se expresan en sentido contrario —nunca están pendentes do móbil— non son tantos, pensando no control do uso do WhatsApp (86 persoas do total das 507 enquisadas).

A dependencia esaxerada dos smartphones, o que dalgunha maneira coñecemos como monofobia, e todo o que supón o uso abusivo deste parécenos que debe ser tratada no ámbito das competencias saber ser e saber estar das persoas adultas, ao igual ca dos adolescentes e da xuventude en xeral, xa que manifestamos certas aparencias desta adición.

  • Debido á necesidade que manifestan por ter que responder ou manter a conversación a través dos wasaps que reciben —os adultos que colaboraron no estudo—, percíbese unha sensación de ansiedade no 8 % deles (42 en total así o consideran), o que cómpre ter en conta. En sentido contrario, o que nos parece máis lóxico, maniféstanse 458 (92 % deles). Así mesmo, á meirande parte dos enquisados (o 80 %) opina que non lle molesta nin lle produce inquietude cando non lle corresponden aos wasaps que envían, se non hai resposta.

  • Así mesmo, parécenos que existen determinados hábitos que se deberían corrixir xa que o 19 % dos que responderon ao ítem correspondente alega que adoita chatear vía WhatsApp cando están en reunións con familiares ou con outras persoas.

  • Case a metade das respostas recollidas nos cuestionarios (222) —é dicir, o 44 % delas— indícanos a existencia de individuos que declaran que chatean en determinadas ocasións por medio do WhatsApp dentro do horario laboral.

Destas mulleres e homes —colaboradores na investigación— que confirman o wasapeo cando están traballando, o 72 % (160 persoas) manifesta que o fai entre unha e tres veces diarias; o 18 % (39 persoas), de tres a seis veces ao día; e un 10 % (23 persoas) responde que chatea vía WhatsApp máis de seis veces ao día dentro do horario laboral.

En todo caso, cómpre facer unha serie de puntualizacións en relación con este apartado:

- Non utilizan o WhatsApp cando están traballando 282 persoas (o 56 %). Desta porcentaxe, 188 persoas pertencen a organismos públicos e as outras 94 son do sector privado. Nesta proporción hai que ter en conta que máis da metade dos participantes no estudo son empregados públicos (345) e o resto (162) de empresas privadas.

- Dos que chatean vía WhatsApp en horario laboral —máis de seis veces ao día—, 11 son empregados pertencentes a institucións públicas e os outros 12 a empresas privadas. Aínda que estas cantidades son pequenas, non deixan de ter a súa correspondente “lectura”. En primeiro lugar, parécenos que este aspecto non foi debidamente analizado, dado que sería preciso un control máis exhaustivo, no suposto de que o WhatsApp se utilizase como unha ferramenta máis de traballo (neste caso non tiña porque haber perda de tempo nin afectar á produtividade ou ao rendemento). Por outra banda, aínda que son poucos os individuos que afirmaron que wasapeaban diariamente máis de seis veces (non controlamos ata cantas veces) —dentro do horario laboral—, preocúpanos o tempo que se ocupa con esta tecnoloxía en detrimento da propia actividade profesional. Ao respecto parécenos que é preciso incidir, con carácter preventivo, coa finalidade de evitar posibles disfuncións que puidesen ocasionar serios problemas dentro do contorno empresarial (baixo rendemento, menos produción, problemas no ámbito das interpersoais, atención dispersa, despedimento,

  • Así mesmo, das 507 persoas consultadas, 231 delas (o 46 %) son conscientes de que fan interrupcións para consultar ou responder os wasaps dentro do horario de traballo.

O tempo diario dedicado ao uso desta tecnoloxía dentro da xornada de traballo, tendo en conta as respostas facilitadas polas citadas 231 casuísticas que responderon afirmativamente e dun xeito anónimo, queda reflectido da seguinte maneira: un 63 % manifesta que interrompe a súa xornada laboral entre un e cinco minutos ao día;  o 21 %, entre cinco e dez; o 9 %, de dez e quince minutos e o 7 % emprega máis de quince minutos diarios dedicados ao WhatsApp coas correspondentes interrupcións. Estes datos recollidos no cuestionario aplicado fannos pensar na necesidade de elaborar suxestións para aprender a comportarse e a vivir con esta tecnoloxía. Posiblemente teñamos que facer uso de certas pautas, a modo de prevención ante determinadas situacións laborais, socioculturais, educativas, familiares ou de amizades que talvez xa se nos están presentando. Así, a porcentaxe de persoas que lle dedica un tempo superior aos 10 minutos diarios para atender o wasapeo —ao longo da xornada laboral— parécenos inquietante polo que puidese incidir na falta de dedicación ao traballo (agás que o fixesen dentro do período de descanso autorizado ou que se utilizase como un medio máis para desempeñar a súa actividade profesional, tal e como se comentou no apartado anterior).

