O ALUMNADO DE 1º BAC DO IES MARTAGUISELA VISITOU O HOSPITAL DO BARCO DE VALDEORRAS

O día 27 de marzo o alumnado de 1º BAC de Anatomía Aplicada en compañía das súas profesoras Carmen Gamarra e Elena Mondelo visitaron o Hospital Comarcal do Barco de Valdeorras.

Recibiunos a Doutora Postigo no salón de actos para darnos unha breve explicación do funcionamento xeral dos servizos do hospital.

A primeira parada foi no laboratorio de Microbioloxía donde puidemos observar diferentes cultivos de microorganismos en placa de Petri. A continuación dirixímosnos ao sector de Hematoloxía onde nos ensinaron o banco de doazón de sangue. Seguidamente, no zona de extracción puidemos ver como a un dos nosos alumnos lle fixeron a proba para averiguar o seu grupo sanguíneo.

Chegamos a un gran laboratorio onde a Dra. Postigo nos brindou unha interesante explicación sobre todas as máquinas do servizo de Hematoloxía dos que se obteñen os hemogramas.

Para rematar a nosa visita, o Doutor Rodríguez, médico patólogo e xefe do servizo de Anatomía Patolóxica, procedeu mediante unha inspiradora charla a animar o alumnado a dirixir os seus estudos cara calquera das ramas biosanitarias, xustificando unha enorme demanda da profesión. Chegado o momento de descubrir o que tapaban uns anacos de papel sobre a mesa de necropsias, todos quedamos sorprendidos cando nos mostrou dous antigos fetos de catro e sete meses doados á ciencia, resultado de dous abortos por problemas durante o embarazo. Tamén vimos mostras parafinadas de tecidos e tumores xa preparadas para biopsiar.

Despedímonos do noso hospital moi agradecidos polo trato recibido e por toda a información e ánimos que recibiron os nosos alumnos e alumnas que xa teñen as miras dirixidas a formar parte deste equipo de grandes profesionais que coidan de todos nós.

Powered by Drupal - Design by artinet