Entrevista a Nélida Zaitegi de Miguel

Asesora en dirección e liderado educativo

Carmen Baña Rial
Asesoría de programas educativos
Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

 

 

No marco das IV Xornadas de Contratos-Programa realizadas o pasado 1 de abril de 2016, tivemos a ocasión de contar coa colaboración de Nélida Zaiteigi de Miguel para falarnos de convivencia nos centros e, nunha nova visita a Galicia para participar nas Xornadas de Intercambio de Experiencias Vinculadas a Actividades de Formación en Centros organizadas polo CAFI o 28 e 29 de setembro, non puidemos deixar pasar a oportunidade de conversar con ela sobre temas nos que posúe unha dilatada experiencia grazas á súa ampla traxectoria profesional como mestra, directora, inspectora, responsable da formación de equipos directivos e, actualmente, asesora en dirección e liderado educativo e formadora en convivencia e paz positiva.

Eduga: Bos días, Nélida, e grazas pola túa dispoñibilidade para a realización desta entrevista, que espero que se converta nunha charla amigable e distendida sobre algunhas das cuestións que nos preocupan aos docentes hoxe en día, nunha sociedade que experimentou, en relativamente pouco tempo, múltiples cambios no ámbito tecnolóxico, social, en valores... Cres que se adaptou a educación aos cambios que a sociedade demanda? Novas competencias, sociedade do coñecemento, novas formas de relacionarse...

Nélida Zaitegi: Cambiáronnos tanto o escenario que unha parte do profesorado aínda non se situou. Xa non vale o de sempre, iso teno claro, de aí tantas queixas; pero... tampouco saben que é o que hai que facer. Pasamos de transmitir información a ensinar a usala, a construír coñecemento con ela. Xa non se trata de saber cousas, a información está a un clic dun computador ou dun teléfono; agora trátase de saber afrontar situacións e problemas reais. Isto lévanos a ter que reformularnos a nosa función e as nosas prácticas. O noso labor non é ensinar, é conseguir que o alumnado aprenda. En función de como aprenda, eu teño que ensinar, porque o ensino está ao servizo da aprendizaxe. Por iso necesitamos seguir aprendendo, facernos preguntas e buscar respostas. Reflexionar xunto aos colegas, ler, estar ao día e formarnos continuamente. É fundamental revisar as nosas crenzas sobre a aprendizaxe: como aprende o alumnado para actuar en consecuencia.

Os cambios que estamos a sufrir, ou gozando, son moi profundos. Os cambios tecnolóxicos son fundamentais no sentido de que nos facilitan a comunicación, o compartir coñecemento e dispoñer de moita información de modo inmediato. Con todo, hai outros cambios que se ven menos, pero non son menos importantes. É o sentido da educación aquí e agora, as novas formas de relacionarse, as necesidades do alumnado para vivir nunha sociedade en cambio continuo e acelerado e un longo etcétera.

Respecto da tecnoloxía nos centros, é importante ter presente que é bo utilizala, que o alumnado a manexe con soltura, pero sen esquecer que é un instrumento, unha ferramenta, que non é un fin en si mesma.

Eduga: Que obxectivos debería marcarse o sistema educativo neste escenario, tanto no que concirne á formación do alumnado como do profesorado?

N.Z.: O sistema educativo ten como fin garantir o dereito á educación das novas xeracións. A primeira pregunta é: que necesitan para vivir como persoas, no amplo sentido da palabra, nesta sociedade? As necesidades dos meus rapaces para vivir na complexa sociedade do século XXI cambiaron, a educación tamén debe facelo para responder a elas e facelo de modo que todo o alumnado, e de maneira especial quen está en perigo de exclusión, teña éxito.

Que competencias ha de desenvolver para iso? Pero responder e actuar de verdade. Fálase de competencias, prográmase por competencias pero, na práctica, quedamos cos contidos. Maquillámonos pero, en máis dunha ocasión, seguimos facendo o mesmo. Hai que ser coherentes e revisar os nosos paradigmas educativos, as nosas crenzas sobre a educación, sobre a nosa función e sobre a aprendizaxe.