Como se pode comprobar observando o gráfico anterior, 20 persoas (o 9 %) contestaron que utilizan esta tecnoloxía entre 10 e 15 minutos diarios e 16 persoas (o 7 %) dedícanlle máis de 15 minutos por día dentro do horario de traballo. Isto indícanos que entre as 20 persoas poden chegar a perder sobre unhas 60 horas ao mes en distraccións relacionadas co uso do WhatsApp (collendo como referencia o mínimo/10 minutos por día) e as outras 16 perderían 80 horas ao mes (referencia 15 minutos por día, sen ter en conta tempos superiores). Con toda a prudencia que hai que ter en conta, debido ao tamaño da mostra ou a que o WhatsApp fose empregado como un medio de traballo, preocúpanos e parécenos que estas cantidades nos poden facer pensar na necesidade de concretar propostas ou medidas preventivas para saber por que, onde, cando, como e canto utilizar esta forma de comunicación, coa finalidade de minimizar os posibles efectos negativos que puidesen ocasionar estas aplicacións.

  • As pausas ou interrupcións constantes para atender os contidos dos wasaps, en xeral, ocasionan perdas de tempo e afectan á produtividade e ao rendemento laboral. Así o considera o 69 % das persoas que responderon a este apartado. Desta citada porcentaxe (un total de 348 persoas), 225 traballan no sector público e as outras 123 fano na empresa privada.

  • Non parece que existan dúbidas ante a necesidade dunha axeitada educación para o comportamento, en relación coa utilización adecuada das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Así o reflicten practicamente todas e todos os participantes na enquisa (o 98 %).

Tal e como se percibe ao analizar o proceso investigador levado a cabo no estudo, recollemos as seguintes apreciacións que, ao noso modo de ver, son as máis significativas:

- Na actualidade existe unha porcentaxe importante de xente que manifesta fomo e monofobia. Ten medo a perder algo se non le todas as mensaxes. Móstrase ansiosa, inquieta ante a necesidade de estar sempre conectada ou de ter que dar resposta aos wasaps.

- Como puidemos comprobar, percíbese unha adición ou “apnea do WhatsApp” con exceso de chats e de tempo dedicado a estes. É preciso potenciar o desenvolvemento dun uso responsable, no ámbito individual e en relación aos grupos.

- Cómpre ensinar a utilizar correctamente o smartphone, para evitar o mal uso e abuso, dado que as persoas son usuarias moi activas e déixanse influenciar con bastante facilidade.

- Obviamente preocúpannos as posibles adicións, malos hábitos relacionados cos grupos de WhatsApp, así como as hipotéticas perdas de tempo, debido ás pausas ou interrupcións para atender os seus contidos. Todo o que puidese afectar á estabilidade emocional e á actividade física, así como á produtividade ou ao rendemento dentro do horario laboral.

Unha vez máis, todo isto parece indicarnos que a prevención destas probables patoloxías se debería centrar fundamentalmente nun proceso informativo/formativo, limitando razoablemente o tempo de utilización do teléfono móbil e evitando a circulación, a través dos wasaps, de contidos inadecuados para a saúde persoal e social. Hoxe necesítase moita educación do comportamento, o que se coñece como netiqueta. Unha proposta que facilite o respecto pola privacidade e o coidado da convivencia nas redes sociais. Pautas para facer os contornos interactivos, agradables e produtivos igual ca na vida real. Unha nova pedagoxía centrada no coidado da convivencia e das normas de cortesía para os que están conectados, que lles preste atención ás competencias globais, aos horarios e tempo de dedicación e á comprensión/análise das repercusións que se puidesen derivar, sobre todo cando temos a nosa vida exposta a este tipo de comunicación virtual. Antes de publicar mensaxes de texto ou de audio, selfies (autorretratos), fotos, vídeos, gifs ou emoticonas, debémolo pensar ben, tratando de evitar disfuncionalidades. Usar primeiro o cerebro que pensa e que sente, logo o teléfono móbil conectado á rede, á hora de chatear vía WhatsApp con persoas descoñecidas que se agachan ao outro lado da liña.

Consideracións e propostas a modo de reflexión

- Ao igual ca no estudo realizado co alumnado de ensinanza non universitaria no ano 2014, seguimos percibindo tamén coas persoas adultas a necesidade dunha maior sensibilización e medidas de carácter preventivo. Entendemos que é preciso un repensamento continuo, valoración, impacto, xestión das relacións virtuais, privacidade e seguridade cibernética, intimidade etc., así como unha formación específica dentro dos contextos de tipo laboral, socioeducativo e familiar, a través de sesións informativas/formativas para xente interesada.

- Recomendamos silenciar ou apagar os smartphones polas noites, así como dentro do horario laboral, agás que teñamos que utilizalos como unha ferramenta máis de traballo. Da mesma maneira, aconsellamos non publicar fotos que nos poidan identificar ou situar en determinados contextos. Cómpre tomar as oportunas precaucións ao respecto.

- Nos terminais móbiles intelixentes gárdase moita información de carácter privado ou íntimo (datos persoais, fotos, contactos, mensaxes de texto ou de audio, wasaps, vídeos familiares etc). Por iso hai que ter moito coidado con este utensilio, tratando de evitar o seu roubo. Á parte do que supón a súa perda economicamente, tamén pode servir para lles dar pistas, de ser o caso, aos amigos do alleo cando non estamos na casa ou sobre a nosa xeolocalización, cos conseguintes perigos que pode supoñer.

- Unha mala utilización dos teléfonos celulares de última xeración pode provocar adicións, problemas de relación social ou situacións de risco nas persoas adultas, sobre todo cando non están dotadas de suficientes coñecementos ou recursos necesarios para defenderse e actuar ante situacións comprometidas. Para evitar esas hiperconexións, recomendamos e propoñemos conectarse só un máximo de cinco veces ao día —agás por motivos laborais ou de tipo familiar— buscando os momentos máis propicios para facelo. A prioridade debe ser sempre a familia, o traballo e a comunicación bidirecional entre as persaos fóra do ámbito dixital. A actividade física, o xogo, o deporte e un bo emprego da educación no tempo libre, entre outros, parécenos que poden incidir moito na mellora dunha saúde global, na recuperación das nosas liberdades sen sermos escravos tecnolóxicos, na educación en valores, nas regras de convivencia e, en definitiva, para axudar a ser persoas con competencias globais.

- Os sistemas de mensaxería instantánea tipo WhatsApp non están exentos de riscos dado que non velan pola intimidade dos usuarios nin están implicados na seguridade das persoas. De aí que as novas tecnoloxías teñan que evolucionar a un ritmo vertixinoso. A competencia entre as distintas aplicacións pode axudar a que medre o interese en materia de seguridade cibernética, para que as mensaxes teñan data de caducidade (autodestrutibles), realizar chats privados e protexer a información que intercambian os usuarios.

- As familias deben predicar con exemplos ante os menores, usando os smartphones só cando sexa necesario. Transmitirlles a importancia de coidar a súa privacidade en Internet, creando perfís privados, utilizando contrasinais seguros; manter contacto unicamente coas persoas que se coñecen na realidade, pensar ben antes de subir unha foto a Internet, asegurarse de que saben como rexeitar ou bloquear contactos das redes sociais e chats e de que coñecen as ferramentas de denuncia.

- Debido á inmediatez deste recurso e á facilidade con que chega ás persoas, percíbese a necesidade de incidir nelas para que reflexionen e pensen ben sobre o que escriben ou o que van enviar, antes de publicalo. Así mesmo, a accesibilidade tamén pode constituír un problema sempre que os participantes deshumanicen a xente cando non está diante. De aí a necesidade dunha educación do comportamento para facer usuarios responsables, que sexan conscientes dos seus perigos, das súas posibilidades e das súas consecuencias.

- Os grupos de WhatsApp poden ser de grande utilidade, sempre e cando se empreguen coa  finalidade concreta pola que foron creados. Convén seleccionar as persoas que formen parte deles, o por que e o para que. Sería aconsellable que ao crealos exista un motivo específico: información estrita e concreta dentro do ámbito laboral, familiar, sociocultural, didáctico/pedagóxico ou de amizades; envío/recepción de fotos ou vídeos en contextos pechados, chistes, mensaxes de carácter político, recordatorios, arquivos de interese, distracción, organización de eventos, traballo cooperativo, motivación etc.

- Ante a aparición de posibles hándicaps e con carácter preventivo, parécenos que debería haber unha persoa responsable —o creador, coordinar ou moderador do grupo— que faga chamadas de atención para corrixir os que se comunican apartándose das temáticas propostas e consensuadas para todos os seus integrantes. En xeral, o grupo deberíase aproveitar só para o que foi creado xa que todo o que non garde relación con iso parécenos que sobra.

- A experiencia e a aprendizaxe dos propios erros indícannos que debemos mellorar día a día. Dentro dos citados grupos de “wasapeo” temos que coidar o exceso de mensaxes (envío/recepción), así como os seus contidos, establecer o número mínimo e máximo de intervencións e buscar un horario adecuado para a participación. Para unha correcta utilización e funcionamento, estes grupos non deberían estar formados por moitas persoas.

- Nas institucións educativas cabe suxerir a conveniencia de promover debates internos —entre profesorado e familias— sobre o uso/abuso/riscos da comunicación a través dos teléfonos móbiles intelixentes, sobre todo pensando en determinados grupos de “wasapeo” de pais/nais que existen nos colexios. Os temas escolares deberíanse resolver no propio centro antes de publicalo no grupo, xa que iso pode crear maiores problemas en vez de resolvelos.

Tendo en conta o exposto con anterioridade, tal e como publicamos en anteriores traballos de investigación-acción, seguimos recomendando —tamén para as persoas adultas— moitos dos consellos do decálogo elaborado pola Asociación Protégeles, tratando de evitar hipotéticas situacións problemáticas ou perigosas aquí mencionadas, entre outras:

  • Non debes publicar fotos túas ou dos teus amigos en sitios comúns.
  • Utiliza perfís privados nas redes sociais.
  • Cando subas unha foto na rede social, asegúrate de que non ten un compoñente sexual. Pensa se estás disposto a que esa foto poida chegar a vela todo mundo e para sempre.
  • Non aceptes na túa rede social persoas que non viches fisicamente e ás que non coñezas ben. Se tes 200, 300 ou 500 amigos, estás aceptando a persoas que realmente non son amigos nin familiares teus.
  • Respecta os teus propios dereitos e os dos amigos. Tes dereito á privacidade dos teus datos persoais e da túa imaxe: non publiques nin fagas públicos os dos demais.
  • Utiliza contrasinais realmente privados e complexos. Non inclúas nos teus nicks e identificativos datos como a túa idade, data de nacemento etc.
  • Ante situacións problemáticas, NON cedas á chantaxe. Denúnciao á Policía ou á Garda Civil. Garda todas as probas que poidas: conversacións, mensaxes, capturas de pantalla…

Da mesma maneira expoñemos algúns consellos facilitados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega):

  • Ten coidado coas conexións ás redes wifi abertas, moitas non son seguras e existe o risco de que outras persoas poidan ler o teu tráfico de datos.
  • Evita instalar aplicacións innecesarias, especialmente de fontes non oficiais.
  • Utiliza unicamente o sistema orixinal do fabricante e manteno actualizado. Os sistemas alternativos poden conter portas traseiras, introducir debilidades e utilizar fontes de aplicacións sen ningún tipo de supervisión.
  • Fai copias de seguridade periódicas.
  • Antes de desfacerte dun dispositivo, lembra borralo de forma segura.
  • Procura usar unicamente cargadores fiables.
  • Sé precavido no uso dos servizos de mensaxería instantánea e correo electrónico.
  • Ao instalar unha nova aplicación, revisa os permisos que a aplicación precisa.
  • Coidado co teléfono móbil, non o esquezas xa que sabe moito de ti.

Finalizamos a presente investigación reafirmando unha vez máis a nosa aposta polas novas tecnoloxías, entre as que se encontran os smartphones. En todo caso, consideramos que sería necesario inculcar un coñecemento do mundo real sobre o mundo virtual, as relacións interpersoais e o diálogo cara a cara, ensinando a desenvolver unha identidade dixital de forma responsable. Todas as actividades que desenvolven a través dos wasaps deixan pegada e poden comprometer a súa imaxe. De todos os xeitos, esta maneira de comunicarse —ben utilizada— pode ser unha gran vantaxe xa que, de forma fácil e rápida, se fomenta o diálogo entre as persoas, se poden compartir recursos e favorecer a aprendizaxe colaborativa ou desenvolver habilidades comunicativas, ademais de ser, como xa se mencionou, unha ferramenta de traballo en determinadas profesións, entre outras. Ao respecto e para poder levar a cabo as citadas actividades, entendemos que é preciso un bo coñecemento da tecnoloxía, formación, recursos económicos, a implicación de todos e de todas e, sobre todo, investigación e innovación.

Na actualidade, desconectarnos do “mundo virtual” —saturado de información, imaxes e mensaxes— non está resultando ser unha tarefa doada, a pesar de que nos poida estar illando ou causando ansiedade e desigualdade. É certo que cada vez somos máis as persoas que desexamos controlarnos e centrarnos no que acontece no noso arredor. Cómpre, pois, ser conscientes e renunciar ao exceso desas conexións a través do móbil. Aprender a comportarnos e a vivir en rede, coa finalidade de favorecer a nosa calidade de vida e a mellora da saúde emocional.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Notas:

[1] Cf. Andrés Losada, La Voz de Galicia, 16 de novembro de 2014, páxina 18.

[2] Cf. ECG, El Correo Gallego, 24 de novembro de 2016, páxina 16.

[3] Cf. Sandra Faginas, La Voz de Galicia, 19 de xaneiro de 2015, páxina 23.

[4] Cf. Faro de Vigo, 10 de novembro de 2014.

[5] Cf. María Cedrón, Miguel Ángel Prat e Tamara Montero, La Voz de Galicia, 11 de abril de 2016, páxinas 4 e 5.

[6] Cf. Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Mensaxe enviada o 24 de outubro de 2016.

[7] Cf. José Mendiola Zuriarrain, El País, 30 de decembro de 2016.

[8] Cf. María Sánchez, El País, 2 de febreiro de 2017.

[9] Cf. Amaia Mauleón, Faro de Vigo, 3 de febreiro de 2017, páxina 33.

[10] Cf. María Cedrón, La Voz de Galicia, 19 de febreiro de 2017, páxina 25.

[11] Cf. Enganchados al WhatsApp: aprovéchalo como herramienta educativa.

[12] Cfr. Rebeca Yanke, El Mundo, 5 de marzo de 2017, páxina 27.

[13] Cf. Juan Carlos Laviana, Faro de Vigo, 10 de marzo de 2017, páxina 25.

 

Bibliografía:

CARR, N. (2011): Superficiales. ¿Qué está haciendo Internet con nuestras mentes? Madrid: Taurus.

Decreto 8/2015, do 8 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa en materia de convivencia escolar (DOG do 27 de xaneiro de 2015).

PUIG PUNYET, E. (2016): La gran adicción. ¿Cómo sobrevivir a internet y no aislarse del mundo? Barcelona: Arpa Editores.

RAPOSEIRAS, J. (2013): “Uso/abuso da telefonía móbil entre o alumnado de ensinanza secundaria”. Eduga. Revista Galega do Ensino, 65 (soporte dixital). Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

RAPOSEIRAS, J.(2014): “A comunicación do alumnado a través de WhatsApp. Un novo reto da pedagoxía”. Eduga. Revista Galega do Ensino, 67 (soporte dixital). Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

VACAS AGUILAR, F. (2007): Teléfonos móviles: la nueva ventana para la comunicación integral. Madrid: Creacións Copyright.

 

Webgrafía:

Acción titorial. Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos. Dispoñible en http://www.edu.xunta.es/web/node/10670 (consultada o 30 de xaneiro de 2017).

Axencia Española de Protección de Datos. PortalwebAGPD. Dispoñible en http://www.agpd.es (consultada o 31 de xaneiro de 2017).

Área didáctica para profesores e pais da citada AGPD. Dispoñible en http://www.tudecideseninternet.es (consultada o 1 de febreiro de 2017).

Convives. “Asociación para la convivencia positiva en los centros educativos”. Dispoñible en http://convivenciaenlaescuela.es (consultada o 1 de febreiro de 2017).

Mosquera Gende, Ingrid: “Enganchados al Whatsapp: aprovéchalo como herramienta educativa”. Dispoñible en http://blog.tiching.com/enganchados-whatsapp-aprovechalo-como-herramienta-educativa/?utm_source=subscribe2&utm_medium=email (consultada o 22 de febreiro de 2017)

Internet Para educ@r. “La red de docentes e instituciones educativas del siglo XXI”. Dispoñible en http://internetparaeducar.com (consultada o 23 de marzo de 2017).

“Oficina de seguridad del internauta” (OSI). Dispoñible en http://www.osi.es (consultada o 14 de marzo de 2017).

Revistagq.com la buena vida. “WhatsApp de madre”. Dispoñible en http://www.revistagq.com/la-buena-vida/articulos/whatsapps-de- madre/20610 (consultada o 3 de febreiro de 2017).

 

 

Sección: