O LOSADA RECIBE O PREMIO DO PADROADO DA FUNDACIÓN DOWN COMPOSTELA

O IES Pl. Antón Losada Diéguez recibiu o XI premio do Padroado da Fundación Down Compostela xunto con Ofelia Vieites García e El Corte Inglés de Santiago de Compostela.
O centro quere expresar a súa ledicia e tamén o agradecemento a Down Compostela por este recoñecemento que ven poñer en valor o esforzo do centro e os seus equipos docentes por acadar un ensino diverso e integrador, sempre na procura de metodoloxías que posibiliten estas realidades.

A xustificación de dito Padroado foi a seguinte:
Premio Down Compostela 2024 ao IES Antón Losada Diéguez
No IES Antón Losada saben como poñer o foco no contexto educativo e non nas dificultades da persoa, como puideron comprobar Sara Romero, no seu momento, e agora Fabián de Paz, nas aulas de formación profesional.
Este centro da Estrada favorece que o alumnado con necesidades educativas desenvolva as súas capacidades e habilidades ao máximo para conseguir unha calidade de vida digna. O equipo docente sabe que é necesario instaurar novas metodoloxías educativas e cambiar estruturas para fomentar unha inclusión real.
Entender que detrás do alumnado con síndrome de Down ou discapacidade intelectual hai soños, ilusións e capacidades é o primeiro paso para que o sistema educativo sexa realmente accesible e inclusivo.
No IES Antón Losada as persoas con discapacidade contan.
Na páxina da Fundación pode consultar máis información sobre este tema.