Do negativismo desafiante ao positivismo

Fernando R. Pintos Recarey. Titor e mestre de PROA
María Pais Pozón. Mestra especialista en PT
María Begoña Castro Iglesias. Orientadora
m.begonacastro@edu.xunta.es
CEIP Pedro Barrié de la Maza (Santa Comba - A Coruña)
 

 

A visión orientadora

Partindo de educar na tolerancia e na diversidade, presentamos un traballo relacionado co negativismo desafiante. Ten unha tripla visión de traballo coordinado (orientación, titorial e específica) que persegue o propósito de promover elementos (recursos e materiais) para unha educación inclusiva que garante o dereito á educación en diferentes niveis e modalidades do sistema educativo actual. O noso obxectivo ten unha dobre vía:

1) Sensibilizar a toda a comunidade educativa en función do comportamento deste tipo de alumnado.

2) Transmitir a metodoloxía máis axeitada para consensuar en grupo.

Desde o Departamento de Orientación e cun traballo circular tanto con servizos sociais como co servizo de saúde, establécese un obxectivo prioritario urxente: normalizar a conduta para convivir nun medio social. Para que isto sexa levado a cabo establécense visitas ao domicilio por parte dos servizos sociais. Desde Pediatría contrólase a saúde física e mental con derivacións a Neuroloxía e Saúde Mental Infanto-Xuvenil, por medio de informes e reunións quincenais no centro escolar, cuxos compoñentes serán: mestre PT, mestre titor e orientador. Por medio do claustro infórmase dos acordos establecidos que lle afectan ao resto da comunidade escolar, para garantir a súa consecución.

Nas reunións coa familia establécense:

  • Pautas para aumentar a autoestima do neno.
  • Normas e hábitos.
  • Busca de actividades lúdico-deportivas para fomentar as habilidades sociais.

Cando a escolaridade é flutuante, incide de xeito directo e negativo na relación cos demais, aspecto que repercute e fai máis evidente o negativismo desafiante. Cando todo isto aparece acompañado de atraso madurativo, as condutas disruptivas maniféstanse con anterioridade e a convivencia cos iguais faise cada vez máis difícil.

Nos centros escolares onde o número de alumnado é importante e o tipo de traballo na aula é moi mecánico e memorístico, a resposta do alumnado con esta necesidade educativa pode ser disruptiva e ás veces agresiva (berros, rabuñaduras, golpes, agresións verbais…), con condutas de evitación e bloqueo sensorial, desinterese, baixa capacidade de atención… Todo este tipo de condutas resulta moi complexo reconducilo no centro escolar e sobre todo dentro dunha aula. É importante o uso do parte de incidencia, que é un rexistro escrito e detallado que serve como recurso legal para xustificar a gravidade de cada caso e incluso para a petición de recursos para o centro.

O negativismo desafiante moitas veces vai acompañado de TDAH combinado, o cal fai que sexan tratados con fármacos de distintos tipos, desde antipsicóticos ata psicoestimulantes diversos. A medicación provoca moitas veces efectos secundarios relevantes no ámbito condutual, ás veces positivos e ás veces negativos.

Con base en todo isto e desde a escola debemos contribuír, na medida do posible, a unha educación que aposte en prol da inclusión da diversidade do alumnado, na que se busquen solucións a través de estratexias, empregando para iso o razoamento e o pensamento diverxente. Deste xeito aumenta o interese e a motivación, esperta a curiosidade e experimenta co mundo que o rodea. Pasan a ser axentes activos nos que o movemento, tanto físico como de pensamento, se axeita a este tipo de alumnado con trastorno de conduta.

 

A visión do titor. O grupo-aula

Malia ser certo que produce preocupación o tema da integración deste tipo de alumnado con características tan definidas e de dificultade manifesta, o titor tamén forma parte destas inquedanzas, xa que debe asumir o reto de incluílo na dinámica da clase, adaptando materiais, tempos e recursos, para a organización da aula e para o proxecto de traballo cooperativo. É fundamental ter en conta as características do grupo:

  • Número de alumnos e cohesión grupal.
  • Grao de competitividade, cunha visión pouco realista de si mesmos.
  • Aceptación das características do compañeiro e, ao mesmo tempo, comodín para xustificar os conflitos.

