Skip to Content

Educación Primaria

Visita con ANABAM - Marzo 2017

14/03/2017 09:00
14/03/2017 14:00

O alumnado de Ed. Primaria do CRA temos unha visita moi interesante con ANABAM (Asociación Naturalista Baixo Miño). Podemos desfrutar da visita ao Centro de Interpretación da Natureza onde coñecer a fauna do Baixo Miño. E despois un paseo didáctico ata os observatorios ornitolóxicos onde, con sorte, podemos ver diferentes aves da zona.

Comezamos o día xuntándonos no aparcadoiro do ferri, na Pasaxe. Dende alí fomos andando ata o centro de interpretación, onde fomos recibidos por Agustín Ferreira, o presidente de ANABAM. Explicounos e ensinounos os materiais da exposición no seu local. Moi interesante!

Despois fomos a observar as aves á praia da Armona. Levábamos uns prismáticos por cada equipo de tres nenos e nenas cos que puidemos ver uns corvos mariños e unha garza. Ademais, na praia, demos un paseo e recollemos cunchas e moitas cousas máis.

Por último achegámonos á caseta de observación preto do camping de Salcidos. Alí puidemos ver algunhas aves máis e a contorna do río Miño.

Foi un día xenial!!!

 

Excursión xeolóxica - Marzo 2017

08/03/2017 09:00
08/03/2017 14:00

As nenas e nenos de primaria da escola de Fornelos saímos de excursión ao monte cercano e chegamos ata o Niño do Corvo. Alí Ana, unha xeóloga, ensinounos moitas cousas interesantes sobre as pedras que puidemos ver en directo, aí mesmo.

Estivo moi ben!!!

 

Entroido - Febreiro 2017

23/02/2017 09:00
23/02/2017 14:00

Celebramos o Entroido todas e todos xuntos na escola de Novás. Alí facemos un desfile por colexios onde as familias poden ver os disfraces que traballaron as nenas e nenos para este día. Todo isto acompañado de música e moita diversión. Despois podemos comer moitas cousas ben ricas que traen as familias para a merenda especial deste día. É unha xornada de festa para desfrutar!

Vivimos un entroido moi chulo. Durante toda a semana o "meco" foi mandándonos vir vestidos ao colexio con algo pintado na cara, algún complemento "elegante" e un pixama. O día da festa chegou todo o mundo á escola de Novás (algúns incluso en tractor). Despois de prepararnos e vestirnos comezou o desfile. Cada colexio disfrazado dun país ou universo: a escola de Pías de Brasil, a de Novás e Marzán de Inglaterra, a de Fornelos de planetas e universo, a de Couso de China e a de Tabgón de Italia.

Desfrutamos dun mercadillo impresionante organizado pola ANPA no que as familias donaron previamente produtos naturais e artesanais para poñelos á venda ese día. Os cartos recaudados van destinados a actividades para as nenas e nenos do CRA.

Día da Paz - Xaneiro 2017

27/01/2017 09:00
27/01/2017 14:00

Este ano celebramos o Día da Paz no Auditorio do Rosal. Asistimos a un concerto didáctico da Banda de Música do Rosal xunto a outros centros escolares do Concello. Ademais de desfrutar desta actividade as nenas e nenos do CRA cantan unha canción para celebrar este día e fan un mural sobre a paz con bandeiras e palabras de diferentes países.

Comezamos a mañá chegando ao auditorio para desfrutar do concerto. Presentáronnos os instrumentos, escoitamos varias pezas e ata nos contaron un conto sobre a paz con música en directo!!!

Despois chegou o momento das nosas actuacións... As nenas e nenos do colexio da Mata fixeron un poema e unha canción e os do CRA fixemos a continuación a nosa todas e todos xuntos enriba do escenario. Quedou todo moi chulo.

Foi tempo entón de descansar un pouco e de tomar a merenda. Pero moi pronto voltamos á sala do auditorio para ir montando clase por clase o mural da paz coas bandeiras e a palabra paz nos idiomas de varios países.

Por útlimo puidemos ver un pouquiño da película "Hermano Oso", que nos ensinou o valor da amizade.

Foi un día completo no que o pasamos xenial cun montón de cousas diferentes!!!

Charla sobre transexualidade infantil - Xaneiro 2017

17/01/2017 17:00
17/01/2017 18:30

O fenómeno da transexualidade infantil é unha realidade que existe dende sempre, pero hai ben pouco que se está a visibilizar na nosa sociedade. Inda queda moito camiño por percorrer para aceptar e normalizar esta realidade. No CRA comezamos este camiño coma claustro de mestras e mestres asistindo a unha charla sobre esta temática no propio CRA.

Sara Silva Uris tivo a amabilidade de ofrecerse a achegarnos de xeito desinteresado unha visión xeral e condensada desta realidade tan complexa. O dominio deste tema débese ao estudo académico e de campo realizado por ela para a confeción do seu proxecto de fin de carreira, que tratou este tema, e que nos achegou nesta charla.

 

Preme aquí para consultar a documentación creada pola poñente Sara Silva Uris sobre este tema.

 

Grazas a Sara por dedicarnos este tempo e iluminarnos sobre a realidade das nenas e nenos trans*.

 

Concurso fotográfico "Deporte en familia..." - Xaneiro e Febreiro 2017

09/01/2017 00:00
23/02/2017 13:00

O concurso fotográfico “Deporte en familia…” está aberto á participación das alumnas e alumnos matriculados no CRA María Zambrano de O Rosal, permitíndose a colaboración dalgún familiar ou adulto na realización desta fotografía.
Cada participante pode mandar ata dúas fotografías orixinais e inéditas, realizadas con técnica libre e aparecendo, en calquera caso, na fotografía.

Establécense tres categorías diferentes: á fotografía máis orixinal, á máis artística e á máis divertida.
O tema do concurso é a imaxe dunha alumna ou alumno deste CRA facendo algún tipo de deporte e acompañado por un ou máis familiares (pode ser tanto exterior coma interior).

O prazo de admisión de traballos comeza o 9 de xaneiro de 2017 e remata o 3 de febreiro de 2017. A decisión sobre as fotografías gañadoras ten como prazo máximo o 17 de febreiro de 2017. O anuncio público e entrega de premios é o día 23 de febreiro do 2017, como parte das actividades do día da Festa de Entroido do CRA María Zambrano.

Festa de Nadal - Decembro 2016

20/12/2016 09:00
20/12/2016 14:00

O último día de clase antes das vacacións de nadal facemos un día especial, unha festa!!!

Xogamos, preparamos unha merenda xenial que traen as familias, saímos ao patio... Pero o que máis agardamos é a chegada dos Reis Magos. Van pasando por cada colexio para visitarnos a todas as nenas e nenos do CRA. Alí, na clase, cando chegan saudámolos cunha canción e despois e entregámoslles as nosas cartas co que lles pedimos de agasallos. Como nos portamos moi ben regálannos lambetadas e deixan algúns agasallos en cada clase!!!

 

Obradoiro de Nadal - Decembro 2016

12/12/2016 09:00
14/12/2016 14:00

As nenas e nenos da escola de Pías do CRA puideron desfrutar dun obradoiro de manualidades navideñas nas súas respectivas aulas gracias a unha nai que se ofreceu a vir para facelo. O luns día 12 foi o momento das pequenas e pequenos de infantil, e o mércores 14 das nenas e nenos de primaria. Estiveron confeccionando varios adornos con moitivos coma Papá Noel, árbores ou bonecos de neve.

Quedaron moi chulos!!!

 

Obradoiro de galletas Rosabeles - Decembro 2016

07/12/2016 09:00
07/12/2016 14:00

As nenas e nenos de primaria da escola de Fornelos fomos ata Tabagón ao obradoiro de galletas Rosabeles. Alí Lucía e Banesa mostráronnos como se fan estes doces e ata puidemos practicar un pouco pola nosa conta e facer as nosas propias galletas.

Foi xenial!!!

 

Carreira solidaria "Save the Children" - Decembro 2016

01/12/2016 09:00
16/12/2016 14:00

No CRA organizouse unha iniciativa solidaria en colaboración coa ONG “Save the Children”. Trátase de varias carreiras solidarias no propio colexio nas que participaron nenas e nenos, familias e mestras e mestres.

A verdade é que a iniciativa tivo unha gran acollida. Fomentouse nas nenas e nenos a realización de actividades físicas divertíndose e, ademais, colaboraron cunha iniciativa solidaria. Cada participante recibiu un dorsal co seu número e, ao rematar, un diploma agradecendo a participación e colaboración.

Gracias á xenerosidade de todas e todos deuse recaudado un total de 660 euros, que irán dirixidos a nenas e nenos que viven en Etiopía e carecen de subministros adecuados de auga, alimentos e materiais escolares.

Estupenda iniciativa e gran resposta. Gracias!!!

 

Distribuir contido


by Dr. Radut