Fabricando xoguetes para viaxar a Milán

O Ciclo de madeira do IES Antón Losada decidiu elaborar e vender xoguetes de madeira para sacar fondos para financiar unha viaxe a Milán o próximo mes de abril, á feira internacional do moble.
O traballo realízano conxuntamente profesores e alumnos. Os profesores están moi contentos coa resposta dos alumnos, ao que cualifican de ‘moi bos e traballadores’. Os alumnos agradecen o compromiso do profesorado e estes saben que o aprendido vailles valer para no futuro.
Comezaron con esta actividade no primeiro trimestre. En outubro comezaron a buscar entre todos, a través de Internet, modelos de xoguetes que se adaptasen as súas posibilidades de fabricación e de prezo asumible. Despois elaboraron os planos, sacaron os padróns e prepararon os prototipos. Por último, comezou a produción de tipo artesanal, pero cun sistema industrial para reducir custos. Para levar a cabo este traballo, alumnos e profesores levan meses traballando fóra do horario escolar, e mesmo durante as vacacións de Nadal.
Os obxectos teñen unha dobre función. Poden ser usados como xoguetes polos nenos, pero tamén son produtos ornamentais, cos que decorar calquera espazo da casa. Esta dobre función condicionou os materiais e os acabados elixidos.
A maioría están feitos en madeira de piñeiro do país, aínda que nalgún caso tamén recorreron a madeiras tropicais tropicais moi lixeiras (nas rodas, por exemplo). Os colores son alegres e inofensivos, con pinturas hidroalcólicas para garantir que non sexan tóxicas. Os nenos poden chuchar neles sen perigo.
Os xoguetes teñen unha gran demanda. Na feira de antigüidades e artesanía, celebrada a principios de decembro na Estrada foron moi ben acollidos, ao igual que no propio Instituto. Hainos animados, como coellos que simulan o salto característico da especie, e xirafas con rodas. Os refugallos restantes da fabricación dos animais de maior tamaño aproveitáronse para facer coches pequenos de madeira.
O seu obxectivo de sortear os efectos da crise, e poder viaxar a un evento crucial para coñecer cara onde camiña o sector, semella que o van conseguir. O Ciclo de Madeira xa recadou o 50% do custo da viaxe en avión a Milán. En definitiva, unha espléndida iniciativa cuxos beneficios pódense apreciar non só na venda dos xoguetes, senón tamén nas súas posibilidades formativas. O alumnado aprende a planificar, organizar a produción e rendibilizar custos. Aspectos todos eles fundamentais no se futuro laboral.