A praia dos afogados, de Domingos Villar

Yasmina Torrente Barreiro 2ª de bacharelato de adultos

Este libro é a "continuación" de Ollos de auga, neste primeiro libro preséntannos a unha recente parella de policías moi peculiar: O inspector Leo Caldas é un home calado que sempre está mergullado nos seus pensamentos mentres que o seu axudante Rafael Estévez é a súa antítese, é maño e non entende a retranca dos galegos, cousa que lle fai perder a paciencia e que o leva a cometer verdadeiras burradas. Este segundo libro comeza co que parece ser un suicidio pero que grazas a pequenos detalles, coma que o morto ten as mans atadas, e á intuición do inspector Caldas converterase nun asasinato; cando se están a desenvolver os acontecementos aparecerá un segundo caso igual de estraño e misterioso que este primeiro e que terá en común aos sospeitosos deste; pero para resolver este segundo caso é necesario resolver o primeiro. Grazas a Leo Caldas e á axuda indirecta do seu pai resolveranse e así as cousas non son o que semellan ser, e sorprenderanos o desenvolvemento final ó que se chega.

Este novela non é a típica novela policíaca, engánchate dende o principio e pouco a pouco daraste conta de que es incapaz de deixar de ler preguntándote que é o que vai pasar despois; tamén están moi ben plasmados os lugares nos que vai desenvolvendo a acción, así no primeiro libro transcorría en Vigo e neste segundo céntrase máis nos arredores, na praia de Pnxón, en Monteferro... en definitiva é unha novela magnífica que non ten perda.

Xulia Éstevez Piñeiro 1º Bacharelato Adultos

O libro conta unha historia que se desenvolve entre a Galicia mariñeira de Panxón e a cidade de Vigo.
Comeza coa apararición na praia de Panxón dun cadáver coas mans atadas cunha brida.
A partir deste feito a novela desénvolvese tratando de descubrir quen foi o asasino ou asasinos deste mariñeiro.
Ao longo da investigación descóbrese unha trama de secretos e mentiras que conviven coas anécdotas da vida persoal do inspector Caldas (quen colabora nun programa de radio) e da relación co seu pai e o seu axudante.
Na miña opinión é unha novela que consegue mergullar ao lector nas súas páxinas e ademais manter a súa atención dende a páxina unha ata a derradeira.
Porque o autor dosifica a información de tal maneira que cómpre seguir lendo para entender o que se dixo.
O tratamento do tempo e o rexistro que utiliza o autor fan que o libro sexa fácil de entender (sen grandes saltos do tempo no libro).

Ana Mª Rosendo Piñeiro. 2º Bacharelato Adultos

Esta novela conta a historia que investiga o inspector de policía Leo Caldas xunto co seu compañeiro Rafael Estévez na ría de Vigo.

Gustoume moito debido a que é fácil de ler e de comprender, aínda que ao principio asusta un pouco, ao ter máis de 500 páxinas, pero a verdade é que se le moi rápido porque desde que descobren o cadáver do mariñeiro Xusto Castelo, unha séntese moi intrigada por saber en realidade o que lle ocorreu. Pero non só a el, senón tamén a Rebeca Neira e que foi do seu fillo. E as dúbidas que hai de quen pode ser o culpable de todo, porque ao principio parece que é un e despois outro e outro.

O malo é que unha queda coas dúbidas de saber que foi o que pasou entre Leo e Alba, o por qué da súa separación. E ao final que non se sabe se Leo decide chamala ou non.