Skip to Content

Radio, xuntanzas de biblioteca...

Durante o mes de abril foron moitas as actividades que se realizaron. Xunto coas bibliotecas dos centros do Porriño asistimos á II Xuntanza de bibliotecas do Porriño. Tamén tivemos o apadrinamento lector onde alumnado voluntario da biblioteca acolleu non centro a alumnado do Antonio Palacios. Ademais o club de lectura tivo unha xuntanza con alumnado do club de lectura do Antonio Palacios.

Este mes, tamén houbo un cada venres unha recomendación dun libro. Colaboraron alumnado e profesorado por igual para achegar as súas recomendacións a todas as persoas oíntes do programa.

Ademais comezando este mes de abril e rematando a mediados de maio organizouse a I Olimpíada literaria da biblioteca. O alumnado, en equipos de entre 2 e 4 persoas teñen que adiviñar a través das pistas de cada día, cal é a autora ou autor, personaxe ou libro que buscamos.

Un abril de libro

Este mes de abril a biblioteca encheuse de eventos.

Comezamos montando a exposición que conmemora os 80 anos da publicación do libro O Principiño. E como este é un dos libros máis traducidos do mundo pensamos que unha grande idea era mostrar algunhas desas traducións. Tivemos a tradución do checo, do irlandés, do éuscaro, do veneciano, do ruso… e moitas máis.

Esta non foi a única exposición. A memoria ten aspectos que aínda non comprendemos. Por iso, e sen saber moi ben porque, todo o mundo ten no seu haber algunha imaxe, situación, música, aroma… que lle trae lembranzas do pasado. Iso ocorre tamén cos libros. E diso trata a exposición que comezamos neste mes de abril: o meu libro tesouro. Alumnado e profesorado achegou os libros que lle marcaron. Cada un por unha cousa distinta, pero todos son tesouros para os seus donos. A exposición continuará máis alá de abril.

Neste mes tivemos a visita de dous autores. Miguel Anxo Alonso viu falarlle, ao alumando de 1º ESO, do seu libro O país da Choiva. O alumnado lera o seu libro e tiñan moitas preguntas para facerlle. E Diego Giraldez achegouse ata o instituto para ter unha charla co club de lectura de adultos que leu o seu libro O meu sangue.

Seguindo co proxecto Memoria da biblioteca, tivemos a Vero Rilo, que contou historias da nosa memoria histórica recente. Por veces tristes, por veces impactantes, por veces alegres… pero todas referidas ás vivencias das mulleres durante a guerra e a ditadura franquista. O alumnado de 1º Bacharelato gustou do seu facer.

E seguindo coa memoria histórica, Polo correo do vento falou das misións pedagóxicas a través dunha peza de teatro para 4º ESO titulada «A volta á provincia das misións pedagóxicas».

Trans

O día 31 de marzo foi o día Internacional da Visibilidade Transxénero.

Foron distintas actividades as que se desenvolveron para dar a coñecer a realidade das persoas trans. E a biblioteca tivo o día 30, durante o recreo, unha charla de Álex Martínez Veiga, estudante de 1ºBacharelato.

Vero Rilo

Comezamos avaliación no IES Ribeira do Louro e a biblioteca xa ten a súa primeira actividade. Neste caso relacionada coa nosa historia.

Vero Rilo conta historias de mar. Baseada nos contos que lle contaron ou que foi atopando na súa procura de historias, realiza un espectáculo onde nos narra distintas vidas durante os anos da guerra e ditadura en Galicia. Sempre vencellado co mar e coa situación de penuria que moitos e moitas galegas viviron nesa época.

A deputación de Pontevedra achegounos esta actividade que diriximos ao alumnado de 1ºESO e que xa forma parte do Proxecto Memoria da Biblioteca.

En abril augas mil

Choven actividades!. Este mes viu cheo de actividades.

Poemas

O día 21 de marzo celebramos o día da poesía. Alumnado de distintas idades recitaron poemas no salón de actos para conmemorar a data.

Poemas en galego, portugués, inglés, castelán… foron os escollidos para facer desa tarde de martes unha tarde de poemas.

Trobar-dos

 

O pasado 7 de marzo o alumnado do IES Riberia do Louro poido ver o espectáculo "Mulleres poetas" de Trobar-dos.

 

Trátase dun espectáculo poético-musical que fai un percorrido pola poesía feminina de onte e de hoxe.

 

Aproveitando a data do 8 de marzo a biblioteca proxectou esta actividade para achegar voces femininas ao alumnado de 3ºESO.

 

Ademais houbo un segundo pase para o alumnado de nocturno e o club de lectura de adultos.

 

Marzo, marzal...

Este marzo vén cargado de actividades.

Febreiro

Febreiro viu cargado de efemérides e en Biblio Ribeira tivemos tempo para todas.

Primeiro quixemos visibilizar o día da Muller e a Nena na Ciencia. Sacamos libros do fondo da biblio para o expositor da entrada.

O día 13 celebramos o Día mundial da Radio cun programa especial en RadioRibeira.

Continuamos cos mandados da Meca. Este Entroido puxo o nivel alto e, coa música topamos! Luns de música clásica, martes folclórico, o mércores foi rockeiro e o xoves pediunos ir de guateque. Ademais o venres houbo concurso de disfraces e coplas. E o noso expositor tivo a ben ensinarnos libros sobre esta festa ancestral. E como non, o concurso semanal Pasapalabra fixo un especial Entroido.

Pero o mes de febreiro tamén é o mes de Rosalía de Castro. Finalizado o entroido compuxemos o noso expositor con obras de e sobre Rosalía de Castro. E como nos anos anteriores, a rapazada pasou tempo preparando as cancións para a ruada rosaliana. Desta volta cambiaron o itinerario tradicional. Primeiro cantaron no centro para o resto do alumnado o propio día 23 de febreiro. Ao día seguinte uníronse a unha celebración conxunta xunto con outros centros da vila e o concello. Cantaron no encontro celebrado o día 24 no centro da vila. E por último remataron as actividades sobre Rosalía cun recital no espazo da biblioteca. O alumnado da quenda de adultos tamén traballou na biblio a figura de Rosalía. E para rematar cos actos polo día de Rosalía repartíronse marcapáxinas elaborados para a ocasión

O mes de febreiro foi un non parar. Alumnado e profesorado traballaron arreo para conseguir que todas as actividades saísen adiante.

Castelao

 

Este mes de xaneiro co gallo do aniversario do nacemento de Castelao en 1886 adicamos o expositor da biblioteca á súa obra.

 

Recollemos títulos diversos da obra literaria e gráfica dun dos autores máis afamados da nosa terra. Ensaios, debuxos, contos... mesmo algún título doutros autores baseados na obra do rianxeiro.

 

Ademais a nosa radio escolar, "Radio Ribeira" , tamén adicou un dos seus programas á figura de Castelao. Nel falouse da importancia que tivo para a nosa historia. Político, escritor, ensaísta, debuxante...

 



by Dr. Radut