Os cinco reinos dos seres vivos

Esta colección de cadernos denominada Os cinco reinos dos seres vivos é un material de creación propia realizado durante unha licenza para a creación de materiais curriculares dixitais durante o curso 2013/14 e engadidos á rede de contidos Abalar durante o curso 2014/15. O material creado ao que se pode acceder a través da ligazón https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/espazo/repositorio/cont/os-seres-vivos-0 está destinado ao quinto curso de primaria, aínda que é facilmente adaptable para cursos inferiores.

Autora: Jessica Miranda Saburido
Mestra de educación primaria
jessicmir@edu.xunta.es

 

A educación primaria, coma o resto de niveis educativos, leva cambiado un abismo ao longo dos últimos anos; non tanto en canto a contidos, senón no tocante á metodoloxía didáctica empregada para o seu traballo e para a consecución duns obxectivos cada vez máis amplos e variados. Por iso, non podemos esquecer que nos atopamos inmersos nunha sociedade ligada ao mundo da información, ás novas tecnoloxías e á experimentación para a demostración da veracidade dos contidos que pretenden ser asimilados. Polo tanto, nesta época de cambio, de transformacións sociais e culturais estanse a cuestionar moitas das formulacións didácticas empregadas e, á vez, pídese que a educación cobre un papel indiscutible no desenvolvemento integral do alumnado. Debido a estas circunstancias, a práctica docente debe sumarse ao labor de innovación e mellora dos seus recursos, para adaptarse aos novos tempos e aos intereses do noso alumnado, buscando novas formas de adecuarse ás necesidades actuais.

Hoxe en día, as TIC (tecnoloxías da información e comunicación) estanse mostrando, sen dúbida ningunha, como un recurso educativo moi potente, de grande importancia para o desenvolvemento cognoscitivo do ser humano. Por iso debemos intentar formar o noso alumnado nestas tecnoloxías, que permiten ter ao seu alcance multitude de recursos e información, pero que tamén deben aprender a manexar con corrección e sentido crítico. Trátase de que o alumno sexa capaz de “aprender a aprender”, é dicir, acceder á información, comprendela, resaltar as ideas fundamentais, estruturala e ter unha visión crítica sobre esta. O alumnado pasa a ser o centro do proceso de aprendizaxe, o que constrúe o coñecemento, a través do apoio e guía do profesor.

Non obstante, para moitos docentes, a implantación das novas tecnoloxías informáticas no mundo educativo é un gran reto. Pero non debemos esquecer que é un recurso que vai estar presente a diario tanto na vida persoal como na laboral do noso alumnado e que por iso lle debemos de mostrar a súa correcta utilización, así como todas as posibilidades que este tipo de materiais nos poden achegar. Sen esquecer, por suposto, que estes recursos son tremendamente motivadores para calquera materia e que, en concreto, na de Ciencias Naturais e Sociais son un medio imprescindible para a exploración do contorno e de fenómenos que doutro xeito non estarían ao alcance da visión dos nosos alumnos. É dicir, mediante eles poderemos pór en práctica aquilo de: "Ver para crer".

E por todo isto xorde este proxecto, como froito dunha necesidade real e de seguro ben coñecida para todos aqueles que exercen a profesión de mestres e mestras da educación primaria na nosa comunidade.

A realidade é que nos encanta a nosa lingua, os nosos costumes e todo o que a rodea; polo que queremos que se siga facendo uso dela nas nosas aulas e, por suposto, nos novos recursos TIC que tan presentes deben estar na nosa práctica diaria. Pero para iso debemos intentar que a maioría ou a totalidade dos recursos que nesta área de ciencias naturais se traballen sexan en galego, cun vocabulario axeitado á idade dos rapaces e rapazas e que se presente de forma lúdica e participativa. Para iso é necesario contar cun banco de recursos moito máis amplo para esta área, que coido que, xunto co material que presento, vaia sendo accesible co paso do tempo para todo o profesorado deste e doutros niveis e áreas.

É por iso polo que me decidín á creación destes cinco cadernos sobre os cinco reinos dos seres vivos, que aparecen xa recollidos no banco de contidos do espazoAbalar, para intentar achegar o meu traballo a esta materia que eu adoro, cunha pequena introdución estruturada do tema dos cinco reinos dos seres vivos que coa LOE se iniciaba neste terceiro ciclo de primaria e se continuará afondando en cursos superiores da ESO.

Como acabo de sinalar, os recursos elaborados están presentados no formato de cinco cadernos creados co soporte Cuadernia (da comunidade de Castela-A Mancha) e empaquetados en tres formatos distintos (PC, web ou scorm), segundo se requira ou non o uso de conexión a Internet para a visualización dos contidos. As ligazóns a estes cadernos son:

O paquete de recursos creados en Cuadernia está elaborado co fin de conseguir unha aprendizaxe significativa para o alumnado, de tal maneira que os contidos están estruturados desde o máis sinxelo (descrición básica sobre cada un dos reinos tomando como punto de partida os coñecementos que o alumno xa posúe ou pode observar ao seu arredor) ata chegar a un maior afondamento e á obtención de conclusións máis significativas a partir da información dada e da experimentación, co que se consegue facer modificacións nos esquemas e coñecementos do alumnado.

