AS CLASES PRESENCIAIS SÓ SE REINICIAN PARA BACHERELATO E FP

O alumnado galego de 2º curso de Bacharelato e de 2º curso de ciclos Medio e Superior de Formación Profesional poderá volver ás aulas de xeito voluntario a partir do vindeiro 25 de maio.

A Consellería de Educación ademais creou un Comité de Expertos para o Coidado do Benestar da Comunidade Educativa. Trátase dun grupo de traballo impulsado desde o seu departamento coa principal finalidade de elaborar unha estratexia para afrontar o vindeiro curso desde o ámbito da saúde emocional, tendo en conta a situación de crise derivada da pandemia do COVID-19.

Esta iniciativa, que recibirá o nome de Programa para o coidado do benestar da comunidade educativa, é unha acción que pon en marcha a Xunta de Galicia para atender o benestar emocional de todos os membros que integran a comunidade educativa.

Entre outras cuestións, o programa incluirá recursos que se lles van facilitar aos docentes para favorecer a estabilidade emocional do alumnado, así como a súa adaptación ás novas situacións provocadas pola pandemia.

A iniciativa busca tamén facer partícipe neste proceso, de forma voluntaria, ás familias e recoñecer o papel fundamental que teñen na educación en situacións adversas. Por outra banda, contemplará accións formativas destinadas ao profesorado, familias, departamentos de orientación e inspección educativa. Este programa estará dispoñible para todos os centros educativos galegos que desexen desenvolvelo.

A medida recoñece a relevancia da estabilidade emocional de todos os membros da comunidade educativa como clave para afrontar e desenvolver o proceso de ensinanza e aprendizaxe con éxito, nun novo curso que se prevé que teña carácter extraordinario.

Neste sentido, o programa pretende dotar ao profesorado, familias, departamentos de orientación e inspección educativa de pautas e recursos que permitan coidar o seu equilibrio emocional e persoal para favorecer e acompañar na xestión das emocións e das conductas do alumnado.