Ao ritmo da música das Olimpíadas de Londres deron comezo as nosas probas atléticas do Magosto. Acompañounos o alumnado do Cristo, encargados do pistoletazo de saída. E como en toda proba deportiva que se prece, despois da actividade física tocaba recuperar forzas cos chouripáns e as castañas que tan ben nos prepararon as familias no patio.
Antes de celebrar o Magosto, púxose en marcha o dispositivo para organizar a oitava edición do noso Cross coa inestimable colaboración de alumnado e dúas profesoras de educación física do IES Álvaro Cunqueiro.
Tras darlle a benvida ao alumnado da EEI Cristo da Victoria, que eran os primeiros participantes, empezaron as carreiras.
O alumnado de primaria competía nas categorías masculina ou feminina segundo o seu ano de nacemento. Esforzo, nervios, adiantamentos e algún que outro desfalecemento que fixo que a chegada á meta fose un exemplo de loita e superación.
Parabéns a todo o alumnado participante e o noso agradecemento ao alumnado e profesorado do IES pola súa axuda e paciencia!!!
Para ver as fotos das carreiras e a entrega de medallas premer nos enlaces
Seica vai chover! Din que pola mañá, non. En que canal viches ti o tempo onte?
Así comezou a xornada do venres e, mentras as nubes ameazaban chuvia, empezou a preparación desta festa gastronómica cun ollo nas castañas e o outro no ceo, polo que puidese caer.
A climatoloxía foi xenerosa connosco e conseguimos celebrar o Magosto sen unha pinga de chuvia. Comimos castañas e compartimos celebración con familias e ANPA que, un ano máis, estiveron ao pé do canón organizando a castañada.
O mércores tivemos un expléndido día de sol no que celebramos o noso Magosto. Antes da castañada o alumnado participou en varios xogos nos que puxo a proba as súas habilidades.
Degustamos unhas saborosas castañas asadas con moito esmero por nais e pais que colaboraron nesta festa, amenizada con música interpretada con gaita polo pai dun alumno.
Moitas grazas a todas as familias que participaron nesta celebración!
Aproveitando as treguas que a chuvia nos ía dando, empezou o cross. Primeiro foi o alumnado de infantil do EEI Cristo da Victoria que participaba por primeira vez na carreira e logo tocoulle o turno aos nosos deportistas. Preparados, listos, xa! E todos chegaron á meta sans e salvos!
Unha vez máis contamos coa inestimable axuda de alumnado do IES Álvaro Cunqueiro que, xunto coa súa profe de EF, Montse, colaboraron na organización do evento.
Unha vez rematadas as carreiras tocaba repoñer forzas e procedeuse ao reparto de castañas asadas. Agradecer, un ano máis, a colaboración dos pais e nais da ANPA que se fixeron cargo desta parte da celebración.
Outono, castañas e chourizos asados, viño novo, lume, faíscas, tiznarse coa cinza, latricadas, algarabía, xogos…
Coa chegada do outono, démoslle a benvida ao magosto ao noso cole. A ledicia outonal estaba no sorriso das nosas caras e todos disfrutamos de novo, como cada ano, desta celebración.
O NOSO CASTIÑEIRO
Na entrada do colexio o noso castiñeiro agasallounos coa súa presenza. Lucía os seus ourizos coas castañas cheas de vida que nos falaban con cantigas, refráns e adiviñas. Foron feitas polo alumnado de 4º, 5º e 6º.
Debaixo da frondosidade do castiñeiro, aínda presente a exposición de espigas de millo, puidemos disfrutar das castañas decoradas polo alumnado de 1º, 2º e 3º e as súas familias. Con moita creatividade, cantas cousas se poden facer coas castañas!
OBRADOIRO DE COCIÑA
Aprendemos que a castaña foi e segue sendo un alimento fundamental nos fogares galegos. Comémolas ao natural, asadas, cocidas, caldo de castañas, fariña de castañas e tamén son un ingrediente para facer moitos postres de outono.
Todas as clases fixemos a receita CASTAÑAS AO CHOCOLATE na que o ingrediente fundamental foron as castañas cocidas. Que larpeiros somos! Sabían máis que os mellores bombóns do mundo!!!!!
DÍA DO MAGOSTO
O mércores día 13 foi o propio día do magosto. O alumnado do IES Álvaro Cunqueiro amenizounos a mañá cunha gran variedade de xogos: trompos, petanca, chave, ra, aros, goma, comba, carreiras, xogos con castañas... Todos disfrutamos deste momento de ocio para facer ganas das castañas.
Despois comemos as castañas asadas que a ANPA nos tiña preparadas. Foi un manxar exquisito. Estaban moi boas. VIVA O NOSO MAGOSTOOOOOO!!!
O venres día 9 de novembro celebramos o Magosto coa celebración dun cross e coa tradicional castañada. Contamos coa colaboración da nosa ex-compañeira de Educación Física, Montse Estévez, que participou, xunto con parte do seu alumnado do IES Álvaro Cunqueiro, na organización do cross.
Agradecemos tamén a colaboración dos pais e nais da ANPA que desenvolveron un importante papel como castañeiros e castañeiras; así como a de Frutas Nieves que, outro ano máis, fixo unha doazón de castañas para esta festa.
ACTIVIDADES DA SEMANA DO MAGOSTO
Exposición: O castiñeiro que fala galego
O alumnado e o profesorado elaboraron un castiñeiro con materiais reciclables e desta árbore simbólica colgáronse todas as castañas feitas polo alumnado. En cada castaña hai unha frase ou refrán relacionado co Magosto.
O noso alumnado participou nun obradoiro de cociña que tivo como obxectivo a elaboración dunha deliciosa tarta de castañas coa posterior degustación. Podes atopar a receita no programa da actividades.
Un ano máis celebramos este cross onde o máis importante é a deportividade e o compañeirismo. Ademais tivemos uns colaboradores de luxo: un grupo de rapaces e rapazas do IES Álvaro Cunqueiro que actuaron como monitores e axudaron na organización do evento.
Tamén nos acompañou o alumnado da EEI Cristo da Victoria que, xunto co seu profesorado, percorreu un itinerario co obxectivo de entregar unhas prezadas castañas a unha das nosas castañeiras.