O ensino semipresencial: que é

 

Que é?

A modalidade semipresencial é unha modalidade novidosa no ensino de idiomas que combina dous tipos de ensino: presencial e en liña e no que estos dous mundos están entralezados. Está pensada para alumnado que non pode asistir a clase con regularidade e precisa máis flexibilidade para distribuir o seu tempo de dedicación ao estudo da lingua. Os contidos e os obxectivos son os mesmos que os dos cursos en modalidade presencial.

Esta modalidade consta de dúas partes que son igual de importantes e están entrelazadas.

  • A parte virtual do curso está dispoñible para o alumnado na aula Moodle do centro, onde disporán de material creado por profesorado de Escolas de Idiomas no que poder practicar a comprensión de textos orais e escritos, os contidos léxicos-gramaticais e onde tamén se poderán facer actividades de expresión, interacción e mediación escrita e oral. A docencia virtual é asincrónica, é dicir, non simultánea, polo que é o propio alumnado quen decide cando traballa na plataforma.
  • A parte presencial farase terá lugar nunha sesión semanal de dúas horas cun horario fixo, impartida na EOI de A Coruña, que se dedica principalmente á práctica da expresión, interacción e mediación oral, así coma ao reforzo do resto das destrezas ou actividades de lingua.

Na parte virtual, haberá que interactuar en foros e realizar tarefas colaborativas co resto dos teus compañeiros/as. Ademais, hai que que realizar tarefas de maneira individual, de igual xeito que se vén facendo nos cursos presenciais tradicionais.

Para conseguir os obxectivos do curso, espérase que participes activamente tanto nas sesións presenciais coma na plataforma virtual. Os obxectivos, contidos, criterios e instrumentos de avaliación son exactamente os mesmos que se contemplan para os cursos presenciais do mesmo nivel, obténdose por tanto a mesma certificación tras a superación da proba correspondente.

A atención titorial, resolución de dúbidas e comunicación co teu profesor/a realizarase de xeito presencial ou a través da mensaxería interna da propia plataforma. Poderás rexistrarte e acceder a esta cun contrasinal que che facilitará o teu profesor/a por correo electrónico.

 

Presentación do ensino semipresencial

 

Que material ou equipamento preciso?

Necesítase un equipo (ordenador, portátil ou tableta) e conexión a Internet. Alén disto, hai que ter presente que esta modalidade require certo grao de autonomía pola parte dos participantes e precísase unha competencia dixital básica para navegar pola contorna virtual. Hai que entrar na plataforma co nome de usuario e contrasinal propio, ver as mensaxes recibidas, participar nos foros temáticos e realizar as tarefas propostas coa axuda dos contidos aloxados na plataforma e as orientacións do profesorado.