Aula STEAM
Por que as TIC's na educación?
A revolución tecnolóxica fixo posible incorporar ao noso tradicional e conservador sistema, técnicas e recursos que posibilitan o exercicio da docencia de xeito que motive aos alumn@s sen necesidade de perder rigor formal.
As novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC's) revolucionaron as formas de presentar material didáctico e na actualidade, asistimos a unha revolución comparable a da incorporación do reprodutor de vídeo VHS na docencia.
Todos os cambios tecnolóxicos, sociais e económicos afectan ao sistema educativo que atende á formación de novos cidadáns e, por iso, a incorporación das novas tecnoloxías na educación pretende favorecer as aprendizaxes e facilitar os medios que sustenten o desenvolvemento dos coñecementos e das competencias necesarias para inserción social e profesional.
As TIC dan acceso a unha gran cantidade de información, que non debe confundirse co saber. Para que a información se transforme en coñecemento o individuo debe facela súa e construír o seu propio coñecemento (construtivismo).
As tecnoloxías da información e da comunicación incorporáronse ao proceso educativo hai uns anos. Neste tempo quedou demostrado que:
- Suscitan a colaboración dos alumn@s
- Axudan a centrar as aprendizaxes
- Melloran a motivación e o interese
- Favorecen o espírito de busca
- Promoven a integración
- Estimulan o desenvolvemento de certas habilidades intelectuais tales como
- O razoamento
- A resolución de problemas
- A creatividade
- A capacidade de aprender a aprender
Nunha sociedade na que a información ocupa un lugar tan importante é preciso cambiar a pedagoxía e considerar a integración das tecnoloxías como estratexias de aprendizaxe.
A competencia dixital
A competencia sobre o tratamento da información e competencia dixital consiste en:
· Dispoñer de habilidades para buscar, obter, procesar e comunicar información, e para transformala en coñecemento.
· Acceso á información e transmisión en distintos soportes unha vez tratada, incluíndo a utilización das tecnoloxías da información e a comunicación como elemento esencial para informarse, aprender e comunicarse
AULA STEAM DO NOSO CENTRO
Unha hora á semana, o alumnado disporá da aula STEAM na que se desenvolverán contidos fixados nunha proposta curricular que pretende dotalos de coñecementos informáticos e desenvolver a súa competencia dixital. Estas clases non son competencia do titor@ senón que existe a figura da mestra TIC que ten a responsabilidade de facer que o alumnado acade os obxectivos propostos.