Proxectos de innovación educativa

         

 

Benqueridas alumnas e alumnos de 2º de Bacharelato da promoción 2020-21:

               Gustaríanos que esta comunicación non tivese un fondo amargo. Gustaríanos simplemente renovar os desexos de boa sorte e agradecervos a dedicación. Somos conscientes de que xeneralizar non fai xustiza: o valor do voso grupo é precisamente a suma do que cadaquén achegou mentres formastes parte do Centro. Por unha temporada el foi a vosa vida. E a nosa, desde logo.

               Gustaríanos de certo outra despedida, pero onte produciuse un feito inédito na pequena historia do IES da Terra Chá. Referímonos ao uso que fixestes do idioma durante a cerimonia de graduación que tivo lugar o día 19 de maio. Dicimos uso e deberiamos poñer baleiro, negación; porque a lingua propia de Galicia -oficial no ensino grazas ao combate de miles de nomes, uns famosos, outros descoñecidos; a lingua cotiá, en fin, de moitas e moitos dos vosos compañeiros- estivo ausente.

               Ese exilio quizais pon de relevo unha realidade que non negamos, ao revés, queremos afrontala con lucidez e valentía (referímonos á lenta, aparentemente implacable, perda de falantes conforme van pasando os cursos), mais sobre todo expresa un fracaso do profesorado do Departamento que ensina a lingua e a literatura nacionais, e tamén dos sucesivos equipos de Normalización que traballan -aí seguirán- co único obxectivo de facernos a todas un pouco máis dignas.

Fomos, polo que se comprobou onte, incapaces de transmitirvos que a ferramenta secular de comunicación neste país está ferida e precisa tanto a conversa común coma os eventos solemnes. Que o galego nin sequera fixese acto de presenza nas vosas intervencións constitúe un síntoma case ofensivo do que se pode chegar a entender por normalidade. Mentiriamos se dixésemos que non nos produciu dano e que tampouco llelo produciu aos vosos compañeiros e compañeiras galegofalantes, e non só a elas. Houbo dano emocional, si, e significou ademais o retroceso simbólico dunha conquista que inxenuamente dabamos por irreversible. As conquistas fanse, ou desfanse, co exemplo de quen representa a excelencia e o prestixio.

A mágoa non ten volta, pero debe servirnos de exemplo para redobrar os esforzos, pensar qué puidemos facer mal e qué tipo de discurso ou práctica debemos mudar. Poucos traballos teñen sentido se non logramos que se entenda, sen lugar para a dúbida, que continúa habendo unha lingua marcada, asociada cos usos menos prestixiosos, segregada de certos ambientes como se dun estigma se tratase e non dunha fermosa, útil e interminable historia de amor que nos contamos, que contamos ao mundo desde aquí. Desde Castro, comarca da Terra Chá, Galicia.

 

Unha aperta e ata sempre.

 

Castro Ribeiras de Lea, 20 de maio de 2021

 

Natividade Estévez Lorenzo

Ximena Piñeiro Torres

Xabier Cordal Fustes

Eventos

« Xuño 2024 »
LunMarMérXovVenSábDom
12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930

PORTAL EDUCATIVO

Espazo ABALAR

 

 

CONTRATOS PROGRAMA

 

FORMACIÓN PROFESIONAL

PATIOS DINÁMICOS

Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística

Convivencia e Mediación

Fitofaladoiro

 

FITOFALADOIRO

REDES SOCIAIS


 

 

INSTAGRAM DA BIBLIOTECA

 

 INSTAGRAM DE ORIENTACIÓN

 

BLOG EDNL