O CONSELLO ESCOLAR DO LOSADA SOLICITA AUMENTO DE ESPAZOS PARA OS CICLOS DE CARPINTARÍA

O Consello Escolar do IES Plurilingüe Antón Losada Diéguez acordou, de xeito unánime, apoiar a solicitude de incremento dos espazos cedidos nas instalacións da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada. Esta solicitude, efectuada pola Dirección do centro educativo a inicios do pasado mes de setembro, ven motivada polo incremento significativo no volume de alumnado e na oferta de ensinanzas, coa implantación do Ciclo Básico Carpintaría e moble neste curso 2019-2020, que se suma ao ciclo medio xa existente. O Consello Escolar e tamén a Dirección do centro consideran prioritario garantir a seguridade do alumnado, así como calidade da formación que reciben os estudantes, algo que é imposible nas actuais instalacións.

Desde o centro educativo considérase que esta formación é estratéxica para A Estrada, Capital do Moble de Galicia. Hai que ter en conta, ademais, que a mocidade que quere formarse neste ámbito profesional merece unhas instalacións dignas, que permitan unha formación de calidade, e en condicións de seguridade e hixiene, sen ter que desprazarse fóra do noso concello.

Alumnado e profesorado dos ciclos de carpintaría e moble