Que cambios hai que introducir no sistema educativo para adaptarse a estes novos escenarios? Hai que ter claros os fins, para que facemos as cousas, dar unha volta enorme á metodoloxía, ás relacións entre e co alumnado, coas familias, á organización do centro, aos espazos e os tempos... en definitiva, repensalo todo. Os cambios que veñen de arriba adoitan cambiar pouco as crenzas do profesorado, que é quen cambiará, ou non, a educación. De aí a necesidade de contar cun profesorado moi ben seleccionado, formado e comprometido. As iniciativas han de saír dos centros educativos, como xa está a suceder nalgúns. Por iso é tan importante empoderar o profesorado, darlle a voz, escoitalo e dialogar, formalo cando o necesite e poñer as condicións de todo tipo para garantir o éxito de todo o alumnado.

Eduga: Transmites un discurso cheo de enerxía, comprometido, véseche entregada e totalmente convencida das túas formulacións.

N.Z.: Se non crese que a educación é a clave para avanzar cara a unha sociedade máis xusta, máis solidaria, onde a xente viva mellor en todos os sentidos, non estaría hoxe aquí falando contigo. Hai uns anos, en Buenos Aires, nun momento de importantes mobilizacións educativas, foi a primeira vez que vin unha pintada nunha parede que dicía “a educación non é un gasto, é un investimento” e copiei a frase. Creo firmemente que a educación é o mellor investimento, é o que vai sacar os países da crise. Facer recortes en educación en época de crise é, ao meu xuízo, un grave erro, porque é xustamente cando máis temos que investir, para que os mozos e mozas poidan chegar a ser boas persoas, bos profesionais e bos cidadáns e facer que a sociedade avance. E por iso, porque o creo, cando alguén me pide algo, non podo negarme.

Unha historia bonita que pode ilustrar isto é que o ano pasado me chamaron dun colexio público nunha pequena vila do País Vasco para que lles axudase a elaborar un proxecto educativo, real e adecuado, para este século XXI. Pareceume todo un reto. Seis meses traballando coas familias e o claustro. A concelleira de Educación ía a todas as reunións. As tres sesións previstas convertéronse en nove, pero non me importou porque, cando a xente se compromete, eu tamén. Entre as sesións, a comunidade educativa, tanto o profesorado como as familias, reflexionou, debateu e acordou. Ao final redactamos o proxecto educativo do centro. Como colofón, as familias organizaron unha festa na vila, con talleres, xogos cooperativos... para celebralo. Son experiencias gratificantes e que, agora, outros centros están a tratar de replicar.

Eduga: É o escenario idóneo, que se comprometa o profesorado, a familia, a comunidade educativa, a contorna…

N.Z.: Si, así é. A comunidade educativa e tamén a Administración teñen que ter presenza, estar preto dos centros, coñecer a problemática e empuxar na mesma dirección. Necesitamos menos normas e máis criterio. Estamos nun momento en que hai que ser moi flexibles, pouco restritivos, porque do contrario estaremos a matar todas as posibilidades de innovar dos centros.

Ás veces, as resistencias ao cambio están nos centros, que buscan desculpas para non facelo. Eu adoito dicirlles que "todo o que non está expresamente prohibido está permitido". Se non saímos dos marcos, se non empuxamos un pouco, non imos poder cambiar nada. Por iso son necesarias todas as voces e todas as mans remando na mesma dirección.

Eduga: O fin ao que debe dirixirse a educación, ao teu entender, é ser boas persoas, bos cidadáns e bos profesionais. Que implica iso?