Partiremos dunha análise das actuacións levadas a cabo para lograr a inclusión do alumno, dos aspectos considerados negativos, é dicir, que dificultan a inclusión, e a continuación verase que actuacións se adaptan mellor para lograr os obxectivos propostos. Na maioría dos casos, o que transcende ao resto do centro son sobre todo aspectos negativos: agresividade, dificultades de relación, falta de interese e pouca implicación da familia etc., que nos mostra unha visión claramente negativa do alumno, da familia e das actitudes duns e outros. Para intentar modificar estes aspectos desde a titoría, débense establecer os seguintes criterios que evitan buscar culpables e intentan favorecer a mellora social e escolar do alumno:

  • Trato máis aberto e flexible.
  • Acordar coa familia o traballo da casa.
  • Reunións periódicas con temas e puntos claros e concisos, para modificar paso a paso aspectos concretos.

A partir dunha relación baseada na comunicación, logramos da familia:

  • Colaboración máis estreita co centro.
  • Entendemento da patoloxía do alumno.
  • Asistencia do alumno a actividades extraescolares, cunha vida social máis rica, evitando así as tarefas mecánicas de cálculo e copia que, como  normal xeral, rexeitan.
  • Complicidade do alumno cos diferentes mestres por medio do entendemento e da complicidade con eles, confiando na escola para facer de ponte entre a familia e as características do alumno, equiparándoas á  normalidade.

O alumnado negativista desafiante, na maioría dos casos, permanece moito tempo lectivo fóra da aula ordinaria, con profesorado especialista ou outros apoios, pois polas súas características resulta moi dificultoso integralo nunha aula ordinaria, co cal estamos contribuíndo ao seu rexeitamento por parte dos iguais ao separalo deles. Tamén adoita considerarse que o resto do grupo está nunha situación de desvantaxe, pois este tipo de alumnado impide que goce do seu dereito a unha clase tranquila, estable, sen ruído e sen agresións. Malia isto ser certo en esencia, pola contra provoca no centro un efecto de negativismo centrado no alumno, xa que todo o profesorado centra a atención nel para detectar fundamentalmente aquelas circunstancias que sexan susceptibles de incluílas no rexistro de incidencias. Coñécese o alumno case exclusivamente polas súas actuacións disruptivas, incorreccións, agresións, insultos etc.

Porén, o alumno negativista amosa grande interese por normalizarse, é dicir, por facer coma os outros. Mostra interese en seguir os pasos dalgúns dos rapaces aos que considera líderes, gústalle realizar as mesmas tarefas ca os demais, rexeitan os libros diferentes e saír á aula de PT.

Con todo isto, pensamos nunha escolarización orientada cara á inclusión, facendo todo o posible para que o tempo de permanencia na aula sexa o maior posible e a saída da aula sexa para sesións de reforzo positivo (sesión de xogo no PC), con base nos logros acadados no traballo da aula. A continuación, relacionamos aspectos que favorecen esta situación:

