Crónica do centro

O IES Ricardo Carballo Calero

 

Enlace a Caranza

A construción do barrio de Caranza en Ferrol data dos anos setenta do século pasado e, para atender as necesidades de escolarización en ensino secundario que o novo barrio demandaba, construíuse nos anos oitenta o instituto de bacharelato, actualmente I.E.S. Ricardo Carballo Calero.

O noso centro, por tanto, creouse para impartir o antigo bacharelato (B.U.P) e o curso de acceso á universidade (C.O.U.), e aos poucos anos necesitou unha ampliación de varias aulas para poder atender o continuo aumento de matrícula que se producía.

No ano 1996 o claustro e o consello escolar do centro aprobaron a incorporación voluntaria á E.S.O. e aos novos bacharelatos, o que supuxo a creación de varias aulas específicas. O noso instituto seguiu ampliándose coa incorporación de tres ciclos da familia profesional de Imaxe Persoal nos anos 1999 e 2003, o que fixo que se dotase ao centro de talleres de estética e talleres de perrucaría.  

No ano 2004 o I.E.S. Ricardo Carballo Calero, atento sempre a unha constante adaptación ao seu contorno e á sociedade actual, comezou a traballar na posta en marcha dun sistema de xestión da calidade, convencido de que é a ferramenta máis adecuada para analizar o funcionamento do centro e melloralo de maneira continua.

Froito deste traballo en abril de 2007 o centro acadou a certificación de Aenor. As auditorías que esta empresa independente realiza son exhaustivas e duran varios días, durante os que inspeccionan o labor do profesorado, as instalacións e a documentación do instituto.

En 2008 vólvese a ampliar a oferta educativa do instituto ao ser designado como un dos sete centros galegos que imparten o novo bacharelato de Artes escénicas, Música e Danza, que comeza a impartirse no curso 2008-09.

 

  

 

( categories: )
Distribuir contido