PRIMEIRA ETAPA: MOLINASECA – VILLAFRANCA.

 

O pasado 18 de outubro puxémonos en marcha e fixemos a nosa primeira etapa de Camiño de Santiago. Foron trinta intensos quilómetros entre Molinaseca e Villafranca del Bierzo. O tempo acompañounos desta volta e tivemos un soliño moi agradábel o longo de toda a andaina. É certo que rematamos bastante tarde, cando o reloxo xa pasaba das sete e media, pero aínda que chegamos a Villafranca no momento do solpor, non ía frío ningún.

Na andaina participamos o alumnado de secundaria ó completo -as catro rapazas e os dous rapaces, nin máis nin menos- e unha pequena representación do profesorado e do persoal non docente -seis persoas tamén. O desafío era importante, pero ninguén recuou nin deu un paso atrás.

Molinaseca foi o noso punto de saída, un bonito pobo de orixe medieval, que conserva dúas igrexas de época moderna, unha ponte e unha rúa principal chea de casas de pedra. Máis tarde chegamos a Campo, que aínda que está menos coidado que Molina é tamén lugar de casas fidalgas, cos seus grandes escudos de armas.

Ponferrada é unha cidade longa. Entramos polo Hospital da Raíña, construído a finais do século XV, segundo din, pola influencia de Isabel a Católica para dar albergue ós pobres peregrinos que se dirixían cara a Santiago. Puidemos ver tamén as torres do seu castelo e a da basílica da Encina, e cruzar por enriba do Sil pola ponte construída a finais do século XI polo bispo de Astorga, Osmundo. Esta ponte, hoxe enmascarada por sucesivas ampliacións, foi a que deu nome á cidade. Rematamos este primeiro tramo no poboado de Compostilla, ergueito nos anos cincuenta para ofertar vivendas baratas ós traballadores da central térmica do mesmo nome. Por fin puidemos tomar un respiro e un refrixerio.

A marcha continuou por Columbrianos, Fuentes Nuevas e Camponaraya. Son pobos que hogano prolongan Ponferrada, de xeito que a impresión é que non rematas por deixar atrás a cidade. Soamente despois de carimbar as nosas credenciais na Cooperativa “Viñas del Bierzo”, nesta última localidade, semellou cambiar un pouco a paisaxe, e cambiamos os edificios polas viñas, que xa non nos deixarían ata chegar a Villafranca.

Fixemos unha parada para merendar e repor as nosas forzas en Cacabelos, na Moncloa de San Lázaro. Cacabelos é unha vila animada, chea de sitios para comer e beber, cunha boa ponte á súa saída, enriba dun dos afluentes do Sil, o río Cúa. A vila pertenceu en tempos ó arcebispado de Santiago, o mesmo que a aldeíña pola que pasamos pouco antes de abandoar a estrada e tomar unha nova congostra entre videiras: Pieiros.

Os derradeiros quilómetros desta etapa fixéronsenos soberanamente encostos. Non soamente porque fisicamente fosen así, senón tamén porque o cansazo comezaba a se notar nos compoñentes da expedición. Pero chegamos. E mesmo algún non remataba de crelo: estabamos por fin en Villafranca, onde o autobús estaba a agardar por nós, para nos ofrecer un merecido descanso.