Os deberes escolares son beneficiosos para o rendemento académico?

Os deberes escolares son unha complexa ferramenta educativa que ten por finalidade estender e ampliar a práctica de habilidades académicas. A pesar de que os seus beneficios parecen exceder os prexuízos, persisten numerosas lagoas arredor deles, polo que resulta fundamental coñecer o papel que desempeñan e analizar as distintas relacións que se dan entre a implicación nos deberes, a motivación e o rendemento académico.

Bibiana Regueiro
Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación. Universidade da Coruña
bibiana.regueiro@udc.es

 


Introdución

Os deberes escolares son un dos temas educativos que maior controversia xeran. Nos últimos anos a polémica, así como os criterios sobre como, cando e cantos deben ser prescritos, lonxe de parecer resolverse vai en aumento. Como consecuencia disto, os deberes escolares son un tema de grande interese que está en constante actualidade, tanto desde o punto de vista educativo como social.

Deste xeito, e a pesar de todas estas disputas e controversias, existen puntos de acordo sobre algúns dos principios que deben guiar a prescrición de deberes escolares. Un dos principais acordos está no obxectivo dos deberes, xa que se asignan para realizalos fóra do horario habitual de clases coa finalidade de estender e ampliar a práctica de habilidades académicas. Aínda que existen certos protocolos específicos e concretos sobre os criterios que deben rexer a súa prescrición, estes non parecen ser suficientes, xa que se deben ter en conta todos aqueles factores que inciden nos efectos dos deberes sobre o rendemento académico. 

Aínda que se trata dunha complexa ferramenta educativa, debido ao gran número de factores que nela inflúen e á diversidade de actores e contextos implicados que  transcenden as fronteiras da escola e se asentan no propio ambiente familiar, os beneficios dos deberes escolares parecen exceder os prexuízos.

Vantaxes e inconvenientes dos deberes escolares

Numerosas investigacións demostran a importancia educativa que os deberes escolares posúen (por exemplo, Cooper, Robinson e Patall, 2006) e manifestan que se trata dun útil instrumento de mellora de hábitos de estudo e actitudes cara ao traballo dos alumnos. Mesmo os propios estudantes son capaces de recoñecer a súa relevancia á hora de lles axudar a aprender. Entre outros beneficios tamén destacan a mellor retención do coñecemento e a mellora do pensamento crítico.

Táboa 1. Vantaxes e inconvenientes dos deberes escolares

 

Así mesmo, ben é certo que os beneficios da realización dos deberes poden non ser inmediatos, senón mostrarse a longo prazo, como a mellora da actitude no colexio ou mesmo unha maior aprendizaxe durante o tempo libre. Ademais, realizar deberes non só contribúe ao desenvolvemento de bos hábitos de estudo senón que tamén promove unha maior independencia e responsabilidade no proceso de aprendizaxe. Son, tamén, unha boa forma para que os pais coñezan máis de cerca a aprendizaxe dos fillos, polo que axudan a unir lazos familia-escola (véxase a táboa 1).

Aínda que certamente a maioría dos investigadores defende os deberes escolares, ben é certo que existen numerosas opinións que ofrecen argumentos en contra deles. Estas van desde problemas no acrecentamento da desvantaxe social pola desigualdade dos recursos de orixe, a desigualdade entre alumnos con distintos niveis de rendemento ou a limitación de tempo para a realización doutras actividades de lecer. Así mesmo, ás veces poden ser motivos de disputas familiares. Outro importante inconveniente ten que ver coa falta de supervisión, xa que os estudantes que fan os deberes sen ela poden internalizar rutinas incorrectas ou mesmo causarlles desmotivación. Esta desmotivación resulta clave para os deberes escolares e, de darse xunto cunha falta de percepción de utilidade e cunha baixa calidade dos deberes escolares, pode transformalos nunha poderosa ferramenta causante de importantes estragos.

Implicación nos deberes escolares e rendemento académico

Actualmente, existe unha enorme preocupación pola baixa implicación dos estudantes na realización dos deberes escolares e o seu efecto no alto fracaso escolar. Dado que os deberes escolares que realizan os estudantes fóra da aula son un importante elemento dentro do proceso de aprendizaxe, resulta fundamental coñecer o papel que desempeñan nese proceso e, tamén, analizar as distintas relacións que se dan entre o rendemento académico, a motivación e a implicación nos deberes escolares. 

De forma xeral, a investigación sobre os deberes escolares considera a cantidade de deberes que realiza o alumnado dos prescritos polo profesor, o tempo dedicado a facelos e o aproveitamento dese tempo como as tres variables máis relevantes vinculadas coa implicación dos estudantes nos deberes escolares.

Cantidade de deberes realizados dos prescritos polo profesor

Cando falamos de cantidade de deberes escolares, é fundamental diferenciar entre cantidade de deberes asignados polo profesor e cantidade de deberes completados polos estudantes.

Todo parece indicar que a cantidade de deberes realizados correlaciona positivamente co rendemento académico. De feito, un gran número de traballos constata que, de todas as variables vinculadas coa implicación nos deberes escolares, a cantidade de deberes realizada polos estudantes parece ser a variable que mellor predí o rendemento (Valle, Pan et al., 2015). Con todo, e a pesar de que son numerosos os estudos que atopan relacións positivas entre o número de deberes feitos e o rendemento (Cooper, Jackson, Nye e Lindsay, 2001), hoxe en día aínda existen certas diverxencias en canto a esta cantidade, pero o que parece estar claro é que os estudantes que completan os deberes escolares teñen un mellor rendemento académico ca aqueles que non os completan.

Así mesmo, o efecto dos deberes sobre o rendemento académico parece que é menos relevante en educación primaria ca en educación secundaria e, ademais, a importancia de completar os deberes increméntase a medida que os estudantes avanzan na escola. Con todo, os beneficios de prescribir deberes nas primeiras idades probablemente non teñan un impacto directo nos resultados académicos, pero si lles axuda aos máis novos a desenvolver hábitos de estudo efectivos que probablemente implicarán ganancias académicas a medida que avanzan na escolaridade.

Tempo dedicado aos deberes escolares

Os resultados da investigación respecto do tempo dedicado aos deberes escolares e a súa influencia no rendemento académico son pouco claros e, incluso nalgúns casos, resultan contraditorios. De forma xeral, moitas investigacións afirman que un incremento no tempo dedicado aos deberes escolares ten un efecto positivo, sobre todo nos cursos máis elevados (Keith, 1982). Pola contra, os resultados doutras investigacións máis recentes parecen discutir esta relación (Núñez, 2012). Ademais, no caso de existir relación, esta é un tanto complexa, xa que non hai un aumento progresivo do rendemento a medida que os estudantes dedican máis tempo aos deberes escolares; o máis posible é que a relación sexa curvilínea e non lineal.

Por iso mesmo, certos estudos suxiren dar un cambio de dirección e outorgarlle máis peso a outras variables como a frecuencia ou o aproveitamento dese tempo que dedican aos deberes, así como tamén aquelas variables máis relacionadas co proceso, como poden ser as variables motivacionais.

Aproveitamento do tempo dedicado aos deberes escolares

O tempo investido polos estudantes nos deberes escolares non parece ser en si mesmo garantía dun compromiso na realización dos deberes asignados, senón que máis ben parece que é o esforzo investido nos deberes o que demostrou que ten unha maior influencia no rendemento académico. Porén, a investigación sobre as relacións entre os deberes escolares e o rendemento debe incluír outros aspectos máis relevantes que teñen que ver co proceso de realización dos deberes, como as habilidades de xestión do tempo dedicado á realización dos deberes, é dicir, o aproveitamento real dese tempo, posto que canto maior sexa ese aproveitamento, maior será o rendemento. 

Deste xeito, a relación entre a cantidade de deberes realizados, o tempo dedicado a estes e o rendemento está influenciada polo aproveitamento real do tempo empregado polo estudante cando realiza os deberes escolares.

Cómpre salientar que diversos estudos indican que, aínda que a medida que avanzan de curso, os estudantes dedican máis tempo á realización dos deberes, a xestión dese tempo vai sendo cada vez peor (Regueiro, Suárez, Rodríguez e Piñeiro, 2014).

Motivación e rendemento académico

A motivación é condición previa para estudar e aprender, así que tamén é un dos constructos máis importantes nos deberes escolares e na forma en que se realizan.

Cando os estudantes realizan os deberes escolares poden actuar de distintas formas segundo a súa motivación, segundo o interese que teñan por eles, segundo a actitude que demostren ante estes e mesmo en función de como de útiles perciben eses deberes. É dicir, todo parece indicar que o tipo de motivos ou de razóns que teñen os estudantes para facer os deberes, xunto co grao de interese e a utilidade percibida que teñen deles inciden no seu grao de implicación (cantidade de deberes realizados, tempo dedicado a eles e aproveitamento dese tempo) e, consecuentemente, no seu rendemento académico.

Ademais de todo isto, un estudo recente indica que canto máis motivados intrinsecamente están os alumnos cara aos deberes escolares, canto mellor xestionan a motivación e canto menos ansiedade demostren, máis cantidade de deberes realizan e, consecuentemente, mellor é o seu rendemento académico (Regueiro, Suárez, Rodríguez e Piñeiro, 2014).  

Por outra banda, parece que a motivación do alumnado cara aos deberes escolares diminúe a medida que avanzan na escola. Da mesma forma, que os alumnos vexan os deberes como aburridos e rutineiros pode provocar que as súas actitudes cara a eles vaian sendo cada vez máis negativas segundo avanzan na escola. Así mesmo, e tamén respecto do curso, todo parece indicar que a actitude ante os deberes escolares empeora e a motivación intrínseca e interese por estes diminúe a medida que os estudantes avanzan na escolaridade (Valle, Regueiro et al., 2015), achado bastante preocupante.

Por outro lado, os estudantes cos niveis máis altos de rendemento adoitan estar máis motivados intrinsecamente á hora de realizar os deberes, máis interesados en facer os deberes e menos motivados extrinsecamente para realizar os ditos deberes ca os alumnos cun menor rendemento académico. Polo tanto, estes alumnos con peor rendemento son os que deberían axudarnos a pensar en que estamos a facer mal nos deberes escolares. Referido ao rendemento, tamén hai que destacar que recentes estudos indican que a motivación, ao igual ca a implicación, está relacionada positivamente co rendemento académico previo (Regueiro, Suárez, Valle, Núñez e Rosário, 2015).

Implicacións educativas

  • Hai que evitar unha carga excesiva de deberes escolares, especialmente se se trata de tarefas repetitivas sen vantaxes aparentes para a aprendizaxe do alumnado, xa que pode inhibir a súa realización.
  • Os estudantes necesitan entender o propósito dos deberes e valorar a súa terminación, para que os vexan útiles e se sintan motivados. Consecuentemente, canto máis motivados estean máis se implicarán neles. Ademais, se os estudantes comprenden como lle poden axudar os deberes escolares ao seu rendemento, a súa actitude cara a eles tende a mellorar.
  • Resultaría interesante axudar os estudantes a mellorar ou manter a súa motivación nos deberes, así como ensinarlles a exercer unha maior autonomía na súa realización.
  • Débese de explicitar e definir claramente o propósito da tarefa, así como ter en conta as percepcións e comprensións dos estudantes ante esta. Do mesmo xeito ca calquera outro aspecto da educación, os estudantes teñen que entender por que están a aprender algo e como os beneficiará no mundo real.
  • Doutra banda, a elección das actividades tamén pode ser outra opción para aumentar a motivación e os resultados de rendemento.
  • A prescrición de deberes sempre debe ter un referente na atención á diversidade do alumnado, tanto dende o punto de vista das capacidades e coñecementos como tamén dos aspectos motivacionais e emocionais.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

COOPER, H.; JACKSON, K.; NYE, B. E LINDSAY, J. J. (2001). “A model of home-work's influence on the performance evaluations of elementary school students”. Journal of Experimental Education (69: 2), 181-20.

COOPER, H.; ROBINSON, J. C. E PATALL, E. A. (2006). “Does homework improve academic achievement? A synthesis of research, 1987–2003”. Review of Educational Research (76: 1), 1-62.

KEITH, T. Z. (1982). “Time spent on homework and high school grades: A large sample path analysis”. Journal of Educational Psychology (74: 2), 248-253.

NÚÑEZ, J.C. (2012). “Qué sabemos de la relación entre los deberes escolares y rendimiento académico. Algunos datos para el debate”. Revista profesional de la Asociación Nacional de Profesores del Estado (550), 20-21.

REGUEIRO, B.; SUÁREZ, N.; RODRÍGUEZ, S. E PIÑEIRO, I. (2014). “Variables que predicen la implicación de los estudiantes en las tareas para casa en educación secundaria”. Revista de Psicología en Educación (9: 2), 45-55.

REGUEIRO, B.; SUÁREZ, N.; VALLE, A.; NÚÑEZ, J. C. E ROSÁRIO, P. (2015). “La motivación e implicación en los deberes escolares a lo largo de la escolaridad obligatoria”. Revista de Psicodidáctica (20: 1), 47-63.

VALLE, A.; PAN, I.; NÚÑEZ, J. C.; ROSÁRIO, P.; RODRÍGUEZ, S. E REGUEIRO, B. (2015). “Deberes escolares y rendimiento académico en educación primaria”. Anales de Psicología (31: 2), 562-569.

VALLE, A.; REGUEIRO, B.; ESTÉVEZ, I.; PIÑEIRO, I.; RODRÍGUEZ, S. E FREIRE, C. (2015). “Implicación y motivación hacia los deberes escolares en los estudiantes de primaria según el rendimiento académico y el curso”. European Journal of Investigation in Health, Psychology and Education (5: 3), 345-355.

Sección: