Skip to Content

Adenda 2017/2018

Adenda

ADENDA 2017/18

 

1.- Preámbulo

 

En virtude do disposto no disposto no artigo 14, punto 2, do Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e promoción do galego no sistema educativo, o equipo directivo designou unha comisión encargada da redacción do proxecto que aquí se presenta.

 

2.- Lexislación aplicable

 

  • Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, DOG do 14 de xullo.
  • Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004.
  • Decreto 124/2007, do 28 de xuño de 2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
  • Orde do 1 de agosto de 1997 pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento do Decreto 324/1996 e se establece a súa organización e funcionamento.
  • Decreto 79/2010 do 20 maio para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia.

 

3.- Breve análise da realidade sociolingüística do centro

 

A área circundante ao centro, en xeral, e o concello de Carballeda, en particular, non son galegofalantes, e, como no resto de Galicia, asistimos á diferenciación de usos propios da diglosia, a un deterioro do galego oral e a unha perda de falantes asociada ao proceso de urbanización e despoboamento do rural. Como trazo diferencial con outras localidades do país está o feito do importante aumento de poboación procedente doutras comunidades autónomas e doutros países (Portugal).

 

4.- Obxectivos xerais

 

1º.- Fomentar o uso xeneralizado, tanto a nivel oral como escrito, da lingua propia de Galicia, e reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos.

 

2º.- Facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que lle axude a percibir a utilidade da lingua galega, e incrementar a asociación de valores positivos á lingua galega que a fagan percibir como lingua moderna e de futuro para a promoción social de Galicia.

 

3º.- Fomentar e facilitar a integración socio-lingüística e escolar de alumnado doutras comunidades autónomas ou de países estranxeiros de fala oficial castelá, con nulo ou insuficiente dominio da lingua galega.

 

.4º.- Fomentar a aprendizaxe das linguas estranxeiras do noso currículo a través de intercambios, proxectos educativos bilingües e viaxes didácticas.

 

5º.- Fomentar a coexistencia harmónica e respectuosa entre as dúas linguas oficiais da Comunidade.

 

6º.- Fomentar o respecto e coñecemento das outras linguas oficiais da Península.

 

7º.- Fomentar o emprego de textos na súa lingua orixinal, sempre que isto sexa posible.

 

5.- Materias que se imparten en galego neste curso

 

A continuación relaciónanse por grupos as materias que se imparten en galego segundo consta en manifestación por escrito do profesorado que as imparte.

Non se inclúen as materias optativas se as alternativas que se imparten a un mesmo tempo non son en galego.

 

E. INFANTIL

 

·        

A lingua materna predominante dos 15 alumnos/as de E.Infantil (grupo mixto) é o castelán; polo que a titora lles fala nesa lingua;

 

E. PRIMARIA

 

·        

Matemáticas

·        

CCNN e CCSS

·        

E. Física

·        

Música

 

ESO

 

  1. Xeografía e Historia
  2. Ciencias Naturais
  3. Lingua galega e literatura
  4. Titoría
  5. Bioloxía e Xeoloxía

 

Tanto nas materias de obrigado cumprimento, como nas que se imparten a maiores en galego, o alumnado, conforme ao establecido no artigo  empregará, con carácter xeral, o galego nas manifestacións orais e escritas.

Por manifestacións orais enténdese: intervencións, exposicións, resolución de dúbidas, ou calquera outra derivada da impartición da materia correspondente. Por manifestacións escritas enténdese: actividades, exercicios, traballos de lectura, exames ou calquera outra derivada da impartición da materia correspondente.

É de destacar que nalgunhas das materias anteriores non existen materiais en galego.

Nese sentido facemos un chamamento ante a Administración Educativa para que realice as xestións oportunas a fin de solucionar esta carencia.

 

6.- Medidas de apoio e reforzo para fomentar o dominio das dúas linguas oficiais e seguir con aproveitamento as ensinanzas impartidas.

 

6.1.- Alumnado doutras comunidades autónomas ou de países estranxeiros de lingua castelá con nulo ou insuficiente coñecemento da lingua galega.

 

6.1.1.- Alumnado sen exención en lingua galega, (1º, 2º ou 3º de ESO).

Estes alumnos e alumnas poderanse incorporar aos agrupamentos específicos de 1º ou 2º de ESO, retornando ao grupo de orixe se se constata unha satisfactoria adquisición da correspondente competencia lingüística.

Ao mesmo tempo, no caso de exención da 2ª lingua estranxeira, poderá empregarse algunha das horas desta materia para realizar actividades de integración lingüística.

 

No caso de alumnado de 3º de ESO, o Departamento de Lingua Galega, coa colaboración do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e do Departamento de Orientación adoptará medidas de reforzo ou apoio para que o alumnado poida acadar os obxectivos marcados. Estas medidas concretaranse en:

 

• Entrega e/ou adaptación de material apropiado á situación socio-lingüística e escolar do alumno ou alumna.

• Realización de traballos apropiados encamiñados á adquisición e fixación das estruturas básicas da lingua galega.

• Ler textos seleccionados que faciliten a familiarización coas estruturas básicas e coa semántica así como a velocidade lectora en lingua galega.

No caso das materias que este alumnado recibe en lingua galega, os respectivos departamentos didácticos, coa colaboración do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e do Departamento de Orientación, adoptarán medidas encamiñadas a que poidan aproveitar as ensinanzas que se imparten. Concretaranse en:

 

• Entrega e/ou adaptación de material apropiado á situación socio-lingüística e escolar do alumno ou alumna.

• Entrega de bibliografía complementaria apropiada para facilitarlle o acceso aos contidos establecidos na programación. En ningún caso esta bibliografía suplirá os manuais ou libros de texto referenciados na programación para o curso.

• Especial atención por parte do profesorado ás dúbidas de comprensión e expresión idiomática, tanto no referido ás explicacións do profesor como ás que resultan da lectura de textos e realización de exercicios ou actividades.

• No caso de E. Primaria o material complementario co que conta o centro, para a área de Matemáticas, está en castelán, non contando con recursos adatados á nova normativa.

 

6.1.2.- Alumnado con exención en lingua galega.

 

Segundo o establecido no artigo 15 do Decreto 124/2007 o alumnado que se incorpore ao sistema educativo de Galicia en 4º de ESO ou Bacharelato, procedente doutras comunidades autónomas ou dun país estranxeiro con lingua oficial castelá, poderá obter a exención da cualificación das probas de avaliación da materia de lingua galega durante dous cursos académicos.

Nas materias que se imparten en lingua galega rexerá o establecido no apartado anterior.

En cumprimento do establecido no artigo 15 do Decreto 124/2007, este alumnado deberá asistir obrigatoriamente ás clases de lingua galega como medio de integración lingüística e demostrar un aproveitamento das ensinanzas que recibe cun esforzo especial pola súa parte.

No caso de faltas de asistencia continuada sen a debida xustificación aceptada polo titor/a, e estando próximo a superar o límite establecido no Regulamento de Réxime Interior, daráselle audiencia para apercibilo que de continuar observando faltas de asistencia ata o punto de superar o devandito límite, procederase á revogación da exención concedida.

No caso de alumnado menor de idade, ao mesmo tempo comunicaráselle por escrito esta circunstancia aos pais ou titores legais e daráselles audiencia para explicarlles a situación orixinada.

Cando o alumnado con exención da cualificación nas probas de lingua galega manifeste un claro desaproveitamento e falta de interese pola materia, tendo sido apercibido por escrito sobre as consecuencias desa actitude na primeira e/ou segunda avaliación, e logo do informe do profesor ou profesora a finais de curso, non se concederá a segunda exención prevista no Decreto 124/2007. Se o alumno ou alumna xa estivera gozando desta segunda exención, o apercibimento farase necesariamente na primeira avaliación e na segunda, de persistir a situación, logo da audiencia ao interesado, pais ou titores legais, procederase a revogar a exención.

6.2- Alumnado procedente doutros países estranxeiros con nulo ou insuficiente coñecemento das dúas linguas oficiais.

No caso da ESO, establecerase na avaliación inicial o grao de descoñecemento para aplicar, se fose necesario, unha ACI. Se non fose necesaria esta medida estudaríase a conveniencia doutras como agrupamento específico, programa de diversificación curricular ou calquera das indicadas no apartado anterior.

De tratarse de alumnado do primeiro ciclo da ESO, e de gozar de exención da 2ª materia de lingua estranxeira, poderanse empregar as sesións semanais desta materia para a realización de actividades de integración lingüística nas dúas linguas oficiais.

Tamén se determinará a pertenza deste alumnado ao ámbito territorial-lingüístico anglófono, francófono, ou lusófono para estudar unha posible aproximación ás dúas linguas oficiais do sistema educativo galego dende os Departamentos de Inglés, Francés ou Galego, coa colaboración do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e do Departamento de Orientación.

 

7.-Actividades

 

7.1.- Actividades do Equipo de Normalización e Dinamización lingüística.

 

7.1.1.- Creación do taboleiro de normalización do galego.

Consiste en crear manter un lugar físico no centro no que inserir todo tipo de noticias, comentarios, viñetas, ... que teñan a ver coa actividade do GNL e, en xeral, coa normalización e o avance do galego. Trátase dun espazo aberto para o que se busca á colaboración da comunidade educativa e, en especial, do alumnado. Estase traballando por parte dun grupo de alumnos, coa axuda do profesor de Plástica, na “integración” dun taboleiro de anuncios dos que hai no centro dentro dunha especie de maqueta que simularía a primeira plana dun xornal.

7.1.2.- Colaboración co departamento de Matemáticas na realización de diferentes xogos matemáticos.

7.1.3.-

 

En Educación Infantil :

Todos os dias na asamblea, a titora se dirixe a eles en galego e interactúa nesa língua é o momento adicado ó galego.

Os nenos  participarán na Convivencia de Infantil.

 

En Educación Primaria saída ao teatro para ver unha obra en galego.

Participación no “Tren da Lingua”.

Participación nas actividades propostas polo Equipo de normalización e dinamización lingüística.

Participación no xornal do centro.

 

En Educación Secundaria visita á Casa das Palabras (Verbum) en Vigo, e realización da rota “100 minutos de mar”.

Trátase dunha visita a este museo interactivo sobre todos os ámbitos relacionados coa comunicación humana, deseñado como un espazo cultural, lúdico e divulgativo no que os visitantes poden participar dun modo activo nos elementos expositivos. É tamén un lugar de entretemento que permite experimentar e coñecer a través de xogos todo o relacionado coa comunicación: as linguaxes, os idiomas, as palabras, as letras, os sons,...

A rota consistiría nun paseo guiado pola fachada marítima da cidade (A Pedra, Pza. Compostela, Porto Deportivo, Balaídos, Mirador da estación marítima, Peirao de Trasatlánticos, Porto Pesqueiro e O Berbés)

 

7.1.4.- Concurso de mensaxes por correo electrónico.

Trátase dun concurso de mensaxes en galego, a realizar a través do correo. Poderá ser en prosa ou en verso, con 350 caracteres como máximo, e un máximo de cinco mensaxes por participante. A organización do concurso realizarase en colaboración co Departamento de Lingua galega e literatura.

 

7.1.5.- Realización das rotas da natureza e o patrimonio natural.

 

7.1.6.- Rotas literarias na nosa bisbarra.

En colaboración con outros centros e asociacións culturais da bisbarra, programaranse rotas literarias que terán como actividade central os nosos escritores: Florencio Delgado Gurriarán e Lauro Olmo.

 

7.1.7.- Mesa redonda cun escritor/a e recital poético a cargo dos alumnos.

A actividade consiste, tal como se indica no título, nunha mesa redonda cun escritor/a e nun recital poético a cargo dos alumnos/as, xirando ambos arredor da problemática e a emigración. Preténdese sensibilizar aos alumnos sobre algún aspecto das problemáticas da actualidade e asemade achegalos á poesía desde outra óptica. Pretendemos realizar a mesa redonda sobre o mesmo tema do recital, xa que consideramos que resultou acertado facelo así, reforzando a importancia do asunto tratado.

7.1.8.- Intercambio cultural con outros centros.

Esta é unha das actividades que cremos resultará das máis motivadoras para o

alumnado. Consiste nun encontro do alumnado que participa nas actividades normalizadoras que se desenvolven no noso centro co alumnado doutro centro de ensino para coñecérense, ver o traballo que desenvolven e visitaren os distintos centros e vilas nas que están.

 

7.1.9.- Participación na edición da revista CANDÍS

 

Sempre hai un número importante de alumnos/as interesados/as en colaborar dunha ou doutra forma, polo que se valora positivamente a súa continuidade.

 

7.1.10.- Semana do cine galego.

Proxección de filmes galegos, cunha brevísima introdución previa.

LINGUAS ESTRANXEIRAS

Seguindo co marcado no P.E.. e tendo en conta os proxectos lingüístico e lector,  fixarémonos nas seguintes liñas de actuación concretas:

Espertar e aumentar o interese do alumno pola lectura en inglés/francés a través do traballo diario.

·         Realización en lingua inglesa/francesa de  algunha comunicación xeral do Colexio coa Comunidade educativa e organismos, tanto a nivel interno como externo.

·         Coñecer e utilizar de xeito apropiado as linguas estranxeiras e desenvolver hábitos de lectura.

·         Continuar co programa de animación á lectura, comprensión e expresión en lingua estranxeira para desenvolver unha completa e correcta comunicación oral e escrita ( a través de actividades coma a mochila viaxeira e coma o desenvolvemento e potenciación do servizo de préstamo da biblioteca escolar no que este ano trataremos de implicar mais aos pais-nais-titores).

·         Emprega-la lingua inglesa nalgunha das materias de xeito interdisciplinar.

·          Actividades complementarias e extraescolares, e nos concursos e actividades tanto a nivel interno como externo ó Colexio.

·         Traballo específico sobre algunha tradición inglesa ou francesa e incluila na elaboración da revista escolar.

·         Merca de material de audio, vídeo e material informático nas diferentes linguas relativos aos diferentes temas empregables nestas etapas educativas.

·         Aproveita-las diferentes axudas e orzamentos que puideran xurdir da Administración (Central, Autonómica, Local...) para a adquisición de materiais e bibliografía.




Distribuir contido


by Dr. Radut