Skip to Content

Abril 2023

Visita de Sabela Fernández Trelles

Hoxe, 28 de abril, recibimos a visita de Sabela Fernandez Trelles, autora de O ladrón de soños entre outras obras.

Puidemos escoitar de primeira man o seu conto mentres faciamos actividades moi divertidas relacionadas cos nosos soños e pesadelos! As actividades consistiron en que cada alumno e alumna contara os seus soños máis preciados para poder expoñelos na biblioteca e que o resto do centro puidese coñecelos e engadir os seus. E por outra banda, cos pesadelos aprendemos a expresalos e falar sobre eles, meténdoos nun cofre pechado para que non escapen e que así non lles teñamos medo.

Finalmente firmounos os libros e entregámoslle un pequeno agasallo de parte de todo o alumnado. Grazas Sabela!

 

Por Marta Cernadas, titora de 1º B Ed. Primaria

Lectura compartida

Unha das actividades realizadas co gallo do Día do Libro foi unha lectura compartida que implicou a todo o alumnado da escola: Ed. Infantil, Primaria e Secundaria, ben como padriños e madriñas, ben como afillados e afilladas.

A rapazada dos cursos superiores foi a encargada de lerlle contos aos máis cativos, nunha xornada de irmandamento que non se vivía dende antes da pandemia. E, como sempre que o libro está ben escollido, resultou un momento máxico!

 

 

Resolución da Caza da gralla

Un ano máis, a Biblioteca da escola organizou a caza da gralla para loitar contra as incorreccións ortográficas. A resolución do concurso realizouse o 24 de abril para celebrar o Día do Libro. Tras o sorteo levado a cabo entre todas as grallas achegadas, con testemuñas do equipo da biblioteca, resultou gañadora a participación número 17.

A persoa que achegou a gralla con ese número é Chloe Leyenda Pousa, alumna de 2º A Ed. Primaria. Parabéns! Durante a Lectura Compartida do mércores 26 fíxoselle entrega do seu premio: un e-book para poder desfrutar dos libros alá onde queira!

 

 

A gralla coa que participou é a que se amosa a continuación: 

 

O resto de participantes no concurso. non foron coas mans baleiras, senón que levaron un pequeno agasallo coa forma da mascota da biblioteca. Velaquí unha mostra dos afortunados: 

    

Grazas a todos os participantes!

Agasallos da exposición 11F

Na exposición do Día da Muller e a Nena na Ciencia, celebrada ao redor do 11 de febreiro, o alumnado tivo a ocasión de participar na ximcana proposta dende o equipo de biblioteca. A rapazada participante tivo como agasallo unha goma coa forma das mascotas da biblioteca: unha tartaruga!

Velaquí parte dos alumnos e alumnas agasallados:

Alumnos/as de 1ºA Ed. Primaria

Alumnos/as de 6ºB de Ed.Primaria

 

 

 

Doazón de recursos para a biblioteca

A Deputación de Pontevedra vén de agasallarnos unha colección coas obras de Ramón María del Valle-Inclán, pai do esperpento. Autor de teatro e novela, tamén se aventurou na poesía. Entre as súas obras máis destacadas, temos Luces de Bohemia (teatro) e as catro Sonatas (narrativa). Todas elas están dispoñibles en préstamo para a comunidade educativa.

 

 Outras obras tamén doadas pola Deputación son 365 días 365 mulleres e Alma e corazón: unha aventura multicolor, de Ledicia Costas. Ambolos dous libros tratan a igualdade dende dous puntos de vista ben diferentes. O primeiro é un recopilatorio de referentes femininos de todos os tempos, mentres que o segundo é o resultado do Concurso "Búscase talento".

 



by Dr. Radut