N.Z.: A escola ten que traballar o núcleo duro do alumnado, que está reflectido nas finalidades da educación segundo a UNESCO e que se citan en todos os preámbulos das leis, aínda que, nalgúns casos, logo se vaia en sentido contrario:

  • Aprender a ser boa persoa: autocoñecemento, autoestima, autorregulación, asertividade, resiliencia...
  • Bo cidadán ou cidadá: aprender a convivir con quen é diferente, desenvolver unha cidadanía activa e crítica, comportamentos prosociais, xestión de conflitos sen violencia, valores como a xustiza e a solidariedade.
  • Aprender a aprender: os cambios son e serán tan grandes que teremos que aprender e desaprender continuamente, seremos eternos aprendices. Aprender a aprender é a aprendizaxe máis importante. De feito, tería que exporse en todas as materias como obxectivo fundamental.
  • Aprender a facer, é dicir, construír, poñer todo isto ao servizo da comunidade a través dun traballo, para que teña sentido, para transformar o mundo, conseguir unha sociedade máis xusta, máis solidaria e máis humana.

Eduga: E como se consegue iso? Que mecanismos hai que poñer en marcha?

N.Z.: Dándolle a volta a moitas cousas. David Covey explícao graficamente co que chama paradigma innovador como un triángulo invertido, arriba, a parte ancha que representa o alumnado, seguido en orde descendente do resto de elementos (profesorado, equipo directivo, asesores, inspección, consellería) que están ao seu servizo. É algo tan evidente que non nos decatamos diso.

Insisto en que o ensino está ao servizo da aprendizaxe e non ao revés. Por iso hai que empezar coa formación en centros, que todo o claustro comparta esa visión da educación, da súa responsabilidade, a súa función e o compromiso que supón. A formación no centro, todo o profesorado xunto, reflexionando sobre a súa práctica, as súas dúbidas, problemas e solucións, é moi potente. A unidade de cambio é o centro e todo o profesorado ha de prepararse para iso. Un compromiso coa escola pública esixe ser un bo profesional, dedicar a xornada laboral completa a adaptarse ao novo escenario e ir todos ao paso. Hai dous tipos de directores: o Indurain, bo ciclista, profesional, que subía montañas… pero que ía só, ou o que vai co equipo no pelotón e forza a que o pelotón dea o mellor que ten. O mesmo ocorre cos alumnos, debemos sacar o mellor de cada un, aproveitar o que nos ofrece a educación emocional, a neurociencia, as novas tecnoloxías para obter a mellor versión do noso alumnado, para que consigan unha aprendizaxe profunda, que chegue ás mans, que teña sentido.

Eduga: Que papel debe desempeñar cada sector da sociedade para lograr este obxectivo de conseguir boas persoas, bos cidadáns e bos profesionais?

N.Z.: A escola ten a obrigación de educar para que sexan iso e que estea no currículo de maneira explícita, cun currículo que responda a ese fin e non só que figure unicamente no preámbulo da lei. Isto é un tema que implica a toda a sociedade, o famoso proverbio africano que soe empregar José Antonio Marina “para educar un neno fai falta toda a tribo”.

Por outra banda, o compromiso da familia é fundamental e os centros teñen que preguntarse moitas cousas respecto diso: Ata onde as deixamos entrar? Queremos, de verdade, que veñan? Escoitámolas? Traballamos xuntos?

E os modelos sociais? Que ven os nenos e mozos ao seu arredor? Son modelos fundamentais porque teñen unha influencia brutal no alumnado. Ofrécenselles demasiados referentes negativos, series televisivas violentas, corrupción, sensacionalismo… Mostramos a parte peor da sociedade e deixámolos sen bos modelos, que os hai. Alguén me dicía hai pouco que habería que lle poñer dous rombos dos de antes a máis dun programa de noticias. Parece que non temos unha boa tribo e a sociedade ten unha responsabilidade moi grande na educación.

Eduga: Como expuxeches en numerosas ocasións, tanto en conferencias como a través da revista dixital Convives, da que fuches directora e da que es, actualmente, vicepresidenta honorífica e membro do seu Consello de Redacción, a importancia da colaboración da familia e da escola é evidente, dado que son dúas institucións imprescindibles que están obrigadas a entenderse. Sendo así, por que ás veces parece tan difícil ese entendemento? Que é o que falla se se persegue a mesma meta?

N.Z.: Creo que é que hai relacións de desconfianza, máis que de confianza. E en relacións de desconfianza é moi difícil construír. Se en lugar de preguntarnos que facemos ante este problema nos culpamos mutuamente, non imos solucionalo nunca. Hai que empezar a relacionarse doutra maneira, creando relacións de colaboración xa desde infantil e apoiándonos mutuamente. “Nunca desautorices o mestre”, dígolles ás familias, e "nunca desautorices un pai ou unha nai", ao profesorado. Cando exista un problema no colexio, hai que falar con tranquilidade. O profesorado e as familias queren o mellor para o neno ou adolescente, non se trata de competir senón de colaborar e buscar a mellor solución. Unha vez a un dos meus fillos mandáronlle escribir 500 veces “no recreo non se entra na clase”. Pareceume que volvía á miña escola, pero díxenlle ao neno: “Non está ben que entres á clase e seguramente, coa mala letra que tes, aproveitaría a mestra para que a mellores”. Tratábase de lle atopar un sentido ao castigo. Cando me reunín con ela, comentámolo e pensamos en sancións que tivesen sentido. A nosa relación sempre foi moi cordial.

Eduga: Pero esa reacción túa non é a normal. O habitual é que as familias lles dean sempre a razón aos seus fillos…

N.Z.: Nalgúns casos, que son os que fan máis ruído, pero non sempre. Se é así, equivócanse. O importante é facelos responsables dos seus actos. Isto sería sobreprotexelos e maleducalos, cando o que hai que facer é educar en dereitos e deberes. Pero tampouco hai que desautorizar unha familia, “é que o teu pai/nai…” porque en ambos os casos se deixan sen un referente fundamental.

Eduga: Familia-Escola, ás veces un equilibrio difícil de manter...

N.Z.: Si, e é unha pena. Se nos désemos de conta do importante que é estar xuntos nesta tarefa... Confianza, colaboración e complicidade son a clave. Traballar en equipo, porque nós temos os nenos un curso ou un ciclo, pero as familias téñenos para sempre. Eu, como mestra, colaboro contigo, pai ou nai, porque a responsabilidade final é dos pais. Por iso digo que hai que empezar desde infantil a sentar esas bases. Contar con elas, poñer as reunións en horas nas que ambos os membros da familia poidan acudir, chamalas periodicamente e contarlles cousas boas, ademais de preguntarlles e escoitalos.

 

Eduga: E en canto á formación do profesorado, que é o obxecto destas xornadas, inclúe  esta formación o novo contexto social ou faise necesario someter a revisión ámbitos tan importantes como os plans de estudo, o acceso á docencia ou a formación permanente?

N.Z.: O tema da formación e selección do profesorado é fundamental. Hai dúas cuestións que hai que ter en conta:

A primeira, revisar moi ben a formación inicial do profesorado, que a metodoloxía que se vai aplicar despois nas aulas se aprenda xa na formación inicial. Que o cambio metodolóxico se faga na formación inicial. Aínda que pode ocorrer que o profesorado encargado dela non estea reciclado e... ninguén pode dar o que non ten.

En segundo lugar, a selección. Hai que repensar o modo en que se está facendo. Hai que facer unha selección rigorosa, elixir os mellores, facelo fundamentándose nas competencias emocionais e sociais, nos valores e a idoneidade para relacionarse co alumnado. Despois virán os aspectos académicos, por suposto. Quen vai adestrar para a vida as novas xeracións no pode ser mediocre, se os eliximos así, estaremos a hipotecar o futuro.

