Castelao no ensino

Novas achegas didácticas
A nenez galega a través dos anteollos de Castelao é unha proposta didáctica orientada aos niveis de educación secundaria, publicada o pasado decembro pola Deputación de Pontevedra e presentada no transcurso do Culturgal 2015 que, con motivo da celebración do 2016 como Ano Castelao, será distribuída a todos os institutos galegos.

Diana Vilas Meis
Historia da Arte. Universidade de Vigo
dvilas@uvigo.es
Óscar Rodríguez García
Xeografía e Historia. IES Illa de Ons, Bueu
osroga@edu.xunta.es

Ilustración da portada do libro

 

1. Presentación: da investigación académica ao proxecto didáctico

A nenez galega a través dos anteollos de Castelao (2015) é unha proposta didáctica orientada aos niveis de educación secundaria —ESO e bacharelato— sobre a historia da infancia e a historia de Galicia a comezos do século XX, na que as estampas de nenos de Castelao se empregan como unha fonte histórica fundamental. Isto quere dicir que, por un lado, esta achega didáctica á infancia galega e á historia de Galicia a inicios do XX ten como eixe condutor a ollada lúcida que Castelao verte na súa obra gráfica a través de tantos nenos e nenas que vehiculan o seu pensamento arredor deste tempo de cambio secular e, por outro lado, que as estampas —deseños do artista publicados no xornal Galicia. Diario de Vigo, no Faro de Vigo, no Álbum Nós, ou a Revista Nós— se traballan en diálogo coas fontes clásicas do estudo da historia, enmarcadas, polo tanto, no contexto histórico e xornalístico no que foron publicadas, para que o alumnado poida percibir a través deste diálogo lecturas distintas sobre un mesmo feito ou proceso, lecturas que poden ser coincidentes, complementarias ou opostas.

Este proxecto foi levado adiante por un grupo de traballo de carácter interdisciplinario, coa sorte de poder xuntar nel profesionais da historia da arte, da historia, da didáctica das ciencias sociais, e ata a un mestre con máis de corenta anos de experiencia docente, que colaborou na elaboración duns relatos infantís baseados en testemuños históricos reais, que serven de nexo de unión entre os distintos capítulos. A este equipo sumouse tamén a contribución do gabinete didáctico do Museo de Pontevedra que se encargou de elaborar un magnífico material ex profeso para esta obra.

A proposta didáctica xorde, en parte, do interese de moitos dos compañeiros docentes en achegar ás aulas —a un nivel escolar— a investigación levada a cabo no libro de Cousas de nenos. Unha aproximación á representación da infancia nas Cousas da Vida de Castelao (Vilas e Rodríguez, 2014).

Nel apuntabamos que as estampas de nenos de Castelao, aínda que inconexas en canto que publicacións diarias, teñen sentido de seu, e incluso moitas delas posúen múltiples lecturas —a plástica, a literaria e a conxugación de ambas—. Non obstante, estas estampas estudadas en distintos agrupamentos temáticos supoñen unha diagnose lúcida e crítica sobre determinadas problemáticas que inciden no mundo do neno e na Galicia do seu tempo.

Ademais, o estudo histórico sobre a infancia galega do primeiro terzo do século XX permitiunos apuntar algúns dos ámbitos de socialización nos que tivo lugar a vida destes nenos e que puideron incidir na percepción e intencionalidade do discurso creativo do artista, ofrecéndonos múltiples posibilidades para analizar dun xeito máis sólido e completo as estampas.

 

2. Virtualidades educativas da proposta didáctica

2.1. A temática: a historia da infancia e as estampas de nenos de Castelao

O estudo histórico sobre a infancia do primeiro terzo do século XX é unha proposta de estudo relativamente recente na historiografía e inédita no eido galego, así como tamén é unha particularidade de Castelao a presenza tan abondosa que a figura da nenez ten na súa obra gráfica; dúas liñas de investigación desenvolvidas no estudo académico anterior.

