Educación abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario da Xunta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2020/21.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto dende o 20 de maio ata o próximo día 19 de xuño.

Axudas á compra

As axudas da consellería para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Os requisitos de renda e as contías das axudas quedan do seguinte xeito:

Educación Primaria:

      • Renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros:  210 euros (ata o de agora o tramo era de ata 5.400 euros e a contía de 170 euros)
      • Renda per cápita familiar superior a 6.000,01 e igual ou inferior a 10.000 euros: 140 euros (no presente curso o tramo ía dos 5.400,01 aos 9.000 euros e a contía era de 90 euros)

Fondo solidario

No Fondo solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar.

O alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora situábase en 5.400 euros), ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a 6 libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000,01 e 10.000 euros (ata o de agora o tramo ía de 5.400,01 a 9.000) terán acceso a 4 manuais.

Axudas para material escolar

O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en educación primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros (ata o de agora o límite era de 5.400 euros), e a contía da axuda mantense a mesma, isto é, 50 euros/alumno.

Trámites por vía telemática

As  solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” (https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.