III CONGRESO CIENTÍFICO DA MONTAÑA

Vai pola 3ª edición deste Congreso Científico entre os colexios da montaña de Lugo. Este ano participamos 5 escolas: Courel, Cervantes, Becerreá, Mondoñedo e Pedrafita. Entre as 5 escolas, o alumnado presentou un total de 23 proxectos de investigación. Ademáis, uniuse nalgunha das sesións a escola de Navia e unha representante da USC de Xuvenciencia.

Este foi o programa

Cada ano hai máis proxectos. Ademáis, os proxectos son cada vez máis interdisciplinares. Tamén se realizaron traballos entre diferentes cursos. E participaron tamén os alumnos e alumnas de primaria de Pedrafita con 2 traballos. O que supón máis traballo coordinado e en equipo polo profesorado e alumnado. Mostra diso é que houbo presentacións conxuntas feitas dende materias como Química e Galego, presentacións de Bioloxía, de Historia, de Tecnoloxía, das 4 linguas, dende Titoría coa temática de igualdade, de Relixión, de Hábitos de vida saudable, Matemáticas, etc.

Por mor das medidas COVID non puidemos celebralo de xeito presencial, polo que cada escola se uniu por videochamada dende unha sala onde o alumnado podía seguir as presentacións de todos e todas e facer as súas.

Comezamos ás 10 da mañá e rematamos sobre as 4 da tarde. Fixemos 4 sesións con 5-6 traballos en cada unha. 
Ao finalizar cada exposición houbo quenda de preguntas. Cada traballo recibiu unha pregunta dos presentadores da sesión (unha sesión cada escola) e ademáis, a medida que avanzou a xornada foise animando a cousa e houbo varias preguntas espontáneas.

A valoración xeral tanto do profesorado coma do alumnado foi moi positiva. O alumnado fixo unhas presentacións, en moitos casos, merecedoras de matrícula. O cal reflexa o esforzo e enorme traballo realizado todos os meses previos ao Congreso. Noraboa a todos e todas! Agora toca pensar proxectos para o próximo curso, no que esperemos que o IV Congreso será de xeito presencial, para disfrutar ademáis dun día de convivencia!

A continuación, móstranse os traballos realizados polo alumnado de Pedrafita:

1. Alimentación e COVID. 1ºESO
Hábitos de vida saudable. O presente traballo está baseado na relación entre a alimentación e o Covid-19. Realizamos unha revisión de artigos científicos para comprobar se os diferentes tipos de alimentos, tiñan ou non algún efecto sobre o organismo en relación á protección ou sintomatoloxía do coronavirus. Podemos afirmar que está demostrado que algúns alimentos protexen o organismo fronte a este tipo de virus.

2. Robots. 2º e 3º ESO
Tecnoloxía. A robótica é unha mestura de diversas disciplinas da rama das enxeñerías que se ocupa do deseño, construción e aplicacións dos robots. A propia palabra robot provén do checo robota, e significa traballos forzados ou traballador. Os robots levan entre nós moitos anos axudándonos en facetas repetitivas e laboriosas das nosas vidas. Pero esta automatización das tarefas humanas tamén trae consigo un cambio dos nosos hábitos e como tal do modelo produtivo. Como inflúen os robots nas nosas vidas? Que efectos producira a robotización das actividades humanas? Cal será o impacto dos robots no mercado laboral? Os alumnos de 2 e 3 ESO fixeron unha pequena investigación sobre varios campos nos que os robots están presentes para tratar de dar resposta a estas e outras cuestións.


3. Ante Notario (Historia social de Santiago de Compostela, 1465-1469, por medio dun minutario da notaría de Sancho de Cardama. 2º ESO
Historia. Neste traballo, logo de facer unha introdución sobre a fonte que imos empregar, ímonos centrar en 3 aspectos: a dispersión xeográfica da documentación, que nos permitirá afirmar que se trata dunha sociedade rural; a representación desiogual de homes e mulleres nos textos, que nos permitirá albiscar unha sociedade na que o masculino ocupa o espazo público; e finalmente o reparto e xerarquización dos individuos conforme a principios funcionais, que testemuñan a existencia dunha sociedade estamental


4. As terras do Concello de Pedrafita do Cebreiro a mediados do s. XVIII (unha achega por medio das respostas do catastro de Ensenada) 3º ESO
Historia. No presente traballo, logo de analizar como foi realizado o Catastro en Pedrafita en 1752, pasamos a estudar a definición dos marcos que encadraban ós individuos nese momento, tanto no aspecto relixioso como no civil. Faremos tamén unha valoración demográfica, comparando a situación en 1752 coa realidade actual. A análise da estrutura estamental poderá axudarnos a comprender o desigual reparto da riqueza e dos medios de producción. Finalmente, os datos proporcionados polas respostas ao interrogatorio permitirán que coñezamos o funcionamento do sector primario, tanto na súa producción coma nos seus métodos de explotación da terra


5. A auga: recurso científico e literario. 3º e 4º ESO

Galego, Bioloxía, Química. Neste traballo acercámonos á auga dende prismas moi diversos, para ver a importancia que este recurso natural ten para nós. Primeiro, usamos a auga coma un recurso científico. O noso obxectivo era comparar a calidade medioambiental de Pedrafita coa dunha cidade coma Lugo. Para iso analizamos auga de ríos, fontes e casas e tamén a auga da choiva coma un indicador da calidade do aire. Entre os parámetros estudados: nitratos, nitritos, pH, amonio, etc. En segundo lugar, usámola coma unha fonte de inspiración literaria. Escribimos microrrelatos coa temática da auga que participaron dun concurso de El Progreso do que obtivemos un premio. Tamén creamos metáforas en base á auga. En terceiro lugar, estudamos o uso da auga como recurso literario que fixeron grandes autores e autoras coma Rosaía, Cunqueiro, Novoneyra, ou nas Cantigas de Amigo.


6. Os refráns, reflexo da nosa cultura. 1º e 2º ESO
Galego, Castelán, Francés e Inglés Neste traballo investigamos como a auga está presente na nosa cultura a través dos refráns que se din nas nosas aldeas: 1) Refráns referidos ao carácter galego. 2) Refráns referidos á mala fama. 3) Refráns referidos á pureza da auga. 4) Refráns referidos á meteoroloxía. 5) Refráns noutras linguas

7. Rede Natura Ancares-Courel: paraíso natural e cultural. 3º ESO
Bioloxía. Neste pequeno documental quixemos mostrar a beleza de Ancares e Courel. Comezamos destacando que se trata dun espazo protexido baixo a Rede Natura 2000 e tamén unha parte foi recoñecida recentemente coma Xeoparque pola Unesco. Con fotos, vídeos, e algunhas entrevistas fomos retratando: a paisaxe, a orixe destas montañas, a flora, a fauna, o clima, as estacións, os ríos, as emocións que nos evoca todo isto, o patrimonio cultural, arquitectónico, relixioso, gastronómico, a economía, ...


8. Funcionan as medidas anti-COVID?. 1º e 2º ESO. 1º-2º-3º Primaria
Bioloxía, Química, Ciencias. Neste traballo quixemos comprobar a eficacia das principais medidas de prevención contra o coronavirus que temos na nosa escola: máscara, hixiene de mans, e ventilación das aulas. Primeiro, cultivamos bacterias para usalas como modelo, xa que os virus non os poderíamos manexar no laboratorio. Probamos diferentes medios de cultivo, construímos unha estufa de cultivo caseira, etc. Segundo, investigamos como fabricar xel hidroalcohólico e xabón. Fixemos 8 tipos distintos de cada engadíndolle sustancias supostamente “bactericidas” (allo, herba punteira, etc) segundo o que indagamos nas nosas aldeas. Terceiro, con todo esto a punto, tocamos unhas placas petri coas mans sucias e outras coas mans lavadas con cada un dos tipos de xabón e xel. Tamén respiramos por riba das placas con e sen máscara. Cuarto, analizamos a calidade do aire das diferentes aulas do colexio cun medidor de CO2 (canto tempo podemos estar coa porta e ventá pechadas ?, canto tempo temos que ventilar?...). En xeral a hixiene de mans funciona, pero uns xabóns-xeles foron máis eficaces que outros. A máscara tamén é moi efectiva. E respecto da ventilación, descubrimos o importante que é ter a ventá aberta e o rápido que empeora a calidade do aire.


9. O tempo nas nubes. 4º e 6º Primaria
Ciencias. Neste traballo quixemos aprender sobre o tempo meteorolóxico dun xeito práctico, facendo unha investigación sobre o poder das nubes para predicir o tempo e analizando diariamente diversos parámetros da estación meteorolóxica da escola. Aprendemos a ler temperaturas máximas e mínimas, a presión atmosférica co barómetro, a velocidade e dirección do vento, a humidade relativa e as precipitacións cunha probeta. Con todo isto construímos o noso climograma de Pedrafita. Concluímos que a presión atmosférica é un excelente indicador do estado xeral do tempo (altas e baixas presións) e tamén que ao ver cirros no ceo, case sempre se observa que chove aos 2-3 días. Finalmente, tamén analizamos como o tempo inflúe no noso modo de vida.


10. Estereotipos de xénero: xenética ou comportamento social?. 4º ESO
Titoría Neste traballo quixemos comprobar se determinados estereotipos de xénero, coma por exemplo: “facer algo coma unha nena”, son algo innato ou aprendido ó longo da nosa vida. Para iso, baixo a falsa premisa de que íamos a rodar un corto na escola, fixemos un casting a todo o alumnado, profesorado e persoal administrativo do noso centro. Temos a vantaxe de ser un centro rural moi pequeno, e puidemos gravar a tódalas idades, dende 3 anos ata os máis maiores de case 60. Nese suposto casting tiñan que representar as frases: “correr coma unha nena”, “lanzar unha pelota coma unha nena”, e “pelexar coma unha nena”. Observamos como os e as máis pequenas, ata os 12 anos aproximadamente, non facían ningunha diferenza. Sen embargo, a partires desa idade os estereotipos comezan a ser moi marcados, incluso esaxerados en moitos casos. Concluímos que se trata de algo social, que a través dos medios, da familia, da escola, etc, imos interiorizando. Polo tanto, non é nada xenético.