  • A clase debe estar organizada por grupos colaborativos, nos que todos participan das propostas de traballo, fomentando a participación de todos e a inclusión de todas as capacidades, habilidades e propostas. Aquí xoga un papel moi importante o profesor de apoio, pois vai facer posible, coa adaptación de materiais e logo co bo facer no apoio directo, que poida incluírse no maior número de actividades (na derradeira parte deste artigo explícase a visión particular do profesor de apoio).
  • As tarefas de creación fronte a actividades mecánicas. Búscase non soamente a repetición senón a orixinalidade, o desenvolvemento do espírito crítico, a análise e a valoración. Por exemplo, presentación de libros ou textos na Hora de Ler, exposición de traballos, xogos de vocabulario, de expresión oral, de creación artística, xogos dramáticos etc. dos que son partícipes na medida das súas posibilidades.
  • Adaptación de todas as actividades posibles para traballar co mesmo material e do xeito máis similar posible aos compañeiros. Entre estas accións (moitas veces improvisadas) pódense citar: no mesmo texto do resto, el busca palabras concretas (que empecen por A-, por exemplo);  Matemáticas: cando os compañeiros fan cálculo, el ordena os díxitos de cada un dos números de maior a menor; Coñecemento do Medio: no tempo en que o grupo-clase está a elaborar un informe sobre animais, el encárgase da páxina onde referimos vocabulario pegando etiquetas con partes dun animal, por exemplo.
  • Funcionalidade do traballo levado a cabo: os contos que se escriben son para contárllelos aos compañeiros. O informe de traballo en Coñecemento do Medio é para expoñelo aos demais, os cálculos matemáticos válennos para resolver situacións problemáticas reais etc. Logramos así maior participación do alumno, pois sente a responsabilidade esixida polo grupo que depende tamén do seu esforzo.
  • A importancia do teatro, con organización e interpretación do grupo colaborativo, con ensaios libres nos que o alumno se inclúe practicamente en todo o proceso.

En relación coas situacións disruptivas, nos momentos nos que é preciso establecer orde e correccións, hai que ter en conta algúns aspectos que melloran a súa actitude:

- Evitar incluír na corrección as persoas que non estean presentes no momento do suceso. Non implicar a outros cargos (dirección, orientación etc), xa que conduce á desautorización mostrándolle a nosa incapacidade de resolución.

- Non mostrar afectación nas chamadas de atención, ser contundente, claro, e efectivo, pero nunca mostrar tensión, sentirse ofendido ou alterarse en exceso, pois nel xeran unha gran satisfacción e estimula querer continuar nesa liña.

- As chamadas de atención normalízanse o máximo posible e inclúense en correccións conxuntas sempre que se poida, evitando que se asocie o seu nome coas accións negativas. Por exemplo, se mandamos calar a alguén que sobe moito o ton na clase, aprovéitase e, ao mesmo tempo, pídeselle que non se mova tanto (vale isto tamén para que o grupo o vexa de xeito máis normalizado).

- Intentar silenciar o máis posible as súas actuacións negativas, tratando de que sexan o menos visibles para os compañeiros. Por outra banda, e para reforzar esta situación, faremos as correccións partindo do positivismo, é dicir, procuramos referir aspectos positivos na explicación do que realiza mal, ofrecer unha visión de logros posibles e de mellora. Por exemplo, “Hoxe que te portaches tan ben e agora fas isto…”, “ Non sei porque fas isto así se estou seguro que ti sabes ben como facelo ben…”.

- Por último, evitar a escalada de agresividade na que frecuentemente entran. Procuraremos estar atentos e establecer estratexias que o desvíen da súa actuación negativa (distracción, cambio de actividade, de lugar etc.), evitando que a propia intervención do mestre sirva de revulsivo e aumente a súa agresividade (negativismo). É moito máis fácil a corrección nos primeiros momentos que levalo ao extremo, así é mais efectivo que sinta o recoñecemento e a valoración en positivo que recalcar o negativo (provoca mellor implicación).

En consecuencia, logramos con estes pequenos cambios, na análise do alumno negativista e na organización, modificar nel aptitudes que favorecen a súa inclusión, a través da mellora da súa satisfacción e das expectativas que tiña ante a escola. Entre outras moitas destacaremos:

  • Autoafirmación e satisfacción ao poder realizar tarefas coma os outros.
  • Mellora da autoestima.
  • Sentirse parte do grupo e non ter que pelexar para que o escoiten e o teñan en conta.
  • Darlle valor ao traballo da aula, mostrando interese, satisfacción e sentido no que fai.
  • Implicación na aula, orde, limpeza, participación, organización etc.
  • Empatía cos compañeiros cos que comparte e cos que consegue realizar tarefas e lograr obxectivos, descubrindo normas no traballo e responsabilizándose do seu cumprimento.
  • Esta visión do grupo permítelle traspoñer esta situación a outras de xogo libre nas que son incapaces de actuar.
  • E á fin lograr unha inclusión e normalización dentro da aula. Aceptación do grupo adaptándose incluso ás súas necesidades.