Por un lado, os espazos de socialización dos cativos que nos proporcionou a achega á historia da infancia neste marco brindáronnos a estrutura do libro:

- a vida no fogar (capítulo 1)

- na escola (capítulo 2)

- no traballo (capítulo 3)

- condicionada polas circunstancias socioeconómicas da Galicia daquel entón (capítulo 4)

- encadrada nas transformacións políticas que se sucederon neste tempo (capítulo 5)

- aos que se engadiu a colaboración do Museo de Pontevedra (capítulo 6).

Por outro lado, a análise das estampas en agrupamentos temáticos ofreceunos novos mecanismos e instrumentos para o estudo dos procesos históricos. Os debuxos que Castelao publica na prensa configuran no seu momento un novo espazo de opinión de carácter político-social que se engade ás columnas dos xornais vigueses mencionados, nos cales os cativos constitúen unha ferramenta para lle revelar criticamente a realidade a un público masivo. Os nenos e nenas convértense en portadores de significados e de ideoloxías, proxectan obxectivos educativos, esixencias e expectativas cara á nenez, códigos morais, variables de xénero e clase social… son útiles cos que consegue non deixarnos indiferentes ante os seus pensamentos. Esta capacidade das imaxes de facer visible aqueles asuntos que, por formar parte da realidade cotiá —inmediata—, pasan desapercibidos vese potenciada co seu artellamento en grandes eidos temáticos, que nos permiten establecer comparacións coa realidade contextual á que fan referencia e mesmo coas propias vivencias dos rapaces.

De todas elas, as que se refiren á educación e á escola son das máis abondosas na obra do rianxeiro e na interpretación conxunta destas estampas puidemos observar, por exemplo, como se perfilan algúns dos aspectos máis relevantes no que concirne ao sistema educativo galego daquela época. De feito, se algo nos queda claro logo de observar as Cousas de nenos é que estes «non queren ir á escola», pero por que? O artista apunta algunhas causas, fálanos dun método pedagóxico represivo e do distanciamento entre os mestres e o alumnado polo problema do idioma. E cales eran ao seu parecer as dramáticas consecuencias disto? Pois a falta de interese dos cativos en ir á escola, a desvalorización da educación fronte á aprendizaxe dun oficio ou dos labores no campo e, sobre todo, o forte absentismo escolar, que propiciaba a temperá incorporación dos pequenos ao traballo.

Este é soamente un dos moitos temas que podemos abordar a partir da lectura conxunta das estampas, pois o uso deste material icónico é un xacemento de información que o alumnado absorbe inconscientemente, á vez que facilita abundantes motivos visuais de impacto emocional onde o estudante ancora o coñecemento.

2.2. Estampas inéditas

Na escolma propia de 81 deseños que elaboramos no libro de Cousas de nenos incluímos estampas inéditas de Castelao, en tanto que non foron publicadas máis alá dos xornais da época, e que integramos nesta proposta de traballo, como mostra da diversidade estilística do artista rianxeiro. Como, por exemplo, a estampa 29: «Mi papa y mi mama. Mueran los ajrarios y no ay quien pueda comijo y biba el deputado. DIBUXO FEITO POL-O FILLO D´UN CACIQUE. O NENO TEN UN TALENTO QUE METE MEDO», publicada no Galicia. Diario de Vigo, 12/04/1923 (A nenez galega... estampa 29, p. 73). O artista imita nesta estampa un debuxo intencionadamente infantil, que, por mor da esaxeración e das distorsións ridículas, reduce as figuras a simples monicreques, formas puerís nada usuais na obra do rianxeiro, empregadas neste caso para ridiculizar o arquetipo de cacique.

Estampa inédita

 

2.3. Unha proposta exercitiva con gran diversidade de fontes

Na nosa intención de formular unha proposta aberta e flexible integramos no discurso breves apuntamentos sobre a realidade histórica da Galicia deste período, necesarios para entender o contexto no que se enmarca a vida dos nenos —e no cal se producen e reciben as estampas de Castelao—. Estes preludian unha proposta exercitiva na que quixemos carear o discurso gráfico do artista con outros idearios proxectados desde institucións ou organismos oficiais, discursos xornalísticos e lexislativos, publicacións especializadas, tamén relatos narrativos ou poéticos… para achegármonos á visión que os adultos construíron da nenez galega no marco temporal sinalado. Mais nesta comparación documental non esquecemos afrontar todos estes imaxinarios coa realidade vivida polos propios nenos, a vivencia íntima que nos proporcionan os testemuños, para constatar ou desbotar a través das súas experiencias a realidade amosada nestoutras fontes.

Estrutura da presentación dun apartado

 

Neste traballo, preséntase a conxunción dunha ampla tipoloxía de fontes:

- as fontes clásicas do coñecemento histórico: testemuños orais, documentos historiográficos e documentos extraídos de arquivos históricos galegos, prensa histórica, relatos narrativos ou poéticos etc.

- ás que lle sumamos o referido discurso gráfico de Castelao,

- e toda unha recompilación de recursos multimedia de diversas institucións públicas: Museo do Pobo Galego, Museo Pedagóxico de Galicia, Museo de Pontevedra, Consello da Cultura Galega...

O noso guía entre estes mundos non podía ser outro ca un cativo, o pequeno Afonsiño, chamado así en lembranza do fillo do propio artista, que principia cada un dos apartados coa narración das súas vivencias. Estas foron recreadas polo mestre Manuel Rodríguez Conde a partir de testemuños reais, co que as historias de Afonsiño se converten deste xeito nun recurso importantísimo de identificación afectiva e que dá unidade a todas as temáticas tratadas nos distintos apartados do libro.

Deseños de Afonsiño

 

Cunha simple ollada ás páxinas do libro resulta evidente a escasa presenza de discurso explicativo. O noso empeño foi o de ofrecer unha proposta de actividades pola que os estudantes constrúan por si mesmos o coñecemento obxecto de aprendizaxe. Está dirixida non só a que o alumnado asimile o contido senón a que acade e consolide as destrezas e competencias cognitivas e procedementais propias das ciencias sociais: identificación e comprensión de factores de causalidade, obtención e selección de información en diversas fontes, elaboración de sínteses e de traballos de indagación.... Todo iso a través dunha proposta exercitiva variada e integrada: postas en común, traballo por proxectos, lectura pautada de textos e imaxes... que constrúe o coñecemento do alumno por descubrimento e non con fórmulas que articulen as actividades e os documentos como mero suplemento rutineiro de comprobación de contidos.

Con esta intención, cada capítulo componse de diversos apartados articulados en tres fases:

1. A presentación motivadora do contido, que comeza cun relato infantil en primeira persoa, no que o pequeno Afonsiño conta as súas vivencias, e un breve apuntamento histórico que introduce o contido de cada apartado.

2. O desenvolvemento do tema, graduando a achega de información a través de fontes diversas e unha serie de tarefas nas que o alumnado traballa e opera coa información dos documentos seleccionados.

3. E unha recapitulación final, mediante actividades de síntese nas que se extraen conclusións e se avalía a aprendizaxe.

Este enfoque, que rebate o tradicional ensino da historia baseado na memorización de datos e acontecementos, centra o seu interese, como xa dixemos, na adquisición das estratexias de pensamento propias das ciencias sociais. As actividades deseñadas perseguen ese obxectivo, co que se distribúen arredor dun número mínimo de conceptos metodolóxicos —fonte, causas, evidencias, empatía, cambio e continuidade— que están presentes ao longo de toda a obra. Así, a través dun percorrido temático pola historia da infancia nos tempos de Castelao, os estudantes porán en práctica os procedementos disciplinares da área de coñecemento:

  • Nun primeiro momento, a análise e interpretación de diferentes tipos de información —datos numéricos, imaxes, textos— achegándose á súa compresión en relación co seu contexto histórico.
  • Despois, a elaboración de conclusións propias e a esixencia de fundamentalas empregando evidencias.
  • Por último, a xeración de novas hipóteses, a formulación de propostas de solución a problemas do presente. A aplicación, á fin e ao cabo, do aprendido a un novo contexto: o noso tempo.

A conxunción destas premisas ten como resultado unha estratexia didáctica intensiva e non extensiva, e de reflexión, non de repetición, co que se evita  a separación convencional entre teoría e práctica.

2.4. Unha metodoloxía anovadora, de integración das TIC

Esta proposta exercitiva complétase cunha concepción metodolóxica dinámica e interactiva que integra de maneira non anecdótica o uso de ferramentas TIC, a meirande parte multiplataforma e de balde, ofrecendo a profesores e estudantes un conxunto de aplicacións que permiten explorar de maneira activa as posibilidades de novos escenarios educativos que están a propiciar un cambio metodolóxico na educación. Estas ferramentas son un instrumento e non un fin:

  • Ferramentas de presentación de contidos: presentación sincronizadas de imaxes e audio, encerados dixitais...
  • Ferramentas de organización de contidos: liñas de tempo, elaboración de liñas xenealóxicas, creación de mapas conceptuais...
  • Ferramentas de edición de vídeo e audio.

Dentro dos apartados da unidade inclúese ademais unha sección denominada «enREDando», na que se elaboran unha serie de exercicios para traballar con ferramentas dixitais e con diversas ligazóns para a difusión das iniciativas de organismos e institucións galegas que, sen dúbida, enriquecen o discurso: o Museo da Salga do Grove, o Museo do Pobo Galego, o Consello da Cultura Galega, a Organización Internacional do Traballo, o Instituto Galego de Estatística... e moitos máis.

Ilustración dun «enREDando»

 

No capítulo 5, o tema da evolución política deste período recibe un tratamento distinto, a través do que chamamos «Obradoiros de Historia», no que a información de cada apartado se presenta baixo o formato dun xornal. Neste obradoiros, ademais de traballar coas estampas ou con noticias da época, invítase o alumnado a empregar ferramentas de busca de prensa histórica; a elaborar en grupo a páxina do xornal Galicia. Diario de Vigo no día da proclamación da ditadura de Primo de Rivera, asumindo os distintos roles da editorial; ou a elaborar un traballo de investigación histórica coas pautas de elaboración e presentación dos resultados.

Ilustración dun «Obradoiro de Historia»

 

2.5. A colaboración do Museo de Pontevedra

Esta visión multidisciplinar do coñecemento foi esixindo un crecente traballo en equipo que culminou coa contribución do gabinete didáctico do Museo de Pontevedra, encargado de elaborar o sexto capítulo do libro. Baixo a atenta mirada do director do museo, don Carlos Valle Pérez, Paula Tilve Otero e Lourdes Parada García achégannos un magnífico material que compendia a relación de Castelao co museo pontevedrés e todo un elenco de recursos didácticos que esta institución ten á disposición do público. A visita comentada á sala Castelao, as fichas didácticas, a consulta dos fondos, os catálogos en liña, o material multimedia ou as publicacións son algúns dos aspectos que se amosan neste capítulo de grande interese para o profesorado e estudantado da ESO e do bacharelato que queiran achegarse á vida e obra do artista.

3. Unha proposta aberta

En definitiva, consideramos que esta proposta de traballo pode ofrecer unha nova forma de abordar esta parte do currículo escolar que ás veces se omite por falta dun material axeitado para o seu estudo. Supón, ademais, un compendio de materiais sobre os que profesores e alumnos poden volver unha e outra vez en novas análises, para examinalos desde unha nova perspectiva, para contrastalos diante dunha fonte diferente, ou para abordalos desde o ámbito disciplinar de cada un: debuxo, lingua e literatura, ética, filosofía, matemáticas...

Quixemos construír con eles un diálogo entre as fontes clásicas do coñecemento histórico con toda unha recompilación de ferramentas TIC e recursos multimedia, ás que quixemos sumar o discurso gráfico de Castelao, rescatando a súa modernidade, como arte que nos segue a interpelar en temas fundamentais do pasado e do presente.

 

 

Sección: