O monte é vida

Con este título pretendiamos expresar a finalidade do noso proxecto: sensibilizar os escolares sobre a riqueza vital do noso monte. É vida non soamente porque se trata dun espazo extraordinario de biodiversidade e cumpre significativas funcións ecolóxicas, senón tamén porque facilita a vida dun gran número de familias galegas.

Iria Morgade Rodríguez
CEIP Plurilingüe Concepción Arenal (A Coruña)
imorgade@edu.xunta.es

Recollida do premio do concurso fotográfico O monte é a nosa vida

 

Contextualización

Moitos dos nosos alumnos pertencen, precisamente, a esas familias galegas das que falabamos no apartado anterior. Foi por iso polo que decidimos desenvolver este proxecto, pois consideramos que adquire especial relevancia no noso centro escolar: o CEIP Canosa-Rus de Coristanco (A Coruña), situado nunha zona rural e integrado —na súa meirande parte— por alumnos pertencentes ao ámbito rural, cuxa economía familiar depende, directa ou indirectamente, do monte. En moitos casos supón a súa principal fonte de ingresos; a empresa madeireira UNEMSA atópase, de feito, a escasos metros do centro educativo.
Estimamos, polo tanto, que os nosos alumnos que cursan sexto de primaria debían ser axentes activos na asunción da responsabilidade “futura” de xestionar os nosos montes e poñelos a producir, e para conseguilo formulamos os obxectivos enumerados no seguinte apartado.

Obxectivos

  • Achegar coñecementos sobre o monte e a súa realidade desde un punto de vista multidisciplinar e globalizador, desde distintas áreas e desenvolvendo diferentes competencias.
  • Incrementar o espírito emprendedor.
  • Desenvolver capacidades para unha correcta relación co monte e o medio en xeral.
  • Fomentar valores sociais e cívicos: vida saudable, respecto polo medio, solidariedade…
  • Sensibilizar sobre as vantaxes da conservación do monte.
  • Salientar as ferramentas que posibilitan o manexo, xestión e ordenación do monte.
  • Implicar os nosos escolares na responsabilidade “futura” de xestionar e poñer a producir os montes galegos.

Para acadar estes obxectivos, empregamos unha serie de recursos que pasamos a mencionar.

Recursos empregados

Tendo en conta a natureza globalizadora e interdisciplinar coa que concibimos este proxecto, tratamos de involucrar o maior número de docentes posible, alén dos que xa figuraban como participantes. Así, todos os mestres —e mesmo persoal non docente: conserxe, nais colaboradoras no comedor...— do centro participaron en maior ou menor medida neste proxecto.
Ademais dos profesionais do centro, contamos coa participación doutros alleos: voluntarios da Asociación Senda Nova, técnicos de Confemadera, persoal do EFA Fonteboa, un enxeñeiro forestal da FINSA, a presidenta da Asociación Río Sol, persoal da Naturnova (Centro Interactivo de Educación Ambiental) en Vigo, artesáns da zona.
Foi, sen dúbida, un proxecto baseado esencialmente nos recursos humanos, aínda que tamén fixemos uso dos recursos materiais cos que contan as distintas aulas nas que levamos a cabo o proxecto: biblioteca, aula de plástica, a titoría… Mención especial merece o uso das TIC, grazas aos dispositivos presentes na aula de informática (ordenadores, cámaras, móbiles, ipads), os cales, entre outras cousas, nos permitiron crear o blog no que fomos recollendo todas as actividades realizadas.
Non podemos esquecer tampouco os recursos “naturais” utilizados: xuncos, cortiza, follas de árbores etc. O conxunto destes recursos fixeron posible a realización de infinidade de actividades que describimos a continuación.

Alumnos traballando na aula de plástica elaborando produtos para a feira artesanal

 

Actividades

Aínda que todas as actividades estaban dirixidas á consecución dos obxectivos formulados, podemos clasificalas en diferentes tipoloxías en función da súa natureza. Así, distinguimos:

  • Actividades dirixidas a avaliar o coñecemento inicial e a actitude cara ao medio natural do noso alumnado, para establecer o punto de partida: probas escritas, debates etc.
  • Actividades encamiñadas á formación tanto do alumnado como do profesorado: indagamos sobre as árbores galegas e as súas funcións, charla “O monte é a nosa vida”, asistimos á videoconferencia de Confemadera Galicia, recibimos a visita dun enxeñeiro forestal da madeireira FINSA, viaxamos a Vigo para asistir á charla sobre as especies invasoras nas instalacións de Naturnova, visitamos Fonteboa, aprendemos a facer pulseiras con xuncos grazas á avoa de Xairo —un avantaxado alumno— e a elaborar cestas seguindo as indicacións da compañeira Susana.

 Mercadoría da feira

 

  • Actividades concibidas para poñer en práctica o aprendido: sementamos bulbos, transplantamos as sementes coas que nos agasallaron en Fonteboa e fixemos o seu seguimento, plantamos árbores no centro o Día da Árbore. O alumnado preparou exposicións para concienciar sobre conservar a nosa riqueza forestal e amosáronllas ao alumnado dos extinguidos segundo e terceiro ciclo. Con esa mesma intención de sensibilización, inventaron o conto de Maruxiña dirixido ao alumnado de educación infantil do centro.

Fragmento dunha das exposicións creadas polos alumnos sobre o monte


Organizamos, ademais, unha feira “artesanal” na que expuxemos numerosos produtos elaborados a partir de produtos extraídos do monte: pulseiras, cestas e marcapáxinas feitos con xuncos ou a partir de follas, moitos incluían refráns ou poemas coa temática do monte; pousavasos, salvamanteis e chaveiros de cortiza, mel, un palé reconvertido nunha xardineira (que vendemos nunha poxa)…
Elaboramos folletos turísticos da contorna en galego, castelán e inglés.

  • Actividades para incrementar o coñecemento da nosa contorna: acudimos coñecer a obra da nosa paisana Asunción Antelo. Participamos no concurso fotográfico O monte é a nosa vida e resultamos gañadores, na categoría de plan Proxecta, cunha instantánea da Férveda de Rus. Aceptamos a invitación da presidenta da Asociación do Monte do Río Sol e organizamos unha visita a pé. Visitamos a Ría de Arousa para coñecer a illa de Cortegada e as especies que alí habitan, especialmente os loureiros; e participamos nunha carreira de orientación no parque natural de Carreirón, na Illa de Arousa.

Como xa dixemos, tratamos de incluír en todo momento actividades de carácter multidisciplinar.


 Marcha a pé ao monte do Río Sol

 

Metodoloxía

A metodoloxía empregada buscaba proporcionar unha aprendizaxe significativa desde unha perspectiva multidisciplinar, situando o alumno coma protagonista e tratando de fomentar a aprendizaxe autónoma ou cooperativa, especialmente en actividades de indagar, entre iguais. O profesorado adoptou en moitas ocasións este papel, especialmente na elaboración das cestas, pois houbo alumnos que acadaron un nivel de perfección nesta faceta que superou sen dúbida a destreza da mestra, foi o caso de Nuria. Neste sentido, foi especialmente doado traballar co grupo de sexto por tratarse de alumnos con moita iniciativa, que achegaron ideas, que enriqueceron o proxecto.
Á hora de tomar decisións, faciámolo dun xeito democrático, logo dun debate (especialmente na actividade da feira). Do mesmo xeito, tratamos de desenvolver a capacidade da responsabilidade: na feira artesanal, por exemplo, eran eles os responsables de custodiar o diñeiro ou a mercadoría (elaborando un inventario). Non nos esquecemos tampouco de potenciar o espírito emprendedor: convertéronse en verdadeiros “comerciantes”.


Empezan a chegar os primeiros clientes da feira “artesanal”

Avaliación

A avaliación tivo lugar en diferentes momentos e desde diferentes perspectivas. Así, levamos a cabo unha avaliación inicial —antes de comezar o proxecto—, varias durante o seu desenvolvemento e unha final ao concluír o devandito proxecto.
En moitas das actividades realizadas, nas exposicións, por exemplo, os propios alumnos fixeron unha autoavaliación e unha coavaliciación do seu traballo.
A continuación destacamos os puntos nos que centramos a avaliación e os instrumentos utilizados para levala a cabo:

  • 1. Mellorar o nivel de coñecemento do alumnado con respecto ao monte.

Indicador: Avaliación inicial (antes de poñer en práctica o proxecto) e final. A avaliación inicial realizouse, principalmente, por medio de probas escritas e debates. As exposicións ás que fixemos referencia no apartado de actividades constituíron un dos principais instrumentos de avaliación, aos que se uniron outros como: probas escritas, debates, identificación de especies in situ etc.

  • 2. Desenvolver capacidades para unha correcta relación co monte.

Indicador: Observar a actitude e comportamento dos alumnos. Analizar a súa actitude nos debates, o seu comportamento nas saídas ao medio etc. O conto de Maruxiña, xa citado na relación de actividades realizadas, foi un instrumento moi útil para percibir a súa actitude cara á natureza.

  • 3. Participar nos eventos relacionados co tema: charlas, conferencias, saídas etc.

Indicador: número de alumnos e profesores que participan. Aquí temos que dicir que nas charlas a cargo dos profesionais alleos ao centro participaron unicamente os cursos destinatarios do proxecto, pero o resto do alumnado constituíu a audiencia das exposicións relacionadas co monte, realizadas polos alumnos de sexto.

  • 4. Demostración do coñecemento adquirido sobre o monte e a súa realidade para ser quen de xestionar no futuro o noso patrimonio forestal.

Indicadores: avaliación final, exposicións realizadas polos alumnos, material elaborado por eles.
Tras esta avaliación, concluímos que, en xeral, os nosos alumnos acadaron un elevado grao de consecución dos obxectivos propostos.

Conclusións

Tratouse dun proxecto que superou sobradamente as expectativas iniciais por ser enormemente enriquecedor, non soamente para o alumnado, senón tamén para o propio profesorado. A clave do seu éxito radica na implicación de todos os axentes involucrados —profesores e alumnos— que, sen ser grandes expertos na materia, especialmente a que escribe, contaron coa axuda de especialistas que souberon instruílos dun xeito extraordinario e dotalos das ferramentas necesarias para desenvolvelo idoneamente. Esta implicación de todo o profesorado incide no carácter multidisciplinar do proxecto, que incluíu todas as áreas, ademais das xa mencionadas, as de Música e Inglés: cantaron a canción de Lemon Tree coma se dun coro se tratase.

A motivación foi igualmente un ingrediente importantísimo. O alumnado estivo desde o principio moi involucrado, resultado do papel protagonista que se lle outorgou, o que facilitou a aprendizaxe autónoma e significativa. O grao máximo de motivación e implicación acadouse coa feira "artesanal". Estaban verdadeiramente ilusionados, todos eles sen excepción, preparándoa e levándoa a cabo.

Sen dúbida ningunha, acadamos os obxectivos propostos. A relación dos nosos escolares co monte e co medio natural en xeral mellorou substancialmente. Aprenderon a respectalo, querelo e valoralo: O monte é vida!


 


 

Sección: