Educación comezará a aboar o martes as axudas de comedor escolar para o período no que estean suspendidas as clases presenciais

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional comezará a pagar este martes 14 de abril (só unha semana despois de rematar o prazo de solicitude) as axudas de carácter directo a través das cales aboará os menús dos comedores escolares xestionados pola Administración ás familias con menos recursos mentres estean suspendidas as clases presenciais.

Cómpre lembrar que a Consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola Consellería.  No caso dos usuarios de comedor gratuítos a Consellería aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos recibirán 1,5 euros/día durante os días lectivos que dure o estado de alarma.

Polo tanto, neste primeiro pago correspondente a 14 días lectivos o importe das axudas vai dende os 35 euros para as familias con 1 un fillo aos 175 para as familias con 4 fillos con gratuidade total. No caso de familias con 2 fillos a contía chega a 70 euros ou 105 no caso de tres fillos. Existen casos de contías inferiores a 35 euros nos casos de alumnado gratuíto ou semigratuíto  de secundaria que tan só come un día a semana no centro educativo.