DEPORTE EN FEMININO. AS RAPAZAS TAMÉN XOGAN. CARREIRA DE ORIENTACIÓN POLA IGUALDADE 2020

A do deporte feminino é a historia dunha loita. Ao longo dos séculos, as mulleres tiveron que abrirse paso en contra dos prexuizos e das trabas que lles poñía unha sociedade que na que se pensaba que elas non podían, ou nno debían, facer deporte. Por sorte, a loita de moitas mulleres que se foron abrindo paso no mundo do deporte permitiron que o sexo feminino se incorporase plenamente á práctica deportiva, tanto cotiá coma no deporte de alto rendemento, aínda que na maioría das ocasións teñan unha peor financiación ou menor visibilidade.
Por este motivo, este ano dentro do Plan Proxecta “Donas de si” o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, decidiuse recuperar a carreira de orientación coa colaboración do Departamento de Educación Física para visibilizar a unha pequeña parte de todas as mulleres relevantes no panorama deportivo español, tanto na práctica individual coma na colectiva. Enchemos o taboleiro da entrada coas súas biografías para darlles unha maior visibilidade a semana anterior e luns 9 de marzo toda a ESO xunto con Uxía e Laura de 5º e 6º de Primaria participaron en pequenos grupos de 3-4 na carreira de orientación polo pobo coa axuda dun plano onde tiñan os puntos de localización das balizas onde atoparían unha pregunta sobre o deporte feminino que terían que contestar senón querían ser penalizadas cunha subida de tempo de cara ao resultado de completar a carreira.

Cada grupo levaría un dossier no que podían consultar toda a información necesaria.E unha carreira coma esta merece unha visibilización importante polo que de recordo cada un e unha das participantes levou unha camiseta que recorde a importancia de loitar cada día por unha igualdade real entre homes e mulleres, nenos e nenas en tódolos ámbitos da realidade.