Escrito aprobado no Consello Escolar contra a LOMCE

O Consello Escolar do IES Antón Losada Diéguez manifesta o seu rexeitamento ao proxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) polas seguintes razóns:

A LOMCE pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

A LOMCE facilítalle ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización na nosa Lingua. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e marxina aínda máis o noso idioma. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos, coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

A LOMCE reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O proxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión. No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

É un proxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno e baléirao de todas as competencias. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4º de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condena, prematuramente, ao alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral.

A LOMCE pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade.

Este proxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio.

A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer o emprego.

Por todo isto, pedimos a retirada do proxecto de lei e o inicio dun período de diálogo coa comunidade educativa e con todas as forzas sociais e políticas que permita sentar as bases dun modelo educativo por consenso e sostible.