Eduga: Comentaches nalgunha ocasión que en Finlandia hai un sistema de selección do profesorado moito máis esixente, de maneira que as persoas seleccionadas son as idóneas para a docencia. Non hai inspección porque non a necesitan, porque cren no profesorado e este está moi valorado pola sociedade.

N.Z.: Adóitanse poñer como exemplo os países nórdicos, pero aquí tamén temos experiencias nese sentido. Hai pouco participei nun proceso de selección que sería ideal para a escola pública: “ExE. Empeza por Educar”. Está baseado no que fixeron os americanos nos noventa, aquilo de “teach for all”. Aquí fíxose no País Vasco, en Madrid e en Cataluña. Tras unha selección de bos currículos, preguntábaselles por que se presentaban a esa praza, que buscaban con isto. E que o xustificasen. Despois daban unha clase, a que elixisen, diante doutros aspirantes durante sete minutos e cada un avaliaba os demais, sen criterios establecidos, e ao final avaliábanse a si mesmos.

Un equipo, unha empresa de talentos encargábase da selección. “Dime como avalías e direiche cales son os teus valores”. En función desa avaliación, coñecían os valores dos candidatos: que era o importante para cada un (se miras ao alumnado e interaccionas con el, se dás a clase de costas aos alumnos, se te centras máis nos contidos…).

Seguinte proba: proba de liderados, repartir un orzamento que chega ao centro... Aquí pódese ver quen ten capacidade de negociación, de chegar a consensos.

Seleccionáronse 20 aspirantes que reciben formación en Madrid durante un verán, nun centro de barrio con alumnado desfavorecido, con titores que os supervisan. Deste xeito selecciónase o mellor. Como podemos poñer en mans de calquera as novas xeracións? A profesión docente é de alta densidade moral, necesítanse os mellores.

Eduga: E sen esquecernos da formación permanente…

N.Z.: Por suposto, formación continua, empoderamento e recoñecemento social do labor docente. Se queremos empoderar o profesorado, se queremos empoderar os centros, a unidade de cambio é todo o centro, non chega cun 20 % do claustro. A formación do profesorado en ningún momento tería que ser voluntaria. Cando unha fábrica de coches comeza a fabricación dun novo modelo, non se cuestiona a formación dos empregados. Os sindicatos negocian moi ben as condicións da formación, pero non a súa necesidade.

Cámbianos o mundo, necesitamos manexarnos cunhas competencias diferentes para ese escenario diferente que temos, o que obriga a formarse. É imprescindible e tería que ser obrigatorio, ao meu xuízo. Temos unha carreira profesional moi plana. Se comparamos con outros países, somos os que máis gañamos ao comezo da carreira, pero non hai opcións de progreso coma as súas. Aquí existen os sexenios, que son horas de formación para consolidar unha pequena parte do soldo, que podería parecer adecuado, porque nos obriga a actualizarnos, pero fomos capaces de perverter o tema dos sexenios. En máis dunha ocasión, non me formo todo o que necesito e no que necesito, senón nas horas que me esixen para o sexenio e no que resulta máis fácil ou cómodo. E iso é malgastar diñeiro público e eu non quero participar niso. Cando me atopo nalgúns dos meus cursos con docentes "de corpo presente e mente ausente", convídoos a participaren de maneira activa ou a que marchen.

Eu valoro moito o profesorado en xeral, hai xente que pensa, que se recicla pero que, moitas veces, o ten difícil nos seus centros con colegas resistentes ao cambio e á mellora e pásano moi mal. Por iso é tan importante a formación en centros. E se facemos formación en centros, ten que ser todo o claustro e dentro do horario laboral, que non lectivo, estipulado para iso. Non entendo que sexa voluntario porque temos dereito a ter bos profesionais que lle garantan unha boa educación a todo o alumnado.

Eduga: O escenario actual xa obriga a ter que reconverterse por completo. A formación en centros permite adaptar a modalidade, a temporización ou os contidos desa formación ás necesidades do centro e da comunidade educativa. Sería, polo tanto, un bo modo de favorecer a adquisición e desenvolvemento das competencias docentes e para que a formación sexa efectiva, proveitosa?

N.Z.: A única dificultade desta modalidade é a necesidade de que haxa xente capaz de dinamizar a formación e os grupos dentro do centro. Por iso, se cadra, habería que escoller a alguén como responsable de formación en centros, por exemplo, a xefatura de estudos ou calquera outra persoa idónea para iso e formala: detección de necesidades de formación, técnicas de dinamización, materiais etc. Para que fagan pensar, analizar, debater, establecer prioridades e atopen solucións aos seus propios problemas. Cando as persoas que participan ven seriedade e resultados, fano de modo cada vez máis activo, implícanse e van xerando unha nova cultura de centro. En definitiva, toma de decisións e planificación participativa. O papel das asesorías de centros de profesorado e da inspección é moi importante.

Eduga: Unha das súas reflexións máis importantes versa sobre a figura do docente como principal elemento do sistema educativo. Cal sería para vostede o docente ideal? Que aptitudes debería reunir para ser considerado un profesional da docencia? E que actitudes debería poñer en práctica con este mesmo fin?

N.Z.: Unhas e outras viñémolas comentando: docentes academicamente bos, nada de mediocres, pero tamén emocionalmente bos, equilibrados, con competencias sociais e con valores sólidos. Ademais deben mostrar capacidade de liderado, compromiso coa profesión, co centro e co alumnado, paixón polo seu traballo e aprendiz permanente.

 

 

Eduga: En resumo, os tres vértices nos que se sustenta a innovación educacional, segundo Fullan: o desenvolvemento das capacidades profesionais, o traballo en equipo e a paixón pola profesión.

N.Z.: Ao final, todos os expertos inciden no mesmo. Eurydice, nun informe de 2004, termina dicindo que a función docente en Europa se fundamenta en catro alicerces:

  • Dominar a súa materia: para que o alumnado aprenda as competencias, a materia… o docente ten que ser experto na súa disciplina, formado, actualizado e saber facer que o alumno o aprenda.
  • Función titorial: titorización ao alumno individualmente, da aula clase (relacións, grupos, subgrupos…) e das familias, durante polo menos unha hora semanal para cada colectivo.
  • Coordinación docente (de nivel, de etapa): definir estratexias, obxectivos, metodoloxías... porque un centro non pode ser un reino de taifas, ten que haber un común denominador, chegar a acordos (2-4 horas semanais).
  • Formación continua: a mellor opción é a formación en centros porque posibilita o traballo en equipo. Fai falta tempo para estar xuntos na escola, para coordinarse, para formarse, para planificar proxectos… Cun horario laboral de 37,5 horas, hai tempo para todo iso e voume á miña casa sen traballo. Eu son partidaria de que o profesorado da pública teña 35 horas de permanencia no centro. Tamén sei que hai profesorado que traballa esas e outras moitas horas e que, grazas a el, temos cousas tan boas; pero... isto debe ser para todo o profesorado e non só para os que queren. Non é xusto que gañemos o mesmo e moito menos que a escola perda tantos recursos necesarios. Por que non é así? Non se trata de que haxa espazos adecuados para iso nos centros, como se adoita dicir; isto ten arranxo. Defender a escola pública é poñer todos os medios para que sexa a mellor escola. Empezando por dedicar todo o horario laboral, todo o demais... é defender outras cousas.

A responsabilidade está, tanto na Administración educativa como no profesorado. Habería que ser valentes e falar sobre isto porque a gran prexudicada é a escola pública.

Eduga: O Departamento de Formación e Innovación do CAFI elaborou un documento sobre competencias profesionais docentes que recolle todos estes requisitos que mencionaches.

N.Z.: Vino, si, recolleron as que sinala Perrenaud nalgún caso.

Eduga: Estás de acordo con esa relación? Destacarías algunha delas por encima das demais?

N.Z.: Todo o mundo coincide hoxe en que un docente competente debe ter estratexias metodolóxicas e didácticas para que o alumnado aprenda, para desenvolver unha competencia emocional importantísima, para entenderse a si mesmo e para entender a importancia das emocións na aprendizaxe, para establecer relacións de apoio e axuda co alumnado, para escoitar, para achegar, negociar e chegar a acordos, con capacidade de traballo en equipo, con compromiso co centro… Están todas as competencias involucradas: persoal, social, profesional…

Eduga: Describe un perfil bastante ambicioso…

N.Z.: Si, pero como declara Perrenaud, o docente debe ser competente para afrontar o seu labor, porque a falta de competencia dos mestres pode ter consecuencias graves. “A incompetencia non é un dereito humano”.

Eduga: Outra cuestión de vital importancia na dinámica dos centros é todo o relacionado coa convivencia. Juan de Vicente Abad, recentemente gañador do Certame D+I ao docente máis innovador de España e vicepresidente de Convives, asociación á que ti tamén pertences, fala de “escolas sustentables en convivencia” no sentido da necesidade de que sexan proxectos impulsados polos equipos directivos, con liderados compartidos e apoiados polas administracións. Compartes esta visión do traballo en convivencia?

N.Z.: Unha das finalidades da escola é aprender a convivir. Como xeramos unha convivencia positiva, é dicir, sen ningún tipo de violencia? Como facemos que un centro teña un plan de convivencia real? Non son necesarios grandes proxectos, con dous folios é suficiente, o grosor dun proxecto é inversamente proporcional á posibilidade do seu cumprimento: sinxelo, claro, reflectindo que accións imos facer para lograr a convivencia que queremos.

O equipo directivo ten que liderar, coincido plenamente con Juan nas súas formulacións, e recomendo o seu libro 7 ideas clave: escuelas sustentables en convivencia, así como recomendo enormemente a revista dixital Convives, que é un exemplo de como se pode facer unha revista, manter unha asociación só co traballo da xente, con custo cero, do que estamos moi orgullosas. Mirade na rede, é gratuíta e pódese interactuar.

Eduga: O compromiso imprescindible, do que viñamos falando, para chegar a un obxectivo, sexa cal for este, de convivencia, emocional, competencial...

E xa para finalizar, que opinión che merece a realización de xornadas coma a de hoxe, na que os centros presentan as súas experiencias como vehículo para reflexionar e darlles visibilidade ás boas prácticas educativas? É unha vía idónea para a súa difusión a toda a comunidade educativa, de maneira que sirva de exemplo e motivación a outros centros para levalas a cabo?

N.Z.: As xornadas son importantes polo intercambio de experiencias, que a xente vexa novos modelos que ten preto, non en Finlandia, senón aquí á beira en centros con condicións similares, coas mesmas leis educativas… E iso contaxia moito. Habería que facer unha rede de centros innovadores, que intercambien experiencias e mesmo que algún quixese titorizar a outros novos.

O traballo en rede ten un gran potencial, sería interesante que algún docente se ocupase de fomentar e manter esta rede, con liberación horaria para iso e asesoramento horizontal. Pero o contacto humano é fundamental, é o que fai que funcione. Hai que empezar cunha xornada presencial, coñecerse en persoa, facilitar o encontro e non tanto priorizar a participación de expertos. O importante é que a xente saiba dinamizar grupos, que coñeza estratexias de participación, que estableza intercambios. Sería bo facelas tamén no ámbito provincial, porque os centros compartirían máis elementos en común e iso favorecería a conexión entre eles.

Eduga: Moitas grazas Nélida por atender tan amablemente a petición da Revista Galega do Ensino e transmitirnos as túas reflexións e opinións. Esperamos poder contar coa túa presenza en Galicia en futuras ocasións.

N.Z.: Grazas a vós.

 

 

 

Sección: