Do revés na clase

O modelo de flipped classroom ou clase do revés cada vez ten unha maior aceptación por parte dos docentes. Ao lado das numerosas vantaxes que presenta esta práctica, están os problemas asociados á parte que sucede fóra da aula. E se todas e cada unha das etapas do proceso sucedesen dentro da clase? Esa é a formulación que subxace baixo o modelo in-class flip ou do revés na clase.

Teresa Mancebo López
Xefa do Departamento de Tecnoloxía do IES Pastoriza
tmancebo@edu.xunta.es

 

Contextualización

De acordo coa metodoloxía da clase do revés, o alumnado debe traballar na casa unha serie de contidos a través de diferentes materiais elaborados ou seleccionados pola docente. O tempo de aula resérvase para o traballo máis práctico, no que a profesora resolve de forma directa as dúbidas que xorden na resolución de tarefas.
Cada alumna e cada alumno pode aprender ao seu ritmo, consultando o material didáctico as veces que sexa necesario, antes, durante e despois da realización de cada tarefa asignada. Refórzase así a autonomía do alumnado e posibilítase a coexistencia de diferentes niveis de aprendizaxe dentro e fóra da aula.
A docente dispón de máis tempo para o alumnado que presenta maiores dificultades e ten a posibilidade de facer pequenos grupos para traballar aspectos concretos con eles. Mentres, o resto dos alumnos e alumnas avanza de forma autónoma, apoiándose entre eles e con intervencións puntuais por parte da docente.
Ao lado destas vantaxes, a clase do revés tamén presenta unha serie de problemas asociados ao modelo. O principal deles é que o alumnado non dispón sempre de medios materiais e/ou conexión a Internet para realizar o traballo que pertence ao ámbito doméstico. Se esta etapa do proceso non ten lugar, dificilmente se poderá desenvolver de maneira eficiente a seguinte etapa na aula. Tamén resulta un grande inconveniente a necesidade dun elevado compromiso por parte do alumnado.
A dotación tecnolóxica do centro no que traballo, por exemplo, é óptima para a implantación dun modelo de clase do revés, pero non se corresponde co nivel socioeconómico da poboación na que está situado o instituto. Así, resulta moi difícil para o alumnado comprometerse na realización na casa de tarefas que precisen dun equipo informático. Este desaxuste de medios que existe entre o centro e o contorno familiar fixo que me decantara polo modelo in-class flip.
A formulación que subxace baixo o modelo do revés na clase (in-class flip) ou falsa clase do revés (faux flipped classroom) é a de considerar que todas as etapas do proceso deben suceder na aula e, polo tanto, é preciso organizar os tempos e os espazos para que isto sexa posible.
Baixo esta proposta, todo o alumnado participa cos mesmos recursos materiais porque todas as etapas se desenvolven dentro da aula. A profesora está presente en todo momento, polo que ten un maior control de todo o proceso e dispón da oportunidade de atender a cada alumna e cada alumno tanto na revisión de recursos como na realización de actividades.

Obxectivos

  • Incrementar a implicación do alumnado na súa propia aprendizaxe.
  • Promover unha aprendizaxe autónoma para todo o alumnado.
  • Proporcionar unha alternativa para o alumnado que non dispón de recursos fóra do ámbito escolar.
  • Mellorar a atención á diversidade dentro e fóra da aula.
  • Favorecer o apoio entre iguais.

 

Recursos empregados

A experiencia desenvolveuse nunha aula-taller de tecnoloxía na que se dispón do espazo suficiente para establecer diferentes zonas de traballo e favorecer unha distribución flexible adaptada ás necesidades de cada sesión. Todas as alumnas e alumnos dispoñen dun ordenador portátil co software requirido para realizar as actividades asignadas. O centro ademais está dotado cunha boa conexión de rede.

Os materiais de consulta son videotitoriais de creación propia aloxados en YouTube e recompilados en Blendspace co fin de mellorar a accesibilidade. Todas as instrucións e as correccións das diferentes actividades foron xestionadas a través da plataforma educativa Edmodo.

Descrición da actividade e metodoloxía

Empregouse o modelo de falsa clase do revés con alumnado pertencente ao segundo curso da ESO para o traballo dunha unidade de procesado de texto en LibreOffice. Fíxose unha proposta de cinco prácticas a través de dous grupos creados dentro da plataforma educativa Edmodo, un para cada clase. Cada práctica estaba acompañada dun videotitorial onde se proporcionaba a información necesaria e un modelo que o alumnado debía reproducir. A contorna de traballo proporcionada por Edmodo simplifica enormemente a asignación de tarefas e o posterior seguimento destas.
Cando unha alumna ou alumno remataba unha práctica, enviaba a súa tarefa a través de Edmodo para a súa corrección. Cada unha das prácticas podía ser remitida un número ilimitado de veces sempre e cando o envío se realizase dentro do prazo asignado. A práctica era devolta á alumna ou alumno acompañada dunha cualificación e as indicacións necesarias para modificar a tarefa e entregala de novo.

Avaliación

Estableceuse o seguinte código para a cualificación das prácticas:

  • 4-Moi ben: a práctica non necesita modificacións.
  • 3-Ben: a práctica necesita un máximo de dúas modificacións.
  • 2-Regular: a práctica necesita entre tres e cinco modificacións.
  • 1-Mal: a práctica necesita máis de cinco modificacións.
  • 0-Non entregada: a práctica non foi entregada.

Foron avaliadas 205 prácticas pertencentes a 41 alumnos cos resultados que se mostran no gráfico 1.

Gráfico 1. Cualificación das prácticas

 

Conclusións

A realimentación durante o proceso permitiu que o 78 % das prácticas fose cualificado con ben ou moi ben, e destacou especialmente a alta porcentaxe de prácticas puntuadas coa cualificación máxima (68 %). O alumnado entende que é posible realizar un traballo sen erros e ademais esta porcentaxe reflicte o seu interese por facelo.
O tempo proporcionado na clase foi suficiente para a realización de todas as tarefas,  como así o indica a baixa porcentaxe de prácticas cualificadas con 0 (1 %). Con todo, houbo alumnas e alumnos que realizaron algunhas das tarefas ou parte delas nos seus domicilios.
A cualificación de prácticas, corrección de fallos e resolución de dúbidas tivo lugar dentro da clase, pero tamén fóra dela a través da plataforma educativa Edmodo. Isto permitiu unha comunicación fluída e constante coa docente durante todo o proceso.
A eficiencia e eficacia deste modelo de traballo na aula veñen xustificadas polas seguintes razóns:

  • Posibilita a realización de todas as tarefas na aula durante o tempo de clase.
  • O material necesario está sempre dispoñible.
  • A profesora está presente en todo momento fisicamente e/ou a través da plataforma Edmodo.
  • Existe realimentación, o que permite que o alumnado reciba a súa tarefa cualificada e con indicacións para mellorala.
  • Fai posible que unha tarefa se envíe cantas veces sexa necesario.
  • A docente ten unha visión completa do desenvolvemento de cada unha das sesións e do traballo individual de cada alumna e alumno.

No presente curso repetín a experiencia co modelo do revés na clase, pero nesta ocasión en grupos de segundo, terceiro e cuarto da ESO e co soporte da plataforma educativa Classroom. A maioría das unidades foron traballadas de acordo con este modelo e os resultados foron moi satisfactorios, chegando ao 100 % de aprobados nalgúns grupos.
 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bergmann, J.; Sams, A. (2014): Dale la vuelta a tu clase. Ediciones SM ed.
González, Jennifer (2014): Modifying the Flipped Classroom: The “In-Class” Version. Edutopia.

 

Sección: