O ALUMNADO DE 3º E 4º ESO DO IES MARTAGUISELA VÉN DE PARTICIPAR NO CONCURSO DE ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS EN MONFORTE DE LEMOS

Despois da Fase Local do I CONCURSO DE ORATORIA IMPROVISADA INTERCENTROS que se desenvolveu no noso centro educativo durante o mes de marzo, os tres alumnos gañadores (Jesús Iann Codesido Isla de 3º ESO A; Mario Álvarez Vega, 4º ESO A e Mario Prada Rodríguez de 3º ESO B) acompañados do resto de alumnado finalista e as profesoras Carmen Gamarra e Pilar López desprazáronse ata Monforte de Lemos o xoves, día 13 de abril de 2023, para disputar a fase final cos finalistas do IES Río Cabe e o Xograr Afonso Gómez de Sarria.

Neste concurso participamos na categoría de 3º e 4º ESO.

 

A rapazada debía falar un minuto sobre unha palabra escollida ao chou dunha preselección. As intervencións foron extraordinarias e mostraron unha gran calidade. O xurado, formado por unha docente de cada un dos tres centros, tivo un labor difícil para seleccionar os gañadores.

O acto rematou cunha actuación musical en directo por parte dun profesor e unha alumna do IES Río Cabe que nos deleitaron coa canción, Tempestades de Sal, de Sés e coa entrega de diplomas e agasallos aos finalistas e premios aos tres alumnos que mellor puntuación acadaron neste orixinal dó lingüístico.

Os gañadores nas diferentes categorías foron:

Categoría 1º e 2º de ESO:

Marc López Celeiro (IES Xograr Afonso Gómez)

Icía Veiga López (IES Xograr Afonso Gómez)

Paula Bouso González (IES Río Cabe)

Categoría 3º e 4º de ESO:

Demetrio González Álvarez (IES Río Cabe)

Mario Prada Rodríguez (IES Martaguisela)

Anxo Sobrado Rodríguez (IES Xograr Afonso Gómez)

Categoría 1º e 2º de BAC

Carlos Vilariño Romero (IES Xograr Afonso Gómez)

Mauro Díaz Gayoso (IES Xograr Afonso Gómez)

Héctor Rosende Núñez (IES Río Cabe)

Foi un día moi completo xa que ademais de participar no concurso, realizamos unha visita guiada polo Monforte medieval e histórico (conxunto arquitectónico de San Vicente do Pino, a Torre da Homenaxe, o Parador Nacional, a igrexa e o Pazo Condal, onde Sandra Mallo e India López de 4º ESO nos contaron a lenda da Coroa de Lume, paseamos polas rúas da xudería, Praza de España, Colexio de Nosa Señora da Antigua, Ponte Medieval) con parada na antiga librería Xistral, poñendo así en valor a figura do poeta Manuel María (que estaban estudando algúns mozos).

Xa chegado o mediodía, convidáronnos a un xantar de confraternidade no propio comedor do IES Río Cabe e, finalmente, realizamos unha visita ao Mirador do Duque, que nos permitiu descubrir a beleza desta fermosa paisaxe dos canóns do Sil.

Agora cómpre seguir traballando a oratoria improvisada de cara á seguinte edición deste concurso.

Foi unha xornada formidable e dende o IES Martaguisela queremos agradecer a excelente organización por parte do IES Río Cabe, especialmente a Paula Martínez, coordinadora do Equipo de Dinamización Lingüística, e a extraordinaria acollida por parte de toda a comunidade educativa do IES Río Cabe.

Deixámosvos algunhas fotografías da actividade.

Powered by Drupal - Design by artinet