Emprender na historia

Reflexión sobre unha experiencia de aprendizaxe que buscou a motivación afectiva cara ao espírito de emprendemento no alumnado de Historia de cuarto da ESO, mediante a investigación sobre personaxes na historia moderna e contemporánea cunha praxe baseada na “gamificación” para a elaboración de materiais curriculares coas tecnoloxías da información e a comunicación.

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de CC. SS. Historia
IES S. Basanta Silva (Vilalba-Lugo)

 

Contextualización

Ao abeiro da maior crise económica desde a Segunda Guerra Mundial e coa referencia do Crack do 29, as institucións educativas e a propia sociedade veñen reclamando unha atención específica á cultura do emprendemento, aquela baseada na iniciativa persoal e na creatividade como impulso que favoreza a creación de oportunidades coas consecuencias benéficas no ámbito do benestar social que facilite a realización persoal e colectiva da cidadanía, sen esquecer nunca a súa dimensión humanista, fin derradeiro da educación, polo tanto, o desenvolvemento do sentido crítico diante da realidade socioeconómica do presente.

Desde a materia de Ciencias Sociais desenvolveuse esta experiencia que incidiu en determinados personaxes do pasado que no seu tempo e momento supuxeron un claro exemplo de iniciativa persoal, creativa e/ou de liderado nos eidos económico, social, político, ideolóxico e artístico. A proposta incluíu a investigación, por parte do alumnado, dunha escolma de homes e mulleres en determinadas unidades didácticas. O obxectivo final foi coñecer e valorar a iniciativa persoal e individual como impulso do acontecer histórico e, ao tempo, animar o alumnado a esa mesma actitude emprendedora diante do seu futuro por un proceso de emulación.

No ámbito das Ciencias Sociais, o cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, co estudo da historia contemporánea, resulta especialmente propicio para tratar esta cuestión, a do emprendemento, xa porque se inclúen no currículo aspectos que destacan a iniciativa como fonte do cambio histórico, xa porque a idade do alumnado resulta especialmente propicia para aprendela e integrala significativamente, de xeito paralelo ao seu proceso de maduración e adquisición progresiva do “pensamento lóxico-formal”.

Obxectivos

De concepto

  • Coñecer determinados personaxes emprendedores na historia.
  • Identificar os principios emprendedores nos personaxes.

De procedemento

  • Localizar a información axeitada na rede cun criterio científico.
  • Elaborar, coa información obtida, os informes sobre os emprendedores.

De actitude

  • Valorar os principios de emprendemento dos personaxes.
  • Integrar como coñecemento significativo e útil o valor do emprendemento.

 

Temporización

Os traballos de investigación foron propostos ao alumnado segundo se desenvolveu a unidade didáctica correspondente co currículo do curso. Daquela escolleron os diversos personaxes en función do seu interese. Posteriormente á investigación foron expostos na aula para que o resultado de cada achega individual repercutise no conxunto. É nesa exposición e posta en común dos traballos onde o profesor destacou e incidiu naqueles aspectos claramente emprendedores dos personaxes, transmitindo e facendo promoción desa actitude coas consecuencias positivas que ten individual e colectivamente nunha sociedade que se beneficia desa maneira de actuar.

Durante o primeiro trimestre, a partir das propostas e doutras que xurdiron na aula segundo o seu interese, presentáronse os seguintes traballos nos que salientan determinadas personalidades cunha frecuencia maior: Colón, Isabel Barreto, Henrique o Navegante, Gonzalo de Vigo, Sarmiento Gamboa, Leonardo da Vinci, Gutemberg, Galileo, o padre Feijoo, Newton, George Washington, Robespiere, Napoleón, os irmáns Grimm, Simón Bolívar, Garibaldi. Todas estes personaxes pertencen ai período que vai do Renacemento ata as revolucións liberais e nacionalistas do século XIX.

Co obxectivo de potenciar o emprendemento feminino, durante o segundo trimestre foron analizadas unha serie de novas do xornal La Voz de Galicia. Nunha do 25 de xaneiro de 2015 infórmase de que “el emprendimiento gallego es femenino” e engádese que “Galicia tiene casi 100.000 autónomas y es la segunda comunidad que ganó más afiliadas durante la crisis; solo en el último mes, ellas coparon 90 de las 100 altas registradas”, fai especial fincapé o xornal en que son “más valientes” á hora de emprender. Neste mesmo xornal, o 28 de xaneiro destacouse que “Estudiantes gallegas crean un dron que transporta órganos para transplantes” e afonda no cambio que se está operando nas carreiras de enxeñería, tradicionalmente escollidas polos varóns. Finalmente, a publicación da primeira biografía de Rosalía Mera, cofundadora do emporio industrial Inditex, vén poñer en valor unha muller silenciada pola tradicional atención ao logro masculino e a súa histórica discriminación por medio do artigo “Las mujeres han de trabajar 79 días más para ganar lo que los hombres” segundo La Voz de Galicia, o 17 de febreiro de 2015.

Nese mesmo sentido, a principios de marzo de 2015, o informe PISA puxo de manifesto que as alumnas obteñen peores notas ca os alumnos a pesar de que se constata que elas son, en xeral, máis responsables e dedican maior tempo ao estudo. As conclusións amosan como esta situación condiciona a escolla futura, pois elas teñen maior presenza en titulacións de Ciencias Sociais e Xurídicas, Artes e Humanidades e Ciencias da Saúde, mentres que eles están máis presentes en Enxeñería e Arquitectura e ademais repiten máis cursos. E mentres elas destacan en lectura, eles fano en matemáticas. O informe reclama, para mudar a situación, primeiro potenciar a autoestima das alumnas, pois unha educación baseada en aspectos tradicionais discrimínaas colocándolles un teito invisible que lles impide prosperar en igualdade; e segundo, desbotar tópicos sobre estudos para homes ou mulleres, pois o propio informe constata a igualdade de capacidades intelectivas.

Por medio do artigo de prensa do 6 de marzo de 2015 de La Voz de Galicia, o alumnado puido coñecer de primeira man estes datos e as reflexións, acompañado coa visión dunha pequena reportaxe (12 minutos) da cadea V-Televisión sobre as gañadoras galegas de debate de Filosofía, dúas alumnas do IES Pontepedriña de Santiago de Compostela, que reflexionaban e argumentaban estes e outros aspectos de interese sobre as circunstancias de xénero.

 

Metodoloxía

Para potenciar a motivación, ao longo do curso foi aplicada unha metodoloxía inspirada na gamificación ou aproveitamento da enerxía lúdica (en inglés to game, ‘xogar’) que todas as persoas desenvolven. Autores como Kevin Werbach e Dan Hunter entenden que esas dinámicas incentivan e estimulan a implicación e participación e neste caso levou a un “xogo” case espontáneo en ambos os cursos con respecto á dinámica desenvolvida. Cada grupo xerou, polo tanto, unha identidade colectiva de aula, que alimentou a realización de propostas individuais por ver quen lograba o mellor resultado, polo que o traballo de equipo tamén está presente. En función de metas máis elevadas, os logros foron tamén maiores beneficiando unha praxe que se recargaba con esa “enerxía lúdica” que na adolescencia, en relación co “xogo”, resulta moi interesante e efectivamente motivadora. O incentivo e desafío por parte do profesor estimulou o logro colectivo.

En definitiva, alén da iniciativa e dos obxectivos previstos, a experiencia colleu unha dinámica propia que só houbo que canalizar axeitadamente para evitar calquera desvirtuación no fin derradeiro do proceso educativo, unha formación que constrúa con principios humanistas, pois determinados personaxes tiñan, alén do seu espírito emprendedor, matices non tan loables en relación coas cuestións de liderado, por exemplo.

Ademais, no derradeiro curso de educación secundaria obrigatoria, o alumnado continúa amosando a “capacidade de asombro” tal e como a concibiu para o seu aproveitamento educativo Rachel Carson no seu recoñecido “Sentido del asombro”. Aínda que pensado e deseñado para cursos iniciais, a mocidade sempre é receptiva ao “triángulo do asombro” establecido entre ela, o educador e a realidade. Segundo a autora, o docente debe provocar a curiosidade e asombro dos educandos para que a aprendizaxe non resulte pasiva. Determinadas circunstancias do acontecer histórico, mesmo anecdóticas, poden e resultan potentes estimuladores do asombro e da consecuente curiosidade.

A selección de personaxes concretos pretendeu resaltar algún aspecto determinado coas consecuencias na historia, reflexionando que estes son froito dos tempos, pois non son só eles os que dirixen o acontecer, pero si quen, nun intre determinado, coa súa actitude emprendedora e de liderado, conduce os acontecementos cara a un lugar previamente inesperado con consecuencias no devir colectivo. Por medio do coñecemento e reflexión de cada caso, intégranse valores positivos de iniciativa persoal para a vida, sendo o “asombro” o detonante para o proceso cognitivo activo do que é protagonista. Poderiamos concluír que, no canto de “transmitir” o coñecemento, se trata de “contaxiar” a ansia de coñecer.

 

Protagonista porque, nunha adaptación pertinente, o alumnado pon en práctica a metodoloxía da flipped clasroom ou clase inversa segundo o concepto definido por José Manuel Pérez Tornero e Mireia Pi en “Perspectivas 2014. Tecnología y Pedagogía en las aulas”, desenvolvido inicialmente para que o alumnado aprenda alén da institución académica cuns parámetros “non formais” por se produciren os coñecementos nun espazo e tempo distinto da aula, polo tanto, con base no principio de aprendizaxe informal, pois, unha vez incentivados o asombro e a curiosidade, investiga pola súa conta, principalmente na rede, fóra do ámbito escolar, na súa casa e/ou biblioteca, aspectos concretos do personaxe histórico, elabora o informe breve e, na aula, xunto cos demais traballos presentados, faise unha posta en común. O profesor non é agora quen transmite a selección de coñecementos. Ao contrario, o alumnado presenta conclusión tratadas pola súa conta e con autonomía fóra do ámbito escolar formal e colabora na elaboración do coñecemento guiado polo docente que avaliou previamente a súa proposta. As competencias son colocadas en primeira liña e os educandos son os protagonistas do proceso de aprendizaxe.

Avaliación

Ao ser concibida coma unha actividade complementaria que se presenta de xeito voluntario, a avaliación fíxose unha vez reunidas as propostas para unha valoración do conxunto e individual. En cada traballo o profesor valorou e indicou aqueles aspectos importantes e diferentes para evitar a repetición estéril de ideas na exposición na aula. A lectura do destacado en cada unha das investigacións revaloriza o resultado final do perfil estudado que se conformou coa suma de matices.

A avaliación inclúe para cada alumno a cantidade de propostas ao longo do período, a calidade de cada unha das propostas e, finalmente, a breve exposición dos descubrimentos máis importantes respecto do personaxe na aula. O valor final do seu resultado sumouse ponderado ás probas obxectivas dos exames realizados no período correspondente. Nos cadros adxuntos cuantifícase o alumnado que presentou un determinado número de traballos de investigación.

O máis destacado durante a avaliación foi o aumento de propostas presentadas, pois de 102 no primeiro trimestre (80 propostas de 4.º A, das que destacan en primeiro lugar George Wahington e Isabel Barreto, e 42 propostas de 4.º B, entre as que destacan Napoleón e Leonardo da Vinci) pasouse a 124. Porén, neste período foi 4.º B, con 70 propostas, quen supera a 4.º A, con 54. Constátase tamén o diferente interese de ambos os grupos xa que, sendo as mesmas propostas, manifestaron as súas preferencias: en 4.º A destacaron Coco Chanel e Rosalía Mera  e en 4.º B Rosalía Mera e Henry Ford. Outros personaxes tratados nesta avaliación foron Adam Smith, Domingo Fontán, Sargadelos, Exposicións Universais, Emilia Pardo Bazán, Henry Ford e Pablo Iglesias. En ambas as avaliacións se pode constatar que, malia ser menor o número de personaxes femininas propostas, estas acadan un interese maior, especialmente entre as alumnas, tal e como demostra a clasificación anterior, pois estas buscan e procuran referentes de autorrealización que poidan ser válidos.

Esta particular dedicación de cada grupo demostra non só que os intereses son diversos diante das mesmas propostas, tamén que a “enerxía lúdica” incentiva a dinámica de traballo como evidenciou a satisfacción do grupo de 4.º B por mellorar os seus resultados do primeiro trimestre e mesmo superar a 4.º A. Polo tanto, investigando sobre as actitudes creativas e emprendedoras, o alumnado integra esa mesma filosofía de superación dunha maneira natural, sen esquecer que ambos os grupos melloraron en cantidade e en calidade as propostas debido ao incentivo do resultado mellor. De feito, por iniciativa propia, no segundo trimestre eles mesmos propuxeron e presentaron traballos de investigación sobre outros temas do seu interese como os socialismos utópicos, a City de Londres e o seu papel na economía mundial, o barrio de Cristhiania na capital de Dinamarca, os kibutz en Israel ou a industrialización en Xapón, por citar algúns exemplos.

 

Para o terceiro trimestre e coa teima de introducir as TIC na praxe educativa, procurouse unha tarefa diferente. Coa bagaxe da visita dunha parte do alumnado a Francia, e baixo o título de París, a cidade das revolucións, procuraron información e retrataron algúns dos escenarios deses fitos revolucionarios nos eidos filosófico, político, económico, científico e artístico. Co material reunido elaboraron contidos curriculares co programa Windows Movie Maker, pequenos vídeos de 90 segundos de duración coas seguintes cuestións: La Cité, sede dos tribunais de xustiza, o imperio da lei; O Louvre, de palacio do monarca a museo do pobo; Halles, o mercado, o mercantilismo e o liberalismo; Eifell, unha torre revolucionaria; O Arco de Triunfo, Napoleón e Europa; Bastille e o Panteón, lugares da revolución liberal francesa; finalmente, o Grand e Petit Palais, exposición da revolución industrial.

O obxectivo foi, por medio das 36 achegas individuais, compoñer un vídeo de 15 minutos aproximadamente que reunise as mellores propostas, demostrando así as virtualidades do traballo en equipo ao que non quixo ser alleo o propio profesor, quen, ademais de ofrecer fotografías para cubrir algunhas lagoas documentais, elaborou un dos vídeos no que se reflexiona sobre Santiago de Compostela e París, unidos polo Camiño Francés que parte, na cidade do Sena, da torre-campanario da igrexa de Saint Jacques, utilizada no pasado como laboratorio de experiencias científicas. Esa implicación docente estimula, por emulación, a iniciativa do alumnado que quere participar, xunto ao profesor, do logro. Os cinco vídeos que aquí se recollen son unha escolma dos que se reuniron para compoñer a película definitiva que foi posteriormente proxectada nos grupos de referencia e tamén, para a súa valoración, a outros cursos e niveis, especificamente aos compañeiros de segundo de bacharelato que a avaliaron, por medio dunha enquisa, moi positivamente, aumentando o grao de satisfacción do alumnado que elaborou o filme ao verse recoñecido por outros membros da comunidade educativa.

 

 

Conclusións

O resultado final foi a implicación activa do alumnado no proceso de aprendizaxe no que se sentiu protagonista. O máis importante, por medio da enerxía lúdica posta en práctica durante os procedementos autónomos de investigación, o alumnado incorpora dinámicas de traballo positivas e coñece espíritos emprendedores durante os sucesivos anos en que se desenvolveu a experiencia aquí presentada.

Coincidindo o curso escolar co 250.º aniversario do pasamento do erudito e ilustrado galego Benito Jerónimo Feijoo, acábase de recuperar en diversos actos e exposicións a parte da súa obra referida ás cuestións educativas que forman parte do seu ideario. Xa no seu monumental Teatro crítico universal argumenta o “desengano de erros comúns” como meta da obra. Defensor do método científico, da análise e da comprensión pero sempre coa inclusión dun espírito empírico, exprésao de xeito didáctico coa expresión “un non sei o que” aplicado como cuestión metódica a calquera aspecto para xerar a curiosidade que prende na ansia de coñecer. Especialmente na súa recoñecida máxima “Eu, cidadán libre da República das Letras, nin escravo de Aristóteles, nin aliado dos seus inimigos, escoitarei sempre, con preferencia sobre toda autoridade privada, o que me dite a experiencia e a razón”. Con ese mesmo espírito traballamos dun xeito lúdico, en equipo, para gozar coñecendo.

3D Formule (Fórmula 3D);1. Dream. Big & Better (Soña. Grande e mellor);2. Discover your inner power (Descubre a túa forza interior);3. Do. Act now (Fai. Actúa agora xa)

 

No mes de maio dese curso 2015, Kailash Satyarthi, Premio Nobel da Paz 2014, impartiu na Coruña unha conferencia baixo o título “O crecemento económico  e o desenvolvemento humano teñen que ir da man. Os valores humanos deben ser defendidos con vigor. Diálogo, coñecemento e compromiso social. Educación para unha sociedade sustentable.” Con motivo da miña presenza no acto, tiven a oportunidade de falar co conferenciante e solicitarlle unhas palabras para o alumnado. No diploma acreditativo da miña participación, el mesmo escribiu e asinou a Fórmula 3D que arriba se reproduce. Un auténtico impulso para os espíritos emprendedores tendo sempre en conta os referentes éticos que corrixen o libre albedrío.

Na aula, durante a análise dos contidos da conferencia, o alumnado sorprendeuse do chamamento feito á xuventude con frases como: “Hai moita xente nova sentada entre o público. Vós sodes o cambio, vós podedes xerar o cambio (…) Crede en vós mesmos. Soñade ao grande. Para vós e para a vosa sociedade (…) Todo isto son retos que temos que afrontar pero só é posible a través do poder da xuventude. Non se pode comparar o entusiasmo, o idealismo, o poder da xuventude en ningunha parte do mundo. Este é un proxecto para desenvolver este potencial, para mellorar o mundo”. Non teño dúbidas de que a lectura dun documento que sitúa a xente nova cun papel protagonista é o mellor incentivo para a motivación. Cando a ONU, nos seus informes periódicos, fai un chamamento en relación co envellecemento da poboación mundial, resalta de xeito especial o “valor” da xuventude, pois é a xente nova quen ten ideas novas. A actitude emprendedora é inherente a quen emprende a súa vida. O noso alumnado é o futuro da humanidade e nel están as solucións dun porvir mellor.

 

 

Bibliografía: 

 

 

CARSON, R. (2012):.Sentido del asombro. Encuentro.

HIRTT, N. (2010). La educación en la era de las competencias. USC. Revista electrónica interuniversitaria de formación del profesorado, (13:2), 108-114.

PÉREZ TORNERO, J. M.; Pi, M. (2015). Perspectivas: tecnología y pedagogía en las aulas. Planeta.

TORRES SANTOMÉ, J. (2007). Educación en tiempos de neoliberalismo. Morata.

WERBACH, K.; HUNTER, D. (2012). Gamificación. Pearson.

Sección: