Ligamundos: unha viaxe a través da rede

Ligamundos proponnos realizar unha viaxe a través da rede. Trátase dun recurso didáctico interactivo que pretende fomentar o coñecemento e manexo de Internet e outras ferramentas TIC, introducindo contidos e propoñendo actividades que van conducindo o alumnado no proceso de desenvolver un proxecto de cooperación en equipo. A continuación preséntase unha descrición detallada deste material didáctico co fin de facilitar e orientar a súa aplicación na aula.

M.ª Jesús Gómez Suárez
Profesora de Tecnoloxía no IES de Arzúa
chusgs@edu.xunta.es

Introdución

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou recentemente o acceso a Internet como un dereito humano (1). O proxecto Ligamundos,  partindo deste feito, propón a realización dunha viaxe transcultural a través da rede. O alumnado abordará o reto de investigar, descubrir outros mundos, reflexionar, traballar en equipo, decidir e comunicar utilizando Internet como recurso e como fin a través do suposto de colaborar nun proxecto de cooperación que pretende levar Internet a diferentes partes do mundo que actualmente non contan con acceso á rede.

Este material didáctico leva implícito unha profunda reflexión sobre o traballo dos técnicos e a súa dimensión humana, a desigualdade que supón no mundo actual as diferenzas de acceso a Internet e as posibles solucións que existen para facilitar o acceso á rede.

Contextualización

Internet é unha rede de información que nos permite o acceso ao coñecemento, á investigación,  á comunicación, está ligada á liberdade de expresión e á difusión da información. Ligamundos pretende achegarnos ao mundo de Internet a través dun recurso didáctico interdisciplinar que pode ser utilizado en diferentes cursos e desde diferentes materias da ESO e bacharelato en función do enfoque e do grao de profundidade con que se aborde. Aínda que a proposta inicial está deseñada para a materia de Tecnoloxía, realmente trátase dun recurso interdisciplinar que pode ser utilizado desde outras materias (Informática e TIC, entre outras). Neste proxecto didáctico os alumnos e alumnas van investigar e descubrir aspectos xeográficos, culturais, sociais, económicos, tecnolóxicos, artísticos..., en definitiva, outras formas de vida que se dan no noso planeta, utilizando Internet como medio e como fin. Ademais potenciaranse capacidades relacionadas coa toma de decisións, creatividade, expresión e comunicación.

 

Obxectivos

O proxecto Ligamundos pretende achegar o alumnado ao coñecemento e manexo de Internet como unha ferramenta que nos permite investigar e procurar información utilizando a rede. Outro dos obxectivos perseguidos é que o alumnado sexa quen de desenvolver un proxecto en equipo, abordando os procesos de investigación, reflexión, toma de decisións, elaboración de documentos e exposición pública do resultado. Máis concretamente preténdese que o alumnado sexa capaz de:

  • Estudar e coñecer as principais solucións técnicas que se utilizan hoxe en día para a conexión a Internet, así como diferentes programas de inclusión dixital.
  • Experimentar e aprender os pasos que hai que seguir no proceso de resolución dun proxecto.
  • Utilizar Internet como recurso de investigación, creación e comunicación, e como ferramenta que permite abordar proxectos do mundo real na era dixital.
  • Desenvolver a capacidade de manexar con soltura ferramentas TIC, para procurar, almacenar, organizar, manipular, recuperar, deseñar, presentar, compartir e publicar información.
  • Abordar a solución dun problema técnico dun xeito creativo e cooperativo, favorecendo o traballo en equipo.
  • Reflexionar sobre a importancia de Internet no mundo actual, así como sobre a dimensión humana do traballo dos técnicos.
  • Concienciar e sensibilizar o alumnado sobre a desigualdade que supón non ter acceso a Internet no mundo de hoxe e sobre o uso da rede en temas relacionados coa cooperación, solidariedade, sustentabilidade e medio ambiente.
  • Traballar as competencias básicas (LOE) ou competencias clave (LOMCE)
  • Fomentar o traballo interdisciplinar co uso da rede como ferramenta de investigación e de estudo do contexto xeográfico, social, económico e cultural.

 

Recursos empregados

Para a realización deste material didáctico utilizáronse varios recursos, algúns deles de elaboración propia, como imaxes ilustrativas, exercicios de autoavaliación, vídeos, audios, textos, guías, galerías de imaxes e ligazóns a diferentes páxinas web. Ligamundos conta ademais cos seguintes apartados de consulta: Recursos TIC, Glosario, Axuda e Mapa de contidos.

Para a localización dos vídeos Viaxamos cara a…, de elaboración propia, creouse unha canle do proxecto Ligamundos en YouTube.

A continuación preséntase a táboa 1, coa relación de apartados, recursos e actividades propostos e coas ligazóns correspondentes ao material didáctico Ligamundos.

INICIO

Logo Ligamundos

Presentación do proxecto Ligamundos.

Nas orientacións preséntase o Glosario.

INTERNET

NO

MUNDO

UN MAPA DA REDE

RECURSO: Imaxe do mapa do mundo cos dispositivos conectados a Internet.

ACTIVIDADE TIPO 1: Preguntas de autoavaliación, trátase de indicar a resposta correcta entre as diferentes opcións formuladas  sobre a información que ofrece o recurso anterior.

USO GLOBAL DE INTERNET

RECURSO: Infografía de elaboración propia sobre o uso global de Internet no mundo.

ACTIVIDADE TIPO 1: Preguntas de autoavaliación.

A FENDA DIXITAL

RECURSO 1: Vídeo sobre a fenda dixital xeracional.

RECURSO 2: Audio: concepto e causas da fenda dixital.

ACTIVIDADE TIPO 1: Preguntas de autoavaliación.

INICIATIVAS DE INCLUSIÓN

RECURSO 1: Estrato do texto presentado ante a Asemblea Xeral da ONU, nel formúlase o acceso a Internet como un dereito humano.
ACTIVIDADE : Reflexión sobre o contido do texto.

RECURSO 2: ALGUNHAS INICIATIVAS DE INCLUSIÓN. Recóllese nunha táboa distintas organizacións que traballan en programas de inclusión dixital e as ligazóns ás páxinas web destes programas.

ACTIVIDADE 2: Debate e reflexión sobre os programas de inclusión dixital, cunha serie de preguntas que nos axudan a centrar o tema.

SOLUCIÓNS

DE

ACCESO

Á REDE

RECURSO 1: GUÍA DAS SOLUCIÓNS DE ACCESO A INTERNET: Guía técnica de elaboración propia na que se presentan os sistemas de conexión a Internet máis utilizados na actualidade (Issue)

RECURSO 2: SOLUCIÓNS PARA TODAS AS SITUACIÓNS. Galería de imaxes de elaboración propia acompañadas por texto. Afóndase nos diferentes sistemas de conexión a Internet e a súa aplicación práctica.

ACTIVIDADE TIPO 1: Preguntas de autoavaliación.

PROGRAMA

LIGAMUNDOS

Descrición xeral do material que se presenta a continuación.

RECURSO: Preséntase o recurso da Axuda de Ligamundos.

CASOS DE ESTUDO

PRESENTACIÓN XERAL

RECURSO 1: Mapa do mundo onde se sitúan os diferentes casos de estudo que Ligamundos propón abordar.

Os casos van ligados con enlaces a vídeos de curta duración de elaboración propia, que axudan a ilustrar cada caso.

CASOS DE ESTUDO

PRESENTACIÓN DE CADA CASO (exemplo: Mongolia)

VÍDEO: VIAXAMOS CARA A MONGOLIA

RECURSO 1: Para cada un dos casos de estudo Ligamundos ofrece unha ficha descritiva onde se formula a situación de partida e os obxectivos do proxecto piloto para desenvolver, con ligazóns a páxinas web de interese.

RECURSO 2: En cada ficha preséntase “Viaxamos cara a...”, onde se ofrece un vídeo de curta duración de elaboración propia, que nos achega a cada caso de estudo. Estes vídeos tamén aparecen enlazados ao mapa do apartado de casos de estudo: presentación xeral.

EXPLORAMOS

Descrición xeral desta fase do proxecto.

ÁREA XEOGRÁFICA

RECURSO: ELEMENTOS DOS MODELOS DE ÁREA XEOGRÁFICA, ECONOMÍA E SOCIEDADE E CULTURA

ACTIVIDADE: Os grupos de traballo deben completar nun documento compartido os modelos anteriores procurando a información en Internet. Ofrécense orientacións para completar o modelo.

ECONOMÍA E SOCIEDADE

CULTURA

INDÍXENAS DIXITAIS

RECURSO: Vídeo sobre o tráiler do documental Indíxenas dixitais.