En conclusión, todas as melloras logradas no alumno están fundamentadas en que el se sinta coma os demais, é dicir, responder á súa necesidade de non diferenciarse, en contra das dinámicas xerais que claramente os marcan como a nota discordante nunha estrutura estandarizada, controlada, exacta e con progresións claramente graduadas que todos deben seguir.

A visión do PT. Resposta educativa

Partindo de que abordar a resposta educativa do alumnado con NEAE é sempre un labor complexo, isto convértese en máis duro aínda, na atención do alumnado con trastorno de conduta, neste caso negativista desafiante. A súa atención educativa require afrontar unha serie de compromisos docentes que, por diversas razóns (medo, desconfianza, ignorancia en relación co negativismo etc.), os propios mestres non chegamos a afrontar, polo que é común que se repitan erros, que non só non contribúen a mellorar a situación senón que rematan por agravala e entorpecela. Entre os erros máis comúns cómpre destacar os seguintes:

- Esperar que exista un milagre ou receita única.

- Delegar toda responsabilidade no mestre de PT/orientador ou noutros profesionais.

- Pensar que todo se soluciona cunha “pastilla”.

- Renderse ou desmoralizarse pronto.

- Querer que o alumno con trastorno de conduta sexa coma os demais, que faga coma os demais, que actúe coma os demais...

- Criticar o traballo ou as medidas que outros levan a cabo (polo menos están a intentar algo).

- Crer que todo se soluciona con disciplina da “boa”.

- Non poñerse no lugar do alumno.

- Tratar de continuar e impoñer métodos educativos que xa fracasaron co neno.

- Excluír a familia deste proceso.

- Aplicar cada un o método que máis o convence.

- Tratar de aplicar metodoloxías que vemos nos libros ou Internet, tal como están sen adaptalas ao neno.

- Aplicar o máis cómodo para o mestre (botalo da clase, máis horas de apoio fóra da aula etc).

A acción educativa para responder ás necesidades que amosa o alumno con negativismo desafiante implica un cambio na visión da educación e realizar modificacións na nosa praxe diaria que impliquen un cambio no ámbito da propia aula como primeiro paso que hai que seguir, deixando atrás perspectivas máis individualistas para abordar os problemas de conduta. Cando o titor fai ese traballo, a actuación como mestre especialista é máis doada. As características propicias para a integración do alumno son as seguintes:

  • Evitar a competencia e fomentar a igualdade.
  • Fomentar o traballo en grupo.
  • Favorecer a reflexión sobre un mesmo, non sobre os demais.
  • Todos podemos ofrecer algo, cada un na súa medida.
  • Propiciar a conversa fronte aos correctivos.
  • Fomentar a compresión das características do outro.
  • Implicar o mestre titor na resposta educativa do alumno negativista.
  • Establecer unha relación de respecto e colaboración mutua entre ambos os profesionais.

Tendo xa na aula os aspectos favorecedores para a inclusión, queda deseñar a resposta educativa para o alumno que se vai basear nunha serie de principios metodolóxicos moi sinxelos pero fundamentais:

1. Non basearse nun único enfoque: cognitivo, condutual, social etc. O noso eixe debe ser sempre o neno e as súas características, gustos, capacidades e intereses, para así actuar do xeito máis acertado posible.

2. Partir sempre dos seus centros de interese para cando sexa necesario o traballo individual.

3. Non obrigalo a traballar.

4. Tratar de integralo no traballo de aula sempre que sexa posible.

5. Anticipar os feitos que van acontecer ao longo do día.

6. Empregar reforzadores de conduta (por exemplo, o ordenador).

Cando o negativismo desafiante vai acompañado dun atraso curricular significativo, é importante sinalar que, como adoita acontecer, ademais dos problemas de conduta se presentan negativas para realizar tarefas relacionadas coa escritura e coas matemáticas. Polo tanto, os obxectivos primordiais van encamiñados a reducir as condutas que interfiren na inclusión e, por outra banda (no ámbito máis curricular), tratar de espertar o seu interese pola aprendizaxe e a contorna; e de evitar o negativismo ante as tarefas de escritura e matemáticas. Isto require desenvolver a parte máis creativa por parte dos mestres, para poder deseñar actividades do seu interese e que ao mesmo tempo cumpran cos obxectivos e expectativas propostos.

