É necesario aprender desde o afecto?

Aprender desde o afecto é necesario. Non hai aprendizaxe se non hai emoción. Desde esta premisa faise necesario orientar desde o afecto para mellorar o procesamento cognitivo, todo isto interrelacionado co traballo de forma xeral da intelixencia emocional e, pola súa vez, empregando un modelo de diagnóstico e intervención que ten en conta estes dous aspectos.

Silvia Folgueira Puente
Xefatura departamento de orientación
CEP Pilar Maestu Sierra da Pobra do Caramiñal
silviafolgueira@edu.xunta.es

 

Introdución

“Por que esta nena ou neno ten estas dificultades? Que me ofrecen as probas que estou a empregar? Que lles achego aos meus compañeiros (mestras e mestres, titores, familia, ao propio neno ou nena) cando fago unha avaliación? Dígolles algo diferente ao que eles poden ver de forma habitual ou cotiá? Son quen de ofrecer a axuda a quen ma pide de forma que se produzan resultados a longo prazo? Por que aos nenos e nenas lles pasa o que lles pasa?...” (Folgueira, 2011, páx. 6)

Así me gustaría comezar, cun montón de preguntas e dúbidas que fixeron que a visión da orientación nos centros nos que a desenvolvo sexa diferente. Todo isto ten a súa orixe cando se coñece a teoría PASS e ao mesmo tempo a teoría dos comportamentos enmascaradores, que axudan a definir a metodoloxía de traballo actual, ao que contribúen dunha forma moi específica os avances en neurociencia e, como non, todos os estudos actuais que fan referencia á importancia da intelixencia emocional e das emocións como determinante da aprendizaxe e, neste sentido, quedaríame coa frase de Francisco Mora (2013): “Solo se puede aprender aquello que se ama”. Se isto é así, valorar as necesidades dos nenos e nenas supón un cambio importante respecto da concepción clásica desta valoración, supón valorar como aprende o neno e como inflúe todo o que se xestiona desde o eido emocional, no cerebro emocional ou límbico, no proceso de ensino-aprendizaxe.

Para poder entender mellor esta concepción, faremos referencia a cada unha das teorías nas que se enmarca o traballo que desenvolvemos na escola. Empezaremos por explicar o que é a teoría dos comportamentos enmascaradores para entender realmente en que se basea o modelo de diagnóstico cognitivo-emocional que estamos a desenvolver.

TEORÍA DOS COMPORTAMENTOS ENMASCARADORES

No emocional entendemos os comportamentos e as condutas segundo a teoría do procesamento cerebral das emocións que lle dá soporte a esta teoría. A teoría di que existe un procesamento cognitivo inseparable dun procesamento emocional. Cando poñemos en acción unha conduta ou comportamento, estamos a pór en acción un fenómeno ou actividade neurolóxica que é o sentirse ben ou mal. É un procesamento cerebral diferente ao propiamente cognitivo.

A teoría que estamos a resumir di que, cando procesamos información no transcurso dunha experiencia que estamos a vivir, ocorre que, se a sensación procesada é de dor psíquica, entón, por un mecanismo inconsciente automático, se desencadea unha resposta de defensa en forma de conduta enmascaradora que, unha vez é posta en acción, é detectada pola conciencia como tal conduta, pero é inconsciente na súa orixe, isto é, a orixe é malestar emocional. Trátase de condutas reflexas ante a dor emocional, do mesmo xeito ca condutas motoras innatas ante a dor física.

Estas condutas non adoitan darse en situacións de soidade, senón cando de forma inconsciente o individuo gaña algo ou ben de forma directa ou secundaria. Esta conduta enmascaradora ou de defensa é unha resposta inconsciente e enmascaradora porque é coma un disfrace, xa que as razóns que argumentan non son reais. É como se dixésemos que o comportamento ou conduta se axusta a unhas explicacións lóxicas que o converten nun eficaz disfrace e desta forma prodúcese, de forma involuntaria, un autoengano ou un engano aos demais.

Sabemos que a suma integral de experiencias vividas dá como resultado a identidade. As experiencias satisfactorias dan seguridade. As experiencias insatisfactorias proporcionan dor e, polo tanto, inseguridade. Sabemos, ademais, que a intervención orientada exclusivamente a instruír directamente con pautas de modificación de conduta con base en facer comprender mediante argumentos verbais resulta insuficiente e infrutuosa, porque a razón real da conduta non é a conduta mesma senón o estado emocional da identidade persoal.

Os procesos emocionais teñen influencia desde o nacemento, dado que o cerebro xa está maduro para traballar no ámbito emocional. Con todo, a parte consciente do cerebro (hipocampo) non estará madura ou preparada para traballar ata os tres anos. A parte do cerebro encargada de xestionar os procesos emocionais é a amígdala, que é a parte inconsciente do cerebro e posúe dúas funcións básicas:

  • Ser a encargada da aprendizaxe emocional inconsciente. Por exemplo, a sobreprotección xera perigo. O neno sobreprotexido non lembrará estas experiencias, pero interiorizaraas no seu inconsciente, na súa amígdala. Esta é a base do que será o  comportamento e a autoestima dunha persoa. Así, para crer que son capaz é necesario que poida facelo ou que me deixen facelo. É o almacén da memoria emocional. Cando vemos unha imaxe no occipital, xa antes a amígdala captou eses sinais, polo que xa o sabe antes do ser consciente.
  • Captar sinais de perigo. Por exemplo, se un neno viviu moitas experiencias negativas (parezo parvo), a súa amígdala vai captando diferentes situacións (relacionadas con esta crenza) que son sinais de perigo.

Que é unha crenza, conduta enmascaradora e/ou de defensa?

- Crenza. Para que algo sexa unha crenza é necesario engadir unha convicción de que algo é así, defendéndoo aínda que non sexas consciente diso, pero ademais serás coherente co que sentes. As crenzas enmárcanse no “sinto”.

Para poder intervir é necesario facer consciente o neno ou o adulto das súas crenzas, tendo en conta que unha conduta é fiable, mentres que unha verbalización é menos fiable ca a conduta propiamente dita. Ao mesmo tempo, para poder interpretar condutas é necesario identificar as crenzas da persoa e ser conscientes destas crenzas.

- Condutas enmascaradoras, defensivas, emocionais ou de autoengano: son aquelas condutas que teñen a súa orixe na amígdala, que son automáticas e incongruentes aos ollos dos demais. Trátase de condutas que intentan enmascarar a realidade, actuar como defensas, teñen unha orixe emocional e son de autoengano. Non as descubriremos polo que a persoa nos “di”, senón polo que a persoa “fai”.

Polo tanto, como se realiza o control e xestión das emocións = empatía? O control e xestión das emocións realízase entre o córtex orbitofrontal e a rexión medioventral. O primeiro controla a amígdala e no segundo sitúanse os pés da planificación. O cíngulo é o que envolve o sistema límbico. Cando a amígdala almacena memorias emocionais, estas non se poden borrar nunca, pero se a través destas conexións conseguimos controlar a resposta da amígdala entón gañará.

Utilizamos a metáfora para equilibrar a balanza que permitirá pórlle controis á amígdala, esta equilibrarase gradualmente, posto que os controis actúan de forma gradual. Primeiro sempre é a resposta emocional e despois a resposta cognitiva. O emprego das técnicas de comunicación indirecta chega á zona do córtex orbitofrontal, pero o que non podemos saber é se este chega á amígdala. A activación do córtex orbitofrontal implica gañar autoestima. Da mesma maneira, as lesións nesta parte do cerebro están relacionadas coa falta de empatía. Por exemplo, a falta de coidados maternos temperáns é a causa de que unha rexión do córtex orbitofrontal sexa diminuta, o que ocasionará en moitos casos unha falta de empatía. Pero non soamente temos en conta o eido emocional, senón que o procesamento cognitivo de cada neno e nena é igualmente importante, co fin de determinar como aprende para así poder axudarlle mellor.

TEORÍA PASS

A teoría PASS da intelixencia postula que os humanos aprendemos con base en catro operacións mentais, como programas de computador, que, aínda que interactúan continuamente, poden ser independentes e ser valorados por separado a través da batería DN-CAS (Dás & Naglieri: Cognitive Assessment System). (Timoneda, 2009). Á luz desta teoría existen catro procesos cognitivos fundamentais: planificación, atención, simultáneo e secuencial ou sucesivo e que explicaremos a continuación, e que ás nenas e nenos llelo explicamos empregando a metáfora da “mesa”.

  • Planificación (localizado nos lóbulos frontal e prefrontal): sería o director de orquestra, o que revisa se entendeu a orde que lle chega ao cerebro, o que orienta o futuro e usa unhas estratexias: que me piden?, como o fago?, vou ben? Está relacionada co emocional (os pés do noso director de orquestra), o que une emoción e cognición.
  • Atención (localizada no lóbulo frontal): sería o porteiro que deixa pasar a información para logo procesala. Ao alumnado explícaselle que teñen unha lanterna na cabeza que teñen que enfocar e manter para captar. Sucede que un neno, ás veces, enfoca a súa lanterna non cara a onde nos interesa, senón a outra parte, vemos que non está atento, pero a súa conduta de inatención non significa que estea afectado o proceso cognitivo de atención.
  • Simultáneo (lóbulos occipital e parietal): unha vez que o porteiro deixa pasar a información, pode ser procesada segundo un patrón visual (tipo tele), global, daralle ordes ao cerebro para buscar diferenzas, relacións, significados entre os distintos elementos da información.
  • Secuencial ou sucesivo (lóbulo temporal): a información é procesada segundo un patrón auditivo (tipo papagaio) e úsase nas aprendizaxes arbitrarias (sintaxes, gramática, ortografía…). Ten unha base xenética de maduración importante (problemas de aprendizaxe na familia, problemas na linguaxe...). A súa base é neurolóxica.

 

Que actividades realizamos para aplicar ambas as teorías?

Con base en todo o anterior realízanse diferentes actividades que van desde unha intervención grupal a unha intervención individual con estratexias diferentes:

- Diagnóstico das necesidades do alumnado mediante a batería DN-CAS, que permite explicar por que a un neno ou nena lle pasa o que lle pasa, é dicir, cal é a orixe das dificultades que presenta. Por un lado, esta batería ofrécenos a posibilidade de ver como funciona o cerebro no ámbito do procesamento da información nos catro procesos cognitivos e, por outro, indícanos como está no ámbito  emocional, o cal se pode ver no lado dereito da gráfica.

- Aplicación do programa de estimulación cognitiva (COGEST): o COGEST é un programa de estimulación cognitiva, especialmente relacionada coa capacidade para ler, escribir e a aprendizaxe escolar. O COGEST non é un simple conxunto de exercicios, senón que lle proporciona ao neno un camiño alternativo para o desenvolvemento da lectura e das habilidades académicas relacionadas por medio da estimulación dos procesos cognitivos baseados na teoría PASS. Este programa ten como obxectivos fundamentais os seguintes:

  • Axudar o neno a prestar a adecuada atención para seguir as instrucións que se indican e interiorizalas.
  • Ensinar a comprender desde o establecemento de relacións paradigmáticas e sintagmáticas, cunha estimulación do simultáneo basicamente.
  • Estimular o proceso cognitivo secuencial desde a análise das palabras, a través da conciencia fonolóxica.
  • Xeneralizar o uso dos diferentes procesos cognitivos ás diferentes actividades que se desenvolven dentro da aula e, nun principio, nun contexto máis reducido, como as actividades que se desenvolven no marco deste programa de estimulación.

- Actividades relacionadas coa intelixencia emocional, as intelixencias múltiples e a neurociencia:

  • Semana da Orientación: é unha actividade que nace como continuidade da que se celebra no IES do noso concello, aínda que cun enfoque, máis que de orientación profesional e vocacional, como semana de sensibilización e traballo desde a atención á diversidade con todos os axentes implicados na orientación (profesorado, alumnado e familias). Esta semana sempre ten unha parte de colaboración con asociacións de Barbanza que traballan con persoas con discapacidades, neste caso con Amicos e Ambar. No primeiro caso, participamos nos obradoiros integra-escola, onde os nenos traballan conxuntamente con nenos desta asociación co fin de poñerse na pel das persoas con diferentes capacidades; realizamos tamén algún obradoiro baseado no conto O monstro de colores, no que os usuarios de Amicos realizaron a súa adaptación con pictogramas ARASAAC, e neste curso realizaran a Xincana das capacidades. En canto ás actividades de Ámbar, céntranse na escenificación dunha obra de teatro que ten como finalidade transmitir algún valor relacionado coa atención á diversidade e a súa implicación co alumnado. Por último, realízanse obradoiros nos que participa toda a comunidade educativa con temáticas diferentes nos que o obxectivo fundamental é a participación da comunidade educativa no marco da atención á diversidade.

  • Escola de Familia: é unha actividade na que familias e Orientación compartimos tempos de reflexión, discusión, busca de “variñas máxicas” que son imposibles de atopar…, pero únenos a ilusión, a responsabilidade e os esforzos compartidos para facer que as nenas e nenos que temos diante de nós cada día sexan persoas con maiúsculas, persoas felices e responsables, porque esa é a nosa máxima. Escola de Familia ten lugar dúas veces ao mes, cada quince días. A temática que se vai desenvolver ao longo do curso escóllese na primeira reunión que temos e son as propias familias as que deciden os temas que as preocupan, aínda que é certo que estes sempre se desenvolven desde o modelo teórico que explicamos anteriormente. Son moitos os temas que se levan tratado e son xa oito os anos que levamos traballando nesta dirección. Todo o material empregado nesta actividade pódese ver nesta ligazón.
  • Intervencións individuais coas familias e cos nenos, baseadas no modelo de diagnóstico e intervención humanista-estratéxico.

- Emprego do PPIC (Programa PASS de intervención cognitiva): o PPIC é o programa de estimulación cognitiva que se emprega para a mellora e a intervención específica cando existen problemas relacionados co procesamento cognitivo.

- Emprego do Forbrain como recurso para a mellora da atención, linguaxe, memoria e emocional: o Forbrain son uns auriculares de condución ósea e cun filtro dinámico que amplifica e corrixe a mensaxe sensorial recibida a través da propia voz. Na escola empregámolo fundamentalmente para a mellora das dislalias, así como para o traballo con nenos e nenas con dificultades de atención e de comprensión, así como de velocidade lectora, o cal produce beneficios importantes e melloras considerables no alumnado.

E para rematar

Un traballo desde este modelo pretende que a escola sexa isto:

Siento la escuela como un lugar de encuentros, de descubrimientos, de inventos y de aprendizajes.
Un lugar donde caben las emociones y los conocimientos, lo de cada uno y de los otros, lo sencillo y lo complejo.
Un lugar donde se da y se recibe, se habla y se escucha, se mira y se es mirado.
Un lugar cultural. Donde se cultivan las evoluciones personales y las colectivas, la belleza, la creación y las sensibilidades.
Siento la escuela como un lugar de estancia, de acomodo, de salud, de placidez y de afecto.
Y en este contexto escolar tan templadito, igual se puede ver un teatro, que bailar una polca, dibujar a un amigo, o ver una pelicula buena.
Si no se nublan ni el tiempo, ni los ánimos, que a ratos también pasa.
 

(Díez Navarro, 2011)

 

 

Bibliografía: 

 

 

AA. VV. (2015). Abriendo nuevas sendas en la práctica de la intervención neuropsicopedagógica. Colección Fundació Carme Vidal Xifre De Neuropsicopedagogía.

FOLGUEIRA PUENTE, S. (2011). Un largo camino hasta lo emocional. Publicaciones Master Fundación Carme Vidal.

MORA, F. (2013). Neuroeducación

TIMONEDA GALLART, C. (2009). La experiencia de aprender. CCG Edicións.

Sección: