blogue dePORTA DA AUGA

Axuda ó Nepal

O alumnado de 1º do CS de Educación Infantil, está a realizar unha campaña solidaria en favor de todas as nenas e nenos damnificadas na catástrofe de Nepal. Durante os recreos venden diversos postres realizados por eles e elas mesmas. Animámovos a participar desta boa causa e a desfrutar dos nosos doces!

Visita ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA)

O alumnado de 1º curso do ciclo formativo de grao superior en Educación Infantil visitou, na mañá do día 23 de abril, o Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), en Santiago de Compostela. Nel fixeron un percorrido polas diferentes seccións, deténdose naqueles aspectos máis relacionados coa primeira infancia, en particular co relacionado co xogo e xoguete e outros da didáctica da educación infantil. Na xornada da tarde o alumnado tamén visitou o proxecto educativo de iniativa privada Semente, tamén situado na cidade de Santiago de Compostela e que está artellado arredor do traballo na natureza, por proxectos e da lingua.

 

Visita a escolas infantís da Rede de Escolas A Galiña Azul

O 14 de abril o alumnado de 1º e 2º curso do Ciclo Superior de Educación Infantil viaxou á localidade coruñesa de Culleredo para coñecer dúas escolas infantís pertencentes á Rede de Escolas A Galiña Azul (Fonte da Balsa e O Burgo). Entre outras cuestións, o alumando observou os espazos e a metodoloxía que desenvolven. Pola tarde, coñeceu o Centro Sociocultural Ágora, na cidade da Coruña e que pertence á Rede municipal. En concreto, realizou unha visita guiada á biblioteca que alberga, deténdose na sección infantil, na que realizan actividades de achegamento das crianzas e familias ao proceso lector.

Charla-obradoiro de ilustración

O pasado 26 de marzo o alumnado do Ciclo Superior de Educación Infantil recibiu a visita de Xosé Cobas, recoñecido ilustrador, deseñador e pintor galego de literatura infantil e xuvenil, e con grandes premios ás súas costas.

O autor impartiu un obradoiro de ilustración dirixido ao alumnado de primeiro e segundo curso do ciclo, onde explicou a importancia de ter en conta o imaxinario infantil á hora de ilustrar un álbum ou conto, e mostrou ao alumnado de forma práctica os símbolos e referencias visuais dos que el se nutre para realizar as súas ilustracións e deseños.

A actividade foi moi enriquecedora xa que os participantes achegáronse ao mundo da pintura, o deseño e a ilustración e recoñeceron a importancia da educación artística e estética no ámbito da Educación Infantil.

Charla-obradoiro de lingua de signos

 

 

O pasado 23 de febreiro o centro acolleu unha actividade na que participou a totalidade do alumnado da familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade.

Tratouse dunha “Charla-obradoiro de iniciación á Lingua de Signos e achegamento á Comunidade Xorda”; contamos con dous relatores, Ana Senra (especialista en lingua de signos) e David Fernández (intérprete de lingua de signos e educador social), ambos pertencentes á iniciativa galensigna,  e durante a actividade os dous achegaron ao alumnado coñecementos básicos sobre as características das persoas xordas e a importancia da lingua de signos e a eliminación das barreiras de comunicación para a integración real na sociedade deste colectivo.

Desenvolveuse en primeiro lugar unha charla dirixida a todo o alumnado e posteriormente realizáronse obradoiros prácticos de lingua de signos en pequeno grupo.

A experiencia foi moi enriquecedora para o alumnado en moitos aspectos, posto que tiveron a oportunidade de achegarse a un colectivo e unha lingua moitas veces invisibles e en moi grande parte descoñecidos, chegando a comprender a importancia da accesibilidade en todos os ámbitos da vida.

 

 

Probas de acceso a Ciclos Formativos. Convocatoria 2015

 

 

Convocadas as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional para o ano 2015.

Prazo de inscrición nas probas de acceso:

Ciclos formativos de grao medio: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 7 ao 20 de abril de 2015, ambos os dous incluídos.

Ciclos formativos de grao superior: O prazo de presentación estará abranguido entre os días 23 de febreiro e 6 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos.

Orde do 17 de febreiro de 2015 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2015.

MAIS INFORMACIÓN:www.edu.xunta.es/fp/probas

 

 

Obradoiro didáctico de contacontos

 O venres 6 de febreiro contamos no noso centro con Bea Campos, contacontos, actriz e directora teatral,  e David, que impartiron un obradoiro didáctico de contacontos para 1º e 2º curso do ciclo de Educación Infantil.

Durante dúas horas e media, falounos de cómo enfrontarse á preparación dun conto para contar, dende escóllelo  até contalo, a disposición do contacontos, dende onde contar, relaxar, coñecer e desbloquear o corpo. Linguaxe corporal: o rostro e as mans do contacontos. Expresión oral: a voz do narrador e a creación dos personaxes.

Todo isto intercalando contos e cantos, que fixo que o traballo se convertera en lecer.

 

Actividade igualdade de xénero

O pasado mércores 4 de Febreiro, a Xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno de Lugo, Ana Belén Pacio Rodríguez, foi a encargada de impartir no salón de actos do CIFP  Porta da auga unha conferencia para afondar sobre a igualdade de xénero e a violencia de xénero.

Esta actividade forma parte do Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e nos seus contornos, e ten como obxectivos principais sensibilizar ao noso alumnado contra a violencia de xénero e os estereotipos sexistas, así como detectar, previr e ou denunciar situacións de risco.

 

Acceso ás Forzas Armadas

 

 

O pasado Xoves 29 de Xaneiro 2015, o noso centro tivo a oportunidade de disfrutar da visita das Forzas Armadas. Na charla a cargo de Jesús Longarela da Subdelegación  de Defensa de Lugo  tratáronse os sistemas de acceso para as escalas de tropa e marinería, Sub-oficiales e Oficiales. Características dos postos de traballo, formación permanente e específica, estudos universitarios, asi como detalles da recentemente publicada convocatoria 2015. Esta charla presentase como unha opción laboral máis, destacando a profesionalidade do relator adaptándose aos diferentes niveis  educativos, así como as súas necesidades e características.

Ademais houbo un tramo de rogos e preguntas na que o alumnado tivo a posibilidade de realizar cuestións de interese particular ao respecto.

 

Véndete para emprender!.

Véndete para emprender!.

Onte o “coach” profesional, relator e formador Felipe García Rey estivo no CIFP Porta da Auga coa súa conferencia Véndete para emprender!.

Nela se traballaron as aptitudes e actitudes de cara ao emprendemento, facendo fincapé na motivación e no poder de cada un/ha de nos para encamiñar o noso desenvolvemento académico, profesional e persoal.

Este evento, enmarcado dentro das actividades de Emprendemento do CIFP,  contou coa colaboración da Deputación de Lugo, e os asistentes foron  tanto alumnado e profesorado do CIFP como persoas externas ao centro.

 A través destas iniciativas preténdese dar as claves necesarias para enfrontarse con éxito á busca de emprego mediante o autocoñecemento, a seguridade nun mesmo/a, e a análise das novas exixencias do mundo laboral.

A conferencia tivo lugar no Salón de Actos dende as 12:00 ata as 15:00.

Distribuir contido