Manifesto do Claustro do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez

O pasado 22 de setembro, e aproveitado o inicio do curso o Claustro do IES PLURILINGÜE ANTÓN LOSADA DIÉGUEZ aprobou apoiar o seguinte comunicado:

Á atención da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia

O claustro do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez, A Estrada- Pontevedra, manifesta o seu rexeitamento ao PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID 19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIO DE GALICIA PARA O CURSO 2020-2021, polos seguintes motivos:

PRIMEIRO: A improvisación e continuos cambios aos que foi, e está sendo sometido, dito protocolo a poucos días do inicio das clases, o que supón unha inmensa carga de traballo para as direccións e profesores dos centros educativos (engadida á habitual do inicio de curso) e provoca situacións de estrés, ansiedade e depresión dentro do colectivo, que redundará na calidade do ensino. Máis cando dita Consellería tivo catro meses para a súa rigorosa elaboración.

SEGUNDO: A falta de recursos materiais e humanos para poder desenvolver dito protocolo e garantir o desenvolvemento do ensino presencial durante o presente curso, tan necesario para un óptimo proceso de ensino-aprendizaxe e para a saúde integral do alumnado e profesorado.

TERCEIRO: Unha vez máis, o total desprezo cara a comunidade educativa ao non ter en conta a súa opinión, coñecementos, experiencia e profesionalidade na elaboración de dito protocolo. A constitución do Comité Educativo fíxose efectiva o luns 21 de setembro, data posterior a elaboración do mesmo.

CUARTO: A súa uniformidade ao non establecer diferenzas entre centros de primaria e secundaria, nin tampouco entre distintos centros debido ao seu tamaño ou características especiais, que fixeran posible unha flexibilización das normas.

QUINTO: Segundo a OMS, a saúde defínese como: “O estado de completo benestar físico, mental e social, e non soamente a ausencia de afeccións ou enfermidades”.

Tendo en conta esta definición, consideramos que o protocolo non garante en absoluto a saúde da comunidade educativa.