Skip to Content

Novas

O cole entre costuras

Sabedes que? Na biblio do cole dende hai uns meses temos unha máquina de coser! Ao principio os nenos e  nenas pareceunos moi estraño e preguntabamos a miúdo que porque estaba aquilo alí. E xa o entendemos! Os profes do cole estiveron aprendendo a empregala para agora ensinarnos a nos a usala!! Desta vez tocounos aos maiores, que con moito esforzo fomos cortando e cosendo un moedeiro. Daba un pouco de medo pero, foi moi divertido! E xa temos ganas se usala de novo noutro novo proxecto de costura que temos en mente...pronto volo ensinaremos!

Tecla a tecla, nota a nota.

Que alucine! Grazas a un dos novos kits que recibimos de POLOS CREATIVOS para traballar o día das Letras Galegas, esta semana estivemos coñecendo e experimentando coa placa base TECLA TECLA. E como nos gustou! A actividade orixinal consistía en crear un violín en homenaxe a Luisa Villalta, conectalo á placa base e ao ordenador, e tocar con el. Como era algo difícil de cortar para nos, as mestras encargáronse de crealo e logo nos puidemos usalo. Pero gustounos tanto que decidimos facer algún instrumento máis seguir experimentando! Desta vez, si que nos tocou a nós ser artesáns musicais e creamos un xilófono e un piano. Ademais, aprendemos de paso moitas cousas sobre as características e capacidades dos diferentes materiais que podemos usar, sobre todo no ámbito da condutividade. Sabedes que o noso corpo tamén conduce a electricidade? Nos estamos encantados, e estamos desexando seguir aprendendo a programar a placa con Scratch para facer as nosas propias cousas. Parece algo complicado pero ... seguro que podemos! Isto so acaba de comezar!

Pitas pitas

Coñecedes a Rob Ives? É un mestre e deseñador británico, que tras moitos anos de docencia comezou a escribir libros amosando a súa verdadeira paixón: deseñar creacións móbiles feitas en papel e cartón. Nas súas propostas combina os seus deseños orixinais coas máquinas simples e mecanismos.

Un dos kits de POLOS CREATIVOS que recibimos contiña ideas para imitar estas manualidades, e non quixemos perder a oportunidade de probar a facer algunha delas. Desta vez tocoulles aos alumnos de 1º e 2º de Educación Primaria, que con moito esforzo cortaron as pezas en cartolina, coa axuda do profesorado montaron a engrenaxe, e logo entre todos pegamos as pezas no seu sitio para conseguir que as pitas se moveran. Costoulles un pouquiño pero o resultado foi xenial! Aquí tedes unha mostra do resultado.

E ti de quen ves sendo?

Na aula de Proxecto Competencial, os alumnos e alumnas de 4º 5º e 6º de primaria estivemos empregando algúns dos KITS SINGULARES que nos enviaron de POLOS CREATIVOS. Un deles contiña actividades para traballar polo mes da nena e a muller na ciencia, e inda que se nos pasou a data porque estabamos a tope de traballo, non quixemos deixar de facelo. Así que pouco a pouco fomos traballando con este material. Para completalo e documentarnos correctamente sobre as mulleres científicas que iamos traballar, comezamos repartíndoas por parellas, que se debían encargar de buscar fotos e información de cada unha delas. Redactamos estes datos e imprimimos carteis cos nomes e coa súa historia, así como as fotos. Seguidamente, para afianzar os nosos coñecementos sobre elas e que os demais tamén as coñeceran, repartimos de forma aleatoria e mesturada cada detalle, foto e nome, e tivemos que ser investigadores para unir todo de novo. Unha vez rematado o noso mural con todas elas, puxémonos mans a obra e creamos algúns dos xogos que contiña este kit. Aquí tedes un pequeno resumo do noso traballo!

Xogamos e construímos

Os nosos nenos e nenas de Educación Infantil estiveron a experimentar e a poñer en practica as  súas dotes construtivas e iniciarse no mundo MAKER. Pasaron un rato moi agradable na nosa biblio pondo a voar a súa imaxinación. Porque para ser maker non fai falta gran cousa, só moita imaxinación e creatividade!

En construción

Coñecedes as pezas Kapla? Trátase dunhas pezas de madeira de pino para facer construcións. Ofertan milleiros de posibilidades para desenvolver as capacidades creativas e manipulativas, e poden empregarse en case todos os niveis de idades, xa que son moi versátiles. Aquí tedes unha mostra, dos nosos pequenos pondo en práctica as dúas dotes construtivas! Forman parte do material de POLOS CREATIVOS, e sempre nos encanta empregar estas ferramentas para desenvolver no alumnado capacidades fora das meramente curriculares.

Construíndo pontes

E puxémonos mans a obra a construír! Aquí tedes o resultado de traballar con uns dos kits singulares que recibimos dos POLOS CREATIVOS. Comezamos por imprimir as pezas que precisabamos coa impresora 3D. Unha vez tivemos todo o necesario, estudamos a foto das instrucións, os pasos que debíamos seguir, e entre todos puxémonos a montar a ponte. Precisamos axuda dos mestres/as, xa que os parafusos eran moi pequenos e custábanos moito apertalos, pero despois moito esforzo e colaboración, quedou feito! Estamos moi orgullosos do que conseguimos montar, e danos moitas ideas de como podemos empregar as pezas KAPLA para facer outras construcións.

Os profes tamén aprendemos

Así é! Non solo os nenos e nenas aprenden cousas novas, senón que os profes tratamos de adquirir sempre novos coñecementos e aprender novas técnicas e metodoloxías para manternos actualizados e poder ofrecer o mellor ensino aos pequenos e pequenas. Por iso esta semana o noso equipo de POLOS CREATIVOS se estivo formando en novas ferramentas tecnolóxicas das que esperamos poder gozar moi pronto no cole.

Nova moza na oficina

Moi traballadora está a nosa nova integrante! E é que dende que recibimos esta impresora 3D non deixou de traballar! Os nenos, nenas, mestres e mestras estamos inmersos en sacarlle todo o partido que poidamos, así que toca atendela, aprender a usala, coidala e espremer todas as súas posibilidades.

True true aterrando!

A programación de robots é unha das actividades que máis chaman a atención ao alumnado pois a tecnoloxía leva implícita motivación. Partindo desta premisa, esta semana iniciamos ao alumnado na lectura e interpretación de secuencias de programación cun interesantísimo kit de robots TRUE TRUE!

O alumnado de primaria atópase inmerso na exploración e aprendizaxe do funcionamento destes aparellos. Están resultando ser unha forma moi atractiva de achegar aos máis pequenos ao mundo da robótica e ademais, están poñendo a proba as súas habilidades de pensamento computacional, o que pode espertar neles capacidades, competencias e coñecementos que se afastan do estritamente curricular. Ademais resultan un xeito de aprender moi manipulativo e lúdico, que é o que máis nos gusta!!! Proximamente seguiremos vendo o que se lles ocorre facer con estes bechiños!

Distribuir contido


by Dr. Radut