Skip to Content

Xuño 2023

Despedida dos axudantes

Este curso, no que se iniciou o voluntariado da biblioteca, chegou ao seu fin. E como non podía ser doutra maneira, tocou agasallar a todos os que colaboraron nas diferentes actividades propostas: organización de fondos, colaboración na catalogación, exposición do Día das Letras Galegas...

Como non podía ser doutra maneira, despois do éxito dos selos, o regalo consistiu nun selo de autocomposición para que poidan empregalo sempre que queiran.

O ano que vén, comezaremos con máis forzas para incrementar as tarefas e responsabilidades!

Do, re, mi, cantamos porque si!

O último taller de Lectura e Familias correu a cargo Elena Paz. As familias (nais e fillos/as) desfrutaron de diversas actividades musicadas nas cales o obxectivo principal era pasalo ben. Contos, cancións, xogos e aventuras... Todo iso nos propuxo Elena para compartir unha tarde moi especial.

 Nos ficheiros adxuntos temos unha mostra do que esta artista é quen de facer!

Vídeos stop motion creados durante o obradoiro para familias

A natureza dos novidosos Polos Creativos é singular polo enfoque de aprendizaxe conxunta, colaborativa e comunitaria, concebíndose coma un espazo aberto de desenvolvemento das competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas da cidadanía. Deste xeito, un dos obxectivos do proxecto é involucrar ás familias e promover as accións que impliquen a súa participación xunto cos seus fillos e fillas en actividades de formación e de creación.

Dende o CPI de Cova Terreña organizamos un obradoiro de creación de vídeos stop motion no mes de marzo. Nel participaron un total de 12 parellas de familias-alumnado, que se distribuíron en 6 equipos e crearon outros tantos vídeos coa devandita técnica. 

Cada vídeo presenta novidades dos fondos da biblioteca do centro, aproveitando así a oportunidade para dar a coñecer os novos títulos a toda a comunidade e facer fincapé noutro campo de gran importancia para nós: a lectura.

Nos arquivos adxuntos pódense visualizar os produtos finais elaborados por todos os grupos. O proxecto completo consistía en elaborar a película stop motion coa app Stopmotion, gravar un diálogo ou narración coa gravadora nativa da tableta Lenovo, preparar unha portada e despedida con diapositivas, e, finalmente, realizar a montaxe na app InShot. Todos os grupos agás un completaron o 100% do proxecto, e todos puxeron en práctica grandes doses de creatividade e traballo en equipo. 

A experiencia resultou ser moi positiva para todos os participantes, tanto para as familias e alumnado como para o profesorado implicado. Unha maneira diferente de combinar lectura, tecnoloxía, aprendizaxe e cooperación que sen dúbida terá continuidade no futuro!

Voluntariado na biblioteca

O programa piloto de voluntariado da Biblioteca, creado co obxectivo de fomentar a implicación do alumnado nas actividades do día a día da mesma, está a ter unha gran acollida. Dende que comezou a funcionar, os axudantes están xa a colaborar na organización de fondos, selado de libros, reetiquetaxe de exemplares,...

 

 

O curso próximo, o programa collerá peso ao incrementarse as responsabilidades coa decoración da biblioteca en datas sinaladas, a elaboración de cartelería e a organización de concursos e xogos. Desta maneira, a biblioteca gañará peso dentro dos tempos de descanso da escola. Permitirá tamén a formación dun grupo colaborativo que dea resposta a diferentes inquedanzas ao redor da lectura.



by Dr. Radut