O uso didáctico das TIC que se persegue con este proxecto é axudar o docente no seu labor na aula, sobre todo naquelas aulas de quinto e sexto de primaria inmersas no proxecto Abalar, pódese empregar como unha ferramenta de apoio ás explicacións do docente, de motivación do alumnado mediante a realización de actividades interactivas e a mellora do proceso de autoaprendizaxe, mediante a realización de actividades de autoavaliación.

A presentación deste material conta cunha portada común para todos os cadernos e unha contraportada na que se recollen todos os accesos directos ao material complementario destes cadernos

  • Aspectos curriculares: alumnado ao que vai dirixido, obxectivos, competencias, atención á diversidade e metodoloxía.
  • Contidos e actividades: específicos de cada caderno, para o traballo na aula, mediante a utilización do EDI ou dos equipos informáticos.
  • Guía didáctica: material para usar sen conexión á rede, en pdf, coa guía didáctica de cada caderno.
  • Guía de uso: xera un pdf que axuda ao manexo da aplicación.
  • Material imprimible: inclúe o paquete de actividades de cada caderno, así como os experimentos relacionados cos contidos que se queren traballar e que é especialmente útil como material de reforzo para o alumnado que o necesita, porque se pode imprimir e traballar de forma máis pormenorizada con eles, ademais de servirlle de repaso da unidade.

A maiores deste material, atopamos nalgunhas páxinas do caderno con diferentes enlaces:

Repasar

Enlace a actividades ou teoría para repasar os contidos.

Actividades de ampliación

Permítenos acceder a actividades para alumnado con ANEAE.

Imprimir

Imprime actividades ou teoría relacionada cos contidos traballados.

Máis información

Acceso a recursos interactivos para a ampliación da información.

Experimenta

Atopamos experimentos relacionados co tema que se vai tratar.

 

Aínda que a elección do programa empregado foi nun principio puramente visual, é dicir, pareceume que era un dos programas máis atractivos e de fácil utilidade visualmente para o alumnado destas idades, teño que recoñecer que me atopei cunha gran cantidade de problemas técnicos á hora da elaboración e empaquetado dos materiais. Ademais de que o paquete de actividades interactivas que ofrece a aplicación é bastante limitado.

É por iso que na guía de uso, á que se pode acceder desde a páxina de inicio dos cadernos, se resaltan as súas dificultades técnicas, que fan referencia a un dos problemas da versión (executable) do Cuadernia. O problema que ten o material presentado é que para a súa utilización debemos ir abrindo páxina por páxina os diferentes cadernos, deixando que cargue cada ventá na súa totalidade, se non o programa mostrará unha "folla do caderno" baleira e non deixará seguir cargando as posteriores. Este aspecto, que nun principio non me pareceu moi salientable, só requiría un pouco de coidado e paciencia á hora de executar o programa, xerou moitos problemas á hora da súa práctica na aula, xa que, no meu caso, este recurso se está empregando nos ultraportátiles do proxecto Abalar, e os rapaces e rapazas non teñen tanta paciencia como se esperaba deles, polo que en ocasións é necesario volver iniciar o programa para que se visualicen todas as páxinas correctamente.

Ademais deste problema técnico, na práctica da aula, a obrigatoriedade de ir cargando todas as páxinas por completo deixa practicamente inservibles os accesos directos da páxina de inicio, que nos poderían levar directamente a distintas partes do caderno.

Conclusión

Con todo o sinalado anteriormente, gustaríame salientar que, en xeral, a experiencia na aula con este material foi moi positiva, tanto no ámbito de traballo individual como grupal.

Non debemos esquecer que estamos na era da tecnoloxía e que o debemos aproveitar, sen deixar de lado o traballo en formato papel ou manipulativo. Con este paquete de actividades, pretendín conxugar as tres opcións: traballo con TIC (mediante EDI e ultraportátiles), actividades experimentais mediante as prácticas de laboratorio e, non menos importante nestas idades, material impreso para o repaso de contidos traballados en cada un dos cadernos.

Por iso, a experiencia ata o de agora está sendo moi positiva e os logros acadados son os esperados nun principio. Tras a utilización diaria dos cadernos nestes dous últimos anos, podo dicir que se constata que os alumnos afianzaron os seus coñecementos e demostraron un grande interese polo tema tratado, polo que recomendaría o material elaborado para a práctica docente; e incluso, se fose necesario, a súa revisión para que poida ser mellorado e adaptado por cada mestre, para unha óptima adecuación ao grupo ao que irá dirixido.

 

Bibliografía: 

 

 

BARROSO OSUNA, J. e CABERO ALMENARA, J. (2010). A investigación educativa en TIC. Madrid: Síntesis.

Viveiros Ferreira, J. (2000). Internet en educación primaria. ECU.

Calvo Vermello, C. e outras (1998). Fantasía. Material de apoio didáctico. Galicia: Editorial Everest.

CABERO, J. (1994). "Novas tecnoloxías, comunicación e educación", Comunicar, 3, pp. 14-25.

Filmus, D. (2000). Educación e novas tecnoloxías. IIPE - UNESCO.

Ángel, D. (2013). “TIC no traballo da aula. Impacto na planeación didáctica”. Revista Iberoamericana de Educación Superior, 4(10), pp.3-21.