Actualidade

GRUNDTVIG

A educación de persoas adultas no programa de acción comunitario Programa de aprendizaxe permanente (PAP).

 

Emilia Seoane Pérez
Conselleira EURES (EURopean Employment Services)
Profesora da Universidade de Vigo
 

O Grundtvig enmárcase no contexto do Programa de aprendizaxe permanente (PAP) definido como un programa de acción comunitario no eido da aprendizaxe permanente que, tal como se establece no artigo 1.1 da Decisión número 1720/2006 CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de novembro de 2006, ten por obxectivo xeral contribuír, mediante a aprendizaxe permanente, ao desenvolvemento da comunidade como unha sociedade do coñecemento avanzada, cun crecemento económico sustentable, máis e mellores postos de traballo e unha maior cohesión social, garantindo, ao mesmo tempo, unha protección do medio en beneficio das xeracións futuras. Pretende, asemade, estimular o intercambio, a cooperación e a mobilidade entre os sistemas de educación e formación dentro da comunidade, de xeito que se convertan nunha referencia de calidade mundial. A aplicación desta decisión chega ata o 31 de decembro de 2013.

O Grundtvig constitúe un dos catro subprogramas sectoriais do PAP, ademais do Comenius, o Erasmus e o Leonardo da Vinci.

Ten por obxecto atender as necesidades da ensinanza e aprendizaxe das e dos participantes en todas as formas de educación de persoas adultas, así como os centros e organizacións que imparten ou facilitan esa educación.

A maiores dos obxectivos propios do PAP, para o Grundtvig, establécense uns obxectivos específicos e operativos concretos. Confórmase como un programa que ten como obxectivos específicos: responder ao reto educativo do envellecemento da poboación en Europa, contribuír a que os adultos adquiran medios para a mellora dos seus coñecementos e competencias, facilitar e mellorar a mobilidade en Europa das persoas participantes na educación de adultos, incrementar e mellorar cualitativamente a cooperación entre as organizacións que participan na educación de adultos en Europa, axudar as persoas de sectores sociais desfavorecidos e facilitar oportunidades alternativas de acceso á educación de adultos, facilitar o desenvolvemento de prácticas innovadoras no eido da educación de adultos e a súa transferencia entre os países participantes, apoiar o desenvolvemento de contidos, pedagoxías e prácticas innovadoras baseadas nas TIC, ademais de mellorar os fundamentos pedagóxicos e a xestión das organizacións de educación de adultos. 

Para a consecución dos citados obxectivos, tanto de carácter xeral coma específicos, o programa está dotado economicamente para lles servir de soporte económico ás diversas accións que se enmarcan dentro do obxectivo do Grundtvig, é dicir, que supoñen unha mellora para a calidade e a dimensión europea da educación de adultos nun sentido amplo e que, para os efectos desta decisión, se entende por educación de adultos toda forma de aprendizaxe para persoas adultas, incluíndo a ensinanza formal, a non formal e a informal. 

En termos xerais, Grundtvig abrangue todos os niveis e sectores da educación de persoas adultas e todas as formas de aprendizaxe e inclúe: visitas e intercambios para o persoal encargado da educación de persoas adultas, axudantías, formación continua do persoal encargado da educación de persoas adultas, obradoiros, proxectos de voluntariado para persoas maiores, asociacións de aprendizaxe, proxectos multilaterais, redes multilaterais, medidas de acompañamento e visitas preparatorias.

Tendo en conta a devandita decisión, os destinatarios específicos do Grundtvig son: 

  • Alumnado de educación de adultos.
  • Centros ou organizacións que ofrezan oportunidades de aprendizaxe para adultos.
  • Profesorado e demais persoal dos propios centros ou organizacións.
  • Centros que participen na formación inicial ou continua do persoal da educación de adultos.
  • Asociacións e representantes dos participantes na educación de adultos, como as asociacións de alumnado e de profesorado.
  • Organismos que presten servizos de orientación, asesoramento e información sobre calquera aspecto da aprendizaxe permanente.
  • Organismos e persoas responsables dos sistemas e das políticas relacionadas con calquera aspecto da educación de adultos desde os ámbitos local, rexional e nacional.
  • Organismos e centros de investigación que traballen sobre aspectos da aprendizaxe permanente. 
  • Empresas.
  • Organizacións sen ánimo de lucro, organizacións de voluntariado e ONG.
  • Centros de ensinanza superior.
 

Con carácter xeral, ao aplicar o PAC, tense que contribuír a avanzar nas políticas horizontais da Comunidade Europea, promovendo o respecto á diversidade cultural e lingüística en Europa, a atención ao alumnado con necesidades especiais e o fomento da igualdade entre homes e mulleres, contribuíndo á loita contra calquera forma de discriminación por motivos de etnia, sexo, relixión, idade, discapacidade, orientación sexual, crenzas…

No ano 2011, a Comisión Europea publica o Informe da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións sobre a avaliación intermedia do Programa de aprendizaxe permanente, do que se extraen información específica referida ao Grundtvig, no trienio 2007-2009, de onde se recollen datos cuantitativos dos tres anos nos que se teñen en conta aspectos como o número de solicitudes recibidas, o número de subvencións concedidas, o orzamento destinado e a porcentaxe que representan os orzamentos do Grundtvig con respecto aos totais do PAP, que poden observarse no seguinte cadro comparativo.

Cadro comparativo de carácter cuantitativo do trienio 2007-2009 do Grundtvig:

Fonte: Informe da Comisión ao Parlamento Europeo, ao Consello, ao Comité Económico e Social Europeo e ao Comité das Rexións. Avaliación intermedia do Programa de aprendizaxe permanente (Comisión Europea. Bruxelas, 7-7-2011)

Cadro: elaboración propia

Segundo o propio informe, desde a súa elaboración e ata o ano 2013, deben participar na mobilidade de educación de adultos, polo menos, sete mil persoas cada ano.

GRUNDTVIG: achega ao persoeiro

Ao contrario do que acontece noutros programas  europeos –poño por caso Leonardo da Vinci, Erasmus, Comenius, Marie Curie...–, onde rapidamente establecemos a relación do programa coas persoas do universo científico, pensador ou intelectual nas que nos fan pensar, no caso que nos ocupa, o Grundtvig, xeralmente, esa identificación non adoita ser tan inmediata. É por isto e pola importante pegada que Grundtvig nos deixou para a historia da educación de persoas adultas en Europa polo que aínda que, de xeito breve, debemos facer unha achega a este persoeiro.

Nikolai Frederik Severin Grundtvig (setembro 1783-setembro 1872) foi un mestre, filósofo, poeta, pastor, historiador, escritor e político danés co que, segundo Sanz (2002), a educación popular acadou un amplo desenvolvemento en Dinamarca, xa que fundou unha rede de sesenta escolas populares. Outros pedagogos chegaron incluso a recoñecer que,  grazas a esta actuación, se colocaría o primeiro chanzo do que  noutros países como Francia ou  España, xa ben a finais do século XIX, se comezaría coa creación e posta en funcionamento dun importante proxecto de educación de persoas adultas, as universidades populares.

Máis información 

 

 
Sección: