XVIII OBRADOIRO DE XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS DO CENTRO DE CULTURA POPULAR XAQUÍN LORENZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

O ALUMNADO DE 3º ESO PARTICIPOU NO XVIII OBRADOIRO DE XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS DO CENTRO DE CULTURA POPULAR XAQUÍN LORENZO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE

Grazas a Lito do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense,  o alumnado de 3º ESO tivo ocasión de participar no XVIII Obradoiro de Xogos Populares e Tradicionais o pasado luns, día 30 de xaneiro.

En tres quendas de dúas sesións o alumnado coñeceu algo máis sobre a billarda e os bolos, ademais de levar a cabo exercicios de concentración. 

Deixámosvos a información que nos traslada o CCP Xaquín Lorenzo sobre estes xogos populares.

Aínda que había un xeito de xogar preferente, en cada zona convivían varias modalidades de billarda, algunhas comúns ó resto da provincia, outras propias dese lugar.

Precísase para xogar de dous elementos: o palán e a billarda.

 

O palán é un pau longo, de entre 50 e 80 centímetros, este punto variaba segundo os gustos do xogador, e cun grosor en torno aos dous centímetros, o importante aquí é que se poida suxeitar comodamente coa man.

A billarda é un pau curto, de entre 14 e 17 centímetros de lonxitude, e aproximadamente un centímetro de grosor; como é habitual en todos os xogos, as medidas van depender dos gustos dos e das xogadoras.

No obradoiro, foron dúas as modalidades escollidas para xogar: a billarda de Penaguda e a billarda de Castro Caldelas.

Billarda de Penaguda:

Ríscase unha raia no chan, sobre a que se colocaba un palán sobrante.

Despois decídese quen comeza xogando, quen é o rei. Para iso dende a raia lanzan a billarda, e o que máis lonxe chegue é o que comeza.

O rei coloca a súa billarda no traveseiro e canéaa, tentando mandala o máis lonxe posible, para iso conta só cun intento. Dende onde chegue, o outro xogador colle a billarda coa man e tíraa contra o traveseiro. Se lle dá, convértese no rei. Se non lle dá, segue o mesmo xogador de rei anotándose un tanto.

A partida é a 11, 21, 31, 41... tantos, dependendo o número de tantos do número de xogadores que estean esperando a xogar. Quen chegue á puntuación pactada é o que gaña, quedando de rei na seguinte partida.

 

Billarda de Castro Caldelas:

Ríscase unha raia no chan onde se pousa a billarda.

Despois determínase a orde de lanzamento dos xogadores. Escóllese algo que estea a certa distancia da raia, unha pedra, unha árbore... Unha vez que tiran todos, a proximidade ao obxecto elixido marca a orde de lanzamento.

Quen ten a man, coloca a billarda na raia e canéaa, tentando que chegue o máis lonxe posíbel. Para iso dispón de tres intentos para conseguir elevar a billarda e zouparlle no ar, de non conseguilo perde a man e pasa o seguinte a tirar. O outro xogador, o que defende, colócase no lugar onde caeu a billarda, xogando por el e polos que están a espera para xogar.

O rei situado ó pé da raia aposta o número de paláns que pensa que hai dende a raia ata onde caeu a billarda. Esta aposta, para ser gañada, ten que ser igual ou inferior ao número de paláns reais.

O que defende, pensa que hai o número de paláns apostados polo rei, dállos, converténdose nos tantos acadados na man. A continuación o rei sae do xogo ata que lle volva tocar, o que defende pasa a ser rei, e ao xogador que lle tocara, que estivera esperando para entrar a xogar, pasa a ser o que defende.

O que defende, pensa que non hai o número de paláns apostados, manda contar o rei. Se os hai pasan a ser tantos do rei, pero senón pasan a ser os puntos acadados tanto polo que defende como polos que están a esperar a xogar. De non crer a aposta, quen conta é o rei.

Ao comezo do xogo establécese unha puntuación, por exemplo 100 tantos. Quen chegue a esa puntuación, estea ou non xogando, gaña.”

Bolos

Precísase unha bóla (de madeira dura e de un a tres quilos) e nove birlos.

 

Os birlos teñen entre 7-10cm. de altura e as bólas son esféricas, duns 15cm. de diámetro e, a diferenza doutras modalidades, non teñen buratos para suxeitalas.

O xogo practícase nun terreo chan e libre, no que se marca, a zona de lanzamento, o lugar de cada bolo, a liña de 10metros e a rebola. Aínda que non é imprescindible, cómpre que no extremo final do campo exista un obstáculo natural que pare os birlos, dado que é relativamente doado extravialos.

A primeira acción do xogo é o tiro, lánzase a bóla de arriba cara abaixo con moita forza, neste intre pódese adiantar un dos pés da liña de tiro.

 

A puntuación, dun xeito sintético, obtense do seguinte xeito:

  • Aqueles bolos derribados pero que non cheguen á liña de 10m obterán un punto.
  • Os que pasen da liña de 10m, dez puntos cada un (coa condición indispensable de que pase a bola tamén).

A segunda parte consiste na chamada ‘rebola’, que non é outra cousa que outra tirada desde a liña de 10m. Os birlos derrubados nesta tirada realizada do revés valen un punto cada un. Os xogadores/as que no primeiro tiro derruben algún bolo e a bóla pase da liña de 10m, teñen opción á rebola.

As partidas acórdanse a sesenta puntos normalmente, e gaña o/a xogador/a, que antes os acade. Pódense acordar, non obstante, a calquera outro número de puntos ou a un certo número de tiradas.

A Birolla

Este xogo consta de catro elementos que son: a cega (un cadrado feito de madeira), a birolla (un triángulo de madeira), nove bolos e unha bóla.

O primeiro en colocarse é a cega, a un paso desta, a birolla, a outro paso, os nove bolos (dependendo da zona teñen unha colocación ou outra) e a once pasos debuxarase a liña de lanzamento.

 

O lanzamento ten que ser paralelo o chan e o xogador ten que ter os pés por detrás da liña.

A finalidade do xogo é conseguir tirar a maior cantidade de pezas posible. Cada bolo vale un punto; a birolla, dez e a cega, vinte.

O resto dos xogadores contarán ata un número previamente pactado e por cada vez que o fagan se o xogador non ten colocados en pé todos os bolos se lle restará un punto dos obtidos nos seus lanzamentos.

Gañará o xogo quen máis puntos consiga.

Deixámosvos máis fotografías de diferentes momentos.

 

AdxuntoTamaño
2023_01_30_XOGOS_POPULARES_DEPUTACION_OURENSE.pdf1.33 MB

Powered by Drupal - Design by artinet