ACTIVIDADE: REFLEXIÓN E CONCLUSIÓN. Despois da fase de exploración proponse unha reflexión sobre as incidencias positivas e negativas que pode ter o acceso a Internet en cada caso de estudo. No botón Suxestión aparecen aspectos que cómpre ter en conta na reflexión formulada.

DESEÑAMOS

Descrición xeral desta fase do proxecto.

SOLUCIÓN TÉCNICA

RECURSO: ELEMENTOS DOS DOCUMENTOS SOLUCIÓN TÉCNICA, PROTOTIPADO E SERVIZOS Á COMUNIDADE

ACTIVIDADE: Os alumnos poden completar os documentos seguindo os pasos que se indican, consultando o apartado de Solucións de acceso á rede e incluíndo elementos de deseño gráfico.
 

PROTOTIPADO

SERVIZOS Á COMUNIDADE

COMUNICAMOS

Presentación do material e orientacións.

MEMORIA FINAL

ACTIVIDADE: Elaboración dunha memoria do proxecto.

PRESENTACIÓN E EXPOSICIÓN

ACTIVIDADE 1: Proposta de elaboración dunha presentación de diapositivas para a presentación pública do proxecto.

RECURSO: Indicacións sobre a elaboración e os aspectos que debe recoller a presentación.

ACTIVIDADE 2: Exposición pública do proxecto utilizando a presentación de diapositivas.

AVALIACIÓN DA EXPERIENCIA

ACTIVIDADE: REFLEXIÓN FINAL. Actividade na que se propón unha reflexión sobre o traballo de cada un dos grupos e sobre as propostas realizadas para cada caso de estudo.

OUTROS RECURSOS

RECURSOS TIC

RECURSOS TIC PARA O PROXECTO: Esquema das distintas ferramentas recomendadas por Ligamundos que se poden utilizar durante todo o proceso de traballo.

RECURSOS TIC DE REFERENCIA: Recolle distintos programas e aplicacións web empregados para o deseño dos distintos contidos de Ligamundos.

MAPA DE CONTIDOS

Mapa conceptual que recolle e relaciona os diferentes contidos traballados no proxecto Ligamundos.

GLOSARIO

Relación de termos que aparecen durante o proxecto, acompañados pola súa definición e enlazados á Wikipedia en galego para a súa ampliación.

AXUDA

  • Procedementos de traballo en grupo.
  • Procedementos a seguir co documento de traballo.
  • Titoriais de manexo de distintas ferramentas.

 

Descrición da actividade

O proxecto Ligamundos segue unha secuencia de varias fases nas que se introducen contidos e se propoñen actividades que van conducindo o alumnado no proceso de aprendizaxe e de abordaxe do reto de elaborar un proxecto. Para a posta en práctica deste recurso na aula, o alumnado debe contar con equipos informáticos con acceso a Internet.

Este material presenta unha coherencia no seu conxunto, non obstante, pode ser utilizado na súa totalidade ou ben por apartados, no caso de querer centrarse nalgún aspecto concreto. Está ideado para que o seu manexo resulte intuitivo e autónomo. A descrición deste material está baseada na experiencia práctica da súa aplicación na aula.

Poderiamos dividir a proposta didáctica en dúas partes principais en función do tema, do enfoque metodolóxico e dos tipos de actividades que se propoñen:

1. A primeira parte inclúe os apartados de Internet no mundo e Solucións de acceso á rede. Internet no mundo supón un achegamento á situación de Internet no mundo actual  cun enfoque reflexivo sobre a súa importancia. Para abordar estes aspectos inclúense os subapartados de Un mapa da rede e Uso global de Internet; introdúcese o concepto de Fenda dixital e analízanse diferentes Iniciativas de inclusión, é dicir, proxectos reais e experimentais que comparten o obxectivo de facer chegar Internet a diferentes zonas do planeta. Neste apartado preténdese, a partir da información facilitada, reflexionar sobre a importancia do acceso a Internet como un dereito humano.

Un mapa da Rede. Fotografía en Wikimedia Commons de Carna Botnet baixo Dominio público

 

A continuación, en Solucións de acceso á rede analízanse as diferentes posibilidades técnicas para conseguir levar Internet a distintos lugares e achégase unha guía técnica, unha galería de imaxes e uns exercicios de autoavaliación. Trátase de facilitar os coñecementos e abrir a imaxinación a posibles solucións para o reto de minimizar a fenda dixital no mundo.

Solucións técnicas de acceso á rede

 

Podería utilizarse para un aproveitamento didáctico exclusivamente esta primeira parte do recurso Ligamundos.

2. Na segunda parte, o programa Ligamundos presenta unha proposta máis aberta e creativa, onde o alumnado é o protagonista principal. Formula unha viaxe transcultural. Partindo dun suposto proxecto de cooperación internacional e cun enfoque metodolóxico de proxectos, os alumnos e alumnas en equipo deben investigar utilizando Internet como recurso e propoñer unha solución para o reto de levar o acceso á rede a distintos lugares do mundo.

A formulación inicial de cada proxecto recóllese no apartado Casos de estudo, no que se presenta un mapamundi onde podemos localizar todas as propostas realizadas.

Mapa coa ubicación dos casos de estudo  propostos no Proxecto Ligamundos

 

Cada caso de estudo está plasmado nun documento no que se describe a situación de partida e os condicionantes do proxecto. Inclúense enlaces a páxinas web que ilustran cada situación e un vídeo de elaboración propia con imaxes e música que nos traslada ao lugar no que se vai desenvolver o suposto práctico. Cada equipo de alumnos abordará un caso de estudo.

Descripción da situación de partida do caso de estudo en Groenlandia.

Ligazón do vídeo Viaxamos cara a Grenlandia

Nos seguintes apartados do proxecto didáctico preséntase unha guía de traballo co fin de orientar o alumnado nas fases de investigación e procura de información na rede no apartado Exploramos, de deseño e decisión dunha solución técnica e comunitaria para cada caso de estudo en Deseñamos e, finalmente, na elaboración dunha presentación e posterior exposición pública na fase Comunicamos. Neste proceso, os alumnos e alumnas utilizarán diferentes recursos TIC (procura de información na rede, mapas da web, localizadores xeográficos, elaboración de documentos compartidos, programas de tratamento de imaxes, elaboración de presentacións de diapositivas…).

A exposición final que se recolle no apartado Comunicamos serve para compartir o traballo realizado por cada equipo e para reflexionar e valorar as diferentes solucións propostas para cada caso de estudo.

Parte da presentación de diapositivas elaborada por alumnos/as no apartado “Comunicamos” (caso de estudo de Groenlandia)

 

Metodoloxía

A formulación do material didáctico Ligamundos e os obxectivos que se pretenden acadar con el condúcennos a empregar unha metodoloxía baseada no método de proxectos. Coa estrutura de traballo propia do método de proxectos introdúcense contidos curriculares, actividades, propostas e materiais multimedia que pretenden abordar a aprendizaxe cun enfoque lúdico, e así conseguir a motivación do alumnado, espertar a súa curiosidade e o seu protagonismo no proceso de aprendizaxe, fomentando o traballo en equipo.

 

Avaliación

O proxecto didáctico Ligamundos pode dividirse en varias fases de traballo para as que se propoñen diferentes recursos de avaliación.

Na primeira parte do material didáctico introdúcense contidos que serán aplicados en posteriores fases do proxecto. O propio deseño das actividades propostas presentan a posibilidade de que o alumnado poida avaliar e corrixir o seu resultado.

Nas fases de Exploramos, Deseñamos e Comunicamos, as actividades que se formulan son abertas e presentan moitas solución posibles, están encamiñadas á elaboración dun proxecto. O alumnado debe investigar na rede e manexar a información para achegar e propoñer unha solución ao caso de estudo formulado. Nestes apartados o peso da avaliación de cada fase recaerá sobre a persoa que conduza a actividade. Os documentos obtidos do traballo dos alumnos, así como a presentación, exposición e posta en común no apartado Comunicamos, poden ser elementos moi interesantes cara á reflexión e a avaliación final do proceso de aprendizaxe.

 

Conclusións

Ligamundos é un recurso aberto e versátil que nos propón realizar unha viaxe transcultural a través da rede e nos achega ao coñecemento de Internet, das ferramentas TIC e do mundo en xeral, investigando, descubrindo, propoñendo, decidindo, deseñando, creando e comunicando. En definitiva, experimentando e reflexionando sobre o reto de desenvolver un proxecto de cooperación en equipo.

O presente artigo trata de ser unha guía que facilite e oriente sobre o manexo deste recurso didáctico.


NOTA (1): Informe do relator especial Frank La Rue sobre a promoción e protección do dereito á liberdade de opinión e de expresión. Nacións Unidas. Asemblea Xeral (16 de maio de 2011) Documento A/HRC/17/27