Cando xa coñecemos a historia persoal e escolar do alumno, a aula coas súas características que favorecen a súa inclusión e as liñas metodolóxicas básicas, que nos quedaría entón? Coñecer realmente como todo isto se traduce na práctica cotiá na aula ordinaria, que é o máis complexo e o que máis nos custa aplicar aos docentes; e tamén coñecer que tipo de actividades se levarán a cabo. En canto ao primeiro aspecto, a práctica cotiá na aula ordinaria, é algo moi sinxelo de aplicar que podemos resumir en catro sinxelos pasos:

1. Mestra PT e titor analizan o que se vai facer no día na aula e valorar as actividades que se poden adaptar e integrar para o alumno.

2. Mestra PT senta co alumno e fala do traballo que se vai a facer ao longo do día, escriben xuntos palabras clave no horario plastificado: compras, foto, ficha, sumar, ler...

3. Falar de todas as actividades (materias, recreo, comedor etc.) que ten o alumno ese día e reforzar o comportamento que debería ter en cada unha para evitar “problemas” e chegar ao reforzador. É importante darlle ferramentas para evitar conflitos e analizar as situacións de conflito para que el poida chegar a conclusións sobre a súa conduta e o que debe mellorar.

4. Cando se cumpran os requisitos mínimos (realizar as tarefas e manter normas básicas de convivencia), acadábase o reforzador (ordenador con xogo libre).

Deste xeito, o alumno adquire unha rutina de traballo e de comportamento que lle permite ir deixando atrás condutas máis desaxustadas e ser un máis na súa aula.

Nesta fase da inclusión teñen unha grande importancia as actividades deseñadas para o alumno e a forma de levalas a cabo. É importante realizar actividades iguais ou relacionadas co que se estea a traballar na aula; como isto non sempre é posible, debemos contar con material individual adaptado aos seus intereses: a súa familia, os nenos da aula, as súas mascotas, personaxes de debuxos animados etc. Por exemplo, comprar xoguetes, construír unha máquina de sumar, escribir un conto sobre Mario Bross...

Nas seguintes fotografías podemos ver algún exemplo de material:

 

Con todo isto lógranse melloras significativas no comportamento do alumno e na visión tanto dos nenos como dos mestres sobre este, xa que chegou a realizar actividades que non pensabamos que ía poder facer.

O alumno non pasa de portarse mal a portarse ben, máis ben o seu comportamento vai mellorando progresivamente para poder chegar a vivir situacións de auténtica inclusión. Para iso, todos temos que poñer da nosa parte. Os logros acadados son o froito da suma de esforzos nosos (mestres), dos seus compañeiros e do alumno e o seu ámbito familiar. E como ben dixo no seu día Pablo Pineda “non debemos tratar de ser todo/as iguais senón aceptar que todo/as somos diferentes”.

A modo de conclusión, soamente hai que dicir que neste traballo ten que intervir toda a comunidade educativa para que sexa reflectido no cambio de actitude do alumno con necesidades, tendo paralelamente un beneficio extensible a todos os compañeiros que aprenden manexando alternativas e experimentando no mundo real, espertando así a curiosidade como factor relevante para que se produza unha aprendizaxe significativa e duradeira no tempo a través da posta en marcha das neuronas espello, que non deixa de ser un xeito de empatía entre o mestre e o alumno, e que contribúe moi positivamente a viaxe á memoria a longo prazo.

 

O presente artigo querémolo dedicar a todo o alumnado de necesidades educativas que nos fai ver día a día a realidade educativa.

 


 

Sección: