Skip to Content

Educación Física

Blog de Educación Física

CHEGAMOS Á META!

 

Boas! Como o prometido é débeda, aquí vos presento o vídeo co material que recibimos de moitas das actividades propostas desde a área de Educación Física durante este período.

Agradecer a todas as familias que colaborastes, sabemos que foron momentos complicados e por iso valoramos todo este esforzo. Loxicamente este é un pequeno resumo, incluír todo o material recibido sería imposible.

Agardamos que vos guste e, por suposto, que disfrutarades realizando os xogos e actividades que vos propuxemos. E lembrade, vémonos pronto!

Unha aperta enorme.

 

COMEZA A SAíR O SOL

 

Boas de novo! Antes de nada queremos mandarvos a todas e todos moito ánimo para, o que parece, pode ser a recta final deste novo camiño que tivemos que percorrer. Desde a área de Educación Física enviamos un novo grupo de propostas incluídas dentro do terceiro trimestre.

 

Como xa estamos na denominada fase de desescalada, que seguro que xa escoitastes un montón de veces estes días, nós non iamos ser menos e por iso temos unhas novas instrucións que teredes que ler con moita atención:

 

-  Elaboramos outros 4 documentos (clic máis abaixo en adxuntos, formato PDF) con novas temáticas de xogo (O CIRCO, XOGOS POPULARES E TRADICIONAIS, MATERIAL ALTERNATIVO E ACROSPORT).

 

-  Levamos case dous meses nestas “aulas diferentes”, por se algún ou algunha xa se cansou, hai actividades que xa podedes facer no exterior, se vos apetece.

 

-  Xa imos cara ó final de curso así que temos que facer un pequeno esforzo que anteriormente non esiximos: será necesario que enviedes ó noso correo nas próximas tres semanas ( xoanderequeixo.efnacasa@gmail.com) unha foto ou un vídeo de como facedes calquera das propostas que elaboramos ata o de agora (10 en total, os 6 anteriores ou 4 agora). Vale calquera xogo, tarefa ou actividade que vos gustase e apareza dentro dos documentos desta área de Educación Física.

 

-  Coma na anterior proposta, non é necesario que fagades todas as actividades, xogade ás que máis vos gusten ou ás que vos apetezan, para iso tedes un amplo número de xogos e temáticas diferentes.

 

-  No correo que nos mandedes simplemente poñedes o voso nome e curso xunto co documento adxunto (vídeo ou foto). Sería importante que as vosas familias vos axuden nesta parte, sobre todo ós máis pequenos e pequenas.

 

-  Co material que nos enviedes elaboraremos un vídeo final con todo o que fixestes durante este tempo. Tedes que participar todos e todas para que nos quede o mellor posible. Se non tampouco o poderemos facer.

 

-  Calquera dúbida que teñades poñédevos en contacto connosco no e-mail que puxemos máis arriba.

 

A nosa volta está mais preto. Unha aperta enorme a todos e todas.

 

JAVI E MARTA

 

SEGUÍMONOS MOVENDO?

 

Boas a todos/as, agardamos que estes días sexan o máis levadeiros posible para vós, e para as vosas familias. Xa hai un mes que non nos vemos e cada día que pasa o noso reencontro está máis preto.

A actividade física é un medio idóneo para ser capaces de levar mellor estes momentos e por iso temos unha proposta moi completa para estes días nas vosas casas.

Todas as situacións teñen a súa parte positiva e, neste caso, é compartir máis tempo coas vosas familias. Podedes facer todos estes xogos acompañados/as e axudados/as pola vosa xente, nalgúns ata é necesario.

 

Para explicar a nosa proposta queremos sinalar que: 

 

-  Hai 6 documentos (máis abaixo onde pon adxuntos), cada un cunha temática diferente de xogo.

-  Todos os xogos son modificables, é dicir, podedes cambiar materiais ou inventarlles normas ó voso gusto. A creatividade é unha parte importante neste proceso. 

-  Isto é unha proposta, non é obrigatorio que fagades todo, simplemente vos ofrecemos unha serie de ferramentas para que poidades pasar mellor todos estes días.

-  Os xogos están encamiñados ás diferentes idades da Ed. Primaria, aínda que algúns en concreto, teñen idades ideais para a súa práctica. Iso non quere dicir que non o poidades facer. Animádevos a explorar todas as propostas.

- Outro aspecto a ter en conta é que a lectura e interpretación dos xogos permitirá mellorar a vosa compresión lectora como se fora un conto, un libro ou calquera tarefa do libro de texto. Isto quere dicir que parte do voso traballo é ser capaces de entender as normas e regras dos diferentes xogos.

-  As máis pequenas/os (1º, 2º, 3º curso) poden requirir de axuda de persoas maiores nalgunhas propostas, tamén para poder entendelas.

- Calquera dúbidainquedanza ou simplemente se queredes compartir con nós unha foto ou vídeo de como facedes calquera xogo, non dubidedes en contactar con nós na dirección xoanderequeixo.efnacasa@gmail.com. Estaremos encantados de que nos manteñades informados dos vosos avances.

 

Por último, queremos pedir disculpas, sobre todo para aquela xente que non dispón de conexión a Internet, porque algunhas actividades veñen con vídeo explicativo. Estes son todos os medios cos que contamos e procuramos que a maior parte da información fose por escrito para crear as menores dificultades para vós. Aínda así, ás veces faise imposible. Desculpade este aspecto.

 

Unha aperta enorme a todos/as. Agardamos volver a vervos pronto.

 

Os vosos mestres de Ed. Física.

JAVI E CRISTIAN

 

APETÉCECHE XOGAR?

 

Desde a área de Educación Física queremos recomendar que realicedes actividade física diariamente. Sería fantástico que fosedes vós @s que crearades os xogos de maneira libre e espóntanea tendo en conta os vosos gustos. Podedes cambiar as normas en función do espazo e materiais que teñades. Se isto non é posible, Cristian achégavos unha proposta de 10 xogos que podedes probar nas vosas casas. Unha aperta a tod@s. 

JAVI E CRISTIAN. EDUCACIÓN FÍSICA.

 

10 Xogos para facer na casa (fai click aquí)

Outros enlaces:

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Ou se o que che apetece é botar unha partida de Xadrez:

 

chess

Distribuir contido


by Dr. Radut