Taboleiro de secretaría

21 DE MARZO, DÍA DA POESÍA

No IES Breamo celebramos o día da poesía lendo un manifesto de Fran Alonso en todas as aulas: este manifesto pon en valor este xénero literario desde un punto de vista que se achega aos adolescentes.

Ademais, en colaboración co Concello de Pontedeume e acompañados doutros centros do noso pobo, o alumnado de 1ESO participou no recital de poesía e sementou os seus poemas.

 

VICTORIA ANA RODRÍGUEZ BELLÓN DO IES BREAMO PREMIADA NO XVIII CONCURSO LITERARIO RITA SUÁREZ AMADO.

A edición número dezaoito do citado concurso literario organizado polo IES Eusebio da Garda premiou a once alumnos e alumnas de diferentes centros educativos.

Victoria que se sinte inspirada para escribir por outras mulleres (sobre todo as da narrativa inglesa contemporánea) presentouse ao certame coa súa obra A Fuga, que trata dunha muller, Eva, que aparece nunha habitación pintando un retrato vangardista por encargo. Tras decatarse de que a súa infancia está vertida no lenzo en forma de trauma, descubre que a pintura serve de vía de escape, “a fuga” dos seus pensamentos nunha realidade supramental que supera todas as emocións que podería conter dentro de si.

Victoria, estudante 2º de BAC e que ten pensado cursar os estudos universitarios de comunicación audiovisual, coméntanos que nestes momentos aproveita o seu “hobbie”, a escritura, como unha “fuga” persoal neste curso tan intenso.

 

VISITA DA ESCRITORA ANDREA MACEIRAS

 A escritora Andrea Maceiras estivo hoxe co alumnado de 4ºESO do IES Breamo, para falar dos deus libros, que leron os alumnos e alumnas previamente: Que me pare o corazón se te esquezo e O que sei do silencio. 

Foi un encontro gratificante, posto que a historia que se propuxo para ler foi máis alá das páxinas, para brindarlle ao alumnado a oportunidade non só de responder dúbidas, senón tamén de coñecer máis aspectos que os propiamente escritos no libro.

 

VISITA AO IES BREAMO DE XULIA LAGO

Hoxe tivemos a sorte de ter con nós a Xulia Lago. Esta ilustradora recibiu o Premio Castelao polo seu libro Nós Seis: nel, recrea a infancia da súa avoa, que tamén estivo con nós na biblioteca do IES Breamo, relatándonos como viviu a época franquista nun internado, como foi deixar Ferrol e tamén deixándonos unha bonita reflexión das dúas xeracións que se entrelazan no libro: avoa e neta.

 

 

"CONSUMO CERO"

Clases sen fume para os alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO. 

Estamos a desenvolver un programa, organizado polo Servizo Galego de Saúde en colaboración coa Consellería de Educación (Plan Proxecta),  de prevención do consumo do tabaco onde o alumnado e profesorado debe manter o compromiso de non fumar. Este programa trata de reforzar a confianza nun mesmo e nos demais, ao tempo que utiliza charlas e probas de “cooximetría” por parte de equipos sanitarios do SERGAS e diferentes concursos como incentivo.
O programa tamén dá a posibilidade de participar ás persoas do entorno familiar e así trasladar os beneficios de non facelo e de insistir na importancia dos "hábitos de vida saudables".

 

TI SI QUE ES UN BO PEIXE

O alumnado de 1º de ESO participa en Ferrol nunha xornada mariñeira enmarcada dentro do programa creado pola Consellería do Mar “Ti si que es un bo peixe”, que ten por obxectivo principal coñecer os beneficios de consumir produtos do mar. 

As actividades realizadas serviron para que puidesen coñecer no porto os distintos tipos de embarcacións, artes de pesca e especies que se capturan. Tamén visitaron a lonxa local, onde comprobaron como é o proceso de primeira venda dos produtos pesqueiros e marisqueiros, como se celebra unha poxa e a importancia do etiquetado.

Tamén recibiron explicacións “in situ” ,na praza de abastos, para coñecer os diferentes tipos de peixe, crustáceos e bivalvos. 

Finalizaron a mañá cunha rica merenda Mariñeira.

 

24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

No IES Breamo celebramos o día de Rosalía con lecturas de poemas, a proxección da curtametraxe "A rosa incandescente", e coa degustación do Caldo de Gloria.

A profesora de lingua e literatura galega no centro, Anxos García Fonte, é a guionista e produtora de A rosa incandescente, unha curtametraxe premiada no Aracnea Film&Book Festival de La Castellaneta, na Puglia (Italia).

Na presentación Anxos resaltou a Rosalía como a nosa poeta nacional, e que é unha das primeiras que escribiu e reivindicou con forza a lingua e a cultura do seu país deixándonos unha visión crítica da sociedade que lle tocou vivir.

“A rosa incandescente” é o nome dun proxecto que pretende devolvernos unha imaxe fresca de Rosalía de Castro. Ten dúas partes que se completan; por un lado unha curtametraxe na que Rosalía fala de si mesma e das razóns polas que escribe (diálogo directo co espectador e achegalo así a algúns dos aspectos fundamentais da súa vida e obra), e polo outro, unha unidade didáctica na que se amosa o proceso de elaboración da curta co sentido de comprobar a relación entre a linguaxe cinematográfica e a literaria. A profesora Anxos García Fonte é quen asina “A rosa incandescente” consciente de que a figura de Rosalía estase a revalorizar cada día.

 

PROCESO DE ADMISIÓN DE ALUMNADO PARA O CURSO 2023-24

(PDF INFORMACIÓN)

TODO O ALUMNADO QUE FIXO RESERVA DE PRAZA PARA O CURSO 2023-2024 ESTÁ ADMITIDO

Prazo de matrícula para o curso 2023-2024: do 26 de xuño ao 7 de xullo.

O alumnado que ten reservada praza no centro, se presenta solicitude de admisión noutro distinto deberá comunicar a renuncia á reserva antes do inicio do prazo de presentación de solicitudes de admisión.

ALUMNADO DE NOVO INGRESO PROCEDENTE DE CENTROS NON ADSCRITOS

Do 1 ao 20 de marzo: presentación solicitude de admisión. A solicitude será única e poderase presentar:

  • preferentemente de forma electrónica.

https://www.edu.xunta.es/admisionalumnado

  • ou de forma presencial no centro educativo: a) cubrir a solicitude na aplicación, descargargala e presentala de xeito manual asinada no centro ou b) cubrir a solicitude manualmente e presentala asinada no centro.

LIGAZÓN á aplicación (información e modelo solicitude admisión (ED550B)

Módelo (anexo II e IIbis en PDF)

FESTIVAL DE ENTROIDO 2023

Good Morning, benvidos e benvidas ao gran  entroido, a EumeWood 2023 no noso IES Breamo, o noso espectacular centro de ensino, onde podemos encontrar personaxes tan peculiares como vós e coma nós. Así comezaba o espectáculo o pasado venres 17 de febreiro.

Moitísimas grazas ao Concello de Pontedeume e á ANPA APERTA pola súa colaboración. 

ASISTENCIA AO TEATRO - 1º ESO

O venres 10 de febreiro o alumnado de 1º de ESO asistiu á representación Tambores de paz da compañía de teatro Transeduca. Desprazáronse ata  A Coruña coas súas profesoras Ana Allegue, Cristina Fernández, Rosa Mourelle e Glafira Fernández-Campoamor. Ademáis de ver a  obra, que logo comentaron na clase, tiveron a oportunidade de manter un diálogo cos actores aos que lles fixeron todo tipo de preguntas sobre a súa traxectoria, sobre o texto e outros aspectos da representación. Foi un xeito distinto de acercarse á literatura, ao mundo do espectáculo en directo e a certos temas que nos preocupan a todos: os conflictos, a violencia, o amor e a amizade.

Theme by Danetsoft and Danang Probo Sayekti inspired by Maksimer