Conferencia de Xosé Neira Vilas

Mañá 10/11/2011 o escritor e académico Xosé Neira Vilas estará na Estrada para, logo de visitar o CEIP Pérez Viondi, dictar no IES Antón Losada Diéguez unha conferencia para o alumnado do centro ás 12:45 co título "Galiza en América: exilio e emigración"

Esta actividade parte da celebración do cincuentenario da publicación de Memorias dun neno labrego, libro que superou as 30 edicións e foi traducido a diferentes idiomas, e que fixo de Neira Vilas, autor prolífico e de gran variedade xenérica (narrador, poeta, tradutor, ensaísta, investigador...), o autor que máis protagonismo lle ten dado aos nenos en obras que non son consideradas o que habitualmente a crítica chama literatura infantil e xuvenil. Amais de escritor, é memoria viva da intensa actividade dos emigrantes e núcleos de exiliados en América ao longo do século XX, fenómeno que investigou e documentou abondosamente e que divulgou a través de máis dunha ducia de libros publicados nos últimos vinte anos.