LETRAS GALEGAS E LETRAS VIOLETA


Este ano o día das Letras Galegas conmemorouse a figura de Antón Fraguas, escritor, etnógrafo e historiador que nos acercou a todas e todos a sabedoría da cultura popular. Cada etapa contribuiu co seu gran de area e na entrada do centro quedou exposta a súa obra xunto cun roteiro pola nosa comunidade seguindo os pasos do noso escritor que fixeron en Plástica os rapaces e rapazas de 4º a 6º de Primaria. Marcos de 3º de ESO tivo gran maña dándolle forma ao busto do autor e os rapaces de 4º de ESO recompilaron fragmentos da súa obra, pequenos tesouros das nosas costumes e cultura. Os nenos e nenas de 1º, 2º e 3º tamén seleccionamos fragmentos da súa obra que acompañamos cun retrato de Antón Fraguas. 

Pero este ano, inmersos/as como estamos nos Proxecta de igualdade e no Plan de Formación sobre a mesma temática, non podía faltar a biblioteca de igualdade que se encheu de obras de escritoras galegas e algunha que narraba a historia de galegas relevantes. Antón Fraguas formou parte do Seminario de Estudos Galegos e ás rapazas de 2º de ESO pareceulles interesante recoller a información relativa ás poucas mulleres que formaron parte del ao longo da historia. E o alumnado de Primaria formamos as nosas LETRAS galegas VIOLETA recollendo nelas poemas das nosas escritoras, os seus nomes e as súas fotografías.