Skip to Content

Complementarias

Polo bo camiño!

Que ben o pasamos o xoves 23 de maio facendo un pequeno tramo do camiño de Santiago. Actividade enmarcada dentro do Plan Proxecta e concretamente o "Vexo, vexo, Xacobeo!" Desfrutamos moitísimo da natureza, da compañía e sobre todo da música! A tartaruga Tina Calixtina foi a encargada de acompañarnos e ensinarnos unha morea de cousas sobre o Camiño de Santiago que pasa polo noso Concello e  sobre como ser un bo peregrino ou peregrina. Para isto traballáronse en clase divertidas propostas didácticas. Animádevos a facelo, é unha experiencia xenial! BO CAMIÑO!

Pingüin

Hoxe, o alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Educación Primaria foi ao Auditorio de Ourense.

Sabemos, que ás veces é complicado asimilar e saber actuar ante a chegada dun irmán ou unha irmá pequena/o, por iso, a obra de teatro "Pingüin, ademais de moi entretida e divertida, ensinounos unha gran lección ao respecto. Quen non se sentiu desprazado/a algunha vez? Pois iso, que non pasa absolutamente nada, os irmáns e as irmás sempre son benvidos/as! Acompañarannos sempre! Grazas ao CPI Laureano Prieto por ser tan riquiños de compartir esta actividade connosco!

Excursión a Santiago

O pasado xoves 18 de abril puidemos desfrutar dunha viaxe inesquecible para todos/as. A nosa primeira parada foi na Cidade da Cultura en INNOVART onde aprendemos un montón sobre ensinanzas artísticas, deportivas e de idiomas. Experimentamos con actividades de todo tipo: música en directo, tecnoloxía, deseño, arte ou restauración foron algúns dos apartados que puidemos visitar. O taller de pasta foi  todo un éxito así como o MUPEGA, que nos levou a unha viaxe no tempo para compartir, desfrutar e curiosear sobre como era a escola, os mestres ou os xoguetes dos nosos antepasados. Pero se queredes saber máis non tedes máis que botarlle unha ollada a este vídeo no que se resume á perfección o ben que o pasamos e de paso... cantas cousas aprendemos!

Asturias, préstanos!

Comezamos o curso 23/24 cheos de ledicia, polos novos comezos e tamén, coa ilusión de que o noso alumnado de 6º se gradúe e remate o seu paso polo centro coa viaxe de fin de etapa que o noso centro leva organizando nos derradeiros anos.

Por iso, entre os días 2 e 5 de abril volvemos a Asturias! Para isto despedímonos cunha viaxe chea de emocións e novas amizades. Foron catro días moi emocionantes no que compartimos vivencias na marabillosa compañía dos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia. Con eles compartimos divertidísimos momentos e aventuras. Para compróbalo, non hai máis que ver os sorrisos na cara do alumnado e eses olliños brillando coa ilusión!

Momentos de gran valor non só a nivel pedagóxico senón tamén a nivel emocional que, agardamos queden sempre gravados nos corazóns e na memoria do alumnado ao que con moitísimo agarimo tentamos despedir. Esperamos que vos guste tanto coma a nós e vos transmita a mesma felicidade!

Aquí tedes unha pequena mostra.


Visita á cidade Herculina

O venres 12 de abril o alumnado de 4º 5º e 6º de Educación Primaria foi de excursión á Coruña.

Tocou madrugar moito pero pagou a pena! Primeiro visitamos SOGAMA, complexo medioambiental situado en Cerceda no que se xestionan e tratan os residuos urbanos producidos no territorio galego. Aquí, repasamos como reciclar correctamente ademais fixemos un xogo que superamos con nota!

Tamén fixemos unha visita pola planta cunhas gafas virtuais e percorremos en bus os diferentes espazos onde se realiza a separación dos residuos.
Para xantar visitamos a Torre de Hércules, onde gozamos dunhas fermosas vistas e dun día espectacular!

Á tarde visitamos o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía). Un museo que ten diferentes espazos expositivos nos que puidemos ver a parte dianteira e o tren de aterraxe dun BOING 747, un acelerador de partículas, aparatos tecnolóxicos, instrumentos científicos e ata vehículos de transporte. Participamos nun obradoiro de química no que en pequenos grupos fixemos algúns experimentos.

Unha saída moi enriquecedora que compartimos cos nosos compañeiros e compañeiras do CEIP O Castiñeiro de Laza.

Tras un longo e divertidísimo día, emprendemos a viaxe de volta na que fixemos unha parada técnica para merendar. Foi unha xornada xenial!


O noso cole... nas rotativas!!!

Como cada mes Voz Natura proponnos un novo reto. O mes de abril é a quenda do #RetoConcienciamos e nesta ocasión fomos noticia na Voz de Galicia! Non vos perdades a publicación! Podedes atopala no seguinte enlace:

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/sociedad/2024/04/01/nuevo-mes-nuevo-ecorreto-participantes-voz-natura/0003_202404G1P24992.htm

Hugo: Diversidade, convivencia e beleza

O pasado luns 11 de marzo o alumnado de Educación Primaria foi ao Auditorio de Ourense para ver a obra de teatro "Hugo" que aborda o trastorno do espectro autista na infancia dende a empatía e a sensibilidade, falando de diversidade, de convivencia e da beleza de ser diferentes.

Aprendemos que ser diferentes nos fai moi grandes! Ademais, compartimos novamente a xornada cos nosos compañeiros e compañeiras do CPI Laureano Prieto da Gudiña e pasámolo en grande! E que mellor xeito de convivir que construíndo relacións positivas e intereaccionando con outros nenos e nenas cos que pouco a pouco imos establecendo relacións de amizade.


Mandatos do Meco: mércores 7

Mandatos do Meco: martes 6

Mandatos do Meco: luns 5

Distribuir contido


by Dr. Radut