Skip to Content

Blog da biblioteca

Día das Letras Galegas

A biblioteca da escola sumouse ás distintas iniciativas que se levaron a cabo para celebrar o Día das Letra Galegas, dedicado este ano a Francisco Fernández del Riego, Don Paco, mediante unha exposición.

  

Este ilustre persoeiro, nado no concello lucense de Lourenzá, contribuíu a manter a afianzar a cultura galega dende que entrou en contacto coa obra de Rosalía de Castro, Curros e Vicente Risco entre outros. De feito, foi un dos impulsores da celebración da festa que este ano se lle adica. Cabe destacar tamén que foi socio fundador da Editorial Galaxia en Vigo, cidade á que permaneceu vencellado ata a súa morte.

 

Ademais de diferentes obras que falan sobre a vida de Don Paco, coa exposición que celebra as Letras Galegas tamén quixemos recuperar outras figuras homenaxeadas en anos anteriores coa colección dos Bolechas As miñas primeiras letras galegas.

Familias contacontos

Ao abeiro do Programa Lectura e Familias, e con motivo do Día do Libro, as familias viñeron á escola a contar contos á rapazada de Infantil e Primaria. O obxectivo desta actividade foi fomentar a lectura entre o máis pequenos a través da escoita. Ademáis, déuselle un papel protagonista ás familias compartindo tempos e espazos, o cal contribúe á súa integración no día a día na escola.

 

Decoración dunha das sesións de contacontos.

Os libros, de diferentes temáticas, foron escollidos segundo as idades dos oíntes para captar a súa atención, con distintas escenografías que contribuíron a crear un ambiente idóneo.

 

Manu co alumnado de 4º Ed. Infantil

Geles co alumnado de 1º A e B de Ed. Primaria

Ana e Belén co alumnado de 4º A e B de Ed. Primaria

Sonia e Ana co alumnado de 2º Ed. Primaria

 

María co alumnado de 6º Ed.Infantil

 

Grazas ás familias por sumarse a esta iniciativa!

Visita de Sabela Fernández Trelles

Hoxe, 28 de abril, recibimos a visita de Sabela Fernandez Trelles, autora de O ladrón de soños entre outras obras.

Puidemos escoitar de primeira man o seu conto mentres faciamos actividades moi divertidas relacionadas cos nosos soños e pesadelos! As actividades consistiron en que cada alumno e alumna contara os seus soños máis preciados para poder expoñelos na biblioteca e que o resto do centro puidese coñecelos e engadir os seus. E por outra banda, cos pesadelos aprendemos a expresalos e falar sobre eles, meténdoos nun cofre pechado para que non escapen e que así non lles teñamos medo.

Finalmente firmounos os libros e entregámoslle un pequeno agasallo de parte de todo o alumnado. Grazas Sabela!

 

Por Marta Cernadas, titora de 1º B Ed. Primaria

Lectura compartida

Unha das actividades realizadas co gallo do Día do Libro foi unha lectura compartida que implicou a todo o alumnado da escola: Ed. Infantil, Primaria e Secundaria, ben como padriños e madriñas, ben como afillados e afilladas.

A rapazada dos cursos superiores foi a encargada de lerlle contos aos máis cativos, nunha xornada de irmandamento que non se vivía dende antes da pandemia. E, como sempre que o libro está ben escollido, resultou un momento máxico!

 

 

Resolución da Caza da gralla

Un ano máis, a Biblioteca da escola organizou a caza da gralla para loitar contra as incorreccións ortográficas. A resolución do concurso realizouse o 24 de abril para celebrar o Día do Libro. Tras o sorteo levado a cabo entre todas as grallas achegadas, con testemuñas do equipo da biblioteca, resultou gañadora a participación número 17.

A persoa que achegou a gralla con ese número é Chloe Leyenda Pousa, alumna de 2º A Ed. Primaria. Parabéns! Durante a Lectura Compartida do mércores 26 fíxoselle entrega do seu premio: un e-book para poder desfrutar dos libros alá onde queira!

 

 

A gralla coa que participou é a que se amosa a continuación: 

 

O resto de participantes no concurso. non foron coas mans baleiras, senón que levaron un pequeno agasallo coa forma da mascota da biblioteca. Velaquí unha mostra dos afortunados: 

    

Grazas a todos os participantes!

Agasallos da exposición 11F

Na exposición do Día da Muller e a Nena na Ciencia, celebrada ao redor do 11 de febreiro, o alumnado tivo a ocasión de participar na ximcana proposta dende o equipo de biblioteca. A rapazada participante tivo como agasallo unha goma coa forma das mascotas da biblioteca: unha tartaruga!

Velaquí parte dos alumnos e alumnas agasallados:

Alumnos/as de 1ºA Ed. Primaria

Alumnos/as de 6ºB de Ed.Primaria

 

 

 

Doazón de recursos para a biblioteca

A Deputación de Pontevedra vén de agasallarnos unha colección coas obras de Ramón María del Valle-Inclán, pai do esperpento. Autor de teatro e novela, tamén se aventurou na poesía. Entre as súas obras máis destacadas, temos Luces de Bohemia (teatro) e as catro Sonatas (narrativa). Todas elas están dispoñibles en préstamo para a comunidade educativa.

 

 Outras obras tamén doadas pola Deputación son 365 días 365 mulleres e Alma e corazón: unha aventura multicolor, de Ledicia Costas. Ambolos dous libros tratan a igualdade dende dous puntos de vista ben diferentes. O primeiro é un recopilatorio de referentes femininos de todos os tempos, mentres que o segundo é o resultado do Concurso "Búscase talento".

 

Cantan los Gallos

A autora do libro Cantan los Gallos, Marisol Ortiz de Zárate, visitou esta semana o CPI Cova Terreña para falarnos da súa obra. 

O público asistente, alumnado de 3º da ESO, tivo a oportunidade de expoñer os seus traballos na Sala de Actos; conversar coa autora dunha das lecturas deste curso; facerlle preguntas ben interesantes e, como se pode apreciar no vídeo,  presentar á escritora con mestría. 

 

Á caza da gralla

O 13 de marzo celébrase o Día Mundial sen Faltas de Ortografía. Por iso, dende a escola queremos lanzar de novo a caza de grallas ortográficas! Só tes qeu cubrir a ficha de participación que se atopa nos ficheiros adxuntos ou en Conserxería, indicando:

  • O teu nome e curso
  • A fotografía inédita coa falta (ou captura de pantalla)
  • A corrección

Cada participante poderá achegar un máximo de dúas fotografías. A data límite de participación é o 21 de abril, ás 12h.

O sorteo do premio (un fantástico Ebook) realizarase o 24 de abril, coincidindo co Día do Libro

Máis información nas bases do concurso.

 

III Concurso de fotografía meteorolóxica

O CPI de Cova Terreña convoca o III Concurso de fotografía meteorolóxica para celebrar o Día Mundial da Meteoroloxía, que se celebra o 23 de marzo.

 

Todos aqueles que desexen participar deben mandar as súas fotografías e pareados (en galego) a meteocova@gmail.com, indicando o nome e o curso. Establécense diferentes categorías para alumnado e persoal do centro.

A data límite de entrega é o 30 de marzo. Os premios serán entregados á volta de Semana Santa.

Consulta as bases completas aquí

Como contar contos

Na formación de Lectura e Familias do mes de marzo, fixemos un taller sobre Como contar contos, a cargo da contacontos e actriz Soledad Felloza.

Aprendemos técnicas e estratexias para narrar un conto a un grupo de nenas e nenas sen morrer no intento: como escoller o conto, xestos, posturas, que voces poñer, levar pensadas saídas para posibles conflitos, etc.

Agardamos poñer en práctica o aprendido nas sesións de contacontos que as familias realizarán no mes de abril, para celebrar o Día do Libro.

Exposición Día da muller e a nena na Ciencia

O 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Por iso, o equipo de biblioteca preparou unha exposición con libros de mulleres científicas ou escritos por elas.

 

 

Para que o alumnado saque máis proveito da exposición, teñen unhas fichas con preguntas sobre os libros para cubrir (diferenciadas segundo o nivel da rapazada). Para os que participen, haberá un agasallo!

Actividades Lectura e Familia

O programa Lectura e Familias continúa coas súas actividades de formación con Como ler un conto, o vindeiro xoves 2 de marzo ás 16h30. Nela, aprenderemos a interpretar e dar vida ás primeiras lecturas que compartimos coa rapazada.

Por outra banda, iniciaremos en breve a actividade Contando un conto, moi relacionada coa próxima xornada de formación, máis non vinculante. Co obxectivo de incorporar ás familias ao ensino - aprendizaxe e ao mesmo tempo afianzar a autoestima do alumnado, invitámosvos a facer de contacontos na aula das vosas crianzas (especialmente nas aulas de Ed. Infantil e 1º e 2º de Ed. Primaria).

Para ambas actividades, é necesario facer unha inscrición

Agardamos a vosa participación!

Visita de María Canosa

O 13 de febreiro visitounos María Canosa, autora de diversas obras como A pedra de seixo ou Faíscas. Nesta ocasión, veu para falar co alumnado de 4º Ed. Primaria sobre Lobo Ramón, libro que gustou moito entre a rapazada. Ademáis, María adiantounos en primicia que haberá unha segunda parte, con personaxes novos e vellos e que falará sobre unha pluma estilográfica... Agardaremos con cobiza a súa publicación!

Como agasallo de despedida, tivemos a sorte de que a autora nos asinase os exemplares.Moito traballo tivo!

 

 

Novidades en Lentiña´s House

Os sapoconchos máis espelidos da escola volven para presentarnos as novidades da biblioteca: Perrock Holmes, Resuelve el misterio e moito máis!

Ademais, tamén se poden consultar as novidades no panel do corredor da biblioteca! Alí atópanse os libros marcados coas cores por idades: vermello (todos os públicos), verde (a partir de 3ºEd. Primaria), amarelo (a partir de 5º de Ed. Primaria) e sen cor (Ed. Secundaria).

 

 

Formación Lectura e familias

O primeiro taller do programa Lectura e Familias, Como seleccionar unha lectura, fíxonos unha aproximación aos distintos métodos que podemos empregar para seleccionar libros axeitados: temática, autor, premiados,...

Porén, é importante seleccionar libros en distintos formatos para poder chegar a todos os lectores. Neste sentido, os álbums ilustrados son unha boa idea para atraer aos nenos e nenas menos lectores. Ademais, é interesante buscar "libros que chaman por outros". É dicir, que unha lectura nos enlace coa seguinte polo interese espertado.

Ao final, trátase de atopar aqules libros que sanen as nosas almas.

O segundo taller do programa, será Como ler un conto e celebrarase o xoves 2 de marzo, ás 16h30. Este curso formaranos para que as familias de Ed. Infantil e de 1º e 2º de Ed. Primaria veñan á escola a facer sesións de contacontos. Anótate canto antes, xa que as prazas son limitadas!

Formación Como seleccionar unha lectura

Lectura e familias

O Programa Lectura e Familias, concedido este curso ao centro, ten como un dos seus obxectivos fomentar a lectura entre as familias e a rapazada, así como fornecer das ferramentas axeitadas para tal fin.

Unha das súas actividades é a formación das familias en diferentes campos relacionados coa lectura. Así, o xoves 2 de febreiro, comezamos o ciclo de talleres con Como seleccionar lecturas axeitadas, en horario de 16h30 a 18h30. O seguinte taller, a celebrar o 2 marzo, será Como narrar un conto. Se estás interesada/o en participar, comunícao ao centro para poder organizar axeitadamente a actividade.

Así mesmo, para incorporar as familias ao proceso en ensino - aprendizaxe tamén faremos xornadas de contacontos nas que as e os protagonistas serán as familias.

Seguiremos informando das novidades do programa!

O nadal na biblioteca

O espíritu natalicio espallouse pola biblioteca e trouxo canda si unha mostra de libros relacionados.

As grilandas e bólas de cores encheron, coma sempre, o espazo Risa

Día Internacional das Persoas con Discapacidade

 

O 3 de decembro celebrouse o Día Internacional das Persoas con Discapacidade. Para darlle visibilidade a este colectivo e contribuír á súa integración plena, dende a Biblioteca organizouse unha exposición con lecturas nas que os protagonistas son persoas con distintas discapacidades.

O Recuncho de Lentiña

A Biblioteca da escola espalla os seus dominios ata a sala do profesorado. Alí habilitouse un recuncho onde colocar novidades, libros temáticos ou relacionados coas conmemoracións, que poden ser levados en préstamos polos docentes.

Co gallo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, fíxose unha escolma de lecturas relacionadas.

Distribuir contido


by Dr. Radut